<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

29.7.04

my disco needs me
Asfixiado de traballo, anoto a miña conversa longa, divertida, apaixonante, con Berlín. Fomos ao novo bar da nova ortodoxia a tomar algo de año, bacallau e viño: fundamentalmente viño.
Anque tamén lercheamos algo da familia e repasamos o amor morto, o punto fundamental é presentarlle a Berlín as miñas dúbidas sobre os voos dende copenhague, as miñocas e as fish&ships que debo resolver o día 31. Respóndeme cunha canción de kylie minogue, falsamente atribuída por el aos mozos da tenda de animais: your disco needs you.
Agora só me falta saber cal é a miña disco. Ou, inda máis, cómo axudo máis á xantecler: fóra ou dentro, lonxe ou perto.

27.7.04

el ou eu
Bulen os momentos e Futuroscope convértese no centro de todo. A torrenteira de mensaxes cruzadas fainos felices a movistar e a min, e descúbrenme un auténtico diamante en bruto, incribelmente fermoso, máxico e intelixente. Con certas capacidades sexuais extraordinarias, ao final quedamos abrazados uns segundiños, de madrugada, sobre o futón, mentres me conta cousas socialdemócratas que me fan moita graza.
Imaxínome casado con Futuroscope: el analiza informes de obras e intervencións nas calzadas e eu cociño, leo, escoito música ou simplemente zúgolla. Tamén me imaxino na casa do presidente, de consorte.
Pero, ais, un alustro cae: antes eu era plenamente gozoso só, autónomo, independente, prescindible.
caducidade
Moitas son as casualidades destes días. Onte vou ao cinema con Futuroscope. Como non nos sabemos os códigos, tento bicalo, pero non, e despois si e ao final non. Despois descubro que alí na entrada, fitándoo todo cos cascos postos, está Legoforever.
Saudámonos e sóltame unha frase cinéfila e humillante como pra irlle ao carro, pero xa non me importa.
A vida pode cambiar tanto nunhas horas, que os días en que nada cambia parecen desperdizo.
arañas e crocodilos
A peli que imos ver é spiderman. Encántame, incluso o terrible pasteleo.
O outro día, unha amiga de Boston, tamén americana, preguntoume cal era o meu superheroe favorito. Eu diso non tiña. Ata onte. Práceme choutar nos asentos como se o home araña estendese as súas mans pra collerme e divertirme pensando que esa historia despropositada si é verdade.
E seguindo a Pawley e despois a Peke, no descanso do mediodía fálolle a un crocodilo que teño debaixo da cama. O boticario recéitame crocodifil, que se converte na miña menciña de cabeceira, incluso por riba dos antisárnicos. Incribelmente delicioso e maduro, o libro vai directamente á xugular destes días convulsos.
parella
Resistirá este blo o paso da soltería á parella?

26.7.04

a noite apoteósica
A noite do santiago é pra min a máis fermosa do ano. Lémbroa con calor. Baixan con ela todos os coches das aldeas, coas familias, e apárcanme sobre a beirarrúa ata ateigala. Polas abas da alameda, expulsados dos caballitos a gran velocidade, caen berros de nenos, tómbolas, pánicos e cancións do verán, e no ar séntese unha mestura entre churrascada, pólvora e mexo nas columnas.
Tamén a noite do patrón en humidtown trae normalmente amores cativos pero ilusionantes. Ferretes botados a trasmán, pecios do pasado, sexo demasiado emborrachado... Así que cando, despois de bicarnos e falar francés durante unha hora, Futuroscope me di que esa noite non pode ir durmir á miña sei que se cumpre unha lei universal.
E que o amor frolece de novo.
pesedegá
As cousas fóranse enleando con Futuroscope a base de mensaxes de móbil (beep, en moldavo). Despois coincidimos nun acto institucional do seu concello con empanada, tortilla, emparedados de roquefort e gaiteiros. As mensaxes seguían e seguían, e ao final quedamos pra saír á noite. É incribelmente guapo, moreno, ollos azuis e orellas algo retortas e rebuldeiras. Viste coma un brazo de mar e sabe pórse estupendo cando cómpre.
Argumentos pró meu pánico: nunca ata o de agora tivo parella e emprega palabras fortes nos primeiros compases do partido.
Acalmo pensando na despedida: os últimos bicos lambíamolos mentres no pub ciscaban "no me importa nada". Hai acaso algo máis pesedegá que Luz Casal?
paraíso
Máis cousas relictas destes días: os xeniais concertos de Ari, a Orquestra Nacional do Barbés e sobre todo a Orquestra Baobab: coa voz dun dos cantantes lembro un vello cego que paseaba pola rúa do meu hotel en dakar, á caída da noite, salmodiando a berros unha sura calquera, fermosa como calquera, estarrecedora coma calquera.
Tamén unha conversa tranquilizadora de Ferre, que viaxa a Londres. Outra con Pequenosdetalles (demasiado escasa) acompañada de roce de bandulliño.
As mensas de Belokan.
Fufli. Neit.
Este paraíso de acontecementos é o meu paraíso. De momento.
walter
Paso catro días con walter. Falamos de política, cansámonos, vemos a televisión ata o fastío e inchámonos de flocos no cinema.
Ao final, incluso participa do primeiro evento sexual entre personaxes deste blo. Pero non falarei nada se non me torturan: pregúntenlle a eles dous.
atacan polo norte, polo sur, polo leste e polo oeste
Unha das cousas que fago con Walter é ver Fahrenheit 9/11, testemuño imprescindíbel deste tempo. A diferenza de 'Blowing for Columbine', onde había cousas que parecían dispostas nas lindeiras da demagoxia, este filme asúmese directamente como spot. Só lle falta o voten por kerry (ou nader) nos títulos de crédito. Pero por iso mesmo, por esa implicación ata o sámago, resulta tan terribelmente real e triste.
A última media hora é un docudrama de mai-que-perde-fillo. Ao imaxinarme muller de mediana idade de Oklahoma City e posíbel votante demócrata fáiseme o trago máis comprensíbel. Críticas sensatas: os doutores Pawley e Todonada.
decisión
Quedan menos días prá escolla. Fixei: o 31, o 31 de xullo decídome entre quedar na galleira ou entrar en pista para o despegue. Antes do 31 non, e despois tampouco.
Agora que pasan as semanas, e a medida que medra a confusión coma o suflé, gustaríame poder adiar esa data despreocupadamente. As tres preguntas básicas son:
1. Canto custará un billete copenhague - humidtown en 2024?
2. Cal é a función secundaria desta miñoca no universo, por detrás da podremia e a alimentación da microbioloxía?
3. Saberá a soidade con fish&ships mellor ca con empanada de mexillóns?
posprestige
Vexo toneladas de creatividade aquí, acolá, e incluso máis pra alá. Terá algo que ver co posprestixismo? A ver se agora que a burla negra está morta lle nace algo das cinzas. Atentos, buscadores de xeracións perdidas!
Igualando aos solidarios veciños da Death Coast, ás veces creo que podía vir outro
ridiculismo
Compartimos unha pavera cea coa organización ridiculista. Naquel antro da subhostelaría galega, a 49º de temperatura, estaban Pépi e Timidinho (aos que tiña moita gana de coñecer), e tamén Shotokan, Señora Dot, Berlín, (m)Alicia, algúns aduaneiros, outros subcomediantes e unha nécora que se permite o luxo de chegar tarde porque é unha estrela.
De camiño á xoldra posterior, descendo polas rúas de humidtown, comentáme Walter que é unha mágoa que haxa un sector reintegracionista no ridiculismo e non un sector ridiculista no reintegracionismo. E non o digo por vinganza isolomoldavista: español e portugués, a mesma lingua é.
Por certo, Pépi: moitas grazas pola liña dos ollos, que talvez sexa tamén liña da vida.

23.7.04

triatlón
Belokan gústame pola tenrura, pola intelixencia e polo que me aprende. Legoforever polo malditismo e por agocharse de min. E Futuroscope polo efebicidade e, por que non dicilo, polo encanto do poder.
Prós tres téñolles o corazón aberto en canal. A quen chegue primeiro se lle dará.
Por favor, por favor, que gañe o mellor.
sorpresas
Despois de non dar localizado a Futuroscope en toda a semana, e de perder as chances da ilusión, vou por asuntos de traballo ao concello onde ten despacho. Alí o está: cruzamos un par de veces no corredor de alcaldía, mirámonos e saudámonos con complicidade.
Pero nada máis.
Ao chegar a humidtown mándolle mensaxe e, oh, demos, di que non me coñece de nada, que nada sabe da nosa conversa do outro día, e que sen dúbida debeu ser alguén que me quixo gastar unha broma. Morro de vergoña, claro: nunca tal lle fixen a un cliente da empresa.
Pero despois deste punto final, á noite comeza a mandarme mensaxes. Parece que agora si que se dá conta de quen veño sendo, e que a ver se nos vemos de novo axiña. Incluso pon data e hora: un acto público, con todos os concelleiros e concelleiras. Alí estarei, totalmente desconcertado, vencido e gañador ao mesmo tempo.

Leva Walter unha noite en humidtown e xa soltou as amarras do estor da sala. Pero tamén lle metemos unha bandullada de flocos de millo vendo Shrek. As animacións están ben, incluso é pavera por momentos, pero saímos e falamos de calquera outra cousa: a historia é un pouco previsíbel e sosota.
Ao contrario ca no libro sobre o xá de persia de kapusciñski. A historia é xenial, pero escangállaa un estilo plúmbeo que me parece incrible nel. Con todo, médranme as ganas de ver o sol de tehrán e sentir o recendo das súas rúas. Necesito ese mundo.
Na obra de Jewishtown do outro día non se salvaban nin historia nin procedementos. Pero sentimos a calor do verán interior e gozamos dunha fermosa viaxe na noite Boston, Fufli e unha amiga deles algo peloura. Boston fala de casar pra conseguir a residencia. Na calor, coas fiestras baixadas, mentres pasan os quilómetros do raposo, ata iso parece posíbel.
todonada
Quizais xa todo o mundo saiba, pero O Morreo Galego dedicoulle un especial a TodoNada. Eu mireino por riba, pero non tiven vagar pra mercalo e logo despisteime.
A foto, en calquera caso, é extraordinaria. Se aínda quedara alguén por rendérselle, caerá agora.

21.7.04

oficio
Fixen cálculos, suposicións e pescudas, e ao final din co choio: Legoforever cruza todos os días, entre as 22:00 e as 22:15, por unha rúa de humidtown. Alí o fun buscar, e estaba brillante, fermoso e incluso simpático. Mentín: díxenlle que ía ao cinema por ver se el se animaba, pero non. Ía fumar no sofá da súa casa. Non había espazo pra máis e lisquei en namorada.
Mañá irei a Jewishtown con Fufli e Boston, pero... e pasado? Descerei outra vez de 22:00 a 22:15 esa rúa toda enteira ao seu encontro? Teño medo de parecer psicópata, e reconvírtoo na teoría do oficio: este é o meu traballo, o meu humilde labor na programación do universo, percorrer a rúa como quen sega unha eira, como quen instala un circuíto eléctrico, como quen fai tortillas prós obreiros na cociña dun bar.

20.7.04

el que no mama
O ministro gamberro chegou a humidtown como paulo coelho, buscando a espiritualidade que nós perdemos ou que sepultamos baixo toneladas de raxo e gaitiñas de xoguete. Non sei se deu con ela, pero o concerto foi xenial, malia o cansazo laboral de traer media provincia da coruña ás costas. Con Fufli e con Paulirroxa bailamos algo e divertímonos moito máis vendo ondear bandeiras tatuadas con 'ordem e progresso' e escoitando un fermosísimo español.
Teño a tentación de ser moi cruel, pero vouno aforrar: non quero que me confundan o isolomoldavismo co internacionalismo. Pero botamos tanto tempo tentando aprender cando se escribe ese simple e cando ese duplo que esquecemos enviarlle unha carta ao ministro máis importante da lusofonía. Non existimos e é tan divertido...

19.7.04

soidade
Cando os estados veciños lle pedían axuda militar, o rei espartán Leónides enviáballes un só home.
O último filme de David Mamet, Spartan, é unha vez máis extraordinario. Alí vai un só home, con frases realmente interesantes, a enfrontarse á conspiración americana. Precisión de imaxes, autoestradas, túneis e xornalistas suecas, anque tamén algunha cousa renxedora.
Leónides non era o importante: en que iría pensando o soldado cando camiñaba baixo o sol cara a, poñamos, Corinto?
parella
Na sesión dobre, entro a ver O último bico. Seis parellas italianas enfróntanse ao paso do tempo e a aparición do aborrecemento. Na peli saio eu, e tamén Ferre, en momentos distintos. A pesar de ser pavera, ao final deixoume un sabor pastelento, quizais porque os argumentos pra xustificar o sistema de parellas son brandos e cargantes coma o merengue.
Sitúome: levo un ano solteiro. Arrinquei cun propósito –sexo, libros, quilómetros– que vou cumprindo. A soidade déixame gozar ao máximo dunha espectacular tarde de domingo no cinema, estudando, lendo e paseando en bicicleta por humidtown cando ergue a noite. Agora desexo ter parella (creo), pero tamén estou certo de que despois desexarei a soltería, e logo a parella, e logo a soltería, e logo un día próximo desaparecer.
Nunca satisfeito, pero sempre feliz.
euroconstitución II
Mentres leo un texto do semiólogo Lotman sobre as diferenzas entre palíndromos rusos e chineses, no bar botan un videoclip: é un grupo moldavo, que se chama O-zone e que canta en moldavo. É un éxito de baile. Os vocalistas son tres mozos bastante xeitosos, que bracean enriba dunha á de avión: sós, ausentes de mulleres, xogaría a mau esquerda a que forman parte do incipente movemento gai moldavo.
Euroconstitución si: qué máis razóns queren có nu-ma-nu-ma-iei.

18.7.04

mumbai
Güiquen e reto: atopar a Legoforever nunha aldea de 100.000 paisanos, con 30.000 máis por concertos e turismo. Difícil? Ao parecer, si: non aparece por ningures.
Así que dou voltas na noite, primeiro con Bauer, logo con 12Uvas (radiante), e logo con Smile. Vexo un rapaz que me mola, éntrolle despois de dous bares e dime que vai pasear, que se quero ir con el. Presionado pola amañecida, apúntome: en realidade, vai pasear á alameda, a zona de gay-cruising local, e eu véxome inmerso por primeira vez nesa estraña arañeira de sombras casadas entre os arbustos.
Resulto ser máis xeitoso cás sombras, e vénse prá miña. É alto, fraco e de gran nariz. Vive en pretolandia, nunha casa aldeá, con pais e gando. Cóntame cousas: estudou xeografía, estivo traballando na hostalaría en oxford (outra premonición?) e en marzo botou corenta días na india, en Mumbai. Quédalle: Mumbai.
Quizais aprendese no subcontinente esa certamente particular forma de foder. Pasarán días e días e sempre haberá algo que me sorprenda. Albízaras.
realismo
O meu amigo Bauer convídame a un cónclave do partido das pitas de monte. É en humidtown, así que vén á miña casa, e paseamos xuntos, andamos de chea xuntos e escoitamos acendidos discursos xuntos.
A consigna do partido das pitas de monte é clara: ante a desilusión, traballo; ante a perda de votos, constancia e tenacidade. Cambiaríalles tres caixas cheas de cartaces e autocolantes por unha soa idea de como rematar coa emigración a canarias.
Sinalou Lafargue os galegos como raza maldita pola súa necesidade orgánica de traballo. Entre os utópicos e os reais, as pitas do monte escolleron realidade.
euroconstitución
Advírtoo agora, antes de que calquera deriva cara á socialdemocracia me faga sospeitoso: a miña idea é votar si á euroconstitución no referendo.
O nacho máis europeísta de toda a provincia non podía facer outra cousa.

17.7.04

sorte
Cando a espranza de atopar a Legoforever nas rúas se esvae, atópome de casualidade cun concelleiro socialista do que falei hai un par de meses. Quedamos pra xantar a semana que vén. Creo que a socialdemocracia é capaz do mellor e do peor. Daquela chameino Futuroscope. Sería unha premonición?
Son o tipo con máis sorte do planeta.
traballar cansa
Cando saíu Lou Reed a cantarlle a 30.000 persoas que en realidade viñan a ver a The Cure, levaba moitos quilómetros de pentagramas enriba. Cantas veces tocaría a do lado salvaxe, sen contar os anuncios de dentríficos? Notábaselle na caída dos lentes e na suor que lle mananciaba das enrugas.
Tocaba coma quen raspa os tixolos dunha calexa en queens, pero a xente non estaba pra esas. Só o guitarreo e o ritmo palmeable espertaba algo os ánimos, así que a cousa foi morrendo anque soasen suitcase e outras nostalxiadas.
Cos Cure directamente marchamos á metade, de puro aborrecemento: pra min nin foi venres nin estiven namorado.

15.7.04

chafado
Unha mala nova laboral. Nada terrible. Regreso ao meu estado de miñoca. E con herpes.
pementos
Vou onda Ferre pra falar dos seus problemas. Como os blos os carga o diaño non me podo estender. Pero está nun punto común comigo: ten tantos argumentos pra seguir como pra liscar. Así que non fai nada: cavila.
Pero vino ben, e sorrimos, e xantamos uns pementos de arnoia á beira do río, nun restaurante chulísimo.
Despois tomámoslle a última en atenas, en camiseta, ás dúas da mañá. Non hai pracer como as noites de vrao en atenas. Ao redor, dende o irixo ata sandiás, ardía o monte e caían folerpiñas escuras aquí e acolá, entre a emoción.
Ferre vai marchar, inda non sabe se só ou acompañado, probablemente a londres. A ver se atopa un carrete, ou unha espranza, ou algo.

14.7.04

lázaro
Apatrullo humidtown á tardiña buscando ese encontro fortuíto con Legoforever, que non se produce.
Acompáñome dalgo pra facer comaquén de andar a outras cousas. Leo unha revista, e leo un libro pró meu futuro, e leo tamén algo formidable e marabilloso: A era de Lázaro, o último libro de Paula Carballeira. Apaixonante. Constrúe unha historia verdadeiramente nova e dáme confianza de pensar que non todo está perdido na LIX galega. Ao final empantana algo, pero hai imaxes (o corte do pescozo, a caluga abaneante, o Anunciante) que tardarán en marcharme da cabeza. Velaí un pedazo:
Despois non volverán ter noticias miñas. Igual que sei seguir un rastro sei borralo. A miña vantaxe con respecto a vostedes é que teño lido moito, do bo e do malo, e iso sempre che proporciona unha morea de recursos estilísticos. De facer algo, facelo con estilo, non cren?.

13.7.04

solteiros vs casados
Estou anotado nunha lista de distribución sobre os movementos migratorios dos grous nunha importante lagoa aragonesa. Milleiros e milleiros de grous pasan alí o inverno, ata escureceren o sol ao caer da tarde ou na amañecida.
Recibo unha mensaxe nesa rolda, que transcribo íntegra e exactamente: Quiero sean tan amables de decir a nuestro señor alcalde que no vendrían mal un campo de fútbol-7 para los partidos solteros contra casados e incluso para los más pequeños (en la era). Muchas gracias por su atención.

12.7.04

el
E cando a intensísima finde remata saio a pasear. Ao solpor, cun libro debaixo do brazo. Alí está LC. Alí está (m)Alicia. Alí está tamén Legoforever, e fálolle: tezo un cúmulo tan grande de artes disuasorias que quedo preso na arañeira.
E sen o seu teléfono.
Pero saúdame ao marchar, e dálle enerxías e dúbidas outra vez a esta tontita existencia.
cadelicio
Antes de enfrontarme a Legoforever, (m)Alicia corríxeme a palabra perrío do outro día e achega cadelicio. Ao parecer, máis propiamente significa rebumbio, barullo que fan unha manda de cans. Ela cre que se lle podería aplicar.
Nin eladio nin xerais dan fe de vida. Prégase confirmación ou rexeite.
perdas
Xa o dixen máis veces. Non hai nada que máis me desestabilice, que máis me preocupe e me enfade, ca perder cousas.
Peke chámame, angustiada: un becho fodeulle o sistema e ten medo de perdelo todo: os seus contos, as súas receitas de cociña, os contrasinais e blogs preferidos. Incluso hai quen lle insinúa a posibilidade que os piratas do mundo moderno fondeasen nos seus mares do sur. Eu tento tranquilizala, pero a posibilidade de que esas perdas sexan reais estrágame tamén a min o sámago dos ósos.
Despois, na noite, Fufli advírteme: unha chapa que lle trouxen da Tate Modern, cunha antena de Hopper debuxada, caeulle ao chan entre os pés, os vidros rotos e os restos de cubalibre derramado. Exaspérome. Póñome a buscala, sen éxito. Xa a piques de marchar, e cando Fufli andaba en mellores cousas, véxoa como unha pispa brillante agochada ao pé da porta. Bótome por ela. Míroa e sáltame unha bágoa do ollo.
Alguén leva conta de facerlle copia de seguridade á vida?
belokan
A Belokan hai tempo que o coñezo na distancia. Amigo de Legoforever, amigo de 12Uvas, conto que vaia ao cumpreanos de Costeleta, e mándolle lembranzas por Todonada.
Pero non, está aquí, na noite de humidtown, mentres conxuro os astros a prol da resistencia: necesito chegar á madrugada para buscar as pegadas escintilantes de Legoforever nos bares de costume.
Ao final Legoforever non aparece e líome con Belokan. Ou líome con Belokan e xa non me importa que apareza ou non Legoforever. Belokan, case-licenciado en filoloxía inglesa (coincidencias?) déitaseme na cama e pasan quince ou vinte anos de confianzas, apertados o un contra o outro.
Futuro? Complexo. El di que non confía no amor e eu teño a válvula de sentir como de lava espesa. Pero a noite quedounos preciosa.
preocupación
Recibo chamada de Ferre. As cousas non lle van ben.
Se tivese que explicar todo o que supón Ferre na miña vida abofé que non abondaría un só blo. Pero eu confiaba cegamente na súa paz, na súa tranquilidade de amor, e deixaba o mundo rolar.
Agora que todo fende, chámame. Mándame mensas extenuadas. Pídeme consolo.
Agarda, pequeno. Esta semana hei de ir e heite bicar como nunca.
saco cheo
Hai tempo que son socio dunha sala de teatro en humidtown. Por suposto, vou menos do que debera, non aproveito ben os descontos e queda un caxflou perdido pra subvencionar musas e pachuzos.
Por iso cando vou verlles un espectáculo, como este divertido cabaré do Sacocheo, e fan aí enriba todo o que a min me gustaría e non sei, alégrome polo xenial aproveitamento dos meus poucos euros.
visitas
Prosigo a rolda de consultas sobre o futuro: Caimán, recén chegado dos manglares, anímame a liscar. Pero el, que está no exilio, devece por volver, cóntamo e arguméntame en favor do regreso xustamente cos motivos que frean a miña partida.
Os pais, que tamén aparecen en humidtown presionados polas súas inminentes vacacións a lugares ameazados polo terrorismo, non parecen moi ledos coa idea. Quizais intúan que ir é non volver, aínda que guinden contra o prato da balanza a opción de ver mundo baratamente.
A Walter, esa revelación da intelixencia, esquéceselle opinar. Estamos máis ocupados falando do bloque, lembrando vellas figuras do fútbol de Eusebio a Tocornal, ou cavilando qué libros len e qué pachuzos fuman os rapaces da galleira do futuro.
A confusión permanece ou agrándase. Berlín, Henri e Iop: sabédevos testemuñas de cargo. Desta rolda de consultas quedan güisques, güisques, horas sen durmir, churrascada e máis güisques.
as aves do ceo nin sementan, nin segan, nin arromban os celeirosPrezado Porquiño:
na porta da miña casa tamén aniñaron unha parella de rabirrubios.
Aproveitaron un furado fondo que deixaron os instaladores do gas. Os polos chían e chían, todo bocas, ao sentir os pais. En dous ou tres días aprenderán o máis importante da súa vida. E eu vereino.

7.7.04

grandes superficies
Unha filtración no perrío ponme sobre a pista: Legoforever traballa nunha gran superficie local. Alí me vou, a recuperar o seu teléfono. Dou unhas cantas voltas, e cos nervios esquezo coller o capacho pero merco catro sacos de comida para Uli. É entón cando o vexo: achégome, vou, non vou, arrubio... e ao final veña. Diálogo soso, distante, infructuoso. Tentei semellar encontradizo, pero non creo que coase.
Pero mañá volverei, decididamente. Teño que buscar un bote de marmelada de limón para Zopilote, pero antes pasarei polo seu andel e direille de ir ao cine. Anque perda as unllas no intento ou colleite o maior dos néghomes.
Mentres tanto, parece que Massachussets entra nas nosas vidas.
mocidade
Iop pásame un estudo, pra que me vaia preparando. Hábitos de lectura da xente moza en españa: dos dez autores máis lidos en 4º de ESO, sete están mortos, e iso contando a garcía márquez e delibes como vivos. Ademais, un de cada dous nenos españois ten que ler Rimas e lendas de Bécquer.
Miro prós rapaces que me arrodean cando vou tomar o café e cruzo o seu recreo: a pesar de todo están aí.
herexes
Coincido coas herexías por dobre motivo: remato o Lapidario de Murado e vexo A vía láctea de Buñuel no cinema. Ao comezo de Buñuel, como sempre, durmo un pedazo feliz e reconfortante no escuro da sala. A peli conta a historia de dous señoriños que peregrinan a humidtown dende Francia por un Camiño cheo de ucronías e herexías históricas. Entretida e un chisco interesante. Se alguén fixese algo semellante sen protexerse pola pátina do tempo seguramente liscaría da sala, pero aos vellos todo se lles perdoa.
Murado, malpocadamente, perdeu a maxia do comezo (ou a que eu traía). Enzoufado en retrónicas hímnicas ao whitman, ao final un confunde heterodoxos con extraterrestres e non sabe se o epitafio non é só unha simple evocación biográfica replicada nas notas a rodapé.
Con todo, algún verso en Murado e algunha escena de Buñuel (o roubo do xamón, p.ex.) salvarían unha existencia.

4.7.04

aguén
Quizais sempre suceda así. As épocas posparasitarias coinciden cunha total apatía sexual. Non me apetece foder, con ninguén, e dedico as enerxías todas a luxosas fantasías de namoramento.
Temeroso aínda por se a sarna rexermola, vou á noite con Fufli. Cadeleamos de derrota en derrota ata que coincido cun rapaz ao que lle botei o ollo hai tempo. Onte estaba certamente fermosísimo, con gravata e camisa ás brégolas, bailando entre Gaiteiriño e Smile. Para paliar a crise, e sen unha brizna de esperanza, decídome a falarlle.
Expúlsame cunha resposta que me deixa abaneando. Procuro á desesperada algo pra seguirlle a conversa, pero teño a cabeza baleira e vexo como empezo a transformarme en miñoca polos pés. Ao final pregúntolle se é de tente ou de lego: Lego forever, dime. Quédalle de nome. E a partir de aí sucédense as conversas sobre Steffi Graff (a súa ídolo), a súa especialización en historia do cinema e os atascos en sanxenxo, acoden algunhas frases intelixentísimas e memorábeis (soy facilmente distinguible), lévame a un piso franco, fódeme e lisca correndo: non dá durmido acompañado, e menos aínda cando xa é día. El decide cando, como e onde nos separamos e decide tamén que non nos imos dar os teléfonos. Xa nos veremos por aí, mátame.
A semana que vén comeza un ciclo de cine e surrealismo en humidtown. Confiando no azar de volvelo ver, merco un abono ao amor para todas as sesións.
england
Quedáronme moitas cousas sen contar dos últimos días. Algunhas pérdense xa na memoria dos días breves, que queiman coma o ácido. Queda algo de greenwich, un retazo. E queda unha sensación marabillosa de Camden, malia o meu odio aos mercadiños: cando un gogó baila nunha tenda de niquis fosforitos, a pesar da morea de españois que me arrodean, aquilo parece a fin do mundo. E píllame feliz.
Queda tamén gardada a exposición de Hopper, do máis marabilloso e inesperado que vin nunca, e un cadro: Bañistas mirando pró mar (non son capaz de atopalo en gúguel; quizais non exista en realidade). A pesar de coñecer os cadros, as tensións e as cores son totalmente novas, a primeira vez que se pintan. Hai mulleres buscando a soidade da cidade en fiestras que se abren ao leste, ou ao oeste. Pero tamén hai faros, e un tempo pesado que se che pousa sobre o canvas e nas puntas das pupilas xa pra sempre. E algo de ledicia melancólica, si, e a morte nas enrugas, e algún campo de herba seca e mapoulas.
Queda tamén unha infinda colección de máscaras, picas, canoas e rituais de circuncisión. E queda un dodo, pavo repoludo das illas mauricio, extinguido en oitenta anos e agora disecado. O dodo que apareceu en Alicia e que agora está en min.
E queda sobre todo unha habitación en St. Aldate Street, con Henri: non é damasco, senón england, pero imítaselle bastante.
fuxida
Levo unha semana sen postear. A viaxe, dous días de desconexión absoluta e despois cinco xornadas dedicadas a traballo e pracer: pasear, ir á praia, andar na bici, ler, comer pementos de padrón...
Pero dentro de Cesare hai un auténtico terremoto que sepulta esta calma.
erección
Regreso compulsivamente aos libros. Atrás queda a Experience de Martin Amis, unha autobiografía que en realidade resulta ser unha autobiografía de seu pai. Personaxe estremadamente repelente, Amis está obsesionado por unha enfermidade nas moas e á procura de comparacións compracentes: joyce e nabokov tamén tiñan unha dentamia putrefacta.
Despois bótome contra un clásico galego, infumable: a modelo de Paco Asorei, escrita por un socialista de Cuntis fusilado no 36. Unha historia de amor inzada de xurdios, circios, degaros e arelas que quere agochar o que agora Pelé denominaría o problema de millóns de homes: a falta de erección cando se chega á madurez.
A pesar do texto, a milagre está aí: a duración, a forza e o ángulo de caída nunca máis volverán.
Despois do meu encontro con Legoforever, só me queda a poesía: Lapidario, de Murado. Os primeiros versos, lidos na amañecida, anuncian maxia.
exilio no ventre das aves
Baixo un día ata a casa de Peke e B, mentres cristiano ronaldo se desfai de holanda: digan o que digan os Renas e a Iop, el é o fútbol e a beleza.
Ceamos marabillosamente, como sempre, pese á rudeza do polbo e que o guíe posterior me impide beber e fumar o que me gustaría. Comeza a rolda de consultas cos representantes de pasado, presente e futuro para ditaminar qué facer da miña vida. Tamén estou algo con Shotokan (brevemente), con 12Uvas, con LC no seu novo piso, con Fufli... Todos coinciden en abrirme as entrañas e poñermas ao sol. Pero como arúspice non valio un chico furado.
Recibo as historias vagaxeiras de Berlín, do seu pride, dun namoro presente e dun futuro, e, en fin, das noites á carreira por Lebenstraße. Agardo a súa visita e a de Caimán pra que me falen contra o exilio. A ver se o conseguen.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?