<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.4.04

tony cuntis
Aos poucos días de deixar a miña última relación longa coincidín nunha ermita cun chaval de 21. Sen el sabelo, descubriume moitas cousas esquecidas: o olor do sexo no coche, o falar do interior, o furrule doutros corpos ou como un chavaliño do seu tempo e do seu lugar pode asumir que é gai... Foi a primeira vez que me papou un militante do pp, candidato nas listas do seu concello. Tamén me aprendeu unha presadiña de palabras preciosas e ata me fixo un percorrido guiado polo balneario onde traballa.
Na era post-zp négao todo, pero en realidade é ben do pp: caciqueiro, déspota e cariñoso. E bica moi ben.
Onte, logo de moitos meses, recíbeme no hotel onde fai as gardas ás noites e pápame nun sofá do ghol. Á volta, no escuro da estrada, viña cavilando nas tantas cousas fermosas que me sucederon no último ano. Nese momento de remoe cruzouse un gato branco e golpeeino coa roda. A primeira vez. Eu ía demasiado rápido.
Ao chegar á casa apertei a Uli con todas as miñas forzas. Aínda estou aterecido.

27.4.04

autoaxuda
A publicidade que selecciona gúguel pra este blo volve sorprenderme: libros de autoaxuda.
Como diría obélix, acaso teño eu pinta de libro de autoaxuda?
borda
Cando contra fai o seu teste pra medir o nivel de indificación, esquece computar nos parámetros de series favoritas CSI. Na súa ausencia véxome na obriga de sinalar Los Serrano, pero non a vexo nin por alejosauras.
Remata o episodio das Vegas. Di ela, a xefa, a que lle mola a DjSu: todos os días botamos algo pola borda.
Que botaremos hoxe?

26.4.04

volta
Ao saír o mundo é fucsia nas ribeiras do encoro do texo. Pestanexo e todo se volve branco das estevas frolecidas. Pestanexo, e verde escuro de devesas e aciñeiras. Pestanexo, e amarelo brillante dun cultivo que non identifico. Pestanexo, e verde intenso dos prados en primavera. Pestanexo, e branco suxo de liques nas árbores frías. Pestanexo, e verde esvaído e antigo de oliveiras.
Todas as cores cosidiñas polo fío gris da estrada.
Pendentes de visita máis demorada: ciudadrodrigo e miranda do douro. Será doutra.
mum
Música da volta: Oumou Sangaré, Bambino, breves trozos dunha entrevista a un médico portugués sobre a importancia do sono na saúde, e Múm. Este grupo islandés con nome de desodorante toca na cidade prá semana; sedeusmedasaúde, alí estarei.

25.4.04

q
Á tarde, comeza en min unha terríbel dor de esfínter. Incribelmente contraído, cascaría unha noz se puidese metela. Non podo andar, e teño que ir prá cama cedo. Deitado é o único xeito de acougar. Durmo entre grandes dores, mentres fóra agarda por min a colección máis grande de tunados que vin na vida e todo o ambiente cacereño.
Hai máis días ca longaínzas.
kceres
Fomos pasar a tarde aos barruecos, formacións graníticas entre pequenas lagoas que son destino domingueiro das familias locais. A paisaxe é tan grande coma a calor; arrubio.
Vemos unha criatura estraña, aquí denominada obispo. Fíxenlle fotos pra que Jacarezinho determine. Tamén hai miotos, e cegoñas, e un grilo que decide durmir a sesta comigo: gabéame o bandullo e agarda, mirando como pasa a brisa e levanta palliñas.
Cando ao serán regresamos á cidade prá presentación dun libro sobre literatura e hipertextualidade, pasamos por diante duns adolescentes breiqueando nun soportal urbano. Os coches tunados á noite decídenme: kceres é como maceda ao grande. E mola.
DjSu e Iop
Iop, como sempre, anda algo chinada. Dime que está lendo un libro dunha xaponesa, e como río, enfádase. Subtexto: a ela parécelle mal que me ría porque tanto ela coma min sabemos que hai un par de anos as cousas eran moi distintas: nin ipods, nin libros xaponeses, nin ceas en restaurantes franceses.
É todo culpa de DjSu? Non, evidentemente, pero creo que ela cre que si.
Véselles moi felices, anque insistan paranoicamente en que non son mozos e esas cousas da modernidade.

24.4.04

guiar
Unha das cousas que máis me gustan é conducir. A N-631 entre Mombuey e Montamarta é tan fermosa que paga todas as penurias.
cegoñas
Cando Dukakis e eu eramos cativos, os pais levábannos a ver cegoñas á limia. Naquela altura debía haber un par de parellas aniñantes en toda a ghalleira, e nós iamos en procesión, con prismáticos e petos de vaqueiro, xogar ao pé dunha árbore mentres no curuto unha parella de cegoñas alimentaba os poliños.
As neves deste ano aínda non me deixaron ver ningunha, agora que xa se contan as parellas por ducias. Pero ao pasar a Seabre comezan a frolecer aquí e acolá, nos campanarios, nos postes da luz, nas torretas eléctricas.
Diante da fiestra de Iop, en Cáceres, hai unha. Espértame estroupeleando o peteiro: tactactactactactactactactac.

23.4.04

viaxes
Alucinado ao ser unha das últimas persoas que viu aos do globo con vida, collo estrada pra cáceres. Deixo o blo manga por ombro, sen ligazóns. Son un desastriño.
homofobia
Recibo un spam co título de odeio os gays. Envíano dende Brasil, e debe ser xa vello na rede porque falan de fernandocardoso como presidente. É unha especie de espiche sen publicidade, con informacións realmente paveras, se non puidesen chegar a ser tráxicas. Quando fazem programas na mídia e TV, quando entrevistam alguém até na rua, sempre escolhem um gay. Criam personagens gays engraçados ou mostram gays bem sucedidos, criando influência direta em nossas crianças. Tudo isto deixa os jovens saudaveis confusos, o que infelizmente podem levá-los a atitudes de agressão física contra gays.
cinco anos
Vou ao teatro, convencido de que a actividade blogueira postáboas será compensada cun maricastaña de promoción artística, ou algo así. Só correría perigo no galardón se as empresas de cubalibres decidisen sacar o seu patrocinio da escuridade dos cameríns. Actúa unha amiga, e como o declaramos na billeteira, a señoriña regálanos as entradas. Así que só quedaba bondade. E hóuboa: ese transporte fascinante ao escenario, conseguido con ilusionismo e palabras, pasoume tan poucas veces na vida... Onte foi unha delas, anque houbese cousas terríbeis e algúns actores teimasen en derrubar o salonteatro con berros e tics.
Antes de ir ao teatro, quedara con 12Uvas. Está tan fermoso, e ten tanto xeito, que me pregunto por que carallo o deixei marchar. Quizais houbese que agardar cinco anos máis.

22.4.04

onanismo literario
Reúnese a comisión de bibliotecas da universidade. Debaten unha sanción exemplar para un usuario, mozo, varón, que se masturba repetidamente na sala de lectura.
Asesorados polo gabinete xurídico, acaban condenándoo a non poder permanecer na sala; poderá consultar libros e mesmo levalos en empréstito.
El argumenta que se pon nervioso, e que por iso lle dá ao veo. Non trascende qué tipo de libros le. A historia é real.
Outra evidencia máis de que a literatura debería ser erradicada.
mentira
Quedo con Rapinaigrexas, pra recuncar. Imos tomar algo e estrear ese sitio que xa estreou manologago (unha vez máis, desacordo). Despois de raxo e tortilla, pasamos ao licorcafé. El, ademais, elabora un pachuzo despois de pedir haxix, papel e pito a persoas diferentes.
Confirmo que Rapinaigrexas é moi interesante, incluso do máis que levo coñecido nos últimos meses. Pero hai algo no seu braceo, na condución da berlingo ou na historia do suicidio do seu mellor amigo, que me soa falso. Datas que bailan, detalles hiperliterarios como conservar a coitela coa que esgazou as veas o outro, versións contraditorias sobre historias que xa coñecía... Volvo alviscar o rótulo na autoestrada: 'problemas'. Se tivese só unha folerpiña de beleza máis, ou se me impuxese as mans cando cumpría, eu acabaría en cama allea. Mais regreso prá casa, só, por iniciativa propia, sentindo como o raxo se asaña coas miñas postrimerías, convencido de que todo era mentira. Anque non o fora.

21.4.04

amor
Cousas que guglea a xente para aterrar neste blo: 'aldeas abandonadas en lugo', 'peña atlética orensana' e 'gallego frases de amor'.
Deixamos atrás as 'fodas'. Mantéñense as 'balas', sobre todo dende sudamérica. Alguén dende finlandia busca 'moitas grazas': querería dicir garzas?

20.4.04

momentos
Hai momentos na vida en que se adoitan dicir cousas estúpidas. Unha é, evidentemente, o post-ferrete.
Outra, tamén, os enterros. Non son estúpidas as frases de fíxolle dios mil favores ou ben por ela, ben por todos: forman parte do ritual, e por ritual son reconfortantes. Sono, en troques, as frases dos que de certo están sufrindo e deitan ante os amigos, de súpeto, a maior banalidade. Critican o movemento dos coches ou unha palabra da homilía ou a decisión da lousa. Valoran traxes, presenzas e ausenzas. Calquera cousa que, dita por calquera dos que non sofremos, resultaría digna de acantazamento.
Non sei se outros eventos vitais, como as nacencias ou os ascensos laborais, motivan estas reaccións. Prégase confirmación ou rexeite.
enterro
Di Jacarezinho que temos que inventar unha cerimonia leiga, fermosa. Supoño que pensa en cando marchemos o resto.
Ás veces cavilo en dispor as cousas todas, pero despois arrepíntome e penso que é todo un exercicio de pretensiosidade maior incluso ca este blo. Así que deixo aínda sen anotar o dos tulipáns e o punto exacto de esparexemento da borralla.
A señora Dot propón un soño, irrealizábel neste país. Pra cando un kit lexislativo de eutanasia e euterresia?
Vénceme a incomprensión cando alguén di odiar os enterros. Síntoos como se o de acompañar os cadavres fose verdadeiramente o único traballo que temos fixado, fóra a podremia. Así que nunha tarde de inverniza alí estou eu, nun camposanto a varios quilómetros de atenas (tantos que xa non é atenas), arrodeado de descoñecidos e conducindo un corpo descoñecido.
Pero nun momento toco un michelín e dou un bico, e sei que os quilómetros e a barruza teñen o seu sentido. Incluso quedamos de chamarnos. Sexa.
escampa
Levo un par de días canso, sen bloguear. Ademais dos quilómetros, pésame a ansia e fáltame o amor. Conforme os taxónomos teño un blo sentimental, e debería dicir que quero cerralo e choer as palabras ermas. Miro pra Jacarezinho que me berra: non fagas un post metablogueiro; déixallos a Contra. Calo, pois.
Mañá se cadra escampa.
europa
Fago catro veces en dous días a N-525 e a paisaxe cambia na truculenta primavera. Vou como franza. Veño como finlandia, baixo un sol soterrado e brillante e os coches, todos, levan os faros acendidos. Vou como irlanda. Veño como a pesada choiva das aforas de liverpool, sorteando camións, laiándome de min, das gomas dos limpaparabrisas, do goberno da zácher.

18.4.04

millón de euros
Camiña detrás miña unha parella, mozo e moza, de inda-non-vinte. Pregúntalle el a ela:
- Que che fastidiaría máis, que o teu mozo fodese contigo pensando noutra, ou que fodese con outra pensando en ti?.
antigo amigo
Recibo unha chamada de atenas. Morreulle o irmau a un antigo amigo, talvez suicidio.
Pasan por diante miña lembranzas dunha amizade cutre, pero longa e intensa, de libros e bistés en tapagüeses.

17.4.04

brasil
Non sei da agulla de rastrexar de Ascárida, pero por casualidade caio nunha rede de blos de brasileiros en humidtown. O de Bruna, una chica en la europa, o de Guga, o de Sarah e o do baiano Rafael Rios: Sou baiano, brasileiro e rato de praia desde guri na Praia do Duro em Mar Grande... já tive em Arraial, Itacaré, Guarapari, Genipabu, Praia Mole... até Copacanbana... mas praia como essa de Doniño na Ría de Ferrol... Filhote, tinha que tá aqui pra ver o pico!.
Non sei se en todo isto non haberá alguén coñecido...
sicoloxía
Como ultimamente a noite ten abandonado mochilas ateigadas de coñecemento na miña perruquería, onte aplícome outra vez á paixón con Fufli, 20Vacas e Vel. Ao comezo do percorrido coñezo unha moza italiana extraordinariamente fermosa, pero namoriscada dun taberneiro: prefiro ficar á marxe e vela bailar cun vestido amarelo, recén sacada dunha postal de xénova 1962. Xa en curral propio perreamos o que nos dá o peito, falo cun 12Uvas cada vez máis radiante e tenro, e ao cabo remato cun chavaliño de dezaoito nun piso da zona nova ao que fun hai xa moitos anos. Frases prá historia: me lío contigo porque te pareces a Ángel de OT, hablas siempre en gallego? ou también crees que la psicología es una ciencia inútil?
Un resultado frouxísimo, víase vir. Así que cando volto prá miña aínda non saíu o sol e camiño pensando en que afortunadamente están agardando por min a pequena e moura Uli e un libro.

16.4.04

pérez varela
Atopo este contacto: Madrid 45 años 170 72kg delgado bi activo, el 1 de Mayo empezaré el Camino a Santiago algun joven sumiso se anima?.
Esta é a promoción turística que nos anunciou o conselleiro?
clásicos do exilio
Buscar aventuras polo mundo é propio de persoas que se atopan privadas de recursos, ou ben de homes levados da ambición de subir a un estado superior e de acadar sona con empresas que se saen do habitual.
Pobre ou cobizoso, comezo a ler Robinson Crusoe nunha tarde resacosa e mollada. ZP xa é presidente. Quen o diría.
por falar
O mesmo día que lle digo a kate que a penetración é unha práctica con pouca presenza na miña vida sexual, acabo nunha cama con Rapinaigrexas, exercitándoa, por partida dobre e ao bravo (con camisiña, iso si). Ao bravo foi, e agora ao camiñar noto esa tirantez no esfínter tan incómoda e tan doce á vez.
expolios
É a terceira vez nesta vida que me atopo cun rapinador de igrexas e de aldeas abandonadas e a terceira vez que resulta ser un home de pel extraordinariamente morena. Ten unha nave onde garda os achados, un pai acugulado de pasta que lle montou un piso na parte máis húmida de humidtown, un físico estraño e algo atractivo e unha capacidade de conversa que xa non resulta ordinaria.
Posibilidades de futuro? Pas terribles para un guía turístico que fala occitano, que lle insonorizou unha habitación á súa caseira nicrariense sen que pasase nada ou que ten unha colección de vinilos flipante con la ciapa rusa, xil ríos, debús de milladoiro ou concertos que encheron o palau d'esports en xaneiro de 1976.
Sen embargo, e polo que sei, o delongado paso de Gaiteiriño pola súa vida deixoulle unha prosma na cabeza. Así que devora pachuzos aos sete devorares e non para de rañarse, seica polos nervos.
O sicólogo, o dermatólogo ou o o baleiro nos darán a razón.
xubias
A parte fabulosa do meu lavoro lévame o xoves a facer cousas fascinantes. Primeiro falo cun dos meus ídolos de verdade do blo de neil gainman mentres toco figuriñas de plastelina. Despois repaso a morfoloxía da faba nun hotel. Logo hai xantar de traballo nunha terraza, ao sol da primavera, vendo o mar nas xubias ankaresas: chipiróns, parrochas, tortilla, pementos, meccacola e sobre todo sol, moito sol, que me deixa rubia a cara por primeira vez en 2004.
Cando chego a humidtown estou febril, cheo de coñecenzas, e despego da realidade mentres lle tomo algo con Jacarezinho. Quedo con kate e harpomeira pra un viño. Ela tráeme un agasallo dende ningures, e eu retrúcolle con parvadas ás mauscheas e con algunha que outra crueldade.
BenLaden aconsellárame esa mañá de ir falar con HC, para que soubese do meu amor a kate e pra que lle deixase libre a memoria e a vontade suprimindo as espranzas. Cóntollo a kate e asústase; creme capaz de todo. Pero non, xa non. Hai quince días con esa idea no gardaluvas cruzaría a ghalleira pola AP9, seguramente. Agora deberemos deixar que espernexe a primavera.
Días tan intensos só poden rematar, loxicamente, en cama allea.
foder ou facer o amor
Remato de ler Lévame a casa, cun pousar de ollos fulminante. A autora é moi amiga de Nigrán, e téñoo dedicado por ela.
A prosa contemporánea faise vanal, e iso mola porque podo devorar páxinas lixeiramente sobre relacións cruzadas de gais e lesbianas que comparten coca, churris e pisos no madrid de antes do 11M.
A rapaza ten só 24 anos, unha idade que lembro prodixiosa. Pero á metade do libro coloca esa esperrechinante frase de non a fodeu, fíxolle o amor e xa nada pode ser igual.

14.4.04

importancia
Envíame unha comentadora unha frase dos diarios de pavese: un deixa de ser novo cando comprende que dicir unha dor non altera a situación.
Mólame ao comezo. Logo discrepo. Finalmente enfádome.
Hoxe foi un día decididamente parvo. Pero inda ten amaño.
mil
Ceo con kate nun sitio moi xeitoso que cociña cóxer e pra celíacos por encarga. Salada de rosbif grandiosa, cazola de vieiras e cogomelos, e torta de queixo. Todo sen fariña, a pesar de que kate discutiu mentalmente co cociñeiro e deixou a parte máis xeitosa da torta na súa teimosía.
Díxenlle cousas que non debía, claro, pero a iso se expuña agora que medran as carqueixas. Resultou ser, como sempre, a máis marabillosa e a máis fermosa, sobre un fondo de días felices que se estenderon ao longo de dous meses e que remataron sen crise e sen máis dor cá imprescindíbel. Mandeille mensa de despedida ao chegar á casa. Metinme na cama, a ler, e cando un coche se detivo ao pé da miña fiestra, o peito deume un pichacarneiro. Pero non.
Así que hoxe, barbeándome, recito aquel poema que Rum me aprendeu: as outras mil veces tamén fun sincero.

13.4.04

lectura
Nun post que non sei se chegou a ver luz integramente, peke falaba da súa capacidade para ler dous libros ao tempo e dos disturbios que iso lle producía. Eu nunca fun quen; mesmo levo tempo sen traer un libro aquí. Atoamento.
Comecei hai moito un estraño, o tapiz de Malacia. Aínda agora non sei se é historia-ficción cóenga, heterodoxa ou de tres pesetas. Gustábame tanto como me desgustaba, pero había nalgo no seu protagonista que recoñecía en min, e que supoño que me ancoraba á súa lectura. Resultado: tres páxinas cada día, e sono. Onte remateino finalmente, cunha lene idea de que os homes descen dos saurios, de que malacia resiste aínda ao progreso e de que eu, se me parezo ao protagonista, hei acabar mal.
Así que comezo rapidamente outro e agúantolle 136 páxinas dunha tacada.
Hoxe amence co ceo azul. Eis a estación máis flipante.

11.4.04

educación sentimental
Nesta tarde de sol e vaqueo, dou voltas coa bici e achégome a ver a mala educación. Saio coa pel de pita, despois de sentir intensamente unha película mal feita, ou mal acabada, ou algo. Nesa avalancha de nostalxia e paixón hai momentos fermosos, frases como xoias que esquezo axiña e o corpo de gael: fondón, nunca pensei que diría esta soberba. Pero aí nos seus beizos, en todas as paranoias e mitos, imaxino que o trazado é un mundo real, normal, como dar polo cu (ou recibir, dispensando).
Hai moitos moitos anos, antes de que comezase toda esta decrepitude, vin A lei do desexo na tele. A casa de meus pais inda era a miña casa. A paixón, as camisas e algúns personaxes fanme sentir o mesmo ca daquela: que o filme estaba feito pra min, que se podía sentir así. Lembro a frase: "cóntame que fas, se deixaches xa a coca...". Eu non sabía o que era a coca, pero estaba adeprendendo o que era a soidade, e o desamor.
regresos
Henri volta a oxford, sen eu velo. Kate chega de londres. Iop de estrasburgo e bruxelas. Os apandadores e lady Benjamin regresan pra madrid.
Se fixese unha foto de satélite dos meus amigos, nesta tarde trazarían unhas fermosas liñas vermellas de viaxes e espranzas. Anque quedase unha cámara de fotos nunha habitación de hotel ou nacese unha ferida á altura dos cadrís.

10.4.04

fe
Sempre que vén Walter facemos cousas moi especiais. Hoxe erguémonos tarde, xantamos fóra e achegámonos ao cinema pra ver a paixón de cristo. Odio os flocos de millo, pero cando vou con walter ao cinema enchémonos deles e mais de refrescos. Foi o que pagou a pena. Ademais do reaccionarismo antisemita (psé) e homofóbico (flipante), o filme é un empacho. Todos os actores falan como novoneyra, e todas as frases do guión baten o guines de trascendencia. Planos fallidos, efectismos insufríbeis e sobre todo un aborrecemento intensísimo. Non creo que convirta a ninguén, e sen embargo había viúvas que levaban moito tempo sen ir a un cine, e choraban. Os mexicanos fan campaña pra que os adolescentes poidan ver o filme. Logo queixaranse do consumo de drogas.
Así que como sei que lle fode, hei de dicir que saín do cinema extasiado de baleiro: a única fe, a de facerlle o amor a sanxoán, que está divinamente.
buses
Transido pola fe acompaño a Walter á estación de buses e, por primeira vez na vida, ligo nos váteres, sen querelo. A historia queda en nada, pero a quen sexa, a deus ou a melgibson, moitas grazas. A miña vida é marabillosa.
quilómetros
Dediquei todo o día de onte a percorrer a ghalleira. Saín de humidtown á mañá cedo. Pasei por casa de Florbela ao mediodía, en auria, anque só fose un momentiño. Achegueime ata onde remata o país pra ver a Lady Benjamin. Paseamos por debaixo de carballos, silenzo e frío, nunha aldea onde non queda ninguén de menos de sesenta. As lareiras están a todo meter, e ese analxésico pra anciáns que se chama tvg tamén.
Arrinco pra ankara saltando letreiros fermosos, cosendo quilómetros polo asfalto.
Chego no solpor, e como Walter descolgou o teléfono sen decatarse, quedo con Mánager, que merece outro post.
mellor amigo
Hai uns meses decidín que tiña que romper a maldizón de non liarme nunca con ninguén de lugo y su provincia. Así que fixei obxectivo e acabei diante dunha nave de respostos do automóbil, no ceao, cun rapaz moi simpático e algo desordeado de faciana. Recunquei algunhas veces, ata que el deu unha festa onde descubrín un chaval verdadeiramente fermoso. Complicouse todo ao saber que era o seu mellor amigo e ademais o seu mánager artístico.
Pasou o tempo, medrou o silenzo e agora nunha casualidade quedo con Mánager en ankara. Resulta moi simpático. Pero non lle di ao seu amigo que queda comigo.
En que parará todo?
trufa
Lady Benjamin sempre me achega diversas trabes pró futuro.
1. Pasamos toda a vida buscando a trufa, e seguramente a trufa non existe.
2. Coñecerse a un mesmo... buah, que aborrecemento...

9.4.04

pesicola
Os Apandadores cóntannos unha historia que rula por madrid:
Un árabe entra nunha perruquería, e deixa abandoada unha mochila. A perruqueira inquiétase, mira na mochila e ve milleiros e milleiros de euros. Déixaos estar. Ao pouco regresa o árabe e agradécelle á perruqueira que non andase nos cartos. Quere recompensala. Ela négase. El insiste. Ela teima en negarse. O árabe por fin cede, e marcha coa mochila, pero antes de pechar a porta dille: por favor, non bebas cocacola.
A historia cóntase moito, cambiando perruquería e descrición de árabe. Incluso hai quen di coñecer dúas ou tres perruquerías onde sucedeu algo semellante. Como nas palabras vellas, agradécese confirmación ou emenda.

8.4.04

eurocentrismo
Existe mundo para alén de euronews: o blo tíbet ceibe. Totalmente incomprensíbel.
Non sei qué fago compartindo espazo con cousas tan importantes.
costa
Percorremos a costa da vergoña, dende camelle ata noia. Imos en dous coches, os Apandadores, os Koalas, Dukakis e Sefarad. En Sé, ademais, recollemos a Fufli. Parece que os días non pasaron, e sen embargo todos están ou estamos moi casados, e xa non falamos de cheas míticas e si de plans, de fillos, de hipotecas.
O día está bo; artesanía en vimianso, caldeirada de salmón en camelle, queixo país en noia, solpor en fisterra... Pousámonos nos nichos de portela, apañamos xestas e algo de marusía na barca.
A fatiga chéganos aos ósos. Mañá será outro día de gloria. A vida é feliz.
retornados
En 24 h. morren catro persoas en accidentes de tráfico en galiza, e eu coñezo dous mozos con moitos puntos de coincidencia entre si. Os dous marcharon de novos traballar fóra, os dous viviron oficios apaixonantes (metres, auxiliares de voo, dependentes de zara en goya), os dous estabelecéronse durante un tempo en novayork ou en londres, e os dous finalmente retornaron para o baleiro das súas casas familiares, para este clima chuviñento e depresivo. Así dicían, sen coñecérense (creo).
Pregúntolles por que. A resposta é común: os atentados, o medo. Ademais quedaran no paro.

6.4.04

this is the end
O que comezou unha proclive noite de anovello remata agora. Ela está namorada dun home maior, o que lle bloquea a cabeza e lle mete a sombra no cello. Resultado: nin ela é feliz, nin eu tampouco. Co ben que podiamos levalo entre os tres...
Esta noite falamos moito mentres viamos primeiros episodios de mareasvivas. Das súas posibilidades e dos seus medos. Tamén lle tentei dicir que eu viña coas alforxas cheas de ilusión. Pero de nada vale: a sombra é máis poderosa.
Así que recollo as cousiñas, e anque me para o espertador marcho prá casa coa promesa de non volver máis. A non ser que na viaxe a londres, kate guinde coa sombra ao támese.
Escoito o sínguel de fangoria, retorzo palabras de amor e renace a primavera.

5.4.04

agochismo
Dende os comentarios a este blo varias veces se me ten acusado de críptico. Todas as palabras que comezan por cr son rechungas: crítico, cretino, cromografía, crápula, crise, crónico. E probabelmente un dos países mais desagradábeis de europa sexa croacia (agardo que non me fagan un xenobanido neste blogspot por tal aseveración).
O que me preocupa é que, pouco e pouco, os comentarios que aparecen á esquerda, e que son o único que lles dá valor a estes bytes, son a cada vez máis crípticos.
Retrocontaxiámonos? Ou é que o mundo anda a complicarse?

4.4.04

tristura
Velaí os están, os tobogáns da primavera. Onte reloucaba e non era capaz de borrar o sorriso da cara a pesar da insistencia de jacarezinho, e hoxe amoucho nunha tarde de domingo morriñosa.
As causas da felicidade son ben claras: todo, todo brota ao meu redor como marabilla. Por exemplo, vou ver Peixe Grande, un filme fabuloso e encantador que me deixa chorando durante dez minutos. Á noite ceo con Fufli, 20vacas e o máis granado da banca e da arte galega. Xogamos a bico-verdade-acción (uff), poñémonos como eguas, maquíllome por segunda vez consecutiva e logo dun par de voltas acabo na cama cun rapazolo uruguaio de vinte anos.
Máis causas de felicidade: fun con kate en dúas rodas pola AP9 ata o concerto de rosa passos. Tan fabuloso... Estaban Gaiteiriño e Parceiro, megafermosos, e quedoume lástima de non falar máis con eles.
Despois, na volta, sáenme do peito un par de animaladas sobre kate, a súa relación con HC e esas cousas... metín a pata ata máis pra alá do fondo. Ela atristou, eu tamén, e quedamos durmidos tristemente vendo como Meciar gañaba as presidenciais eslovacas. Á mañá, cando kate me di que non a deixei durmir cos ronquidos, a terra ábreseme aos pés e afundo.
As causas da felicidade son claras; as da tristura, nunca.
uruguai
Máis cousas do uruguaio. Veuse pra lugo, a casa duns avós. Vivía na Cidadela de Montevideo, co que lle foi doado namorar de compostela un día que veu de peregrinaxe. Controla as situacións, dime cando debo ser impulsivo e cando me debo relaxar e insiste cada tres minutos en que son guapísimo, en que teño a voz dulse, en que non hai brillo coma o dos meus ollos... Incluso crea diante miña unha frase marabillosa: te voy a secuestrar, y llamaré a tu mama para contarle que te vinieron a llevar en un auto negro sin placas de matrícula.
Así que lle chamarei Autonegro. Pero Autonegro, que á noite era baixiño e interesante, á luz do día resulta un verdadeiro monstro coberto de espullas purulentas. Deixo que marche, coa mágoa de que non me contase máis cousas del.

2.4.04

felicidade
Todo ao meu redor brilla e resplandece. Non sei se será axeitado bloguear en semellante estado de excitación. Onte chamáronme Gaiteiriño e o seu mozo. Querían convidarme a cear. Espárragos fritidos e pasta ao roquefor, con banda sonora de lula pena e rosa passos. Despois maquilláronme por primeira vez na miña vida: pintáronme ollos, matizáronme fazulas, alongáronme as pestanas e peiteáronme. Eu brillaba.
De feito, sen ir a morte liguei dúas veces con éxito, preguntáronme que estudiaba, loáronme a beleza, e acabei mazando e mordendo tetiñas de a tres no medio dun bar. Xa nin lembro a última vez que a noite foi tan xenerosa comigo...
Todonada pregúntame polo resto: kate? 12Uvas? A 12Uvas hai tempo que non o vexo. O vagar foinos baleirando, e o pantano desecouno a evaporación. É unha xoia marabillosa: a vida paga a pena por saber que un día calquera 12Uvas peta e entra nela.
O de kate é máis complexo. Supoño que estamos irrealmente enfadados na nosa relación irreal. Esgótaseme o cozo, e ela non impulsa: probabelmente non pode. Fíxenlle promesa a Jacarezinho de que faría todo o posíbel por facela feliz, seguro de que esa é a miña función na vida (agora). E cumprireina mentres poida.
Agardo un milagre nesta fin de semana. A felicidade anúnciao.
máis palabras
Dúas, destes días. Chinar. Ir para arriba e para abaixo, cun xoguete ou un vehículo a motor. A descrición é bastante lixeira, como vedes. Agradécense precisións. Ademais, non atopo referencia escrita.
Triscos: recortes das modistas. Ao parecer trisco é calquera anaco, pero no contexto que eu escoitei ( a bolsa dos triscos) era estritamente o das modistas.

1.4.04

dúbidas
Sei que non debería facelo, e menos contalo, pero amósolle a Rum unha mensa que me mandou kate. Que dúbidas tes?, pregúntame.
Infindas, inda deixando fóra as dela.
Que pinto nesta andrómena? Estou namorado de kate ou da persoa que se agocha detrás? Que faría se kate fose un home? Ata onde debo insistir pra que siga quedando corda onde amarrarme e botarme atrás? Ou debo romper a soga e deixarme caer no abismo con todas as consecuencias?
Apostila Rum: Es moi optimista.
dillei
Seguindo a pista do gaiteiriño e do seu parceiro vou ver dillei. Resulta un pouco trapalleiro, pero, meu deus, cando saímos á choiva primaveral de humidtown, había unha pista trazada que nos levaba ao século XXI.
Para os detalles do espectáculo, consulten o blo de manuel gago, co que non concordo en absoluto.
florbela
É a primeira vez que Florbela pasa por aquí, pero había moito tempo que non a vía. Florbela é unha persoa crucial na miña vida dende que hai trece anos me puxo nun picú a lluís llach cantando a viaxe cara a itaca. Crucial tamén para que exista este blo, inda sen coñecelo.
Florbela leva dous meses de baixa. Ten un demo na cabeza que é ela mesma, que a anguria e a converte nunha miñoca, anque véndoa pareza a muller máis fermosa do planeta. Falamos moito de si e do seu monstro, e de como está aprendendo a coñecer as súas reaccións. Agasállame medio cuartillo de sorrisos, os que lle saen, e dous vinilos, entre os que se atopa aquela vella viaxe cara a itaca do ano en que nacín eu. Seguimos viaxando, claro.
os adolescentes e eu
Levo uns días tan intensos que apenas tiven tempo de cavilar sobre min, as ourensás do goberno ou a entrada da primavera neste blo. Deixeime levar pola torrenteira dos acontecementos, e cheguei ata galician-athens pra dar clase nun colexio. Eles e elas son adolescentes de dezaseis, moitos intelixentirmos e algún ademais fermoso, que acoden a un colexio laico privado das aforas da cidade. Pagáronme unha botella de licorcafé, pero sobre todo cunha inxección de vida radiante e extraordinaria directamente á vea. Aprendín moito deles: as súas webs de referencia, qué sms envían e reciben e ata se alguén visitara a web de ragazza. E si. Amigas, o horizonte está aberto prá rapazza.
Por certo, Pépi, faleilles do seu blo pra que se animasen a facer o propio. A ver se non hai un estourido no blogomillo á altura de castadón.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?