<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

29.9.07

enfermidade, 3
Os luns, clase de golf. Os martes e os xoves, piscina. O mércores e o venres, esgrima. O sábado, descanso. O domingo, camiñar. Todos os días, catro necesarias millas en bici. O doutor Stuart dixo que os meus cadrís estaban perfectamente, que me dobraba ben, que seguise así. Esta mañá espertei as sete coa dor, remexinme na cama durante unha hora, e agora, cando se achega o mediodía, teño un sono lamentable e os pés fríos do desacougo. Pero hai unha carreira de dúas millas nas proximidades e entrarei en calor mirando de non chegar de último.

E este podería ser o post recorrente, o post de todos os días. Dos próximos 15.000 días.
birmania
Xa sei que o que estou facendo é un delito gordísimo. Pero algo me di que, vivindo nesta illa, podería acollerme á consigna do fair dealing pra publicar esta tradución do artigo semanal de Timothy Garton Ash (The Guardian, 27 de setembro). Ash, que é un experto en Birmania, e que leva anos alertando do que está sucedendo aló, non atopa moitos motivos pró optimismo. Sei que é delito, pero máis delito é ver ondear as túnicas do azafrán e non sentir sequera un arreguizo. Así que, con todos os riscos, corto, traduzo e pego aquí este artigo titulado A ditadura birmana malla en Buda e só os países veciños poden facer que pare.
Deus, cantas veces o home máis insignificante
poderá derrubar e esmagar a todo o resto?

O poeta do século XIX Alfred Tennyson non podía ver no Youtube a esmagadora derrota da revolución polaca, pero a súa reacción daquela recolle perfectamente a carraxe e a impotencia que un sente ao ver como as forzas de seguridade mallan e botan gases lacrimóxenos contra a pacífica protesta dos monxes e das monxas birmanas. Van aló 19 anos dende o primeiro gran levantamento democrático, e 17 dende que a Liga Nacional a prol da Democracia, liderada por Aun San Suu Kii, vencese claramente nunhas eleccións libres. E dende aquela un réxime militar orwelliano afundiu aínda máis este fermoso país na pobreza e na opresión. Cantas veces, Deus, cantas veces?

Mentres escribo isto, estarrecedores relatos de violencia estalan na pantalla do meu computador, entre eles as novas de que asasinaron a varias persoas. Non sabemos se as protestas durarán, como algúns dos monxes máis novos prometen, ou se irán devecendo. Pero dúas cousas están claras. A primeira, que aínda que o ministro de asuntos relixiosos, o xeneral Miint Maun, esbardalle contra a campaña externa e interna de destrución e contra o papel sinistro dos "poderes globais hexemónicos", esta é unha protesta completamente birmana. A drástica medra dos prezos en agosto fixo rebordar o vaso da amargura. Ninguén abriu a billa en Wáshington, en Londres ou nalgures fóra de Birmania. E a segunda, que esta protesta popular e birmana foi, ata o de agora, todo o pacífica que se podía.

Teño diante miña un informe conxunto da Alianza dos Monxes de Toda Birmania e do grupo de estudantes Xeración 88 que comeza con esta frase: "O pobo enteiro, liderado polos monxes, está a desenvolver unha protesta pacífica pra liberarse da crise política, económica e social xeral, recitando o sutra Metta". O sutra Metta reflexiona sobre a virtude budista da metta, ou sexa, do amor e da bondade incondicionais ("Isto é o que debería facer / aquel que medra na bondade / aquel que camiña pola paz). Unha das pancartas das manifestacións dicía: "o amor e a bondade vencerán por riba de todas as cousas".

¿Como non emocionarse con eses pedaciños de vídeo, gravados con cámaras dixitais e móbiles e distribuídos por internet, onde vemos os monxes e as monxas, movéndose de vagar, ritmicamente, coas súas túnicas marróns, rosadas ou da cor do azafrán? ¿Como non facelo con esoutra foto graúda de Aun San Suu Kii, rezando na porta da casa, á choiva, mentres os monxes pasan cantando de vagariño: "longa vida e saúde pra Aun San Suu Kii, axiña estará en liberdade"? Os xenerais, presuntamente budistas, que adoitan exhibir a súa fe na Nova Luz de Birmania (o pravda local), responden a estas cousas con tiros, mocas, e gases lacrimóxenos. Andan a mallar en Buda, mesmamente.

A exasperación de Tennyson non lle vai ser de moita axuda ao pobo de Birmania. Daquela que hai que facer? En primeiro lugar, o maior número posible de líderes mundiais deberían reclamar un cesamento inmediato da violencia represiva. A asemblea xeral da ONU estase a reunir en Nova York. Probabelmente non se poida acadar unha rápida mensaxe de condena de toda a asemblea. Pero o consello de seguridade da ONU reuniuse pra discutir a situación de Birmania o mércores ao serán, algo ao que Rusia e China se resistiron. E o secretario xeral da ONU tamén pediu que o seu enviado especial puidese voltar ao país; aínda que só isto fose, China debería apoiar a medida.

Reábrese o vello debate sobre as relativas vantaxes dunha política de forza que ille o réxime militar con sancións, ou se é mellor esoutra política do "compromiso construtivo". Probabelmente puidemos facer bastante máis do que fixemos nos últimos anos pra apoiar a sociedade civil birmana e pra amosarlles aos xenerais e coroneis a parte positiva de saíren do illamento. Teñen que entender que negociar con Aun San Suu Kii e cos demais líderes opositores, e abrirse así ao mundo de aí fóra, lle reportará a longo prazo inmensos beneficios ao país. Tamén teñen que saber que non acabarán pendurados dos postes da luz, nin pechados en prisión. Como a propia Aun San Suu Kii me dixo cando falamos en Rangún hai uns anos (cando aínda podía recibir visitas), deberían incluso confiar na conservación dalgunhas das que ela paveramente chamou "propiedades mal obtidas". Unha remuda na xunta suprema que agora comanda o vello e teimudo xeneral Than Xwe podería ser unha boa ocasión pra sacar o tema de novo. Pero a política de promover unha transición pacífica con base en compromisos construtivos agora xa non vale. Agora temos que deter os asasinatos de pacíficos manifestantes.

O presidente Bush anunciou unha recrúa das sancións pra evitar que os xenerais e as súas familias viaxen ou posúan capitais nos Estados Unidos (a sanción equivalente da UE xa se aplica dende hai anos). Un observador experimentado que coñece ben a mentalidade dos militares birmanos (chámena supersticiosa ou relixiosa, ao gusto de cadaquén), suxeriume que un conxunto de sancións moito máis efectivas valería pra que alguén convencese os xenerais de que mallar nos monxes empeora o seu karma o das súas familias e o do país en xeral. Pero, claro, é difícil imaxinar a un líder occidental como Gordon Brown dicíndolles iso: non chega con ser o fillo dun pastor, como Brown; hai que ser un frade da pagoda.

En resumo, é frustrante ver o pouco que os poderes occidentais poden conseguir en por si. Un exemplo diso é que a primeira acción positiva de Brown foi enviarlle unha carta á presidencia portuguesa da UE urxindo a Unión pra que faga un posicionamento forte sobre o tema. Pero mesmo se a UE e os Estados Unidos actuasen xuntos e en perfecta harmonía, pouco darían feito se os veciños asiáticos de Birmania non se deciden a falar. Todos miran pra China, o maior dos veciños de Birmania e quen ten unha maior implicación no país. China di que quere "estabilidade" en Birmania. Obviamente, os chineses non queren un baño de sangue que ameace os seus intereses comerciais e estrague os preparativos dos Xogos Olímpicos de Beixín. Nos últimos tempos, houbo pequenos sinais de que China coidaba que a estabilidade en Birmania requiría cambios. Pero uns cambios que se abren con protestas nas rúas non é o que prefiren os vellos comunistas.

Moi pouca atención lle presta a Birmania o outro gran veciño asiático, a India. Anque é a maior democracia do mundo, a India ten sido bastante pusilánime nas súas relacións cos ditadores birmanos. Parecen estar máis interesados en loitar con China pola influencia (e polos contratos enerxéticos) no país, ca na natureza do réxime. Así os gobernantes birmanos foron enfrontando a India coa China e viceversa. Algo que os Estados Unidos e a Unión Europea poderían facer sería suxerirlles aos nosos amigos indios, con algo de convinción, que o seu é un problema de miopía. Nun mundo ideal, India e China deberían decatarse de que teñen tantos intereses comúns como desputas comerciais nese infeliz país-sanduiche que hai entre elas. Dous xigantes non deberían andar á liorta dese xeito por un pigmeo.

Ninguén parece que vaia impedir que os xenerais tomen medidas drásticas. Pero aínda hai unha oportunidade de que a represión non triunfe. A historia está aberta sempre. E mesmo se acaban con esta vaga de protestas, valeu pra alertar o mundo, dunha forma dramática e conmovedora, da situación apremante de Birmania. Os seus veciños asiáticos deberían saír da súa pasividade preguiceira. E nós podemos desexar que a pacífica oposición birmana aprenda algo da experiencia, algo prá próxima vez. Así, as marchas monxes non serían en van.

25.9.07

enfermidade, 2
A espondilite anquilosante é unha enfermidade reumática e mormente herditaria que lle diagnosticaron a meu pai hai uns vinte anos e que, como todas as cousas de meu pai, quedaran semiocultas: nin eu nin Itopo sabiamos nada dela. Pero a visita de DjSu, espondilítico, fillo de espondilíticos, irmán de espondilíticos, faime atar cabos e buscar diagnoses: todos (a nosa familia e a de DjSu) coincidimos no principal, unha dor atenazante nos cadrís nas primeiras horas da mañá, que desaparece cando nos duchamos e comezamos a camiñar. Unha dor que se produce logo de 5 ou 6 horas de sono deitados, e que no meu caso leva sen deixarme durmir ben practicamente dende decembro, e que no caso de Itopo fai que haxa anos que durma sentado nas horas da madrugada.
O futuro é probabelmente a fundición de todas as vértebras impedíndome calquera movemento nas costas. De facer exercicio, dunha diagnose correcta, de ioga e de demais consellas dependerá que ese futuro se produza antes ou despois. Pero agora, cando menos, téñolle nome.

24.9.07

enfermidade
Moito me temo que vou ter que comezar a pronunciar esta palabra moi ben nos vindeiros 50 anos: espondilite.
morte
Imos nun coche alugado cara ao norte, polas estreitas estradas escocesas. Aos lados van quedando moreas de prados, vacas e ovellas; logo coníferas, principalmente piñeiros de douglas, e despois carballeiras, pero tamén bidueiros, olmos, acivros e outros ramallos, cada un máis verde, máis intenso, máis recendente có anterior. Unhas curvas seguen a outras, con cambios de rasante e pequenas pontellas, e na beiravía aparece de súpeto un esquío vermello, roendo algo, quizais unha piña ou unha noz de cedro. A penas teño vagar de sinalarlla a DjSu. Nun chas o esquío brinca ao medio da estrada, freo, dou un volantazo pra esquivalo por diante, e antes de que me decate de que o librei, sinto un pump na roda dereita de atrás. Miro polo espello cara ao fondo: unha pequena bolsiña de pelo rubio fica no asfalto, cunha cola peluda axitándose no aire, batendo contra o chan, cada vez máis despacio, cada vez máis despacio. Cada vez máis despacio.
teses inacabadas, 3
Despois de ler as abominábeis aventuras de Breogán Folgueira, empezo a tomar notas pra unha nova tese: O ferrinismo: ecos e seitas na literatura galega.
o meu país
Iop e DjSu estarán acó por tres semanas. Veñen traballar, e vanse hospedar e investigar nos vindeiros días entre a biblioteca da universidade local e un cama-e-almorzo próximo, a tempo completo. Pero estas primeiras xornadas dedicámolas a viaxar algo, a visitar sitios, a embreñarmos algo na paisaxe. Primeiro viramos cara ao leste, facemos un intento (novamente frustrado) de rubir un munro, logo percorremos unhas cantas millas por un val a pé de Braemar, e finalmente rematamos comendo chocolatinas rebozadas no restaurante que inventou mundialmente as chocolatinas rebozadas.
Despois collemos estrada noroeste: cruzamos a pé o Glencoe entre vacas peludas e larvas misteriosas, e logo caemos contra fort william. Á mañá seguimos cara ao castelo de eilean donan e logo torcemos pra ver as focas nas proximidades de inverness. Algunhas veces chóvenos, como cando beireamos o lago ness. Outras abre o sol, e a moqueta de musgo das máis altas montañas brilla en centos de pardos e dourados. E cando chega a pausa, nunha aldea presidida por unha única gasolineira xa abandonada, sentamos nun pequeno café. Pedimos unha sopa picante de chirouvías. Vemos a tarde caer, a choiva, o vento, pasar o tren.

17.9.07

feluxe
Hoxe, cando ía devolver un libro sobre compostaxe á biblioteca municipal, os tellados de vila-marple estaban cubertos de desenfeluxadores. E volveume a punzar o tempo.
É isto a melancolía?

16.9.07

clientes
Xa coñezo os meus novos clientes. Aínda é cedo pra saber se me gustan máis os ollos dunha ou os beizos doutro, pero todos veñen a min e séntanseme diante cun incrible concho de coñecementos, medos, lembranzas e ansiedades ás costas. Abren os conchos e os ollos, e císcano todo polo piso dese pequeno rectángulo onde eu reparto xogo, marco os tempos e manexo algo torpemente os medios técnicos. Despois saímos, e atopámonos nas ribeiras do lago: eles cos pantalóns algo caídos, roendo nos sanduiches ou bebendo prácidamente cousas escocesas e levemente radioactivas; elas vestidas de cheerleaders porque é o tempo de potenciar esa sección áurea do mundo, a das cheerleaders, tan áurea como o equipo de piragüismo, a sociedade de chineses, o clube de debate ou a asociación de laboristas.
Todos eles escintilan ao sol, e corren e repousan como se fosen ao mesmo tempo abellóns e cisnes bravos. Miro pra eles, dóenme as enrugas e penso, damn it, que xa só me quedan dous anos nesta empresa.
reflectantes
Van pasando as horas e mais os días. A un almorzo séguelle outro, e logo de chover e ventar durante toda a noite, contra o mediodía, por exemplo, abre o sol. Os veciños fan obra no xardín, ou recóllense, e o mundial de rugbi continúase xogándose en aberto. E entre esas todas constatacións, unha, a máis terrible de todas: xa non é posible saír de casa sen as lámpadas da bicicleta.
Si, o outono xa está aquí.
Henri
Cun pouco de retraso, Henri mándame outro agasallo de aniversario. Un ben bonito e emocionante. E inmerecido. O mellor que podía darme.
Despois de tanto tempo, un ciclo acaba. E empeza outro.

7.9.07

32
Coincídime esta fatídica data coa lectura da obra completa de eusebio lorenzo baleirón, máis en concreto dos seus primeiros poemas, tristes, melancólicos, roñosos na súa contemplación murcha da vida, antes de que tivese verdadeiros motivos pra vela así. E eu a ti, poeta oitenteiro, dígoche agora: inda onte limpei os vidros da sala; xa hoxe escintila neles unha arañeira ao sol da mañá, pra seguir esa perpetua e feliz cadea de mosquito, araña, ferreiriño, rapina, herba...
Parte de agasallos: Barataria deixoume un pau do 7, un amigo do máis amigo deulle unha viraxe á vida, e eu concedinme un tiquet pra ir ver o fútbol mañá e outro pró mundial de ciclismo de montaña, unhas millas ao norte de aquí, o domingo.

5.9.07

oferta

Iso me pasa por mercar unhas xardas de super-superoferta do Tesco. Aaaaaaaaaaargh!!

3.9.07

embreñarme procuro
Era xa case ao solpor cando tiven que poñer pé en terra e baixar da bicicleta, uns poucos metros despois de cruzar un sinal de pendentes de 20%: nesa altura presentín que en hamburgo as cousas non foran plenamente ben. Levaba 18 millas ao parvo dende dundee e aínda me quedaban catro pra chegar a perth. Chegábame ao vivo. Despois de arbitrar unha longa xornada de atletismo, e en vez de agardar polo tren que me levaría prá casa, pensei que podía ir adiantando un pouco na bici, que había unha ruta marcada e que só eran 22 millas. 22 millas de nada entre campos a orxo, muíños vellos, xardíns, corvos carnazais, parques de aeroplanos, granxas de ovellas, cabalos á solta e casiñas con letreiros de "non atormenten o can" (verídico), case todo o tempo chan, case todo o tempo contra un incansábel vento do oeste.
Así que ao empezar esa encosta esaxeradamente sinalada como de 20%, boto pé a terra e tento pensar qué demo fago aquí, ben afastado de calquera forma humana. Creo que vin porque necesitaba apañar un amorodo nun campo de invernadoiros ao pé da estrada, porque necesitaba sentir o sol da tarde, porque tiña que darlle un paseo ao libro de noriega varela que levo na mochila e explicarlle unhas cantas cousas serias sobre rimas e natureza, cando volvésemos cansos e suados, no tren, xa á noite.

1.9.07

triatlón
O ano pasado por estas datas estaba en lausanne vendo o mundial de triatlón. Desta volta, como son un empanado, non só non estou coñecendo hamburgo e inchándome a mercar camisetas oficiais dos campionatos, senón que ademais mañá, no gran día, teño que estar en dundee movendo uns valados e anotando uns números, e non poderei ver o mundial en directo por internet.
Pero se todo vai ben, na primeira semana de xuño de 2008 estarei en vancouver, no canadá de aló, facendo o friqui polas 300 libras que me custa ir e volver en avión. E é que nestas latitudes a terra xa está moi achicada.
E mañá e pró ano, que gañe o mellor.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?