<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

29.11.05

cabodano
Foi alá a semana apocalíptica. Miro pra atrás e vexo bastantes cadavres. Afortunadamente, e malia as feridas e as carraxes, eu quedo entre os vivos. Por diante esténdese unha verea polo xardín do inverno. Quizais un cambio de vida. Contento de min, contento de dar os pasos correctos. Feliz por chegar con ben á noite do domingo.
Unha noite de domingo que foi a primeira noite do terceiro ano. E, como dicía o prosma de whitman, prometo non cesar ata a miña morte. Real ou virtual.

27.11.05

tópica II
Aperta a friaxe e quedo cun mozote baixiño e de beche. Vive nun entrechán de teitos baixos, enriba da perruquería da mai. Falante dese castelán que se perpetra na comarca de humidtown, dime que só quere que lla zugue: mi novia no me la come bien, y los gays lo hacéis de putamadre.
A moza ignora que el se autodefine bi, e ninguén máis llo sabe: nin os amigos, nin os pais que como todas as findes van na aldea. Ninguén: só unha recua de gais de diversas idades e procedencias que lle vimos demostrando dende hai anos que a zugamos infinitamente mellor cá súa moza. Sen máis consecuencias.
rh
Asisto aun dos combates definitivos entre o lado escuro e o lado luminoso da forza. Unha vez máis, cos votos dos vivos e dos mortos, a democracia e o lado escuro triunfan.
Con todas as miñas reservas, sinto un grande alivio, máis ca nada porque as cousas suceden segundo o plan universal previsto. As diversas intervencións ao longo do combate resaltan o outro deses trazos psicosociais dos que falaba jorquera e que definen o ser galego: o trapalleirismo. Entre nós ben vale, xa pra saír do paso, tampouco hai por que poñerse estritos... Xa o dixera o ilustre enciclopedista outeiriño hai moitos anos: o carácter dos galegos resúmese no principio filosófico e heideggeriano do mételle-aí: mételle aí unha uralita, mételle aí un muro de bloque...
tópica
1. conversa de chat
Eltxema: creo que prefiero no quedar
Cesare: vaia...
Eltxema: creo que no eres mi tipo, y si hiciera sol y calor no me importaba salir para nada, pero con este tiempo...
Cesare: jajajaj
Eltxema: pero si quieres podemos seguir chateando por aqui cuando vayamos coincidiendo
Cesare: podo preguntarche que é o que non che mola?
Eltxema: pues no sé... es casi más que lo que veo cómo te imagino, modernillo, look "santiagués", hablando en gallego... Creo que no íbamos a congeniar. Llámame prejuicioso xq tendrás razón
Cesare: jajajajaja
Eltxema: pero es de lo que va el chat, no?
Cesare: pero entón... que tipo de tío buscas?
Eltxema: a mí me pone la peña que va a un rollo más o menos como el mio. Look pijo. Es una percepción tonta, pero no sé... de momento mi instinto me ha funcionado muy bien

2. asemblea ecoloxista.
Alguén de 60 anos, con grandes barbas, vestido cunha camisola reivindicativa e falando un galego de -íbeis, acúsanos ao resto cun certo desprezo: non todos somos urbanitas.

24.11.05

ano da memoria
Hoxe, ás sete e media, na facultade de xornalismo de humidtown, conferencia do xornalista Fernando Olmeda. Tema: "homosexuais durante a ditadura".

23.11.05

explosión
Saio do cinema na última das sesións. Gústame liscar rápido, o primeiro, máis aínda cando veño de bicar a felicidade. Vou cara á bici, quítolle o cadeado e instálolle a lámpada adiante e atrás o reflectante. Acéndoos. A xente segue a saír do teatro, en pequenos grupos. Subo na bicicleta.
Ao que pouso o pé no pedal acelero a ferro, facendo eslálom por entre os grupiños da xente. Canto máis me deito nas viraxes, canto máis as cerro, máis acelero, e eles van apartando asustados ou simplemente despistados. As rodas, con pouquiño aire, amarran ben sobre a pedra. Esprinto. A xente xa queda atrás, falando da peli.
Paro e escóitome respirar.
cineuropa III
En todas estas xornadas só parei (algo) pra ir ao cinema e rozar cinco marabillas.
Son curiosa ten dúas películas, a azul e a amarela, que son distintas e ao parecer iguais, e que botan unha despois da outra. Quedo coa amarela, un documental sobre a suecia de finais dos sesenta. Sexo, enquisas sociolóxicas, días de 22 horas e socialdemocracia en vea. O mellor, unha escena ao comezo: o director do documental, namorado da actriz, acode con todo o equipo de filmación a entrevistar a olof palme. Palme, daquela ministro de transportes, reflexiona sobre a igualdade e os retos da sociedade escandinava mentres o director e a cámara miran doce e atentamente prás pernas da rapaza.
Co Sabor da sandía a metade do teatro aplaudiu e a outra metade liscou. A min, que aborrezo tremendamente os musicais e as pelis porno, quedei extasiado e excitado con esta fábula cantada de actor, seme e veciña namorada. No fondo, unha versión taivanesa e con sandías dunha famosa novela galega.
Martin pawley e o mundo din que match pointé a mellor película de woodyallen. A min sempre me molaron os filmes de allen que non lle gustan ao resto, e este non me escintilou. Daría toda a miña fortuna por ser apenas unha herba sobre a que foden scarlett johannson e jonathan rhys-meyers, pero tanta medición, tanta perfección e tanto empertegamento impídenme gozar coa graza e os erros habituais. Nin sequera o final máis sorprendente da historia nin a convición de que esta é desas obras mestras.
Ao saír de ver Historias de cociña Fufli e eu dámonos unha aperta de contentamento. No medio do inverno nórdico, enfróntanse os tópicos do sueco e do noruegués: o noruegués, tan túzaro que se diría que padece unha enfermidade psicosocial desas das que fala jorquera. O sueco, tan preciso e conciso como extravagante e moderno. E todo aquilo que parece un disparate acaba converténdose nun filme fascinante, tenro e esperanzador, incluso con gay-eye, na tundra dos anos cincuenta.
E a mellor de todas, sen dúbida, Ti, eu e todos os que coñecemos. Horiña e media de sentimentos concentrados, remexidos nunha batedora que pode ser perfectamente un clásico moderno, con historias que se cruzan e se non tocan, con silenzos, planos, frases prá historia e emocións opostas. Pero inda o mellor é que irreal intauto non foi á sesión e non ma vai extirpar da memoria co exército do absurdo.
Ah, ademais vin outro inútil filme de tríades honconesas.
automóbiles
Atopámonos barataria e mais eu en salamanca.
Aparca o seu coche e seguimos no meu cara a big-maceda. Ceamos un pouco de morro de tenreira en béjar. Proseguimos viaxe contra o sono, e nun dos trozos en que non hai autovía, abeiramos o coche e fodemos. Vai luar. Enchen os asentos a luz e o brúo dos coches nas devesas.
Ao domingo volvemos. Nese día e medio meteramos moitos ferretes por toda a casa baleira de Iop. Andamos 230 quilómetros de curvas e déixoo onde ten aparcado o coche en salamanca. Pero cando arrinca, sígoo ata que se detén nun predio ermo entre casas ruinosas, nos arrabaldos. Subo no seu e volvemos foder, apresuradamente, co coche frío do inverno. Ao fondo chían as ratas e as rotondas.
introdución
Dez meses despois, Iop e Barataria coñécense. Proba superada.

22.11.05

sinais
A enchente de estigmas demostra a proximidade da apocalipse.
1. Atrapo a ulises roéndome o repolo variegado que me regalou o Plattdorf nun testo. Horas despois trousa. Ao limpar a papa do parqué localizo enteiriña unha xudía: debeuma levar do prato sen decatarme, quizais cando eu estaba calmando o repolo, explicándolle que non fora nada, que non ía volver pasar...
2. A gardacivil anda a espertar as miñas simpatías pola violencia.
3. Irreal intauto está entre nós.

21.11.05

apocalipse
Teño fundadas razóns pra pensar que a fin do mundo vai ter lugar esta mesma semana. Se non nos vemos antes, abur e grazas polos manises.

14.11.05

redución de vogais en posición átona final
Vou a facenda pra recoller un certificado de exención de IVE. Por tres veces así llo dixen á funcionaria, que por tres veces me pregunta se me estou referindo ao IBI.
A funcionaria de a carón precísalle: Te está hablando del IVA.
capuchas
Con Sueco durmindo na casa, collo a bici e subo á manifestación de cabodano do prestige. Chove frío e venta a morrer, e malia todo, unha chispa de galegos e galegas están aí impenitentemente, un ano máis. O país ás capuchas. Entre eles, a tropa luminosa dos ecoloxistas, Lula (a cadela de Neit), e o señor pawley tamén, así como Haicu e Luaneghra, que me conectan á corrente da alegría. Non merecen estas xentes ser recibidos polas palabras de rafa villar, pero non lles importa. Sacrifican un frío domingo, outra vez sen sentido. Algún arcanxo do ceo debería tomar nota disto e anotalo no libro dos orgullos.
cineuropa II
AugaCon martin pawley e cunha rapaza fermosa e deslumbrante botamos a tarde no cinema. Vemos primeiro Zona franca, de Amos Gitai, da que saio confuso coa sensación de que seguramente perdín algo moi interesante cando durmía. Bendícennos cun chocolate no bar de sempre, onde nerviosamente falamos dun artigo de Xeladeiro, do sistema educativo e de parapsicoloxía: custábame apertar a mirada dos rizos xeniais de Bossanova, dos seus finos dentes brancos, do seu corpo balanceado entre unhas pernas moi fracas e uns peitos perfectos cinxidos nun xarsei de lá. Afortunadamente confesa que non é blogueira.
Desconecto e imos ver Auga, de Deepa Metha, que non lle gustou a martin porque sabía que a nós nos ía gustar. Un filme só lixeiramente lambido, unha fábula con gandhi ao fondo sobre a vida das viúvas na india: mensaxe, fermosos planos, humor e personaxes extraordinarios. Tomamos unhas tapas hipercalóricas no bar da tenente risitas, e de camiño á despedida ía ensaiando frases pra Bossanova. Mais ela desarmoume cunha sentenza que non agardaba, tatexei, quedei pampo e retireime.
Levo a súa luz comigo.

13.11.05

pasado
Cando estou no medio dunha festa pouco exitosa que os colectivos homosexuais de humidtown celebraban prá súa parroquia, recibo unha sms de Futuroscope. Moitos meses despois sae do seu silenzo e ameaza con vir. E vén. Ten que levar a irmá de volta prá casa, e quédalle no medio unha hora e media pra foder comigo. Imos á casa e íspese rápido pero só corporalmente.
Non lle recoñezo a pirola, agora fea e torpe, nin o peito, ao que lle medraron de súpeto pelos desamañados que el atribúe a tres depilacións inaxeitadas. As súas exaculacións seguen sendo mareiras, e por iso sei que é el. Tamén garda os furados escuros da conciencia e ese ton hiperresponsábel cando fala da familia política e da sanguínea como se fose unha institutriz suíza. Nun dos ataques sexuais, pároo e cóllolle a cabeza: moitas veces agardei este momento pra que me contase por que marchara, pra soltarlle todas as preguntas que lle tiña en débeda. Agora póñolle namais a man na meixela e quero dicirlle tenrura. Pero creo que só me saen grazas por non quedar.
previsión
As últimas xornadas da semana foron un acúmulo de horas de traballo e bebedeira extenuantes. Aos días, baixei á cidade a un curso sobre accesibilidade web que me reconfortou coa vida e co traballo, pero que me gastou as poucas neuronas activas. Ás noites a Tenente Risitas e Spielberg, e tamén Ian, collíanme o ánimo entre todos os brazos, levantábamo e arrandeábamo como se o fosen guindar ao pilón. Pero botábano ao ar e pousábano na felicidade, suavemente. Houbo episodios excitantes, tensións, dilemas, momentos belidos, conversa e escaso repouso. E catarreira.
Na fin de semana recuperei o sono e o territorio da miña casa. Mentres, a Nino trasplantábanlle o corazón no último momento, a Barataria embargábanlle a conta polas multas da mariguana, e Xastriño mandábame mensas pra convidarme a sexo en atenas na ausencia de meus pais (inutilmente).
Os días que veñen inda van ser peores: máis excitantes, máis decisivos. Seguramente incluso máis fermosos.

10.11.05

pintura
DemocritoPúxome miña nai ao servizo do mestre Van Groten cando eu era aínda un cativo. Aquela tarde de vendima o mestre colleume os dedos pequerrechos, abriumos e volveumos cerrar ao redor dun pincel tan longo e pesado que me resultaba difícil de mover.
Aos poucos días Van Groten aprendíame xa só con palabras cómo se pintaba unha lámpada, cal era a cor da pel dos labregos, ou cómo se facía ouvear un can que permanecería infinitamente inmóbil ata o último dos días. Lembro marabillosas as horas botadas con el diante dunha leiteira. Ela trocaba floríns por sentar nun tallo e agardar, mentres el me corrixía a falta de intensidade, o exceso de presión ou, máis normalmente, a impacencia.
Outras veces, non menos fantásticas, Van Groten sorprendíame pedíndome lixeireza, disertándome sobre a beleza do rápido e debuxando case instantáneamente un paxaro onde eu xa só vía a póla a tremer.
Lembro os sorrisos de complicidade cando o pastor viña falarnos de Deus e dos castigos, a confianza coa que me mandaba abrirlle e cerrarlle os dedos a un novo aprendiz e os ollos soneiros de cando quedabamos á noite en combate cunha liña ou falando das novas cores que viramos nas feiras de arnhem ou nijmegen.
Un día todo iso mudou. De súpeto deixou de gustarlle como eu trazaba as columnas dos fondos ou como lle daba volume aos pregues dos tecidos. Berrábame por enredar na rúa con outros mestres ou mandábame encargos urxentes que despois amoreaba no alto do faiado agardando por un forasteiro que nunca aparecía. Marcháronlle o sorriso, a confianza e os ollos de sono ás noites, e a min desapareceume a ilusión.
Onte viñeron falarme uns antigos compañeiros: queren estabelecerse por libre en eindhoven, nun obradoiro novo, e retratar tendeiros e familias seguindo a moda dos tempos. Miro por riba do cabalete e véxoo a el, encrequenado, aprendéndolle a un rapaz novo sobre un pano en branco. Sobre a virxe que me encargaron comezo a pintar un retrato do mestre Van Groten. Só cando o remate poderei falarlle ao lenzo, dicirlle que estas mans son as súas e devolverlle os pinceis e o abano de cores co que pintei, ao longo destes anos, a miña vida.

9.11.05

Galiziengeist
O senador bloqueiro, Francisco Jorquera, sinalou nunhas declaracións públicas que os galegos tiñamos unhas particularidades culturais, económicas, lingüísticas e "mesmo psicosociais" de noso.
Abofé. I'm túzaro, I'm proud.

7.11.05

arqueoloxía
Despois dunha xuntanza na que argallamos unha movidola chuliña para as vindeiras semanas, e de despedirme de senalcume que regresa pensando en volver, vou ao teatro ver 'Seis personaxes á procura de autor'. Nin a tose me librou de padecer un texto interminábel, e excesivo cen anos máis tarde. Por que castigan a pirandello reproducíndoo enteiro? Algúns actores están sorprendentemente ben; outras porén continúan esa estirpe de actrices galegas que falan berrando e andan darrastro como se levasen un capacho de grelos ao lombo. Saio fuxindo e recóllome nunhas salchichas fritidas e na lectura dun novo libro: Tempos de arroz e sal, a historia do mundo logo de que a peste acabase cos europeos. A ver.

6.11.05

desaparición
O excesivo, disparatado e aqueloutrado traballo, e unha borrasca oportuna situada sobre o meu ámbito paralaboral, desconectoume da vida durante a última semana. Así nin me decatei do aniversario de (m)alicia, de que Henri estaba nos USA, doutras moitas encargas sociais, de picadas de roda, editoriais virtuais e regresos ao blogmillo. Tampouco houbo vagar pra repousar convenientemente dous agasallazos: o Consello de Exipto, de ian, e Tarkan, de plattdorf. Agora, remoendo na miña impostura axeitada aos tempos, e co ídolo de adolescentes turcas de música de fondo, reaparezo.
A semana preséntase intensa: o futuro volve entrar ao bombo. A ver qué bóla sae, por qué pista despegará esta vez o avión.
cineuropa
Coa chegada da outonía regresa a febre fílmica de cineuropa. Agora son moito máis vello cá primeira vez, hai doce anos. Xa non coñezo os mozotes cos que compito en desigual liorta por unha praza no patio de butacas. Ademais, espállome co resto dos vellos polos asentos soltos que quedan nas estremas da sala: a soidade é así.
Nesta carreira vexo a moi formidábel viva zapatero, que cun título desgrazado (case dous anos e seguimos á agarda dunha lei da televisión) analiza comicamente a situación de paraditadura que vive italia. Paixón, decoro e pudor, nun filme que reunía todos os condicionantes pra que saíse mal e saíu ben. Outra xoia é A coitela (Arcadia), de Costa Gavras, historia dun paisano que emprega o crime como método de selección laboral, construída cunha exquisita precisión no guión, e que fai remoer as vísceras durante un bo pedazo postfílmico.
Non saio tan ben de CSA, a historia-ficción do que pasaría se o Sur chegase a vencer na guerra civil estadounidense e o escravismo continuase ata os nosos días. A partida é brillante, pero non chega a transformarse en película: toqueo a miúdo. Mellor é Va, vis et deviens, que se podería traducir ceibemente como Vai, vive e faite un home: un produto fabuloso, contado ao longo duns intensos 140 minutos, e que se destraga por tres ou catro couces metidos no bandullo do efectismo.
Atrás quedan tamén as Flores rotas que tanto compraceron a martin pawley e que vexo en Ciudad-Ajo. Unha vez máis discrepo con el: ten momentos paveros, pero acaba caendo nunha insulsez que só deixa como resultado positivo que Barataria acabe pousando a súa fermosa cabeciña sobre o meu ombro e perguntándome, amolecido e ilusionado, qué pasou.
reciclaxe
Na aruga multiculti de Ciudad-Ajo sorpréndennos uns carteis que inzan os muros e as portas dos locutorios. Andan a recoller móbiles antigos e fóra de uso. Logo instálanlles baterías de construción artesanal, métenos nunhas bolsas e guíndanos cara ao outro lado dos valos de melilla. O obxectivo é que os cidadáns expulsados ao deserto poidan indicar a súa posición.
Asáltanme millenta dúbidas: será verdade esta argueira do maná tecnolóxico? cal é a cobertura do deserto? as baterías artesanais constrúenas os pretos, os chineses, a rede do terrorismo internacional ou mozotes esvaídos e militantes? quen as guinda pró outro lado dos valados? e a máis importante de todas: que radiotelegrafista estará pendente de todos eses sinais que seguen nacendo do deserto?
Opaco, pídeselle confirmación ou rexeite.
estupendos
En relación á palabra comozo e á interpretación exposta polo meu moi amado plattdorf con respecto ao uso de comozo ou combozo pra referirse a todos os parentes de cosexualidade, sinalarei apenas:
1. A palabra combozo é moito máis fermosa ca comozo, así que estou reconsiderando o seu emprego.
2. Paréceme innegábel o razoamento do señor plattdorf, que pra algo ten estudos, pero considero que confunde riazor con balaídos á hora de determinar o punto de partida.
3. Ben, é verdade que o termo medieval é combooça, e non menos certo que o mb non se perde nunca. Pero a miña hipótese é que ese B nunca estivo aí, e que é un grafema fraco e inestábel pra representar o encontro entre un n velar e un m labial inicial. Porque, veña, dígame, dende unha perspectiva histórica, quen demo puxo ese B aí?
4. Reafirmándome no punto 1, engadindo que combozo me parece un disparate digno de ramonlorenzo, empregareino a partir de agora con total dedicación.
as linguas de españa
— entro no alcampo de parque-temático-cervantes. Recíbeme este letreiro: bienvenido - bun venit - witamy was.
— vou á carreira pola liña un do metro, pero teño que parar en seco: un dos pósteres, entre os filmes, felicítame o ramadán en francés e árabe (ignoro se clásico ou contemporáneo).
— como temos apuro, ceamos rapidamente unhas salchipapas en Casa Ecuador, un bariño de cinco mesas perto de atocha onde dominguean catro familias de ecuatorianos de aneis dourados e pelos tinxidos.
dentista, III
Arriscando a caer nese desagradábel monólogo dentario que é a autobiografía de martin amis, comento a primeira visita ao cirurxián maxilofacial. Con 90 minutos de retraso sobre o horario previsto, recíbeme un doutor bateado que non me abre nin o fuciño. Mira a placa ao viés, ditamina que é necesario operar e esténdeme unha folla coa listaxe de todos os males que me poden acaecer nese caso, pra que eu asine o meu consentimento. A listaxe está unicamente en castelán.
Despois pido vez: o 8 de maio de 2006, se chegamos aló, abriranme a enxiva e extraeranme esa moa díscola que teima en medrar deitada. Despois virán días de dor, de puntos que se solten, pequenas hemorraxias e unha inflamación prá que o doutor aventura catro días de baixa. Meses máis tarde, se todo vai ben, recibirei resposta polas tres reclamacións efectuadas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?