<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.12.05

deus
O traballo este no que ando, e que me fai perder algunhas noites, permíteme cruzarme con frases coma esta, pronunciadas nunha xuntanza en principio seria: "Gracias a dios, Mondoñedo sempre foi unha cidade de moita cultura".

27.12.05

gala
A tarde do domingo é fera e ameazadora, así que tento pasala metido no sofá, aforrando todos os movementos posíbeis. Comezo un par de sudocus, pero é un esforzo intelectual demasiado grande pra esa sesta de mazapán, e déixome engadar pola televisión. Zapeo en roda e caio na repetición da gala de Noiteboa da TVG. Aguántoa, a medio camiño entre o experimento sociolóxico e o abismo (comprobo que ao lado escuro tampouco lle gustou: así o din aquí e acolá).
Houbo grupos galegos, cando menos na parte que eu vin: Malvela, DeLuxe, Uxía, Luz... Pero iso a min pouco me importaba, pois o peor foi o resto. A fiada zoupona e cutre de esqueches transmitía a sensación de que a gala se estaba gravando a comezos dos 80. De feito, ao mesturaren imaxes actuais coas da prehistoria da tele, ás veces perdíase a consciencia do tempo: distinguíase a arquividade das tomas só polas enrugas dos presentadores. Pedantes, atrapados no paradoxo de facer galas de nadal prá xente que non lle gusta o Nadal, romos nas chanzas e inaceptabelmente aldraxantes cando se bulraron de xoanpardo porque este ano non presentaba o programa. Imaxinan vostedes a xoanpardo rindo na tele de antonio durán morris? Non, e aí é onde se ve a clase. A este paso, os novos responsábeis da tele conseguirán o que parecía imposíbel: perder un público fiel sen gañar nin sequera un só espectador novo.
O mellor momento de todo o programa foi un flashback, unha imaxe do pasado: Marta Sánchez di a enigmática frase de 'Brindo para que Galiza non esqueza, e xa sei que me ides cortar...', á que lle responde xoanpardo 'aquí non se curta nada'. Non parece verosímil que exercicios así se puidesen dar na lama que conduciron morris, evaristo e taracido, seguramente tres dos mellores humoristas do país.
Por sorte, ao rematar puxeron Pratos combinados.

26.12.05

tabaco
Asolagado polo espírito do nadal, acudo á chamada de Xastriño. O pai fóiselle por tabaco hai un mes e medio e non souberon máis del. Sumando esa mesa sen prato e que necesitaba que alguén o subise ata a aldea, acordamos trocar taxi por sexo. De camiño, pasamos revista á actualidade dos últimos retos laborais, á Cidade dos Nenos Perdidos e a algunhas cousas máis.
Ao chegar, meto o coche pra foder na pista de sempre. Faino moi ben, ou facémonos moi ben. Apertámonos ao remate, vestímonos á xiada e, antes de despedirse, cisca tres ou catro zurrichazos de dolcegabbana sobre os asentos de atrás pra agochar ese lixeiro olor a soidade que quedou na tapicería.
lonxe
Planificando a cea de fin de ano, decátome de que entre os convidados abondan as parellas mixtas galegoespañolas. De feito, son a gran maioría. Paréceme curioso, e repaso mentalmente o refrán: quen lonxe vai casar, ou chata leva ou vai buscar.
derrota
Preludio do nadal é a visita de Peke e B. Veñen a humidtown pra estar cunha parte da familia. Como non atopamos sitio onde ir cear, acabamos nun restaurante italiano atendidos por un fermosísimo camareiro árabe co que parrafeo bastante coa mirada. Falamos disto e daquilo, e logo dunha insidiosa pergunta de peke sobre carod rovira, comezo a discutir con B. sobre racismo, a cope e esas cousas dos conservadores. B. busca ser moi alternativo e deixarme en orsai como a calquera pillagaliñas prisófilo, pero na paixón do xogo atropela cousas verdadeiramente importantes.
Namentres, a uns metros dalí suceden cousas na familia de peke: a nai vai pró hospital, con datos confusos, e temos que interromper a conversa xusto cando B. berraba en alto frases que anulaban toda posibilidade de flirt co rapaciño árabe. Erguémonos e facemos unha incursión nouturnia na casa onde Peke se fixo grande, que é sorprendentemente oposta a todo o que eu sei e imaxino de Peke. Despois de calibrar o risco de que unha explosión de butano supere a cifra de vítimas da tsunami, baixamos pra continuar a conversa nos bares. Pero a familia e a súa memoria é moi poderosa e átanos cos seus tentáculos de miseria.
Ao pouco retirámonos, vencidos.

22.12.05

foder por militancia
I. O venres, saíndo con Naraío, Melmac e a Tenente Risitas, entro nun deses bares de humidtown: está ateigado. Ao pouco cruzo a ollada cun rapaz de brillantes ollos azuis. Mirámonos como se quixésemos lembrar. Pasan cancións e cobadazos, e logo dun bo pedazo achégaseme e pregúntame se nos coñecemos. Empezamos a tirar do fío e damos cunha tarde nunha gran superficie comercial da cidade: el era caixeiro e vestía de vermello; eu levaba unha gran vaixela de agasallo pra Barataria. Si, lembramos ben os detalles. Preséntaseme co nome complexo máis absurdo que escoitei nunca e logo dáme un bico: meixela esquerda, meixela dereita, breve pausa, lingua.
Apenas podo reaccionar, e aos vinte minutos estou na cama tentando xestionarlle unha pirola totalmente ebria e unha grotesca macedonia de pronomes. Ex-traballador da industria nacional, deixouno todo pra vivir nunha vila da comarca cun mozo estranxeiro. Pero (engade), a súa relación está case morta.
II. Dous días despois, de volta de Ciudad-Ajo, fago escala en Little-Cáceres. Alí agarda por min un rapaz de dezanove, recuncador de segundo de bacharelato, que asegura que era bo estudante ata que se botou a foder. Manexa unha axenda de concubinos de 150 kms de radio, xentiña coma min que lle gastamos os pistóns ao vehículo pra meter ferretes nas pistas, detrás dos arrós. Meréceo: un corpo fabuloso, unha pel de 19, un sentido do humor peculiar, unhas violentas exaculacións e, por suposto, un xenial e auténtico paleogalego inzado de tus, iles e faer-mamadas.
III (aclaración). O conceuto de foder por militancia non é meu. A persoa que o concibiu prefire gardar o anonimato. O conceuto refírese a esa preguiza que medra cando fodemos por aí co único obxectivo de convencernos de somos total e absolutamente independentes das nosas parellas. Aínda que en realidade creo que todos, dunha forma ou doutra, fodemos por militancia.
viaxar
Había moito que non me deixaba levar polo coche, así que aproveito o primeiro día libre en dous anos pra trazar unha liña imaxinaria que saia de Parque-temático-cervantes e cruce por colmenar viejo, segovia, tordesillas, villalpando, as lagoas de villafáfila, mombuey, lubián... Ao meu paso arrebólanse naves industriais, ábrese o asfalto, langran os camións, pairan os miotos. Teño que darlle ao limpaparabrisas traseiro: unha pasta de gasoil, follas secas e dióxido de quilómetro impídeme mirar o que vai quedando atrás.
cidades
Escoito falar na radio un progre pertencente a un grupo ecoloxista. Indígnase porque van cortar non sei cantas árbores en Ciudad-Ajo: "son a única forma que temos de darnos conta do paso das estacións", proclama indignado. Miro ao meu redor: os bafos dos vidros nos bares, a inclinación da luz sobre as chapas metálicas, as rúas sen nenos, os pretos con pucho, as putas facendo laradas ao pé da estrada, o lixo proteínico das beirarrúas, a opacidade do aire, o bruído dos coches... Non son eses sinais inconfundíbeis do inverno? Non os perciben?
Van ter que cortar máis árbores pra que esta xente poida ver o bosque.
jacarezinho
O xantar de despedida a Jacarezinho resulta bastante divertido, anque a enchenta de churrasco deixa tristes e insistentes secuelas no meu bandullo. Jacarezinho marcha do traballo que compartimos nos últimos tres anos, e inda non o asumín: parece que en calquera momento se vaia erguer e romper o silencio cos versos dalgún poeta máis esquecido ca morto.
Jacarezinho foi o meu ídolo. Era outro tempo, si, pero eu pensaba que aquela vida de solteiro era a fórmula máxica para tirarlle o máximo beneficio á adultez. Sexo, libros, quilómetros... Logo funme decatando de que pouco diso era certo. Era máis ben a cara amábel dunha montaña de caos, algo así coma o bañista arrastrado que queda, enfadado e co cu na area, ao retirárense as ondas que o derrubaron. Sumáronselle a esa percepción diversos problemas laborais que non axudaron a nosa relación. Pero seguimos (seguiu, sobre todo), mantendo a cordura.
Agora míroo e compréndoo. Compréndoo perfectamente nas súas limitacións, nas súas fraxilidades. Éntrame a tenrura. Gustaríame erguerme da cadeira e irlle sobar algo o peliño branco da cabeza. Pero agora só hai unha repoluda e atrevida melena.

16.12.05

xenofobia
Eu non me meto nestas cousas, pero creo que a fiscalía de menores, o Defensor do Pobo e rodríguez menéndez deberían persoarse ante artigos coma o que Pilar Cernuda publica, por exemplo, en galiciahoxe.
Ninguén conta que no seu instituto tiveron que pór seguridade privada na porta porque desde hai semanas os latin kings asexan pola zona e pegáronlle xa unha malleira a un dos seus amigos; tampouco contan que as dúas nenas musulmás están a vivir un inferno familiar porque a súa relixión, que os seus pais seguen ó pé da letra, indica que a muller debe estar na casa a partir da menstruación. Nenas coas que Xabi apenas cambiou palabra a pesar de que compartiron aula varios anos, elas non falan máis que coas nenas musulmás. Así nunca se sentirán ben, acostuman comentar Xabi e os seus amigos. Ademais demostran medo ante os nenos musulmáns, que son cantidade, medo a que as denuncien se as ven falar con compañeiros. Por certo, a Xabi preocúpalle, e moito, que os musulmáns fagan rancho á parte.

15.12.05

quincalla
Levo días arrastrando un pesado fardel de posts perdidos.
Había motivos. Primeiro algo de desilusión, despois axiña a xenial visita de Barataria, logo tres xornadas de traballo espremidas ata o último segundo da madrugada, e pró remate unha finde atarabelada. Conforme aumentaba o peso do fardel facíase máis difícil postear. Perdín moitas cousas nos blos amigos. Tampouco fixen aínda esa reforma que me pide o corpo e me esixe Naraío Nazón.
Agora, na cama, despois de romper de novo os lentes que Ian me pegara maxicamente, boto o fardel ao chao. Ábroo:
• Un espectáculo de travestismo e carraxe impulsado pola mexicana Astrid Hadad. Como cheguei tarde non podería xuralo, pero fíxoseme algo eterno.
• Levaba anos soñando con este concerto, pero Salif Keita venceu os soños. Máis ritmoso ao comezo, directamente ás vísceras nun relanzo manexando a guitarra como se fose unha cora, e fin de festa danzamente africano, con inmis e coas mans de Barataria apoiadas sobre os meus ombros. Mirábamonos, sorriamos, subhastábamonos percusionistas.
• Visita sorpresa a Peke e a Bolli, que remexe no lume. Barataria queda prendado deles. Normal.
• Excursión polo Porto pra comer as tripas. Paseos ao frío e ao sol da ribeira. Actividade comercial. Té de rooibos no artesempartes. Barataria, que nunca viñera ata aquí, fica moi contento; quere volver con máquina. Na próxima saudaremos ao renas, sairemos na noite e quedaremos a durmir. Vai haber próxima.
• Comezan as dores de gorxa. Proseguen as diarreas: xa levo un mes.
• Velorio da avoa do Plattdorf. Ás veces parece máis sensato facer as cousas na casa. Lémbroa tamén eu, un pouco, saíndo por unha porta interior, como se pasase algo, en tenro equilibrio entre o medo e a calma. Pasamos uns breves minutos co Plattdorf, movéndolle a mira da carabina. Pero no avión e na cama non puidemos estar con el.
• De volta pola autoestrada, sesión de psicoanálise intensa con (m)alicia. Reflexión sobre o conceuto de 'foder por militancia'.
• Fodo por militancia cun brasileiro estraño que me bota 21 anos. Agradado polos nove de prórroga que me concede, déixome levar en taxi ata o seu piso, a poucos metros do de kate. Comparte morada, ao que se ve, con traficantes de torradoras, batedoras, televisións e demais electrodomésticos. Dorme entre dúas mantas, sen sabas, baixo unha luz ultravioleta para facer brillar os dentes, os calzóns e os globos dos ollos dun himalaia de perruches que nos observan dende todas as partes. Teima na penetración anal, e canto máis teima máis me lle reviro. Logo proponme sexo inseguro. Así que a piques de eu marchar, optamos por unha sosa solución de compromiso. Ao saír da casa, á amañecida, penso en kate.
• Pra desintoxicarme, ando en bicicleta con senalcume, que vén cargada de boas novas. 16 kms. de noia ao cruceiro de roo, e volta. Frío, cansazo nas pernas. Liberación. Suor. Máis diarrea.
• Teño un encontro con rapaces e rapazas de quince pra falar con eles disto dos blos. Os seus profes dinme: non son coma nós cando tiñamos o seu tempo, hai que ir máis amodo. Pero algúns deles teñen blos e unha espabilación que xa me gustaría atopar na miña clase de 40 alumnos en 1989.
• Finalmente, e logo dunha visita a meus pais, quedo con Ferre para saber qué foi o que pasou na súa vida que o ten tan fóra de si. A historia que me guinda mentres paseamos polas pistas de atletismo atenienses é moito máis do que eu tiña capacidade de escoitar. O mundo fáiseme máis áspero, e ao mesmo tempo máis humano. Non podo contar ren, porque el expresamente vedou este blo. Pero se existe unha novela sobre a desilusión, esa é a súa.
Recollo o fardel. Seguimos viaxe.

14.12.05

bingueiros
Miro e remiro buscando tempo pra postear todo iso de salif keita, o sexo co brasileiro, a avoa de plattdorf, a viaxe ao porto con barataria, ou esa historia fantástica e dorosa da que fun partícipe nesta fin de semana en atenas. Pero non o hai, ou non hai forza.
Onte tiñamos a Tenente Risitas e mais eu que levar un par de caixas de preservativos a ankara. Con tal fin, xogamos (e gañamos!) o maribingo que cantou a sempre elegante e fermosa Pía de Tolomei: vinte eurazos, conducir de noite e sen lentes, uns güiscolos pra celebralo...
Aí, nesa felicidade parva de berrar bingo e bailar a música d'O barco do amor afogaron os posts posíbeis.

13.12.05

lentes
Cando esta noite estaba na cama a ler, mentres repasaba mentalmente os días de sexo, morte e iogures (pra postealos), e, especialmente, mentres cavilaba como afrontar a inmensa avalancha de promocións que me tocan pra esta semana, sentín un pequeno golpiño no colo. Algo caeu.
A patiña non soportara a presión.

PS: Necesito de urxencia un oculista en humidtown, a ser posíbel muller e nova. Se é faladora xa é o máximo.

12.12.05

...
Anque non o pareza, estou vivo.

2.12.05

búmeran
O día prometía moi brillante. Comezou cun contacto con mozos estudantes: a sempre disposta Proxecto de Xornalista, un fermoso Príncipe Hindú e a combatente Acción-Reacción entrevistáronme prá radio. Un bo presaxio, pensei, e incei as arterias da súa enerxía de venres á mañá.
Pero non: a porta do futuro pechouse de súpeto, silenciosa, exacta ao limiar. Dime o Grande Aduaneiro: un non é o pé para todos os sis. Así que me agarro ás súas palabras e aos cariños da Tenente Risitas e de Ian e imos virando unha xornada pesada.
Á tarde, Ian sorpréndeme cun búmeran precioso que leva debuxado unha planta que tamén é salamántiga. Pésoo nas mans e fago acenos de botalo a voar. Remóenme as dúbidas: non sei inda ben cómo, pero penso guindar o búmeran unha e outra vez. Ata darlle ao canguro na caluga.
ata 3
Lévame (m)alicia á estrea d'Os homes só contan até tres (Factoría teatro). Os escintilantes alustros do texto de Alopo e a vontade dunha das actrices son un loábel esforzo, pero ao final todo resulta un despropósito sen xeito nin maneira do que desconecto: fíxome nos vídeos do fondo, no público, nos mobles... coa pregunta de se aquilo que leva o actor revelación é pirola. Si, certamente así o parece.

1.12.05

cineuropa IV
Rematou novembro e con el cineuropa. Sorprendentemente, hai moito menos público ca outros anos: en 19 filmes só nunha ocasión me tocou ir prós palcos e sempre pillei entrada no patio de butacas. Así que vai resultar certo que o pracer masturbatorio do dvd está acabando co cine en grupo.
Nesta última tanda vou ver o documental Vinícius, do que martinpawley falara tan ben. Só se me ocorre un xeito de facer un documental peor, pero afortunadamente a vida e a paixón do cantante brasileiro sacan forza do imprevisíbel. É mellor vivir ca ser feliz, dicía el. E vese nos ollos marabillosos de chico buarque, no sorriso sorprendente de ferreira gullar e sobre todo as únicas secuencias del, totalmente borracho de güisque, fumando, deixándose caer de esgotamento sobre o sofá de escai.
Tamén por consello de martinpawley acudo ver un filme mongol, A cova do can amarelo: unha cadea de eventos etnográficos, ben trazados e sen máis alegría: fotos bonitas, rodas de carro, costumes nómades e chascarraschases mongois varios. Está ben pró frío saber que aló os veráns son así.
Quedo definitivamente flipado con Manderlay, de Lars von Trier. Non vin Dogville, e non sei se esta lle segue polo pau. Pero a sorpresa é total. Ademais de toda a reflexión sobre a liberdade, a democracia, a vontade, a capacidade e a traizón, prá que necesitaría un computador cerebral tres veces máis potente, o espazo escénico déixame remoendo toda a noite. Tome nota, ánxelescuña, de por onde vai o teatro. Isto é o que quero ver entre nós. Anque haxa que filmalo con cámaras.
Os Estados Unidos de Leland pasan unha vez máis pola vía de adolescente asasino (versión adiñeirado) e resulta tan entretido como prescindíbel, e Un ano sen amor é un filme sobre a sida, e polo tanto imprescindíbel, que ten como maior mérito o protagonista e levar á pantalla ambientes reais de sexo SM en Bos Aires. E pouco máis.
Ah, ademais asisto a unha pretensiosidade francesa sobre pighos espiritados, rollito multiculti e ralle xeneralizado. Quedo fóra de Moolaadé, polo horario: non se pode estar no allo e mais no tallo. Pillareina en DVD.

PS: Xa acabei cos targetblanks. Tamén cos [b] e os [i].

This page is powered by Blogger. Isn't yours?