<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.1.05

espertar, IV
As naves sucédense unha tras outra, vertixinosamente, pintadas sobre unha acuarela de inverno soleado e contaminación. Fascino no tren de proximidades que xongue Alcalá e Príncipe Pío. Apoio a cabeza contra o vidro pra ver mellor os grafitis, e as torretas e os solares industriais. El apoia o seu xeonllo contra o meu. Son todo tristeza, todo felicidade.
quixote
Os tópicos superan o real: el vive en Alcalá de Henares, na rúa Batanes. Na mesa de noite, entre os preservativos, ten un exemplar do quixote forrado con papel branco (edición de castalia), coma os rapaces.
Como chamarlle a esta última volta de torniqueta do meu problema sentimental? Barataria?
chueca
Despois de berrarlle a Plattdorf acudo tamén eu a chueca. A primeira noite, acompañado cun dobre australiano do mesmísimo Plattdorf (verídico) e outros amigos. Bailo ata o mencer eu só, sobrepasado polas carreiriñas farlopeiras dos demais. A segunda noite, nunha festa de travelos na que actúa sorpresivamente Genís e na que cobadeo cun importante cineasta (tamén verídico) sorrime a fortuna. Aparece un rapaz, extraordinariamente fermoso. Da miña idade, traballou organizándolle as viaxes ao realmadrid e agora apréndelles a futuros turoperadores qué temperatura vai en istambul en outono, cantas son as illas gregas ou cando comeza a estación das choivas en dakar.
Ten unha habitación moi deconstruída e certa propensión a refrescar o nariz. Fódeme como había moito tempo, e sinto que perdo pé nun abismo de 637 quilómetros de distancia.
parellas
LM constrúe en el ejido unha parella de libro. Sumados no amor, vanse acomodando na medida en que os días pasan, cean, van en coche traballar, voltan, cean, visitan a familia, compran pan pra torradas, comen coa familia ou cociñan. Paseo con LM pola praia: debúllame a súa felicidade mentres vemos flamengos e metemos os dedos na area. Cando me despido, o vih de LM repousa contra a válvula cardíaca de Almería.
Apandador e Apandadora veñen con retraso. Gozan do sol da mañá mentres eu leo o xornal apoiado nunha varanda da praza de Antón Martín. Bícanse e déixanse quilómetros de liberdade. Envéxolles a pacencia. Despois ela e eu percorremos recoletos, colón, xénova, bilbao e fuencarral: debúllame a súa felicidade mentres vemos deportivas nos escaparates. Cando me despido, Apandadora vai planificar as súas vacacións; Apandador ensaia a unhas poucas rúas de alí.

29.1.05

aceite
Ao pouco de saír de úbeda paro o coche na beiravía. Camiño un pouco, apartándome do asfalto. Mexo contra unha oliveira e a paisaxe fica en silencio.
Levo ducias de quilómetros con este recendo tan intenso a oliva: imposible apartalo do nariz.
maldizón
Todo o que me puideran dicir do mar de plástico era pouco: cando subimos ao alto do barranco vemos o mediterráneo ao fondo; pero máis grande, máis próxima e máis fermosa esténdese unha chaira ondulada e xigantesca de pvc brillante. Baixo os plásticos dos invernadoiros milleiros e milleiros de traballadores ilegais recollen xudías, tomates cherry ou tulipáns fóra de tempada. Nunca vin nada tan fascinante, tan asombroso.
Por iso non me sorprende que na parede dun deles, con letras ben grandes, alguén escribise pra que o lesen dende a estrada: me cago en los muertos del que me quitó el pollo.
españa
Salmorejo. Tabernero. Lombo de orza. Carne en mollo de allo. Torradas con xamón e tomate.

28.1.05

espertar, III
Un termómetro dupont na parede marca menos tres, escordando o seu record. Fóra esténdese un xardiniño azul e frío de iates, parrulos e bares irlandeseses. Pasa unha dinamarquesa cun cadelo. Máis alá, non se ve, áfrica. Vou duchar, que me quedan os pés fríos na baldosa.
estado da miña relación con Paleólogo
Síntome tremendamente contemporáneo cando penso nel. Chego a lisboa case como se fósemos descoñecidos. Bicámonos ao tímido; explícame as cousas básicas. Fodemos, eu algo a contragusto ou desnecesariamente. Pero despois de ir buscalo dous días á saída do traballo, e de compartir ceas, alentejano e haxix xuntos, parece que nos inventamos unha relación cómplice de meses. Amámonos, ou facemos os xestos do amor que nos permiten imaxinar irreflexivamente que nos amamos.
Non falamos de nós, do noso, porque tememos decatarnos de que non existe.
Despedímonos lightly na rúa, ao paso do eléctrico 28, prometéndonos unha visita nova, algunha vez, sen día.
fuxir
Penso, cando conduzo cara a écija, que quizais non me gusten os quilómetros do coñecemento senón os quilómetros da fuxida.
Que talvez só me guste fuxir.
últimas
Falamos DjSu, Iop e Tecnólogo mentres bebemos viño en big-maceda. Un quinqui doutorando de Tecnólogo, oriúndo da comarca da Vera e tan pachuceiro e guedelludo como fermoso, está a estudar o situacionismo. Tamén lle amaña a instalación eléctrica da casa de Tecnólogo, afeito como está a haquear contadores na aldea. Así que non sei como do situacionismo pasamos a outra cousa, e a outra, e acabamos falando dela, da morte, e das últimas vontades, algo que cada vez facemos máis a miúdo.
Os 40.000 quilómetros anuais na estrada superan a miña predisposición xenética ao cancro. Debo deixar todo recollido. Será nunha curva.
até já
Vin algo da lisboa rica e da modernita. Mesmo merquei unhas tenis wapísimas á medianoite nunha tendiña do bairro alto, desexando que se convertesen en vidro.
Sen embargo os preconceitos non me deixaron sorprenderme con nada: saltaban as ruínas, os ionquis, a roupa tendida e as costas tal e como o imaxinara nas outras viaxes.
Así que sendo unha cidade que me gustou infinito, arrinco dela cun sabor estraño.
Fágoo pola ponte vasco de gama, e despois cruzo montes de oliveiras e sobreiras, por territorio comunista. Con Paleólogo ou sen el, hei de voltar. Axiña.

27.1.05

vencedores e vencidos
Non pensaba meterme no terreo do Boss e do Barnabé, pero esta mañá coincidín a menos de tres metros con santana lopes. Así que alá vou:
1. Que partido que pretenda gañar pode poñer como eslogan contra ventos e mareas, a favor de portugal?
2. Que partido que se pretenda ilusionante pode poñer como eslogan para mudar a sério? Noutros paneis incluso acrecentaban 'a luta continua'. Ata cando?
3. Que partido da esquerda 'modernita' pode poñer no cartel un fondo vermello, un logo en amarelo e a peor cara de úlcera do seu candidato?

Así as cousas, a absoluta do líder-máis-guapo-da-unión está máis que cantada.
pausa
Teño moito nas retinas pra bloguear, pero tamén teño unha alta presenza de rioxa nas veas e a mesa ciscada de apuntamentos sobre harry potter. E mañá madrugo.
Con vagar, dende big-maceda. Mañá, almería.

25.1.05

unplugged
Coa sensación de burlar unha convención do xénero posteo en diferido, porque non me dou conectado co netcabo.pt dende a casa de Paleólogo. Ao redor, a familia francesa e os restauradores comparten pachuzo. A nena Maia, de seis anos, fala alternativamente portugués, francés e español, e mira pra nós.
todas as cidades
Ao comezo, lisboa era feita de brétema e frío. Colleunos a todos desprevidos. Así que fun ás ruínas do Carmo, a xogar cos gatos e os cadaleitos. Cando erguía o sol, caín sobre as tendas da Baixa. Petisquei algo, uns doces, un panado no pan, e subín ao Chiado e ao Bairro Alto. E cando o sol descía, tomaba café no Rossio, lía o xornal. O solpor píllame na Alfama, nas escavacións da Sé, onde recollo a Paleólogo.
Lisboa resúltame máis cutreira do que imaxinaba, pero sorpréndeme ver como agardan en fila polo bus. Non vexo nenos, nin ricos, nin modernitos, que deben andar noutras rúas. O sol fai a cidade lixeiramente máxica. Hai edificios que xa vin en varsovia, olores que xa sentín en atenas, incluso algunhas casas no mar, rosadas, cheas de guichos, que ben poderían estar en dakar.
Afágome ao plano, á luz. Gústame.
espertar II
Estou a durmir nunha casa perto do metro de Intendente, un dos bairros chunguillos de lisboa. Tamén perto da embaixada italiana. Ao carón teño o corpo miúdo de Paleólogo. Recibo unha mensa de parabéns que me manda bukowski: ao parecer falan na coz destas balas. A vaga de frío siberiao chega a lisboa. Hai que ducharse e botarse a ela.

24.1.05

provisionalidade
Paleólogo vive en Antero de Quental. É un piso moi antigo, todo de madeira. O corredor, a tres niveis, comunica as habitacións dunha parella hetero de franceses, a súa filla, unha restauradora galega, unha parella de gais (brasileiro-inglés) que agora están en berlín, outra restauradora galega (agora en natal-brasil) e Paleólogo.
Posteo nun dos sofás. Enriba do outro hai unha libreta coa lista do bote, un trade de xogar da pequena Maia, e un dos mangas en xaponés que esqueceu aquí un tal Mishio no ano 99 e que Paleólogo emprega habitualmente pra calzar o armario.
Todos neste piso veñen e van. Coma todos.
portugal
Percorro toda a recua de limitacións de cincuenta que hai dende Caminha ata Alenquer. Detéñome nos canais do fermosísimo Aveiro e na máis extraordinaria Leiria, fría, ao pé do campo de fútbol. Vilas vellas, morredoiras, onde me sinto coma o único turista, contracorrente das parellas e familias que van pasar a tarde do domingo ao centro comercial.
As vellas que guindan o lixo comparten espazo cos locais de ensaio dos roqueiros: hai tendas en traspaso, tendas en venda, tendas en ruína. Así se fai portugal: uns van ben e outros mal.
espertar
Soa o reloxio con nove badaladas. Despois con dez. Arríncome dun estraño diván, onde hai unhas horas falaba e fumaba e bebía peke, logo de chimparmos un riquísimo ollomol ao forno con cabaza. O día claro éntrame por todas as partes, e o sol. Enfronte teño as cíes e un pouco máis alá, vese, irlanda.

22.1.05

telegrama
Destino final: lisboa e pra diante.
Meto unha considerábel toupeñada coa bici: coxa inchada, morada, dorida.
Xanto con senalcume. Falo con Feiraco. Levo a Lola ao taller (115.000). Vou á biblio. Quedo ata as dúas e media traballando en cousas miñas. Estou derreado: comezo a valorar a posibilidade dun retiro en big-maceda vendo grous e lendo.

20.1.05

paciencia
Sigo sen saber dende onde bloguearei a vindeira semana. Cun teclado turco? Cun teclado tuga?
recepción
Un destes días en que non tiven vagar pró blogueo quedei con Mexicano. A miña idea era que el só andaba á procura de foda. Pero foi del o de ir ao cinema e de tomarlle algo pra vencer a noite fría, co que aínda se complica máis o dilema de brancaneves. Descubro que é moi moi tatexo, especialmente por teléfono. Inmensamente grande, inmensamente forte, inmensamente dinámico.
Cóntame de como o prendeu a policía dúas veces mentres estudaba na universidade de richmond (virxinia), ou de como a súa mellor amiga é filla dun ex-presidente de guatemala. Tamén me fala das súas longas parellas, da febre que lle deu polo ximnasio nun tempo atrás, do seu iMac e de que este verán quere facer un máster en terrorismo internacional no King's College londinense.
Pecho os ollos: véxome nunha recepción oficial, en Cidade de Guatemala. Eu levo un traxe branco, ben curtado, mentres o meu embaixador lle estreita a man entre reverencias ao premier local. Despois ceamos tranquilamente algunhas exquisiteces e un gorentoso viño californiano. Fágome colega da embaixadora alemá. Chámase Marianne. Coñece a Plattdorf.
Esperto.
marte
Quédanme quince páxinas pra rematar Marte Vermello, o meu primeiro gran libro de sci-fi. Como é posíbel que levara tanto vivido sen amartizar nunca, anque sexa por escrito? Abofé, non entendo nada: falan de mestización da atmosfera marciana, de gravidade -3, ou de crear un asteroide en zona extragravitatoria pra exportar doadamente os recursos minerais do planeta vermello.
Pero tamén contan cómo os asolagamentos que se producen logo de décadas de colonización son unhas secuencias continuas de estouridos, ruptura e conxelación inmediata, unha detrás da outra, como unha ametralladora universal estendéndose polos quilométricos canóns e cráteres marcianos.
Ademais, en Marte estoura unha revolución, e é que nun novo planeta quizais unha nova sociedade fose posíbel. Utopismo, amor, carraxe, mezquindade e incluso un certo friquismo son os engadidos. Ben logo van vir Marte verde e Marte azul.
kansas
Dille o espantallo a Dorothy: Se as vosas cabezas estivesen cheas de palla, como a miña, seguramente viviríades todos en países fermosos e en Kansas non habería ninguén. Que sorte ten Kansas de que vós teñades miolos.
fútbol
Quizais poida ser cuspido nos ollos ou azoutado publicamente, pero o traballo lévame ata este xogador do curtis: a confianza no futuro é unha obriga.
comentario de texto
Pra compensar a frivolidade futbolística anterior, comparar texto e foto.
cinema
• Vou ver con Folerpa o matrimonio de maria braun, a cousa máis flipante que vin en moito tempo. Rabia, loita, insistencia e amargura collidas ás mauscheas nun filme bastante feliz, que remata en desacougo. Tralo anguriante final aparecen os retratos de konrad adenauer e helmut schmidt, ademais doutros bonhomes da alemaña de posguerra e da construción europea, virados ao negativo e totalmente inconexos, sen explicación: será unha vinganza calada do subcomediante H, unha acción subrepticia da va-ca que quere actuar sobre os meus miolos liberais como sobre as ratas de Paulov?
• Vexo só Querelle. Xa a vira con Henri, pero como sempre, non lembraba nada. Agora pareceume máis luminosa, máis sentida, máis extraordinaria. Menos provocadora.
• Vou ver wiski con Mexicano, e non abondarei máis no que sabiamente dixeron Todonada e Pawley. Entra unha sensación estraña ao ver tanto cutrerío, tan próximo, e quedan moitas portas abertas. o que malpocadamente non é frecuente.
• Finalmente asisto a unha xuntanza de amigos de Folerpa. Están vendo un dvd dunha festa vella. A camerawoman meteulle uns cantos efectos ao editala que non fan máis que afundila no que é: o testemuño dunha chea monumental. A graza, para os que non coñeciamos a ninguén, era pouca, pero descubro entre os planos a Alicate e Belokan, bailando. A vida non deixa de sorprenderme.

19.1.05

transferencia
Mentres remoo os imposíbeis recordos destes últimos seis días (un vagar pra postear, porfis), transpóñolle a iberia a miña decisión: estou en lista de espera; mañá confirman se vou a Istambul pasar frío ou de cancaneo polo sur peninsular.
As dúas escollas han ser boas.

18.1.05

dúbida
Quédanme unhas horas pra decidir as vacacións de xaneiro.
Istambul, seis días.
Lisboa-Cáceres-Córdoba-Almería-Madrid, dez días, en casas de amigos.
A vantaxe do avión e o descoñecido, contra un par de centos de euros de diferenza. Admítense opinións. Préganse, mesmo.
sete
Estes son os sete homes que me rompen a cabeza:
Folerpa. A cuarta vez que nos deitamos xuntos, necesito falar con el. Todo se está complicando moito, e aínda que no seu momento xa comentáramos as miñas dúbidas entre o estado átomo e o estado molécula, creo que os xestos que fago, os almorzos que lle deixo preparados, as mensas, poden desconcertalo. Recoñéceme que si. Poñémonos infinitamente tristes, dámonos apertas, pensamos no escaso futuro e logo pápame e revírame os gonzos. Déixame unha nota na cama que fala de actuar máis despreocupadamente. Dígolle que si, pero sei que é como limarlle as zapatas de freo ao tráiler.
Preocupación. Debo ir con moito coidado, porque é aínda un teenager delicado. O seu fráxil ecosistema de trompetista do rural e amigo (intimísimo) de Bea de OT non debería cruzarse cun axente malévolo coma min: un coello en australia, ou quizais a mesma mixomatose. Pero quedamos e aprendemos cousas xuntos: eu escoito os seus dramas de abortos e problemas escolares, reláxome, fágome progresista.
Mexicano. Só de pensar nel percórreme o fío do lombo un arreguizo. Flípame sentir tanto desexo por xunto. Todo o resto é un campo de batalla minado.
Paleólogo. A distancia nos ampara. Vive nunha cidade a 600 quilómetros ao sur, así que os quilómetros que nos median deixan vivir de forma relaxada unha relación interrompida.
Feiraco. É unha aposta a longo prazo: totalmente armarizado, ten problemas pra botar a patiña por debaixo da porta. Pero aquí seguimos, constantemente; agora unha mensa; despois unha chamada que non atendo porque quedo durmido co móbil no colo; despois unha cita que non responde.
Pinganobeizo. Cando solto o pé do acelerador e decido tirar a toalla, vén Pinganobeizo aínda máis fermoso, aínda máis agarimante. Mándame mensas; agasállame unha foto de Bath, enmarcada, feita por el, cunha árbore milenaria e un vw polo, e mais unha serie doutras fotos de cando fomos ver pedras antigas. Por moi pouco librou de que lle plantase un bico no medio do café. Se me acariñase a pel un só segundo, na xoga entre a conciencia e a memoria, derrubaría como un saquiño de area.
Ben Laden. En realidade, benladen é boíño. Pero o traballo e todo o que ten que ver con el, encarnado na súa figura suprema, consegue rachar todos os segundos que me quedan.

17.1.05

sarillo
Había moito, moito, que non estaba nun sarillo sentimental coma este.
Salamanca xenial, claro.
Busco uns segundos de vagar pra postear.

12.1.05

fabric-city
Pouco teño falado aquí da cidade onde pasei dous dos mellores anos da miña vida, porque agora xa non vou moito por ela. Cando visito fabric-city (coma o outro día) é por motivos laborais e paro pouco, apenas o paseo dende o aparcadoiro á oficina e volta. Non teño tempo normalmente de subir a capitanía e dexergar o horizonte de guindastres; nin de tomar un café pousado entre prexubilados e pintoras; nin de baixar ata o peirao pra que o gasóleo me confunda.
Gustaríame volver alí, vivir alí. Sentila máis veces.
necesito crer nalgo
Vou pra fabric-city co sol recén erguido: soa o último sínguel dos chemical brothers, necesito crer nalgo. Cántano os Bloc Party, que non teñen nada que ver co bienllí: é un grupo multirracial británico do que alicate fala marabillas e do que quedamos pampos Henri e eu ao verlles unha foto.
Á volta, na costa de montouto, soa a orquestra baobab. Bieitos sexan os tempos.
ronsel
Máis cousas marabillosas destes días:
- reconciliación con I Topo.
- agasallo de Martin: a pequena vendedora de mistos, ou como o sadismo pode converterse en conto pra rapaces.
- un pequeno acerto laboral, que ben ía cumprindo.
- uli
- o gran ditador. Non sei se é que nunca a vira, ou que a esquecera como todas; algo único: o mesmo tropezo pode supor gaseamento, bico ou gargallada.
- unha expo de arte galega entre 1916 e 1936, á que polo que se ve tamén foi paleón. Desordeada, pouco explicada, por veces excesiva, por veces escasa. Pero houbo tanta e tanta marabilla... Pra non esquecer, castelao e mais o guerreiro celta de narciso pérez
- a finde que se achega, en españa, con senalcume. As vacacións a finais de mes: quizais grecia, outra vez.
estourido
Non fai falta dicilo. Estourou o blogmillo. Cada día son ducias os novos e xeniais blos que aparecen.
Fagamos sitio, anque non cómpre.
conversa
Despreocupadamente vou pola rúa e poño a orella nunha conversa. Un rapazolo e unha rapazola van falando doutra moza, que se chama cristina. Seique cristina, na mesma noite, díxolle a dous rapaces que estaba namorada deles e entroulle a outros dous máis. Descoñezo a efectividade. O rapazolo dille á súa compi: joder, como se puede ser así? parece mentira que ya tenga 22 años.
play
Coñezo tan ben os xestos do amor e as súas combinacións que ás máis das veces confundo se estou amando ou xogando a amar. En realidade, ignoro se existe algunha diferenza.
Despois da clase de inglés quedo con Folerpa pra dar unha volta á noite: paseamos, tomamos unhas cervexas, collémonos e bicámonos nas mans. Sei como é. Tento explicarlle torpemente cal é a miña situación entre átomo e molécula, pero el di que prefire esquecela e xogar ao seu xeito. Aínda que lle resulta complexo durmir fóra da casa entre semana, quedamos pró xoves; asemade recibo no móbil mensas do Mexicano e de Preocupación, que tamén queren quedar pró xoves.
Vou prá casa a remoer as felicidades destes dous días. Ao saír pola porta á mañá vexo a dúas cuartas da miña cabeza, aboiando no aire da rúa, un rótulo luminoso. Pon play. E doulle como se esta fose a última partida, como se andase perto o game over.
contra
Para completar 24 horas de fermosas novas, aparecen estas pérolas ensanguentadas.

8.1.05

memoria
Logo dun dos días máis tristes dos últimos tempos, xantamos Henri e mais eu nun restaurante ao que fun recentemente con Peke e B.: a visa axuda a poñerme contento. Henri mestura frases en inglés botando as contas da leiteira: universidades aquí e acolá, fundacións privadas... Pensa nun momento en que podería suceder unha desgraza, e que morrese (el ou eu) nunhas semanas, nuns meses.
Se todo o que vivimos é memoria, porque o presente non se dá vivido, a putada de morrer cedo é que non tes tempo a gozar da memoria, di.
Todo é memoria, insiste, e tamén di máis frases extraordinarias sobre o wai que resulta sermos pijas, e cousas así, que non lembro.
Despois, por indicación de Martin, acudimos a ankara pra ver unha moi lamentable exposición sobre a memoria: ausencia de contidos, pésimas traducións e a sensación de que non aprendéramos nada de nada. Quizais non estabamos a falar da mesma memoria.
preocupación
Saio de noite con Dagha e Henri, bebo moi ás présas e quedo suellen vendo como se me achegan en posición desafiante algúns dos homes máis flipantes de humidtown e de fóra. Entre eles Folerpa e Preocupación. Vou con Preocupación prá casa, xa máis relaxadamente có outro día. Cóntame da súa familia, de como o acosan homofobicamente nas ceas familiares, do difícil que é ser gai no seudorrural con 19 anos. Tamén me di algunhas frases moi fermosas que non vou reproducir aquí por pudor e humildade.
Cando marcha ás seis da mañá no seu golf gti vermello con aleróns sobre a estrada xiada, pouso a cabeza na fiestra e raño no pelo: qué marabilloso país se está facendo.

7.1.05

folerpa
Hai moitos anos que o coñezo de velo por humidtown. Certamente extravagante ao comezo cando paseaba cun colar de can ao pescozo, Folerpa foi gañando en beleza e calma sensíbel ao mesmo tempo que eu minguaba os meus preconceitos. Agora, e grazas a 12Uvas, vémonos nun bar e falamos. Horas despois compartimos suor baixo as sabas, mentres Lánguido dorme no cuarto de a carón.
Por un momento, mentres me bica, penso que podería Folerpa ser unha boa parella prós vindeiros meses, a estabilidade que creo que busco. Pero axiña me veñen á cabeza os outros nomes, as outras liberdades, e confúndenme outra vez na dúbida de se o estado ideal da materia cesare é ser átomo ou molécula.
Sígoo bicando.
si
Aproveito a pousafolía dos rexionais renfe pra rematar a miña segunda leitura da euroconstitución, protocolos transitorios incluídos, convencido inda máis de votar si.
Afellas que non é a euroconstitución que eu escribiría, pra empezar porque nada con xeito pode ter 400 artigos, pero si semella un punto de partida desexábel prá idea de europa moderna, liberal e progresista que me mola.
Por exemplo, discrepo no estatus das falas: un sistema de só 5-6 linguas oficiais entre as que debera estar polo menos o árabe (ou o turco) e unha lingua eslava paréceme máis axeitado; un sistema con factores compensatorios prás linguas pequenas (e.g., coa oficialidade do galego na comisión de ministros de pesca ou do maltés na de relacións co mediterráneo); un sistema con políticas definidas de intercambios entre adolescentes galegos e lituanos (arf arf)... Pero quizais por sorte non son comisario europeo de política lingüística. En todo caso, con fervoroso apoio ao si, preséntome voluntario pra ese cargo se teñen a ben repartir.
Disposición transitoria primeira: cavilo desde agora na frase que lle vou meter ao tixir do 20 de febreiro pra expresar con contundencia paixón e alternatividade. Admítense propostas.
day off
Apréndemo o meu profe de inglés na última clase: vou gozar do meu primeiro día completamente off dende comezos de novembro, fóra festas de gardar. I Topo argalla ao seu xeito e debo cancelar a prevista viaxe de catro días a lisboa pra ver a Paleólogo, así que decido beber e facer o nécora en territorio nacional.
Quilómetros de tren, cacharros en dúas cidades, alcol ás mauscheas, contactos coa bloguesfera viguesa e con Henri e repouso pró amor e prá leitura. Chega o escuro e aproxímome a un computador. Teño moito que bloguear. Síntome pletórico.
destras e sinistros
Hai días en que os homes que máis che gustan coinciden no mesmo bar, como na véspera de reis. Así podo darlle unhas palabras a Benavente, acompañar a Lánguido e agardar por Folerpa que vén de meter un tiro no baño (glubs). Tamén, contra a barra da última discoteca, consigo averiguar como se pronuncian o i sen punto e o g con circunflexo invertido en turco. Plattdorf, sei que vostede estaría un pouco orgulloso de min.
Boto os cálculos dos homes do 2004 e éntrame un arrepío. Razónome: non é promiscuidade; son simplemente un axente do amor universal, alguén liberado de toda responsabilidade pra cumprir a dorosa misión de transmitirlles enerxía positiva a destras e sinistros. Albízaras, señor.

3.1.05

Feiraco
Con Feiraco todos os elementos xogan á contra, no aínda-máis-difícil. Coñézoo polo seu traballo, dende hai anos, e dende hai anos lévoo sometendo a un burdo beireo sen resultados. De feito, aínda non temos claro por que lado do carro labra.
Coincido con el nun marabilloso concerto de Malvela en Pontevedra. Cando saímos, aínda cos pelos como escarpias, véxoo pequeneiro, cun tabardo antigo, unha bolsa cruzada das de agora e o nariz máis fermoso que mirei nunca. Despois Argallante-Máximo xúntanos nunha churrascada, e ceamos un á par do outro. Ás veces rozámonos nas pernas, probablemente sen intención, outras ollámonos, ou falamos da familia. Un primeiro tixolo está posto.
témporas
Empeza o ano coa seguinte averaxe: libros, sexo, quilómetros sobrados, Paleólogo, Walter, Dagha, Plattdorf, bloquedada, discusión con I Topo, promesas, despromesas, playstation, angélique kidjo.
Así son as témporas do inverno.
ese gran home chamado pinganobeizo
Por primeira vez en moitas semanas, Pinganobeizo e eu conseguimos falar con algo de verdade. Ensinamos minimamente as entrañas por riba da mesa, sorpresivamente, cando ninguén contaba con iso.
Parece claro que Pinganobeizo non vai ser o home dos vindeiros meses nin o que me retire desta vida aqueloutrada da que me acusan Ascárida e Opaco. Mellor dito, non son eu o seu home prós vindeiros meses. Propóñolle un trato: eu traballo pra el como asesor sociocultural e el arríscase comigo a perder a dignidade. Sei que o trato non pode ir adiante, e de feito teño máis argallas na cabeza. Perdo a compostura e dígolle que existen estas balas. Pero por un momento cóllolle a cabeza, os pelos crechos, revoltos como se viñese a correr entre cotóns, e penso que si, que quizais, cun alustro de maxia, a vida podería ser distinta.
Gústame o que imaxino, o que vexo nas entrañas dese gran home chamado Pinganobeizo.
bloquedada
Conclusións da bloquedada.
1. Falar cun certo medio independente pra conseguir un blóguer autóctono.
2. Revitalizar Blogaliza: Ascárida.
3. Poñerse ao carro pra buscar un cambio de goberno, cadaquén ao seu xeito.
4. En caso do cambio de goberno, celebración dunha bloquedada con 200 asistentes, contando coa colaboración de Manolo Gago.
5. Mellor aínda, un Congreso de Blos Galegos.
6. Mellor aínda, a II edición do Congreso de Blos Galegos celebrarase na diáspora.
7. Seguir bebendo viño de Porquiño e Geiko, licorcafé de EMF.
8. Seguir blogueando, con ansia.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?