<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.10.05

tempo
Estou na casa do meu comozo de parque-temático-cervantes, usurpándolle a conexión mentres el, a quen aínda non coñezo, anda por brasil grazas a uns ferretes ben botados hai uns meses. Á miña dereita están xogando unha cadela café con leite e dúas gatas pedresas. Tamén está barataria, durmindo no sofá mentres eu tento cubrir algúns baleiros nas múltiples frontes que teño abertas.
Atrás queda unha semana imposíbel, case sen durmir: reunións, actos, vergoñas, traballo na madrugada, cea con Argallante Máximo bordeando a miña capacidade alcólica... Despois, logo dunha noite sen deitarme entre coche, bares e traballo (por esta orde), apañei un talgo de casualidade mentres fóra ocorría o dioivo.
Agora, 637 kms ao sueste, o tempo non pasa nos brazos de barataria. Imos dar unha volta ás aldeas do arredor, ou baixamos ao teatro, ou durmimos, xantamos, fodemos e durmimos de novo. O tempo inmóbil mírame dende o sofá. Está sentado ao carón de barataria, e ten nos xeonllos a Menta, unha das gatas. Aloumíñalle a cabeza.

27.10.05

desolación
Acabo de ler nun longo esprín 'Harry Potter e o príncipe misterioso', peculiar tradución portuguesa do sexto volume da serie. Era demasiado tarde e atacoume a desolación ata tal punto que acabei chorando cos números verdes do reloxio espertador enchoupados nas pestanas.
Gustoume? Inda o dubido. Pareceume ver no reprís algúns fiallos soltos, algúns baleiros non enchidos (de momento), pero a emoción foi máis poderosa ca nunca. Creo que tampouco me gustou o troco de estrutura que se imaxina prá sétima parte. Nin a misoxinia, que cada vez se me fai máis patente. Pero sobre todo, e máis cós feitos terríbeis que se contan, encheume de desolación e carraxe a volatilización dun pequeno misterio que eu consideraba unha das chaves da novela: o difícil equilibrio entre o ben e o mal. Non podo dar máis pistas porque non quero escribir esa triste frase de Ollo, este post contén datos desveladores da trama.
Esta mañá, despois de comprobar que non había butano, saín á rúa. Ao pouco de andar cara ao traballo un mozote loiro que viña en sentido contrario parou en seco a dez metros de min. Estirou o brazo e apuntou ao ceo co móbil: un arco da vella trazábase atrás miña e perdíase nas nuballas grises e soleadas. A maxia seguía aí fóra.

26.10.05

marchar sen pagar
Sen que sirva de precedente, copio e pego:
O 26 de outubro de 1980, hai hoxe 25 anos, tiña lugar na cafetaría Manhattan da Coruña a primeira concentración de protesta homosexual celebrada en Galiza. A tarde dese día dous gais sentaran a tomar algo nese céntrico establecemento coruñés e recibiron a resposta de que "a xente coma eles non se lles atendía". Como consecuencia, horas máis tarde formouse unha concentración de gais, lesbianas e persoas vinculadas a partidos e sindicatos de esquerda que despois de pediren consumicións saíron á rúa para concentrarse no exterior sen pagalas. Unhas 300 persoas, din os xornais da época. Para lembralo, a Federación Aturuxo de Colectivos LGBT organiza un acto de homenaxe este venres, no Forum Metropolitano, ás 20:30, no que participarán algúns dos pioneiros e pioneiras desa concentración. Os gais e lesbianas actuais quixeron que o acto de homenaxe se desenvolvese na propia cafetaría manhattan, en sinal de que os tempos mudaran, pero o propietario negouse rotundamente 25 anos despois.

24.10.05

matrimonios
Quedámos pra tomarlle un café nouturnio en atenas con Ferre e coa súa moza. Eles os dous atravesaban hai uns días severos problemas de parella, logo de quince anos de noivado en casas separadas. A semana anterior, mentres eu estaba na cama coa gripe, mandárame Ferre mensaxes moi dramáticas, de auxilio. Logo calou.
Cando coincidimos pra ese café Ferre está moi esmacelado e coxea dunha lesión de xeonllo que o mandou un ano prá cama en 1990 e que parece que lle regresa. Barataria, que é a primeira vez que o ve, pensa que é fermoso malia todas as circunstancias. Éo, si. Nun privado, Ferre dime secretamente que casan pró vindeiro setembro. Non me fala da crise. Tampouco me sae felicitalo.
corpos e forzas
Barataria estaba agardando pra coller o tren en chamartín. Achegóuselle un secreta, identificouse, levouno pra un apartado, mandoulle que espise, revisárono, espreitárono e prendéronlle herba pra catro pachuzos. 300 euros.
Un día despois estabamos nun campo de fútbol abandonado a uns metros dos balcóns de madrid, na ribeira sacra. O lugar habitado máis próximo, ravacallos, ficaba a un par de quilómetros. Deitados no coche, porque chovía, espidos e repousándonos logo de botar un deses ferretes que estean unha relación. Sentimos un coche chegar: o da gardacivil. Achéganse, miran pola xanela, ven que só estamos espidos e seguen camiño na súa difícil misión de manter a paz e a seguridade no concello de parada do sil.
Barataria é un imán.
tollemerendas
Non lle aquelaba moito a idea pasar a noite cas de meus pais, pero ao final Barataria cedeu e durmimos os dous xuntos en atenas. Ceamos xuntos os catro, e despois quedamos con Ferre e deitámonos cedo os dous nunha cama de noventa. Á mañá miña nai chamounos por teléfono: quería espertarnos pero dáballe apuro petarnos na porta. Almorzamos falando con ela.
Despois desta presentación, el volve a ter a súa familia e eu a miña, e collemos o coche en dirección á ribeira sacra. Imos aos tres mosteiros, zugámola un pouco en cada un, e tamén no camiño. Baixamos os montes costentos e húmidos das castañas. Miramos prás cepas e pró románico. Asomámonos ao río. Vemos o solpor sobre maceda. Ás veces saímos do coche e parámonos a mirar cómo medran as tollemerendas, pequenas froliñas moradas, que saen irtas e senlleiras do mar de ourizos.
Son os tempos mollados. Avanzamos cara ao primeiro ano.
plataforma
Como complemento cultural aos vermús, aos paseos e ao sexo, vou ver con Barataria A vida secreta das palabras, da Coixet. Non nos gusta tanto como A miña vida sen min, pero ten o seu xeito. Algúns personaxes orixinais, a sensación tan contemporánea de que aquilo é just-televisión e unha boa presa de imaxes xeitosas. Pero hai un momento en que a trama se enrevira, perde o sentido, cae, extravíase e faise tópica. Ao pouco de saír el fálame da mariguana e eu respóndolle con harrypotter.
trompo
Achégame a Tenente Risitas unha expresión co significado de chibo expiatorio. Ela dille o trompo das nicras. Xa hai moito tempo que non o facía, pero resgatando vellos costumes pídese confirmación ou rexeite.
sorpresa
Moito temos botado a lingua a pacer a propósito de Jacarezinho. Eran conversas frecuentes as que se referían a un misterioso zulo de persianas baixas e neveiras baleiras, á que nos parecía triste vida de solteiro.
Por iso quedamos sorprendidos cando nos convida a cear a min e a Tenente Risitas no dúplex que comparte con Audrey. Mozarela, tomate, endivias e dúas postas de carne ao mel: solombo de porco e vitela. Ten unha guitarra perfectamente disposta sobre un chan de madeira inmaculado, a cociña recollida como se non estivese cociñando, o viño a respirar, un estudo sen caixas de cartón e cos libros con sensación de uso. A conversa foi moi agradábel, e só falamos de traballo cando foi imposíbel evitalo.
Logo baixamos á choiva e á noite a Tenente e mais eu. Embebedámonos. Creo lembrar que alguén nalgún momento ofreceu farlopa, pero esquecin quen ou como. Biquei a Feiraco, que apareceu por alí mollado e escoltado por dúas mulleres moito máis altas ca el. Recollinme cando xa raiaba o día e aparecéronme dous rapaces na porta da miña casa pra recuncar nalgo que xa fixeramos no vrao, no monte.
E nun par de horas, sorpresivamente, fun traballar.

18.10.05

autorretrato

17.10.05

vidiñas
Coñecéronse etelvino e antonio na barcelona dos sesenta e marcharon de mozos prá alemaña. Etelvino é de aquí, ou pra mellor dicir de aí-do-fondo, mentres antonio viña dunha aldeíña do pirineo catalán. Xa xubilados, levan semanas chamando pra ver de casar dun xeito discreto. Hoxe por fin coñezo os dous e compartimos un descafeinado con corenta anos de distancia por riba da mesa. A antonio imaxínaselle a mesma cara de bola de pan que cando tiña 23. Etelvino, máis moderno e máis túzaro, resístese ao matrimonio e a abandonar a horta dos pementos, os capóns, as pitas e as cebolas pra mudarse á vila. Casan polas propiedades e polas herdanzas, anque tamén poderían facer un contrato ante notario (opción de etelvino). Entón saen os hospitais e contan unha experiencia dura que viviron durante a anterior große koalition, cando se fixeron pasar por curmáns pra tomar decisións arriscadas: "e pra iso pró que nos vale o matrimonio", di antonio.
domingo
A tarde é mesta e lardenta porque é domingo e porque poalla. Xastriño racha coas miñas previsións de traballo fixándome unha cita ao pé da N550. Alí coméntame as últimas novidades sobre as tendas de londres, sobre os seus amigos máis amigos e sobre a mudanza que pretende darlle á vida substituíndo o tabaco polo haxix. Malia ser algo parado e prescindir de elementos básicos, bótame un dos mellores ferretes automobilísticos dos que teño lembranza.
Volvo e deixo as fiestras abertas pra que a velocidade arrinque o sexo da tapicería. Chove miúdo por todas as partes, mentres a radio ataca con sambas a escuridade da noite.
teenager
Contra o parecer do señor Pawley déixome levar polo meu lado cadeleiro e acabo vendo 7 virxes nuns centros comerciais ankareses. Vale que jjballesta, esa especie de feromona con aneis de ouro, foi premiado con exceso en donostia. Pero sorbinlle abonda substancia a un filme moi ben construído con mágoas e desespranzas, e que pasa nun suspiro do amor ao descoñecemento, da pelexa á amizade, da vida á morte. Personaxes carnosas escurecidas pola falta de subtitulado, calor, beirarrúas e sestas no balcón: adolescencia a tope.
Logo con Fufli e 20vacas finximos ser adolescentes nos peores bares de ankara. Como non podemos máis ca finxir, a noite acabámola conducindo á alba, pero sen traxedia.
presaxios
Recibo unha feliz chamada de Henri, dende Oxford, sobre unha mañá de sol sobre os prados de Christ Church e un completo almorzo británico. Reconcíliome (un pouco) con Opoti. Jacarezinho anuncia que me trae o harrypotter6 da súa viaxe a lisboa. Anúnciase unha fértil e acugulada semana.

14.10.05

educación
Leo por aí que en Ciudad Ajo fixeron un exame sorpresa a nenos de sexto pra ver como andaban de preparación. Os resultados foron loxicamente catastróficos. A proba tiña dúas partes, unha de lingua e outra de matemáticas. Na de lingua valorábase con 10 puntos un ditado (!!), con 5 a comprensión dun texto, e con outros 5 unha tanda de preguntas de cultura xeral, que non sei moi ben por que as metían en lingua e non en matemáticas.
Esas cuestións eran ben significativas. Había unha de historia, dúas de xeografía (unha delas mal formulada) e outra que preguntaba qué era un veleiro, por exemplo. Ningunha delas se interesaba por quen era Hermione Granger nin por cales son os ingredientes básicos dun biscoito. A quinta pregunta aínda non fun capaz de resolvela: por que as baleas non son un peixe se viven no mar?
Outros pensan que a reforma educativa é quitar ou poñer a relixión e por iso fan e desfán leis. Eu, cada vez, entendo menos. E sigo pensando nas baleas.

12.10.05

diagnose
No segundo día de cama, o parte médico sinala: irritación na gorxa intensa, de carácter preinfeccioso, febre moderada (37-38 ºC), herpes labial oportunista, xaquecas constantes e difusas e respiración nasal dificultosa. Ou sexa, gripe de libro, que me colle baixo de defensas grazas aos antibióticos tan xenerosamente administrados polo dentista.
Reparto a convalecencia entre ler e durmir. Á veces tamén reflexiono ou mando mensaxes co móbil.
teresa moure
Había tempo, moito tempo, en que non lía un libro tan fascinante. O ensaio 'A palabra das fillas de Eva' é provocador sen caer no demagóxico, encirrante sen ser proclama, e revelador sen rozar sequera a autoaxuda. Ben escrito, ben estruturado, arramplador por momentos, como cando narra un parto ou cando constrúe un videoxogo.
Moito mellor, onde vai parar, có ensaio sobre as linguas, preocupantemente non gañou o premio de ensaio ao que se presentaba e que si levou o do idioma perfecto. E quizais non fose casualidade. Dicía o outro día Lobby V. na radio que 'A palabra das fillas de Eva' está a pasar moi discretamente: editado en verán, non tivo (case) presentacións... Certamente non imaxino o editor-que-ten-máis-ego-ca-queixelo construíndo e deconstruíndo as palabras ao falar.
Traballo de subversión prós vindeiros meses: mercar este libro e agasallalo, a moreas.
peixe
Na cama leo o infumábel novo libro de Fina Casalderrey. Tamén comezo e remato o gorentoso ensaio O látigo e a pluma, sobre a homosexualidade e a delincuencia no franquismo (algo apresurado, algo confuso, estarrecedor case sempre), que me deixa unhas ganas terríbeis de vinganza. Por que non inclúe un apéndice coa listaxe de doutores que practicaron lobotomías a homosexuais hai só 25 anos, sinalando con detalle onde teñen agora as consultas? Por que non un catálogo de xuíces que nos mandaron aos cárceres de Huelva (pasivos) e Badallouce (activos) pra reeducarnos só polo feito de sermos homosexuais, cos seus datos de contacto?
Pra relaxarme, rebusco os anacos que máis me gustaron da "Guía do autoestopista galáctico" un fabuloso agasallo de Ian. É tan extraordinariamente divertido que nin sequera o engadido de 80 páxinas sobre 'como se fixo a película' pode borrar o sorriso dos labios. Gustaríame copiar aquí un fragmento, agardo que non demasiado longo:
No planeta Terra, o home sempre supuxo que era máis intelixente cós golfiños porque producira moitas cousas (a roda, Nova York, as guerras, etc.), mentres que os golfiños o único que fixeran fora xogar na auga e divertirse. Pola contra, os golfiños sempre creron que eran moito máis intelixentes có home, polas mesmas razóns.
Curiosamente, os golfiños coñecían dende tempo atrás a inminente destrución da Terra e realizaron moitos intentos pra advertir do perigo á Humanidade; pero a maioría das súas comunicacións as interpretaron mal e as creron entretidos exercicios de xogar ao balón ou asubiar pra que lles desen lambonadas, así que finalmente desistiron e deixaron que a Terra se apañase soa, pouco antes da chegada dos vogóns [os que destruíron a Terra pra facer unha circunvalación].
A última mensaxe dos golfiños interpretouse coma un intento sorprendente e complicado de dobre salto mortal atrás a través dun aro e asubiando o 'Barras e estrelas', pero en realidade a mensaxe era a seguinte: Chau, e grazas polo peixe.

10.10.05

taxi
Saïamos dos bares, de bicarnos e fregarnos cos airgambois que viamos ao xeito. Colliados dos ombros, como dous mozotes dos tempos da república, baixabamos pola granvía. Alí, en cibeles, unhas ducias de ecuatorianos querían tomar a fonte para festexar a súa clasificación pró mundial. Pero como non ían de branco nin mercaran accións de fenosa, unhas vinte unidades da policía que pago eu impedíronllelo. Creo que non era axentes de patrimonio.
O caos circulatorio era inmenso. Paramos un taxi. Dicímoslle se nos pode levar en oito minutos ao intercambiador da avenida de américa, conscientes de que era practicamente imposíbel. O taxista fala unha estraña lingua do diasistema do español peninsular, é bastante novo, e baixo tan baixo que os ollos lle quedan pouco por riba da liña do volante. Inda así vira, cruza en prohibida, masca chicle, salta semáforos en vermello, transmítenos unha fabulosa sensación de vertixe e déixanos na cola pra coller o bus de parque-temático-cervantes con dous minutos de vagantío. Mirámonos, sorrímonos, sorrinos. Así é a felicidade, despreocupada.
voda
Diante dun vermú Barataria dime que si, que casemos, pero que nos case anabotella. Que que nos casen os guais do bloque ou de esquerdaunida ten pouco mérito. Algo de razón leva, pero creo que isto se nos está indo das maus. Anque por ver xuntas a Iop e a anabotella inda daba uns cartos.
estado da miña relación con Barataria
O que me dá este home, a tranquilidade e a complicidade, tráenme parvo. Non son a única pirola que zuga, pero creo que si son o único a quen leva a tomar bocadillos de luras fritidas.
beirarrúa
Facemos un percorrido cultural por Ciudad Ajo. Primeiro, a ampliación do reinasofía, ostentosa, espectacular e bonita, como todas as cousas de Jean Nouvel. Práctica? Pouco. Pero pra un centro de arte sen ningún tipo de información física sobre as exposicións, ben vale. A expo de Saura non me interesaba, pero anque fose fan del pola vida non sei se non sairía correndo. E o vídeo de Colomer, do que escoitara falar pola radio, era un exemplo desas videocreacións que son mellores se cha contan que se a ves.
Despois imos á Casa Encendida, un extraordinario centro de produción e difusión cultural que paga cajamadrid e que aquí equivale a... a... a... Vaia. Dámonos unha volta, vemos unha interesantísima exposición dun artista arxentino sobre noticias de sucesos, e dubidando se quedarnos a un concerto de música electrónica, decidimos que case mellor saímos por unha cervexa. Despois seguimos subindo por Ciudad Ajo e acabamos no teatro, pra ver Bent. É unha obra algo tópica sobre a homosexualidade baixo o réxime de hitler. Non está mal, e ten un par de escenas memorábeis, pero hai como unha sensación de xa-visto, estraña, que me desacouga algo. E un (creo que) erro na datación dos xogos olímpicos de berlín que me desapega por completo.
pálpebra
Custa abrila, logo dunha aterradora viaxe en bus, con dúas avarías, aire directo á gorxa e molladura final. Pero abro a pálpebra (unha, a que podo) e vexo cousas boas: el volve. Ao mesmo tempo, e noutras latitudes, faise visíbel un amigo.

7.10.05

orde
Furando na bretemiña deste venres, mentres baixan en sentido contrario as mandas de ñus procedentes da primeira gran chea da tempada, cavilo cándo foi a última vez que a miña vida atravesou unha zona de orde.
Ou nunca a houbo ou non foi tan feliz como pra lembrala.
E así as cousas, nunhas horas comezarei unha longa viaxe de bus patrocinada polo ministerio da reflexión.

6.10.05

dentista
Polo asunto dunha moa do xuízo que me sae de través acudo ao dentista da pública. Quero que me mande operar e aforrar os 200 euros da extracción na privada. Dáme antibióticos pra unha infección da base da moa, dime que teño as enxivas doentes, que iso é prioritario, e recéitame un brus, un tubo de pasta, uns analxésicos e un colutorio que me vira máis eléctrico ca un litro de café. Aos quince días volvo. Non me recoñece, pregúntame se o que levo no sobre é unha radiografía e colócaa no mirador. A pesar de que ten o expediente enriba da mesa e a miña dentamia brillando na lámpada coas moas reviradas, mándame sentar e pregúntame se viña polo das enxivas. Dígolle que non, que polas moas, como a outra vez. Aha, responde, e examíname a boca, asegurando con memoria súpeta que está mellor cá última vez pero que inda non acada a perfección. Receitame máis colutorio e máis antibióticos, anque a infección xa desapareceu. E que volva en quince días, pra verme e darme o volante do cirurxián.
Ándeseme con coidado: estou disposto a todo con tal de defender a calidade da sanidade pública!!
maldivas
Quedo cun rapaz que viste roupa clásica e moi cara. Dime que é arxentino e que está de visita en humidtown, pero que podemos manter sexo moi moi moi discreto e de forma precaria. Á fin e ao cabo é a terceira vez que está cun home e, nas súas palabras, a primeira sobrio. Nun piñeiral, dentro de lola, executamos pulcramente algúns xestos clásicos e rematamos a bulir, que quedou pra cear.
No descenso cara ao sector urbano cóntame que vive dende hai catro anos na Cidade e que a primeira vez que se liou cun rapaz foi o mes pasado, nun cruceiro nas maldivas cos pais. Despois despídese dándome a man e avisándome que se por casualidade nos atopamos na rúa non me saudará. Non o ten claro, asegura. E engade llo sólo busco sexo.
Gústame: rozar todos os días un misterio, arrepiarse e reconstruír a perplexidade, como se acabásemos de empezar.

4.10.05

estraños
O día comezou ben estrañamente: un corvo xigante soltou unha pluma, e veu caendo polo aire, amourecendo as cousas.
E tamén remata estrañamente: volvo do cinema en bicicleta polas rúas frescas de humidtown, cando os estudantes, que saíron como ñus á tarde, están xa recollidos contándose vraos na mariguana.
Remoio no filme mentres lle dou ao pedal. Holy Lola é moi desacougante, moito máis do que dicía pawley na súa crónica. Non é un filme tráxico de adopcións internacionais, e tampouco un estrenos tv de remate feliz. Quizais sexa unicamente un atenismo, pero non podo subtraerme á idea de que nada é inocente nas relacións que nos unen aos habitantes do outro mundo. Esa xogaina colonial de agasallos, esmolas e falso borrollismo é tan daniña como inevitábel. Non hai nada inmoral en mercar unha nena en Camboxa? E dígoo sabendo que ás veces esperto con fantasías de ter unha pícara etíope, rizada e riseira, no colo.

2.10.05

sen deixar de correr
Boto un domingo abordelado na casa. Fago o xantar, xanto, limpo na casa, acudo agora e despois ao computador, e regreso ao sofá, leo, durmiño unha miga, leo, imprimo un interesante artigo que recomenda Boss pra practicar o inglés...
Onte non fun a atenas e magooume. Tiñamos unha importante xuntanza na Cidade os colectivos gais da ghalleira, e despois ceamos con amigos, amigas e con boss, que trouxo tres fermosos lusos. Pero el segue sendo o rei da ironía. Despois levei un par de rapaces ata ankara e regresei a humidtown pra durmir.
Agora escoito unha das cancións máis paveras e ilusionantes dos últimos meses. Barataria díxome nun sms que si, que casamos. Os Delincuentes cantan: que che digo que non, que non podo ficar aquí, e se queres queda ti, esta vida non é pra min, eu quero vivir e comer xamón... coas ondas e co mencer, coma un neno xogando outra vez, sen deixar de correr...
Pois iso: repousando sen deixar de correr.

1.10.05

inconstitucionalidade
Pediumo un aduaneiro hai uns días, e fora adiando este post. A lectura do recurso de inconstitucionalidade que o PP presentou onte á reforma do código civil que amplía o dereito ao matrimonio ás parellas homosexuais (uff) é un duro golpe. Non tanto polas argumentacións, enchoupadas de frases como "o que é natural", "o que sempre foi así", senón porque confío pouco nas instancias xudiciais: e se desta non vai, non vai nunca máis.
1. A constitución sinala que "o home e a muller" teñen dereito a contraer matrimonio "en igualdade xurídica". No seu momento, ese artigo quería estabelecer que as mulleres poderían mercar, vender patrimonio ou acceder a un traballo sen que cumprise o permiso do home. Agora reinterprétase visualizando un "o home coa muller", que non está na letra. E no espírito? Cal era o espírito duns homes que viviron hai 30(!) anos, mortos boa parte deles? Impórtanos algo?
2. O Constitucional, na súa sentenza, debe ditaminar sobre a constitucionalidade e, ademais, indicar qué lles vai suceder ás parellas homosexuais que xa casaron ou van casar nos vindeiros meses. E se un dos contraíntes falece antes de saír a sentenza, o outro tería que pasar de viúvo a solteiro?
3. Éntrame a severa dúbida sobre se a reforma do código civil, tal e como se formulou, estivo ben levada. Ou se cumpría algo máis de contundencia e apoio xurídico para dificultar, de partida, a presentación deste recurso.
4. Vaise facendo imprescindíbel que na ghalleira e no estado haxa unha ruptura na monolítica dereita. E non porque, como din os afoutos reservistas da esquerda, sexa máis doado gañar unhas eleccións, que o dubido. Senón porque é imprescindíbel que aquí haxa dous partidos "de dereita" como sucede en toda europa: hai que chegar aos 3/5 que necesito pra mellorar a vida. E neses tres quintos non poden estar nin roucovarela nin ángel acebes. Nin fernando savater.
E final. Mandeille un sms a Barataria pedíndolle de casar por segunda vez.
tempada
Comeza a tempada teatral e fixo como obxectivo candidatar este blo ao maricastaña de honra pola promoción do sector. Por iso vou ver a última de Sapristi (So sobre). Falta de ritmo ao comezo, cunhas boas frases (que non podo lembrar), unha actriz algo peloura e outra fráxil e con movementos certeiros trazan un retrato fantasioso e desapegado sobre a culpa e o pecado. Como woody allen, seique, pero totalmente afastado da miña vida.
O mellor, sen dúbida, a canción que interpretan en directo con letra de robert louis stevenson: vida? que é a vida? nun páramo inhóspito ver o amor chegar e ver o amor liscar.
noites de marmeleiro
Saio dar unha volta á noite con (m)alicia, contra, a Duquesa e plattdorf. Vai bastante calor, e aínda que ando bastante asfixiado de traballo, as veas pídenme licorcafé. E carne. Sucédense as coincidencias, as revelacións amorosas e os fumes de tabaco directamente aos ollos. Incluso aparece Manga, o novo mozo de Fufli, que se dedica nesta vida a destetar leitóns. Veñen atrás miña falando un fabuloso galego curtido nas granxas e nas tendas de bershka, e penso qué bonito país nos agarda.
Despois recóllome.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?