<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.3.06

U
Onte foi un día importante pra min. Porque ademais de ir á carreira pola a9 entre humidtown, ankara e volta, ademais de levantar traballos prós meus distintos patróns, fixen unha desas tres cousas que me quedaban por facer na vida: colaborar coa wikipedia.
Metín un 'u' que faltaba no título dun filme dentro dun artigo marxinal da extensa wikipedia en inglés, co que posibilitei que funcionase unha ligazón rota e que continuase a roda perpetua de clics que sostén o universo.

2. Mentres tanto, en atenas cerran espazos pró amor.

29.3.06

herbamoura
A primeira vez que tiven contacto con este libro pareceume algo xenial, e non é frecuente. Cando saíu merqueino, pero como xa fora perdendo pulo a miña enerxía, tardei en comezalo. Agora, ademais, comprobo que me custou moito rematalo. De feito, quedou pousado no peitoril interior da miña fiestra durante case tres meses, cun marcapáxinas cara á 300, bloqueando que calquera outro libro pasase por alí ás noites.
Nun pequeno esforzo, lembro o ben que me pareceu o personaxe de cristina de suecia, e cómo me gustou a idea de helène jans, e incluso a perspectiva de velo todo dende o outro lado que é tamén o meu. Por iso me pregunto por que me custou acabala. Momento persoal? O volume de frases e ideas tópicas? Ou esa estraña familia Andrade do último episodio que reúne todos os arquetipos de progresía estírpica? Ata comprendo que Teresa Moure queira reivindicar a verba como patrimonio feminino fronte ao modelo do austero discurso masculino: coa prudencia que aconsellaba carmiña vacaloura, creo que as palabras me pesaron máis cá vontade.
101
Hoxe fanse 101 días da nova vida de Todonada.
Algúns, dende fóra, observan unha certa parte positiva (e máis que se verá). Pero nas distancias curtas é auténticamente deslumbrante: a imitación de heracles, termou das distintas cabezas da hidra de Lerna, limpou os cortellos de Auxias e tornou as rancias aves do lago Esfíntalo. E iso polo de agora.
Ás veces véxoa marchar cansa, pensando nas nove probas que quedan, ou cun enfado oculto na aparencia de apracíbel moneca rusa. Pero ela, sen que nos deamos conta, controla o mundo cunha frecuencia de onda que detén o tempo nun estado de perpetua felicidade: se hai alguén tan bo como dpaso como pastoreador de universos, por forza ten que ser ela.
semana santa
A semana está resultando inda máis complicada do que prevía: negocios, frontes, tensión física, e agora, ademais, unha baixa de Barataria, que esguinzou un pé cando perseguía un atracador. Unha auténtica semana de paixón.

22.3.06

filme
Ás veces a vida é cine.
alustro
E veño eu todo contento cavilando en conspiracións cando, xusto na saída da ponte das pías, lonxe das casas e da xente, á unha da mañá, vexo un alustro.
Pero véxoo demasiado tarde, cando a luz xa me retratou a placa da matrícula.
siriana

Deixo a Taylor a trinta metros da súa casa e aproveito que estou en fabric-city pra ir ao cinema. A peli máis inmediata é Siriana, e métome nela. O enésimo filme de teorías conspiratorias resulta, como todos os anteriores, divertido e desacougante. Ademais, está belidamente feito, e anque por veces o mundo árabe parece debuxado demasiado torpemente, sedúceme a estrutura cruzada e ese principio tan liberal de que todos os homes mudamos a historia ou non.
Como di o gran Berto, o malo da teoría conspiratoria é que sempre encaixa, e por iso non me sorprende recibir xusto ao saír do centro comercial unha mensaxe de Ian: destitúen a bieito rubido.
lixo
Quedo co venezuelano Taylor e pra pinar dime que colla a estrada que vai prás praias. Ao primeiro boto os cálculos pensando no horizonte de dunas, na brisa, no olor, pero axiña me di que collamos á dereita, e acabamos nun depósito ilegal de lixo e cascallo. O camiño é estreito e está cheo de pozas, e percorro toda a restroballeira á procura dun lugar onde virar co coche. É fascinante, non só polo volume, senón pola orde que ocupa, aparentemente casual: os pneumáticos cos pneumáticos, as defensas de coche no seu sitio, os trozos de muro na parte do cascallo e as lavadoras no seu polígono. Os plásticos e as silvas, como membrana, danlle continuidade a un monte de varias ducias de metros de longo.
Taylor está máis soso có primeiro día, ou eu máis desilusionado, e aínda así consegue a golpe de cadrís esa marabilla que é facer que me corra sen contacto. Despois incorporámonos, limpámonos e Taylor guinda un clin pola xanela. Eu bérrolle, e el pregúntame sorprendido por que. Miro pola fiestra e vexo alí o branco papel, cheo de proteínas húmidas, no medio dun xardín de cabezas de boneca e trapos vellos.
Anoto na axenda: acudir ao meu ecólogo de cabeceira, que teño dúbidas de fe.

20.3.06

intervención
Nunhas poucas horas, uns estudantes de cirurxía maxilofacial abriranme o fuciño e arrincaranme unha moa esguía.
Agárdase unha baixa de tres días, sen comer nin falar pra que non me roan os puntos. Benvido silenzo.
actualización: a operación foi adiada dez ou quince días. Sigo falando.
mausrápidas
Apetecíame como romper unha perna, pero distintas obrigas sociais me levaron a gastar a noite do sábado nunha festa. Alí acoden Plattdorf e (m)alicia, e despois máis blogueiros de aquí e de acolá, e incluso algún rapaz xeitoso, e eu non vía o momento de ir prá cama. Ao día seguinte tiña que erguerme moi cedo pra pastorear atletas, e cumpríanme as horas.
Pero non sei cómo véxome noutro bar, a unha escasa cuarta dun lombo ben máis cumprido có meu. Pertence a un cirurxián de 28, cunha cabeza que imaxino áxil, e cun belido nariz. Empezamos unha retesía de egos, a ver quen o tiña máis grande, e algúns minutos máis tarde, véxome volvendo nun ibiza prá casa. A primeira vista é un tipo extraordinario: en perfecto equilibrio entre o cariñoso e o fodedor, acaríñame, cóidame e independízase cando é necesario. Os seus coñecementos de anatomía interna permiten, ademais, que empregue as mans con inmenso virtuosismo nas proximidades da miña próstata.
Se non existise Barataria, Mausrápidas podería gorecerse no aparcadoiro da miña vida. Quizais prá seguinte.
definición
Cossimo, nunha extensa e porén divertida regueifa con Henri, solicítame que me defina ideoloxicamente. Como non teño suficientes coñecementos pra facelo, copio aquí unhas frases dun artigo lido o outro día, coas que me identifico bastante. A ver se lle acerto, meu prezado Cossimo.
Iso de ser liberal, porén, (...) é a concepción da persoa como artífice dos seus propios pensamentos, dos seus propios actos e das súas propias decisións, como dona de si. O liberal pensa que o deseño da vida dun é o que determina a valía fundamental do que é un ser humano. E por iso debe esixir para calquera persoa cando menos estas cousas: o máximo de liberdade, tanto externa como interior, compatible cunha igual liberdade prós demais; o protagonismo fundamental das decisións propias na traxectoria de cada vida; e o fomento das facultades básicas de deliberación e elección que fan isto posíbel. E polo que respecta á traxectoria moral dos individuos, debe manter a convición de que non pode haber ningún mandamento moral externo que se impoña arbitrariamente ás convicións que cadaquén, na súa deliberación racional en liberdade, estime como as máis axeitadas (Francisco Laporta)

17.3.06

burocracia
Recibo na casa unha estraña carta da axencia tributaria. Cústame entendela tanto coma un post de irrealintauto. Explícama meu irmán. Ao parecer, pra loitar contra a fraude dos propietarios que non declaran as rendas dos alugueiros, obrígannos aos inquilinos a que realicemos dúas xestións burocráticas.
A primeira é que pescudemos, nunha web unicamente en castelán, os datos do "inmoble que utilizamos". Entendo que eles xa poderían saber onde vivo, porque é onde nos envían a carta e porque ademais figuran nun censo ao que eles tamén teñen acceso, pero, como son guiadiño... Tento facelo vía web, e o sistema envíame consecutivamente as seguintes mensaxes: o meu concello non existe, a miña vía non existe e, finalmente, non hai bens prós datos seleccionados. Ou sexa, que o lugar a onde eles me mandan a carta non existe. A segunda vía, a telefónica, emprega un servizo de pago reducido (pero pagamento ao cabo), que aínda non practiquei.
En canto teña a miña referenza do catastro, tereina que incluír na miña declaración da renda. Ou sexa, comunicareille á axencia tributaria non o que pago polo piso en que vivo, nin a quen llo pago, senón que vivo aquí. Descoñezo a utilidade desa información. En todo caso, por que teño que dicirlle á axencia tributaria o que gasto en roupa? Acaso queren controlar a facturación real de inditex? Por que daquela quererían saber canto gasto en alugueiro? Teñen dereito?
Ante toda esta operación mobilizadora de millóns de cidadáns que se enfrontan a unha carta incomprensíbel para realizar dúas operacións que non funcionan ben, ¿non sería moito máis doado que os funcionarios da axencia tributaria inspeccionasen os propietarios de máis de trinta pisos? Ou é que o que lles interesa é apañar a fraude dos que teñen dous pisos?

PS: Señor Cossimo, agardo que non me defenda agora a burocracia sinalando que a xustiza social é un ben en si mesmo, que etiopía ten fame e esas cousas, :)

15.3.06

abrocho
O lado luminoso do ecoloxismo reorganízase. As trazas son moi boas. Parabéns polo traballo.
[ghospis, xa parezo brétemas...]
primavera
Dificultades prá respiración. Pruído nos ollos. Excitación sexual permanente. Terrazas. Mudanzas de humor. Prúnidos abrochados.
Ela xa está aquí.
andrés díaz
Cando o vía correr na tele, dez e quince anos atrás, emocionábame mogollón. Mollábanseme os ollos e pesábame o nariz. Non era pola maxia do (medio)fondo, pois nunca me fixo moita graza, nin sequera pola emoción de ver se gañaba ou non. Creo que era máis ben algo físico, algo sentimental, algo que lle escintilaba sobre os xeonllos cando alancaba.
Agora téñoo o diante, falando das súas experiencias olímpicas e de como quedou sétimo en sydney padecendo unha mononucleose. Leva o pelo longo e mouro, como sempre, pero agora ao vivo vénselle uns beizos moi fermosos e unha forma de desprazarse extraordinaria.
E agora xa sei que todo aquilo das bágoas e a televisión era simplemente amor.
lingua galega
Unhas frases tiradas da provocadora conferencia de rafael martín, decano do inef ankarés.
• Os partidos políticos creron que normalizando a educación física no ensino xa se amañaba todo.
• Moitos profesores de educación física son propagadores do antideporte.
Cuestiónanselle cousas á educación física (metodoloxía, utilidade, obxectivos...) que ás matemáticas, por exemplo, non se lle cuestionan.

14.3.06

universidade
Ningunha indicación de en qué aulas se debe celebrar o curso. Quince minutos de retraso buscando a chave. Quince minutos organizando a mesa de inscricións (!!). E finalmente as necesarias aclaracións: o curso estaba inflado pra que llelo puidesen validar por un crédito, pero xa agora nos dan o horario correcto e chapodado.
Así pasa o que pasa.
famosos
1. Saio dun bar xa moi de noite abrazado a Barataria e achégaseme un señor maduro e, certamente, algo bébedo. Ponme a man no ombro, mira pra nós e pregúntame: Oes, e ti sabes quen é søren kierkegaard?
2. Entro na facultade de historia de humidtown e atopo un letreiro de apoio a slóbodan milóxevic. Estarrezo. Parece que a paixón non nos deixa ver os cadavres.
3. Comezo un curso de campións do friquismo que me manterá atarefado toda esta semana. Nunha das sesións vemos un vídeo: un político do surinam louva as virtudes do deporte. "Antes, cando viaxabas ao estranxeiro, todo o mundo che preguntaba onde estaba o surinam. Agora todos din, ah, si, o país de anthony nesty". A distancia cultural chámase perplexidade.

9.3.06

brevidade
Malia todo, creo que este exemplo de ourensanidade non é unha boa nova.

7.3.06

coolhunters
Por estas cousas da vida coincido na mesma mesacamilla con dous coolhunters de peso da política galega. Nun tallo, con calzón trenca, Ian; no outro cabo, con calzón traxe, o Oso de Vilalba. O escenario, un despacho ateigadiño de libros onde sobrancean, con moito, as actas de congresos e demais. Ian, máis rápido cos pés, procura con rápidos movementos de van que o Oso dea un golpe en falso e conte algo do que sabe respecto do pendello da cultura, da política universitaria, de eisenmann ou, se se pon a tiro, de sagasta e pi i margall. Pero o Oso é máis forte. Amaga, sinala, ceiba o golpe e recolle a pouta rapidamente, sen traslucir se o seu obxectivo nesta vida é retirarse en roma ou seguir pescudando datos sobre as ovellas no século XIX. Co folgo de fóra, Ian réndese: o Oso sorrí e calcula.
pescoceira
Grazas a un ex hai anos batín contra textos de Rodrigo García. As súas obras flípanme e doulle grazas aos deuses do marisco porque veña facer dúas delas a humidtown. Á primeira vou con senalcume: son dous monólogos xa clásicos no seu estilo, construídos en paralelo, agresivos, contundentes e rabiosos como unha pescoceira, e onde xoga outra vez con esa imaxe fabulosa da infancia borracha e intelixente que xa aparecía en 'Notas de cociña'.
Á segunda, unha aterradora performance, vou só: un home tortura un lumbrigante vivo e logo céao. Pero baixo este previsíbel argumento agóchase a chave máxica do teatro, a que che fai pasar, en dez minutos e sen palabras, da maior das repulsións e das indignacións a desexar que o actor reparta entre todos ese lumbrigante á grella tan gorentoso que está papando.

6.3.06

historia natural, II
Empecemos pola parte boa: o debú da nova tempada do centro tráxico galego chámase Historia Natural,II, pero puxéronlle Illa Reunión nos programas seguramente pra confundir. Iso quere dicir que quen non viu a primeira parte pensará que esta é orixinal. O mesmo propósito, o mesmo ambiente verbeneiro, os mesmos personaxes sen dirección nin rumbo, os mesmos espidos absurdos, as mesmas brincadeiras embiguistas... con tres cousas excepcionais: un dos tubas e o cu ao natural de borja fernández, algunhas escenas convertidas en maxia polo xenio iluminador de baltasar patiño, e sobre todo ver a manuel guede, ex-director, remexerse, retorcerse e renxer tres calugas atrás.
As malas son, malpocadamente, moitas máis. Porque anque sexa infrecuente no teatro galego, non abonda con facer unha obra sen berros, onde a xente ría e onde os actores non tropecen pra que sexa unha boa obra. Cal é o obxectivo de repetir co CDG unha obra feita por unha compañía? Contaxiala de ritmo cataplasma?
Con todo, o pasado sempre foi peor.

5.3.06

diálogo
(verídico)
Eu: desculpa, non quedaría aquí un paraugas de cor laranxa?
Camareiro: un de nena?
Eu: si, supoño.
tórax
Quedo pra facer un trío cunha parella de descoñecidos. Un é un osiño pequeno, de pouco máis de vinte, voluntarioso e claramente namorado do outro. O alto, que sobarda a trintena, está moi fraco e presenta unha cor de pel estraña acompañada dunha máis estraña flacidez. Cando se ispe, comprobo que ten un tórax desestruturado, como inchado, produto dun tumor moi virulento ou dun accidente que lle fixera recompoñer todas as vísceras do abdome. Camiña coma os pretiños de biafra, posto que ese tórax leva (estou seguro) máis da metade da súa masa corporal.
A primeira reacción é saír a fuxir daquela casa, pero despois valoro o politicamente correcto e venzo a sensación desagradábel que me dá ver aquel tórax inchado e deforme. Quedo, e fago o que se supón o meu cometido o mellor que podo, mentres a pirola do alto non se dá posto dreita: a medicación agresiva? o cansazo?, cavilo atreboado.
Fóra está chovendo, pero nunca me pareceu tan acolledora a auga fría nas fazulas.

3.3.06

mesa
Había moitos meses, pero moitos, que non dispuña de mesa. En realidade a mesa estaba alí, desaparecida por baixo de moreas e moreas de papeis, de recortes, de exemplares de revistas vellas, de libros a medio ler, de billetes do transporte público de berlín, de bisturís e de todo canto kippel podía acollerse á cláusula de refuxiado.
Aproveitando o martes de antroido disanto ármome de valor e desprazo toda esa masa residente ao chao. Logo tento compactar todos os residuos esparexidos en cinco únicas moreas. Posteriormente mesturo vinagre con auga pra sacarlle as ronchas de po ao vidro da mesa. Finalmente sepárome entre esbirros e alí a vexo. Unha mesa. Transparente. Preparada prós vindeiros e intensos meses.
rupestre
Descoñezo as razóns que levaron a Taylor, un mozote venezuelano de 24 anos, a abandonar a mariña española e meterse a facer artesanías con coiro, e iso que llas preguntei un par de veces. O caso é que é moi lindo e cariñoso, e quedo con el nun centro comercial de fabric-city, damos un par de voltas nas rotondas das aforas e aparcamos o coche nun camiño enlamado, ao pé dunha torreta.
Non é necesario dicir que foder nun coche é unha incomodidade. Pero pra min, que o primeiro ferrete automobilístico me caeu aos 23, cando xa levaba explorado camas, duchas, sofás, penedos, camiños e mesas da cociña, resultan moi divertidos. Divertidos ao empezar, divertidos ao aquelar a mellor posición pró que se está facendo, divertidos incluso ao rastrexar a roupa polos asentos, pero especialmente divertidos cando me fixo nesa marca: a que deixei tatuada co sobre o bafo da xanela de atrás.
mugardos
No post-ferrete trémame o pé do embrague, creo que do pracer. Cavilo en que será bo ir estricar as pernas, e ocórreseme voltar a mugardos, esa pequena vila mariñeira onde pasei os anos máis flipantes da miña vida. Hai tempo daquilo. Agora percibo todo máis animado, con máis comercios, e o paseo marítimo está amplo e amañado como nas pelis suecas. Séntese a primavera na brisa do peirao. Levo as mans ao nariz e mesturo ese prácido recendo co do gasóleo e co da baixamar.
Estes momentos valen unha vida.

2.3.06

dúas sorpresas literarias
1. A ministra Carmen Calvo dando un discurso sobre a poesía coas súas propias vísceras. Que aprendan os nosos: as entrañas son pra mostralas, non pra arrebolalas.
2. O novelista asturiano Xuan Bello, falando na tele. Menciona un libro que o marcou: unha antoloxía trilingüe de Celsoemilio, Aresti e Espriu que eu, por aquel tempo, roubaba no corteinglés da Cidade. Non sei onde a teño. Está traducido ao galego?
eles
Saio moi tarde de traballar, pero aínda con tempo de ver os últimos minutos do partido que xoga Costa de Marfil.
5000 quilómetros ao sur adían e adían o proceso de paz verbo dun estado desaparecido, e no norte os xogadores do probabelmente mellor fútbol de África amosan qué nivel de desorganización defensiva poden chegar a acadar. Fican dúbidas:
• Onde podo mercar esa camisola laranxa tan ben cinxida?
Senalcume, por quen teremos que torcer en alemaña? Polo Portugal de Cristiano Ronaldo? Pola Suecia de Larsson? Ou pola Costa de Marfil de Drogba e Kalou?
antroido
En xeral non me gusta o antroido. Entendo que pode ter un certo chiste andar de mascarita, pero se podo pecharme na casa mentres todo iso acontece fóra, aproveito a oportunidade.
Pero este ano vén Barataria e véxome na obriga de facerlle algo de inmersión en chascarraschaslandia, afoutando choiva, frío e neve. Imos a xinzo, pero o sábado non é o día grande, e non cruzamos unha soa pantalla tradicional. Pra capturar algo de enerxía entramos nun bar de emigrantes, amplísimo, cunha inda maior pantalla onde botan pra ninguén o newcastle-everton e refollamos o xornal local: alí están os gráficos, as probas de que toda esa etnografía existe, anque barataria non a vexa: felos, folións, peliqueiros etecé, mesturados con anuncios de pozos de barrena e concesionarios de automóbiles. Mollados, poñemos proa cara a humidtown. Contra o frío e a desilusión fodemos no coche.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?