<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

29.8.05

decisión
Xa decidín o meu futuro. Abondan os motivos.
infancia
Deva, Pas y Besaya en Santander.

27.8.05

santander
Dende un teclado español tecleo este post arrodeado unha vez máis de adolescentes que se aldraxan de "gay, que eres un gay" mentres matan a john constantine ou o arcanxo gabriel. Dúas avoas de máis de setenta rexentan o cíber e repártenlles lambonadas aos nenos.
Foi un día moi canso, e máis cansa e pracenteira aínda a viaxe ata aquí onte á tarde, cruzando os trigais de palencia e esa industria marabillosa que é aguilar de campoo, onde todo o mundo ao redor de súpeto arrecende a galleta e as fontanedas entran no coche polo sistema de ventilación. Esta mañá dinlle un paseo a un pavero santander, mentres Barataria paseaba por outras rúas próximas un grupiño de cincuenta madrileños. Á tarde aproveitei pra ir ás dunas de liencres, baixo a choiva. Esta é unha praia mooooi longa, e o mar estaba abondo bravo pra dispoñer bandeiras vermellas e unha ducia de belidos surfeiros que xurdían e se agochaban nunha auga turquesa. Tamén había tres pilros que corricaban a area ao son da música dun torneo de volei-praia, pero en xeral todo era silenzo, calma, soidade e reflexión.
Teño tanto cansazo como areas. Barataria agarda por min no hotel.

25.8.05

púrpura
Encántanme os incendios forestais.
Vexo aquí, aló, acolá sinais de carraxe, indignación, incluso pánico por conta deles. É sempre razoábel, pero desta volta aínda máis, cando parece que arden a un tempo os piñeiros e a ilusión destes cen días que se nos deberían dar de marxe.
Vexo esa carraxe e secúndoa, e dóeme ver a destrución e pensar no tempo, no tempo perdido, no tempo e no traballo que vai levar reconstruír cada folla de herba, cada xesta, cada rebolo destemido. Pero non podo deixar de sentir ao mesmo tempo un inmenso pracer. Non podo senón estarrecerme ao ver eses inmensos ceos púrpura ao solpor, como de fin do mundo, como de prince. E por iso, mentres guío o coche coa fiestra baixa, respirando fondo toda esa paixón do áer, todo ese parfume de enerxía extinta, mentres risco o accidente por prenderme de nubes rubias e solpores, recito aqueles versos de valente: e anque sexa borralla proclámoo: borralla. Anque sexa borralla canto teño ata agora, canto se me deitou a modo de espranza.
españa
Imitando o vello Paleón, reproduzo aquí un fragmento real de conversa de messenger.

El: hola
Eu: ola. quen ves sendo?
El: q tal? como?
Eu: que che pregunto que quen es... que non lembro ese nick teu
El: soy un chico gay que esta caliente. Tu eres portugues? O gallego?
Eu: non, galego. Ti?
El: español. Eres portugues? Brasileño?
Eu: que no, que soy gallego.
El: pues habla en español pa que te entienda. O si quieres te hablo en catalan o valenciano
Eu: entiendo perfectamente el catalán, así que puedes hablarlo. Y estaría bien que cuando pidieses que te hablasen un idioma lo hicieras por favor, no?
El: menudo gilipollas estas echo, nacionalista seguro que eres, vete a apagar los fuegos que provocais.
El mudou de estado para Desconectado.

22.8.05

fins
No mesmo día que remato as vacacións extingo esa tortura literaria que é a Montaña máxica. Lisca a tarde co sol fresco de remate de agosto. Entro neste novo tempo que é o mesmo tempo con infección de gorxa, con catarreira e con cambras no bandullo logo da paparota en casa dos koalas. Isto é o que me deixaron tres semanas de enferma quietude. Levo tamén un bo ánimo, porque o descanso lle veu estupendamente ao sistema linfático da felicidade.
Febre, a xusta pra tronzar os minutos mortos e saudar as albas.

19.8.05

espazo
A vella Tarazana coñeceu unha vez un señor alemán que chegara en iate a ankara. Viaxaba así dende había cinco anos, e quedábanlle dous, porque a cada sete trocaba por completo a súa vida: lugar, ocupacións, quizais lingua... A historia foime contada na adolescencia, e no apampe propio da época non pescudei na metodoloxía nin lle preguntei onde estaba a lista pra apuntarse.
Estas tres semanas de vacacións, con e sen berlín, con e sen febres, con e sen Barataria, remexéronme aínda máis a cabeza: cavilo que vai ser necesaria non só unha mudanza de ocupación, senón tamén un cambio de espazo. Porque o tempo, anque eu non queira, achégase vertixinosamente ao troco de prefixo.
verbenas
Os últimos días foron unha desesperación de comer, durmir e facer o leirón, aforrando enerxías. Así que unha noite comezou, por exemplo, cun polo ao caril no sitio onde me aprendera kate, e de aí seguiu, con Basic e (m)alicia, a unha verbena na periferia de humidtown. Pouca xente, inda menos mozos e unha orquestra bastante mala. Por exemplo, o cantante, tan gay-looked como desafinante, despois de poñerme como unha cadela bailando a coreografía de numa numa iei, berrou maricón el que no bote pra entusiasmar as masas. Sen conseguilo, claro. O único merecente de lembranza, dúas frases: tienes la camisa negra, pero es del mucho cotón e baila morena, vámonos a negreira.
Sociolingüisticamente o evento daba moito de si, e quizais tamén podería ser de interese para o conselleiro suárez canal, pra medir as dimensións da traxedia. Pero a nós só nos serviu pra un pequeno prólogo friki, antes de chegar aos bares de sempre, onde acabamos indefectibelmente bebendo o de sempre, falando cos de sempre e tentando foder nos de sempre.
autonomía
Escoito a toda rolla elis regina afectado dunha gran catarreira, coas fiestras abertas pra que ventile e conectado directamente ao zume e ao rolo de papel. Hai unhas horas, de madrugada pecha, levei a Barataria ao km 317 da estrada N525: alí collía un bus almeriense pra cambiar o grupo en benavente e seguir facendo o guía polo norte peninsular.
Bicámonos en despedida, sabendo que con toda probabilidade nos veremos en dez días, quizais en santander. Empezan a quedarnos reféns (a min o neceser, a el unha camisola e un par de calzóns) no campo de batalla inimigo. E porén mantémonos xuizosamente en universos paralelos, respectando tempos e espazos íntimos, unhas veces xogando a ser parella e outras a simples descoñecidos. Con cada vez que nos vemos medramos pra nós-dentro. Non sei se me explico.
lecturas
O baleiro desta semana de vacacións en humidtown encheuse bastante con lecturas e actos sociais (as fotos destes últimos, na da paparazzi).
De mar de fondo seguían caendo páxinas da Montaña máxica: xa oitocentas, sen que por iso comezase a interesarme a historia do falso enfermo Hans Castorp, e sen que, menos aínda, lle atopase algún xeito a unhas discusións intelectuais claramente doutro século.
De mar de vento caeron o non demaisado ilusionante Lupus, de Frederik Peeters, o autor das pílulas azuis, o outra vez divertidísimo e deixador de pouso 'Como fan os coellos' de Ralf König, e un álbum español sobre un ex-policía estadounidense, que esquecerei rapidamente.
Tamén fun ver a viaxe de Ann-Sofi Soden, cabalgando nunha egua polo estado de Texas, e por dúas veces quixen ir a 'Charlie e a fábrica de chocolate' sen conseguilo. Escaralleime a rir diante da inescusábel videocreación de Carles Congost no CGAC, con música de Hydrogenesse e un actor principal que está pra convidar a unha merenda.
Incluso baixei un par de veces a ankara, ao salón da banda deseñada, onde a cada ano as exposicións son cada vez máis pobres e menos interesantes: alguén debería explicarnos cal é o valor de Brescia, ou de Fran Bueno, e por que facemos eses quilómetros pra ver as súas obras. Pero pra facer o ankarés e pasear mirando as pranchas coas mans xuntas nas costas, chega ben. Polo menos pódese ler alí a fenomenal historia de David Rubín, coa que flipei claramente, a pesar de ser o meu amigo e de recibirme cuns deliciosos bicos na boca, sabedores a tabaco. É, claro, a historia dun derrotado. Pero xa hai moitos quilómetros de derrota nos cadriños.

12.8.05

berlín
Hai só uns meses que estiven en berlín pero desta volta parece outra cidade. Quizais sexa a choiva intensa e continua ao longo dos cinco días, ou simplemente agosto, pero parece como se aquela bulideira work-in-progress acalmase. Nada é tan moderno, e co paso do tempo os vellos edificios, tanto os socialistas coma os capitalistas, vanlle recurtando distancia estética aos novos. O skyline faise de plastilina gris e dilúense nela cúpulas e rañaceos que noutro tempo foron sorprendentes.
O berlín que vivín co plattdorf é coma unha peli que botasen na televisión de madrugada. Non ligo os lugares nin os tempos, e estou tan desorientado como se coñecese alexanderplatz unicamente por lembranzas de cinema na infancia. Procuro aquí aquel recanto que me gustou pra ensinarllo a Barataria, mais comprobo que non está, que quizais fose noutra liña de s-bahn ou na zona francesa, ou que quizais en realidade non se tratase de berlín, senón londres, ámsterdam, lisboa.
O percorrido que trazamos é estraño, compulsivo. Algunhas exposicións por gusto ou por gorecernos da choiva, unha viaxe pousada a brandenburg e a potsdam, unha entrada nas tripas asbestósicas do león, unha festa gai, e quilómetros a pé, transporte público e bicicleta por rúas húmidas e parques. Súperes cheos de sopas, marmeladas e conservas, centros comerciais, rúas vellas, parques, salchichas fritidas comidas na rúa. Historia. Palabras soltas en alemán: eine brot, enchuldigung, grüne tee, kleine milchkafee.
Xa podo vivir aquí.
unplugged
Leo antes de partir cómo juancueto recomenda as vacacións desconectadas, sen acceso á rede nin á televisión. Respéctoo durante cinco días.
Pero cruzo a potsdamer platz con conexión wifi en toda a área, mentres centos de computadores están a funcionar nas terrazas e nas fontes e acho en menos ter aí o meu ibook e chuzarme ao fluxo enerxético do planeta. Á seiva.
molécula
Chegamos exhaustos a parque-temático-cervantes case de madrugada, grazas a iberia e a aeropuertos españoles. Deitámonos nun suspiro e volvémonos erguer cando xa é mañá levada. Dígolle a Barataria que quero marchar canto antes prá ghalleira, que se nos dará tempo de apañar o talgo das dúas. Di que si, pero torce o fociño. Acompáñame a través da complexa rede metropolitana discretamente enfadado: xa me explicarás un día destes por que marchaches tan axiña.
Tampouco eu o sei. Logo de botar quince días xuntos teño necesidade de estar só, de poñerme en marcha, de tomar decisións instantáneas. Anque Barataria sexa neste momento a mellor solución posíbel, nostalxio o meu vello sistema átomo.
Quizais xa nunca máis poida ser molécula sen ese pequeno amargor, sen ese sabor agre que se me instala debaixo da lingua nos tempos de espera, nas decisións, mentres el, quen sexa, toma o café ou se barbea.
parálise
O mesmo día da partida cara a berlín erguinme con 39.3 de febre. Durante esa primeira mediahora de medidas tatexantes (ducha fría, aspirinas, espirme) decidín quedar na casa e esquecer berlín. Logo rapidamente visitei unha doutora de agosto, que me receitou 120 eurazos de ibuprofeno, un mocolicuador (malia non estar cargado), un respirador (malia respirar correctamente) e un antibiótico (por se acaso) e atrevinme.
Suei no talgo camiño de Ciudad-Ajo, e seguín suando e con febres ata chegar a Berlín. Despois as febres foron substituídas por unhas fortes dores musculares, as máis intensas da miña vida. Eran as maniotas que tería logo de correr a maratón de novayork: impedíanme camiñar, coller peso, facer movementos de presión ou precisión coas mans, abrochar ou desabrochar o pantalón, agarrarme ás barras do u-bahn. Con estas dores custoume durmir en dous días, e a miña vida en berlín dificultouse severamente.
Barataria e o tempo foron minguando as dores, pero réstame aínda unha secuela: non podo escribir a man, nin tampouco (case) co móbil. En canto pretendo realizar movementos de precisión coa man (meter o dedo no nariz, soster un pequeno peso, coller unha cunquiña con leite…) comézame a tremer o pulso e non son capaz de culminar. Estou algo asustado.
Afortunadamente, a boca ségueme funcionando.
berg
Pídolle a Barataria que me vaia á libraría prá viaxe e que me merque a Montaña máxica. Non sabía de que ía, nin que botaban toda a novela a tomar a temperatura nunha coincidencia notábel. Pero entre a frouxa tradución e a miña escasa paciencia, ao chegar á páxina 300 empezo a perder os folgos. Aínda quedan dous terzos e comeza a importarme ben pouco o que suceda nese sanatorio de tuberculosos que é a montaña máxica. Pero as coinicidencias están aí: unha exposición sobre Thomas Mann no museo gai de berlín, os seus libros en todas as vitrinas da friedrichstrasse, unha instalación artística denominada berg onde se propón a creación do partido da Montaña e á volta, a nova do cincuentenario da súa morte.
bólas
Por cousa dunha encarga entramos nun sexshop berlinés pra botar un ollo e de paso pillar unhas bólas chinesas. Asustados polas dimensións que empregan os alemáns, solicitámoslle ao dependente co meu tatexante deutsch un modelo máis kleine, máis pequeno. nada, aquí todo así de grosse e máis grande.
Canto temos que avanzar pra converxer.
non-lisboa
A posibilidade de lisboa desaparece porque iop non pode recibir máis visitas. Está farta, e agobiada co traballo. Paso prá quenda de setembro. Dedicarei a última semana das vacacións a ordear a vidiña e rematar traballos pendentes.

3.8.05

40º III
Despois dunha xornada de descanso, cunha agradabilisima visita á casa de Kae, Ian e L., e algunhas espranzas de poder cantar con xeito a peza de kylie minogue, volvo entrar na cama con febres altas. Repaso a lista de comidas anteriores buscando un devanceiro pimpollo, pero non atopo nada, e os síntomas revélanse preocupantes: febres altas, dores musculares como maniotas e nada máis. Conservo intactos apetito, frecuencia gástrica, desexo sexual e amígdalas.
Ignoro canto tempo durarei así, pero mañá marcharemos finalmente en tren ata parque-temático-cervantes.
xilófago
Mentres as convalecencias e os tempos mortos tensan a espera e a convivencia entre nós, Barataria aproveita pra foderme con frecuencia, prepararme uns bocados de cabaciña e queixo de cabra, ou buscarme nas librarías novelas alemás prá viaxe.
Tamén vemos un filme na casa: Ghost Dog, de Jim Jarmusch. A beleza dos planos e algunhas peculiaridades da historia, coma os diálogos paralelos entre o samurai preto e o xeladeiro haitiano, fai que me pregunte canto tempo hai que non vou ao cinema con entusiasmo. Durante días remoio na música, mentres miro dende a cama como saen dos seus ovos os escaravellos xilófagos que inzan a nosa casa.

2.8.05

40º II
Como todas as cousas agás a guapura se adhiren, acabei enfermando eu da cabeza, a gorxa e as febres. Paseo alustro por ziralla, jewishtown e logo cama e cama e cama e zumes de laranxa vella.
Mañá cautelosa na praia (téxtil-puagh) co plattdorf. Mañá partimos pra Ciudad-ajo. Barataria candidatouse a pai dos meus fillos: pánico e alegría.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?