<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

12.7.04

perdas
Xa o dixen máis veces. Non hai nada que máis me desestabilice, que máis me preocupe e me enfade, ca perder cousas.
Peke chámame, angustiada: un becho fodeulle o sistema e ten medo de perdelo todo: os seus contos, as súas receitas de cociña, os contrasinais e blogs preferidos. Incluso hai quen lle insinúa a posibilidade que os piratas do mundo moderno fondeasen nos seus mares do sur. Eu tento tranquilizala, pero a posibilidade de que esas perdas sexan reais estrágame tamén a min o sámago dos ósos.
Despois, na noite, Fufli advírteme: unha chapa que lle trouxen da Tate Modern, cunha antena de Hopper debuxada, caeulle ao chan entre os pés, os vidros rotos e os restos de cubalibre derramado. Exaspérome. Póñome a buscala, sen éxito. Xa a piques de marchar, e cando Fufli andaba en mellores cousas, véxoa como unha pispa brillante agochada ao pé da porta. Bótome por ela. Míroa e sáltame unha bágoa do ollo.
Alguén leva conta de facerlle copia de seguridade á vida?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?