<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

26.12.06

pequena biografía dunha gata chamada ulises
Ulises naceu como unha bóla peluda e negra na primeira semana de decembro de 1993. Xa dende o principio tivo un felino traballo: darme coidados, durmir comigo e acompañarme nos estudos; foron semanas moi duras, e ela mudounas pra sempre. Foi despois o tempo de aprender a bicarme e a fuxir da aspiradora.
Un día voou atrás dunha pomba e seis pisos: a pesar do shock e de perder un dente, seguía ousándose polo tendal en canto alguén deixaba unha porta ou unha fiestra mal pechada. Tamén un día, imperceptible pra ela, decidiu durmir dentro dun caixón mentres o mundo se revolucionaba á súa procura, tranquilamente.
A xente cría que estaba embarazada, pero era só un problema de perspectiva de bandullo. Tamén había quen a compadecía por ser un pouco lela, pero tratábase unicamente de bondade. Durante trece anos seguiu durmindo comigo (algunhas noites), mirándome atentamente prós ferretes como se estivese anotando algo (parellas, posicións, ritmos...), e chimpando coa papeleira de metal pra que me erguese a darlle o almorzo. E estareille agradecido todos os días da miña vida.
Defendía o seu escaso territorio dos cans dos amigos tatuándolles os fuciños, pero da xente non se importaba: sempre amable e xenerosa nos aloumiños cando cadraba de estar esperta. Pasaba os vraos cos avós, e nos invernos gustáballe durmir embaixo dos radiadores e sobre as tuberías da calefacción, porque o bo da vida é a calor. Ás noites, cando lle apetecía, cantaba e botábase ás carreiras pola casa, dunha punta á outra, contaxiándolle enerxía ao universo.
Trece anos despois, logo duns días difíciles en loita consigo mesma, decidiu descansar e non mirar máis pola fiestra. O veterinario axudou a que fose apraciblemente. Eu gardo o recendo do seu pelo na memoria. As camas, as esquinas, os sofás e os flexos, a súa ausencia.
perdices
En tres días marchan ulises, o pai de Caimán e unha curmá de meu avó que vivía en méxico (pero á que lle tiña un misterioso e trasatlántico aprezo).
Parece claro que hai un par de discusións que teño que manter comigo mesmo sobre ese tema, que vou adiando e adiando. Entre elas, pensar no que di ás veces, sen importancia, miña nai: mira que me fastidia que a avoa morrese sen preguntarlle a receita das perdices.
ficción
En Se comes un limón sen facer xestos, sergi pàmies encadea unha serie de contos de homes separados con outros moi interesentes. Incluso algún é verdadeiramente fermoso, co que lle costa a pàmies poñerse fermoso por riba de cáustico ou irónico.
Entre eles, un que se titula 'ficción', e onde non pasa nada. Remata dicindo: o feito de que o fillo se durma axiña non é ningunha ofensa pró pai, senón a proba de que a ficción pode ser o somnífero máis efectivo. Cesc Gay, co seu novo filme titulado ¿casualmente? Ficción, leva esta frase á práctica: que boa peli sería se pasase algo...

20.12.06

teatro escolar
A última obra do centro moi-dramático galego, O regreso ao deserto, é un sorprendente despropósito. Dirixida pola mesma directora que escolle os directores da compañía, o que xa en si resulta bastante peculiar, sorprende que soterren tanto o texto, confundan tanto o ton e se organicen tan escolarmente que non se poida dicir de qué ía a obra; sorprende que sexan capaces de sacar rexistros inda-máis-peores do xa normalmente incomprensíbel celso parada ou da estarrecedora rocío gonzález (digna sucesora de luma gómez); sorprende que xoguen tan mal coa música e cos espazos con só tres mobles; sorprende que se poida perpetrar unha ridícula escena de pelexa de dez minutos con moito menos movemento cunha pintura de goya (con marco e todo); e sorprende que logo de nonseicantas representacións descoñezan tan severamente a letra dos papeis.
Hai veces en que a falta de calidade debería aconsellar, como pouco, un mes máis de ensaios. Quizais, tamén, a substitución do elenco e da dirección. Indo ao máximo, e tendo en conta que é o buque insignia do teatro galego, demisións. Así que o único que non sorprende é que as butacas estivesen, unha vez máis, practicamente baleiras.

19.12.06

franco
Isto de durmir un pouco, espertar, acompañar a ulises, meterme con ela na cama, ir ao pé do radiador a mirala durmir, seguila cando vai á area e sobre todo, non saír da casa de meus pais, estame deixando moito tempo pra ler, desordenadamente. Así, a unha guía de vila-marple escrita hai 155 anos pásalle por riba o último libro de pàmies, que se interrompe pra empezar e rematar un 'Papón' fermosisimamente ilustrado pero un pouco frouxo no argumento, e logo finalmente as Palabras contadas de camilo franco.
Tras da inexplicable portada agóchanse unha serie de propostas narrativas ás veces un algo insulsas, pero normalmente gralladas de frases estupendas, de relanzos atrevidos, de sorrisos, de risos e de cousas verdadeiramente xeniais. O mellor de todo nun libro que sae a historia por páxina son paradoxalmente os bises, algo máis longos, e sobre todo esas trinta propostas pra facer unha novela, que serían impecablemente perfectas se fosen só 25, e que chegan ao seu cume coa derradeira: destinada a deprendérmola de memoria os posmod e os mod, ao igual cós poetas desclasados citan a ronseltz ou os políticos a castelao.
Nota erudita: teño que escribir xa ese artigo titulado a heterosexualidade masculina en crise: de ameixeiras a camilo franco.

18.12.06

a especie está afeita á morte pero os individuos non
Sorprendentemente, uli está hoxe mellor. Comeu algo, bebeu algo, pasea de vagariño. Vai á area.
Medicamente, porén, as cousas non se solucionan. Os doutores son incapaces de atopar células canceríxenas, co cal non poden eticamente tomar ningunha decisión anque teñan todas as certezas. Así que a escolla está entre facerlle máis probas ou simplemente agardar a que todo pase da maneira máis suave posíbel, o que non é sinxelo.
E imos agardar.

17.12.06

vésperas
Todos dalgunha maneira sabemos o que lle pasa.
Non come, non bebe. Déixase ir.
Son as últimas horas de ulises. Por sorte pra min, estou con ela.
shortbus
Creo que podo adoptalo coma o filme da miña xeración, que quizais sexa unha xeración formada unicamente por min. Shortbus cautívame pola música, polos planos, polas historias... e perdo na tradución os detalles dun argumento que imaxino frouxo: pero fíxose así, facendo, rodando, a partir duns personaxes tipo, aos que non se lles pode pedir máis ca reflexos tímidos da vida.
Prá parte máis viciosa, un chavaliño facendo de sueco que é pra morrer vinte veces. Prá parte máis prosaica, a visión do sexo, coa que empato vital e tenramente. Máis importante e moito menos importante ca todo o demais.
polonia
Non falei aínda de edimburgo, quizais porque aínda non din coas palabras, malia ser a terceira vez que vou alá. Quizais das outras, das do descubrimento, simplemente non tiven tempo e ordenalo todo, de buscarlle un nome correcto á cidade.
Desta ocasión a edimburgo vou moi fugaz, só pra facer tempo antes de subir ao aeroporto. Voulle con belokan ao cine, pasamos por unha festa tipo erasmus e logo acabamos nun clube algo cutreiro que pecha cedo. Ás tres estamos fóra, ao frío da rúa de edimburgo, preguntando desesperadamente onde podemos seguir unha suave troula, o que a min me resulta moi cómodo tendo en conta que me quedan catro horas para pillar o avión.
Pero de súpeto, nun momento de desbandada temporal, eu quédome só con kamil na rúa, fronte a fronte, e el dime de ir á súa casa. Ata ese momento practicamente nin reparara nel, pero é un chavaliño metade polaco metade alemán, loiro e simpático, que estuda estatísticas. A casa del non está moi lonxe, imos camiñando, ponme un vodca con xenebra e logo méteme un ferrete que me deixa completamente pampo. Ten 21 anos, un mozo xamaicano en londres, unha moza en cracovia e outra en dublín. E dous libros de george orwell como único tesouro dunha habitación case baleira. Dígolle que o envexo, que envexo a súa idade e a súa forma de estar no mundo.
Pero el non me entende.

14.12.06

ulises
Mentres, a uns centos de millas ao sur, ulises, a gata que saltou dun sexto e que me deu todo o mellor que podía darme nestes trece anos, pasaba a noite en urxencias. Ten os pulmóns encharcados. Aínda non saben o que é. Non teño con quen chorar.
clase baixa
Armado de vontade, e sen saber moi ben como se me portaría o xeonllo, plantifiqueime en glasgow pra asistir a unha ceilidh do grupo gai da universidade. O concepto é que un conxunto de música supostamente tradicional bota unhas pezas e propón unha serie de coreografías tamén supostamente tradicionais, que os gais e as lesbianas alí reunidos, con kilt ou sen kilt, tentamos executar todos xuntos. É francamente divertido, a pesar do tradicional.
Por unha serie de erros lingüísticos en cadea perdo o último tren, e ábrome á posibilidade de durmir na estación, ou de evitalo. Bótolle o ollo a unha especie de piollo loiro, con cara de nativo: chámase paul, estuda francés (asegura), e é moi inglés nesta terra de escoceses, cos seus dentes metade desaparecidos e metade negros, a súa roupa de segunda man e un pasaporte que sinala como lugar de nacemento norfolk, que vén ser algo así como vilalba. Boto o resto e dáme cama nas aforas da cidade, nun barrio de casas desnartelladas, habitado de raposos, e onde seguro que filmaron calquera de kenloach. Resulta ser un romano católico, pero iso non lle estorba á hora de zugala, tenra e agradablemente; pasámolo ben, e espertamos tarde, moi tarde.
Fóra seguía chovendo. Miro pola fiestra da súa casa pequena, compartida cunha solteira vella e grosa, e vexo gasodutos, e cables, e colectores de lixo, e vidros rotos. Axiña pillaremos o bus que nos irá desprendendo, pouco a pouco, deste olor a clase baixa.

12.12.06

malaísia
Quedo cun chaval en principio pra xogar ao tenis, pero despois, por unhas e outras razóns, trocámolo por cearlle algo e ir ver a de jamesbond. El chámase Fai no seu nome chinés, Choon Hui no malaio e Jef no inglés, e das tres formas pode e quere que o chamen. É enxeñeiro de obra civil recén licenciado, budista e falante de cantonés, e delóngase en explicarme a harmoniosa convivencia das tres principais culturas de malaísia: iso si, non desexa voltar. Ninguén lle sabe do de ser gai: nin na familia, nin nos amigos, nin por suposto no traballo, e só lle coñecen o segredo os que foderon con el, e ao que se viu non deberon ser moitos.
Ten todo o que non se debe ter nunha cama: timidez, renuncia ao pracer propio e unha desmedida ansia por limparse. Pero as apertas do seu corpo de osopanda imberbe véñenme ben, como tamén me vén ben durmir nunha cama cómoda ou a misteriosa menciña chinesa que me frega sobre o xeonllo. "Mira", dime sinalando uns caracteres latinos incrustados no panorama chinés da etiqueta: "é de fabricación malaia".
xuíces
A miña primeira experiencia cos acolledores xuíces de atletismo escoceses foi estupenda. Logo de gastar un serán de mércores nunha pistiña ao pé das chemineas industriais de grangemouth (o que me valeu un severo empeoramento da lesión do xeonllo), pasei toda esta finde, enteiriña, nas excelentes instalacións do kelvin hall sports arena, en glasgow. Os xuíces escoceses son medio cento de anciáns, cunha media de idade de setenta e cun diámetro proporcional a catro pintas diarias de cervexa, que funcionan como un verdadeiro reloxio de precisión: sen estridencias, amósanse rigorosos as poucas veces que hai que amosarse rigorosos, e no resto actúan sixilosa, correcta e axilmente. Malia os anos, ou precisamente polos anos. Abofé, escuso dicir o despistados que están comigo: que se noroeste, que se catalán, que se o meu inglés, que se a xuventude... non entenden nada de nada.
A miña xefa directa é a señora Pat, xuíza xefa de carreiras, que é a muller que neste planeta máis se parece á avoa de Iop, con moita diferenza. O rostro, o sorriso, a parsimonia, os xestos, a forma de andar como se trouxese sempre pra ti un pedazo de pastel de carne ou unha bandexiña de galletas de xenxibre: en todo son iguais a señora pat e a señora avoa-de-iop. Distínguense, iso si, no discreto intercomunicador co que a señora Pat fala cos anciáns de fotofinish ou cos vellos do control de resultados, e en que a señora Pat ten un fillo na guerra do Iraq. E ela, con setenta anos, fálanos atemorizada do seu rapaz mentres dende o fondo da pista, na saída dos 300, se escoita: on your marks!!
jamesbond
Aproveitando a noite do sábado en glasgow, vou con Fai ver casino royale. Pásoo estupendamente ben co número dos guindastres ou coa persecución do camión de gasóleo, malia non entender nada da trama, pero contra a metade da película comezo a despegar un pouco do esforzo de tradución e cavilo no éxito deste axente da espionaxe inglesa que arrasou medio madagascar e ademais a recadación británica. E é que o filme ten todo pra conseguir que os británicos, fantasticamente, se sintan identificados:
— failles pensar que inda teñen algo de importancia na espionaxe e no goberno do mundo, malia que os rusos incen de polonio as rúas de londres, se lles peta, diante dos fuciños do M15.
— failles sentir que son máis espilidos cós americanos, esa especie de apéndice torpe desenvolvido tumoralmente ao outro lado do atlántico.
— déixalles clarito aos europeos que os intereses da raíña valen máis có seu pasado cultural de romanizados: cáustica e simbolicamente chimpan cun pedazo da cidade das marabillas, pensando co fígado que non se queixen no continente, que ben podía ser parís ou berlín, se ian fleming quixese.

8.12.06

metabloguear
Como ben diría goretoxo, agora calquera pailán metabloguea.

4.12.06

política
Recibo unha mensaxe por correo: vaise votar inminentemente a lei escocesa sobre adopción e unha deputada, a nacionalista Roseanna Cunningham (perth), presentou unha emenda pra que gais e lesbianas non puidésemos adoptar como a xente. Pídenme que lles escriba unha carta aos meus deputados, pedíndolle explicacións. Eu, que son guiado, collo o collins e escribo.
• A laborista Sylvia Jackson contéstame por correo dicíndome que encantada, pero que ela non é a miña deputada. A pesar do meu cálculo inicial, eu non voto en vila-marple, senón en ochil. Que por favor me poña en contacto co deputado dese distrito, o ex-nacionalista George Reid (segue sendo nacionalista, pero saíuse do partido pra exercer con maior imparcialidade o seu posto de presidente do parlamento escocés).
• O nacionalista Bruce Crawford chámame ao móbil e explícame que loxicamente esa é unha decisión persoal de Roseanne Cunningham, que na maior parte do SNP non opinan así, que el vai votar a favor da adopción por parte de homosexuais, que benvido a escocia e que que tal galiza e así.
E todo isto en menos de 12 horas e cunha noite polo medio. Mentres, na ghalleira...

3.12.06

roubo
A miña particular relación cos ladróns non coñece fronteiras: a ghalleira (4 veces), portugal, senegal e agora por fin escocia. Uns sons of a bitch viñeron e leváronme o asento da bici de xusto a pé da miña fiestra. Espertei sobresaltado de noite, quizais por culpa do repugnante mollo chinés que lle botei ao repolo, e déuseme por mirar pola xanela a ver como seguía o temporal. Primeiro, ao vela no chan ao igual có resto de colectores de lixo, pensei, carallo pró vento. Pero algo me rañou no fío do lombo, apañei a lanterna, sinalei o lugar onde tiña que estar o asento e...
Afortunadamente a empresa leiteira local patrocina hoxe unha xornada de compras especiais en beneficio dos seus orfos. A tenda de bicis tamén abre. En canto escampe, e por unhas moderadas 40 libras, impedirei que me vaian facendo o chiste da monxa.

2.12.06

irán
Sóprame un paxariño algo que dixo o señor burns na asemblea do bloque: a política internacional do bng debía enmarcarse no eixo cuba-chávez-república islámica de irán. Non sei cal dos tres destinos turísticos me parece máis incríbel, pero parece claro que a alguén, nalgunha parte, lle abandonou o sentido.
En todo caso, no de irán non fai máis ca repetir o que xa escribira pondal: cumprido fin, teherán.
coche
Quizais porque viña de percorrer unhas cantas millas en bici, porque levaba unha molladura que nindiola, porque atopara un macho de faisán agardando pola morte (coas patas rotas) nunha gabia, porque mercara un púdin de nadal e uns filetes de xarda afumada no tesco de dunblane ou simplemente porque era sábado, aquela chinesa dirixiuse a min e preguntoume se me interesaba un bmw de segunda man por 200 libras. Como tiña pinta de case todo menos de traficante de coches de luxo, e como xa escoitara falar dos baixos prezos dos automóbiles acó, díxenlle que quizais. E quedamos pra ver o coche.
Un par de horas despois aparéceme na casa. Ao carón hai un bmw de quince anos, coa chapa algo enferruxada, e de polo menos 6 metros de eslora. Naquel tempo era un bo coche. Ábrese a porta e baixa un home de aspecto de tonel escocés que me superaba en todas as dimensións, e con cara de poucos amigos: pero a miña exclamación sobre o tamaño xa lles explicou todo: só atrás, tralo bafo das xanelas, un número indeterminado de nenos chineses seguía xogando como se non pasase nada, seguros de que aquilo era o seu coche.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?