<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.4.06

sesta
Barataria está deitado no sofá, a durmir. Repousamos algo de bacallau fritido e salada. Aos meus pés anda Chula, unha palleira pinta. Ráñase. Logo preocúpase co pairo das moscas. Logo dorme.
Na habitación está Ulises, que cedeu parte da casa prá sesta da cadela visitante. Non se deita porque está á espreita, pero toupenea. E eu aquí, no ordena, mirando caer a calor e pensando en todo o que teño pendente de blogaxe.
Pero será mañá, despois do campin.

20.4.06

gallegos
Algúns casalandreiros non amañan o seu negocio e inda por riba inmíscense nos dos demais. Os galegos somos parvos, si, aquí e na arxentina, aínda que tamén somos loiros no brasil e non me identifico nin máis nin menos cun que co outro. Reivindico os chistes de galegos e o dereito hiperlexítimo dos españois a decidir sobre o seu español e o dos tailandeses sobre o seu tai. E de paso polemizo unha miga, que teño mandril.
implosión
Teño tantas, pero tantas, tantas, frontes abertas que non dou feito e descontrolo o consumo de cafeína. Entre as moitas consecuencias perdo, por exemplo, un importantísimo encontro blogueiro, sumido por unha dinámica laboral que ameaza coa implosión. Pero a trabe aínda resiste, e eu fico tranquilo.
elfos
Aí atrás merco con interese 'O portal dos elfos', un libro do inglés Herbie Brennan que conforma a primeira parte dunha eneloxía de aventuras, príncipes, elfos, tecnoloxía e aprendizaxes familiares. Os dous primeiros capítulos préndenme axiña, pero logo o tecido da trama faise zoupón, simpleiro e, finalmente, algo aborrecedor e previsíbel. A apresurada tradución, unida a unha inaprezábel revisión do texto, non axudan no resultado. Incluso percibo un cheirume homofóbico que me custa interpretar, ou incluso crer. Mercarei a segunda parte, por darlle outra oportunidade ao que foi un dos grandes éxitos da literatura nos últimos anos. Pero a comparanza é esmagadora: harrypotter é un extraordinario conxunto de novelas.
adsl
A empresa monopolizadora das conexións telefónicas anúnciame, a través dunha subcontrata, que non é posíbel conectar o meu fogar cunha adsl. É o mesmo que lle acontece a dous nachos xeniais que, ademais, son veciños meus. A alternativa galega meteulle o cabo á miña casa hai seis anos (si, seis), pero dende aquela non lles acordou xunguir ese cabo coa rede xeral. Que solucións teño?
1. Encadearme co portátil no medio do obradoiro pra reclamar a conexión do meu fogar que, coa lei na man, se acha dentro da zona histórica de humidtown?
2. Ir ao edificio dos cantóns e sacar polas lapelas a arturo dopico?
3. Escribirlle ao valedor do pobo?
Prégase confirmación, consello, rexeite ou voluntarios prá performance do obradoiro.
primavera, II
Si. Abrochan. Elas. Aguén.
holyweek
Ata atenas en bus, toqueando de mañá cedo. Con Iop en coche cara ao sur con parada en Salamanca pra recoller a Dj-Su. Despois apertas e bicos con Barataria na praza de touros de Big-Maceda, cun fondo de adolescentes, música e vespinos. Á mañá almorzo serodio e visita a mérida, á poalla. O alcalde de pontevedra, chuvasquerizado, cruza a porta dos leóns do anfiteatro; leva de ganchete a súa nai e failles coro unha mocita que declama en voz alta os nomes latinos de cada pedra. Impresionante museo. Despois estrada e máis estrada ata aracena. Montes verdes e devesas cubertas por unha mesta manta de estralotes de cor violeta, como se fosen lavandas. Mapoulas nas gabias. Máis choiva, forte. Salmoregho. Pensión por 11 euros barba, sen auga quente, e xuntamos as camas. Almorzo de pan con aceite. Estrada cara ao encoro. Paseo entre aciñeiras, estevas e sobreiras. Insectos. Primeiro baño de sol nudista da tempada e primeira insolación severa. Chanzas de pescadores fluviais coa palabra maricón, qué paveros. Coas cachas quentes e sen roupa interior, estrada e máis estrada, fermosa, de orxo e trigo, cara oeste. A miña primeira parella de abelleiros. Llerena. Fuenteobejuna. Toledo á noite. Estrada, tráfico e entrada en parque-temático-cervantes. Almorzo e visita a santorcaz con amigos bohemios de Barataria. Baixada a Ciudad-ajo. Lasaña e turistas. Exposición de vangardas rusas (a cara, a mala). Bus.
Silenzo. Memoria.

13.4.06

previsión
Atenas. Big-Maceda. .............. Ciudad-Ajo. Catro días de bus, coche e amor.
literatura
Case por casualidade leo un dos libros máis divertidos dos últimos anos, e resulta ser un texto de lingüística. Trátase de 'Aquí fálase', do xornalista canadiano anglofalante Mark Abley, e con el río nas colas de embarque, nos bancos do parque e na cama. Abley analiza a situación de distintas linguas minorizadas ao longo e largo do planeta, dende o boro da India ata o tiwi australiano ou o galés.
Pero, grazas a esa forma de facer reportaxes divertidas que caracteriza os anglosaxóns, o que podía ser un exercicio de carpideiras convértese nun relato rigodeiro, apaixonante e espranzador. Especialmente significativa é a claridade coa que retrata os distintos axentes promotores das linguas minorizadas: os directores de coros en manx, os profesores de galés, os rabinos proxidixes, etc. Entre eles destacan, pola súa incompetencia, intelectualidade e pedantería, os promotores do suicidio do occitano, a quen Abley pon a feder elegantemente, e nos que vexo reflectidos tantos galegos. Gardo prá antoloxía do humor a esgazadora e ridícula loita que enfronta os partidarios das distintas ortografías do mohawk. Véndoo cos 6.000 kms que me separan de ontario evidénciaseme que cada nh noso é un paso cara ao abismo: gustaríame convidar a Abley a unha estadía galega, e así cando menos seríamos na morte un motivo de gargallada pró resto do planeta.
parte médico
A catarse no estómago calmou cun pílulas de sexo conxugal. A moa segue agardando pola súa intervención, e os servizos médicos que poden informarme estarán de vacacións cando menos ata o luns. Unha coccidinia máncame dende hai dez días: o doutor iglesias, sempre atento, puntual e preciso, recéitame ibuprofeno e tranquilidade. Os 30 quilómetros en bici que me mandei polo salnés o domingo, ao igual có sexo anal, están especificamente desaconsellados.
oaxaca
A Oaxaca hai xa tempo que o coñezo, pero como marchou vivir pra barcelona non chegamos a intimar máis. Agora regresa fuxidiamente pra amañar uns papeis da residencia, coincidimos, quedamos e pinamos baixo a lúa chea nun fodedoiro das aforas. De camiño vaime contando cousas absurdas de correos electrónicos, carteiras roubadas, avións e demais elementos de modernidade, nun trampitán de galego inzado de palabras mexicanas e pronunciado á mexicana.
Cariñoso e eficaz, tiña tanta necesidade de fregar a caralla coma min. Bicámonos o prudente, secámonos, vestímonos entre malabarismos e achegueino ata a casa onde vai pasar este par de noites. Despedímonos, e no cálculo de destinos non entra volver verse.
liberalismo
1. Grazas á boa xestión do goberno touriño, os galegos de larouco pagaranlle a autoestrada a un veciño de cangas que cruza todos os días a ría pra traballar na Cidade. Mentres, as corporacións seguen rendibilizando un investimento producido hai milleiros de anos.
Estas medidas á rapañota do goberno touriñés (libros gratis, autoestrada gratis), ademais de ser falsas, son fondamente desigualitarias.

2. A pesar de que 105 mortos en catro días é pra preocuparse, o monopolio público de trens non programa liñas nin servizos de reforzo pra estes disantos. É máis, os sindicatos de funcionarios, implicados ata as cachas no servizo á sociedade, deciden que é un bo momento pra faguer folga.

Por estas cousas fágome liberal.

12.4.06

caboverdianos
Os últimos meses vimos sacando moito peixe. Foron días duros, traballando noite e día, e noite. Andamos á procura dunhas mandas de fletán dourado unhas mil millas ao sur de Saint Shotts durante dez meses, coa única ilusión da ducha que vén xusto antes de deitarnos. E iso os días que nos deitabamos. Por iso chegamos suados e cansos á primavera. Por iso as únicas olores que identificamos son a do peixe e a do sal.
En todo este tempo apenas pisamos porto. Reenganchamos campaña sobre campaña, fiados na detección de mandas por satélite que conspiraban contra o noso descanso. O peirao de Saint-John vímolo pra saltar do Remedios II ao III e logo outra vez ao II. Así que non houbo cervexas nin xente nin sexo nin televisión nin nada.
Agora acaban de falar con nós, todos reunidos sobre a cuberta. O satélite enviou un reporte de fletán rubio 1.300 millas ao nornordés de Saint-John, e queren contar con toda a man de obra que estivemos nos Remedios estes once meses. Din que o fletán que apañamos ata agora era cativo (aínda que xa se sabía que o dourado tira a pequeneiro), e que se necesita un esforzo máis pra rendibilizar a campaña. Sabemos que o imos facer, que non lle temos medo aos maquinillos, nin ao frío, nin á desolación a levar na memoria as rúas de Praia, Sal Rei ou Preguiça. Sabemos que nos gusta pescar.
Pero canta vida temos que dar en troca do fletán? Cantas toneladas de peixe vale a promesa dun porto seco?

10.4.06

semana
Sigo vivo. Pero o que queda.

4.4.06

brais johannson
Grazas a que me arrodea xente fabulosa preséntome a un castin pra actor porno, algo por brincar, algo por curiosidade. Afortunadamente, logo de sacar as fotos espido, logo de meter quilómetros autoestrada arriba e embaixo e logo de medirme no baño canto teño de ombros, de peito, de pirola e de cadeira, un monumental atasco de fin de semana fai que chegue tarde ao castin. Así vexo como os demais participantes, todos da categoría hetero, realizan estriptises perante dous milleiros de machos hiperexcitados, participan en concursos de erección e incluso copulan ao vivo con húngaras siliconadas.
Agardo ao remate pra falar con quen leva o tema, un fotógrafo de nome impostado que asegura ser artista e que me aconsella fuxir desas 'capulladas'. Pídeme que o chame a un teléfono de barcelona pra un castin profesional e serio, en quince días.
Así que de volta, na fantasía da nunca mellor escollida leiteira, penso un nome artístico que se me aquele. Creo que a miña nova vida como brais johannson vai estar ben.
mancha
O sábado erguémonos moi tarde Barataria e mais eu: o avión xa chegara a Ciudad-Ajo con moito retraso, e pesounos a paixón nas pestanas. No café de mediodía, Barataria proponme ir á mancha ver Volver, nun contrato con dúas cláusulas: temos que coidar de Chula, unha cadela froito dunha relación anterior, e el debe camiñar cunha muleta e esguinzado. Ao final guío ao sur o seu coche sen dirección asistida, tomamos uns amorodos en aranjuez, ceibamos a cadela nunha lagoa lamacenta e salinosa, e achegámonos pra ver o solpor nos muíños de vento de alcázar de san juan.
Ao pé daqueles xigantes botamos contas de crono, cinema, cea e cadela, e decidimos voltar sen volver. É noite na N-IV, a min dóenme os brazos e o coche cheira á lama das patas da cadela. Pero el ri e xuntamos as mans sobre o cambio de marchas. Este nacho faime realmente feliz.
allen
Dicía woody allen que se debe distinguir entre o hipocondríaco e o alarmista, pois el non imaxinaba que estaba enfermo, pero se lle partían o fuciño ou algo así, xa logo pensaba que era cancro.
Acosado a destra e sinistra pola enfermidade e pola morte, cavilo na estrañeza dos desarranxos gástricos das últimas semanas: estrés, úlcera, gastrite vírica? cancro?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?