<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.9.05

bingo
Paso un dos momentos máis deliciosos dos últimos días vendo unha drag guapísima cantar os números das bólas no alfaiate ankarés, con Plattdorf e (m)alicia. Inchámonos a patatillas, riscamos números, bailamos, vitoreamos...
A felicidade conséguese con ben pouco. E iso que non fixemos nin sequera unha raia.
convivencia
Estoulla zugando a un peculiar rapaz coruñés do extrarradio, guapo e practicante de aerboxing. A habitación onde ten a cama de matrimonio está pintada cun pouco natural verde melón. O fío musical cae sobre nós e sobre o edredón de plumas como se fose napalm.
De súpeto entra o mozo del no cuarto. Dálle un bico a el, e outro a min. Vai dar un paseo, di, que lle cómpre estirar as pernas.
É o primeiro día que os vexo na miña vida e fascíname a naturalidade coa que enfocan as angueiras sexuais, especialmente porque conseguen ser cariñosos e acolledores. E Aerboxing, ademais, fodedoriño. Nada parece mecánico. Levan oito anos xuntos.
Só un par de horas antes, o meu mestre de inglés comunícame a rotura co seu mozo logo de dous meses de convivencia baixo o mesmo teito.

27.9.05

alcalde
Entre as moitas cousas boas que ten o meu traballo inclúese a visita de onte a un veterano alcalde popular do interior. Durante os vinte minutos que botei no seu despacho, inzado de escudos e diplomas de toda caste e condición, e presidido por un pálido monarca de cando a coroación, non deixei de recibir estímulos da real vida real.
'Antonio, deixaches na miña mesa un sobre da seguridade social. Debe ser a alta da túa filla' foi a frase inaugural. Logo, por teléfono, díxolle a un veciño: 'o teu está arranxado, pero non che vou pagar eu, senón un contratista que temos aquí no concello'. Tamén respondeu o ofrecemento dunha empresa de cursos con que 'todo o que sexa formación adiante, que aquí pra burro o alcalde. E se é gratuíta mellor'.
Todas estas frases son inocentes e culpábeis ao tempo. Mentres chama por teléfono repaso os obxectos de enriba da mesa do despacho: o teléfono, o soporte para as plumas, as tres bandeiras... Pecho os ollos e escoito ese bruarciño do universo ao funcionar.

26.9.05

nuclear
A remota posibilidade de dous destinos novos, certas sobrecargas laborais e o cansazo co que me asusta o outono sacódenme unha treboada de neutróns na cabeza. Non sei se os 12 mm de espesor dos meus parientais porosos soportarán a presión.
Tentarei poñerme a coberto en caso de estourido. E se non, espallarme sen dirección en milleiros de partículas.
peores momentos
Dinlle a finde a Barataria. Fixo centos de quilómetros pra verme, e o único que lle puiden ofrecer foi o corpo e unha insulsa compañía. Non tiña o espírito repousado e escenifiquei demasiadas veces pánico, angustia e medo a saír da cama. Iso si, cumprín o ritual cunha certa orde: xantar nunha última terraza de setembro, facerlle unha salada de salmón, pasearmos, levarlle o almorzo á cama. Tamén apertamos os corpos, e fermentamos xuntos as nosas olores desagradables: antibióticos, alentos, suor, recalma.
Tamén fomos ver Lila di esas cousas. Falamos despois da peli un pouco sobre as rúas de marselha, sobre o clasismo intelectual francés ou sobre se é factíbel que te masturben cando guías unha moto: foi como írmonos recoñecendo. Como cando nos miramos no cine e non nos vemos.
lona
Acudo seguido a varias conferencias: unhas sobre telenovelas sudamericanas, outras sobre cinema ou nova cançó catalá. Incluso unha sobre codificación de SMS en alemán, que ao final non ten lugar. Ergo a man e incorpórome a debates intelectuais dos que levaba moito tempo afastado. Sinto, coma o vello boxeador retirado, o recendo das lonas molladas. Gústame esta sensación.

21.9.05

teatro
Escoito a Manuel Vieites falar na radio sobre a escola dramática da ghalleira que el vai dirixir a partir deste curso. Fixa como obxectivo que en cinco anos haxa 15 compañías estábeis grazas a este centro de asignaturas pechadas. Da escola sairán todos os anos varias ducias de novos actores e actrices de teatro. E repito: de teatro.
Pregúntome se farán tamén unha escola de público dramático para conseguir xente que vaia ver tantísimo espectáculo e poida facer rendíbel o sector. E se cadra inda me validan este blo como crédito de libre configuración.
E non vou incidir no modelo de política cultural co que me sinto identificado (o liberal) e o que detesto (o conservador): voulle poñer namais unhas candeas á santa conselleira pra que consiga facer da escola de vieites a escola de teatro/cine/tv que galiza pode chegar a necesitar. O malo é que non sei se isto será cousa do santoral protestante ou do ortodoxo.
amor
O amor frolece no blogmillo. É certamente glitter.
nenos
O outro día facía o señor pawley un excelente post sobre as formigas Migas, as tartarugas Tugas e a literatura infantil e xuvenil. Teño ocasión de comprobalo lendo dúas recentísimas novidades que en realidade tratan o mesmo tema: a relación entre a ficción narrativa e os pícaros. Juan Farias, malia a súa idade, conta unha historia bastante moderna dun neno que ten un diario: uns días dáselle por escribir, outros non, anque en realidade case sempre quere ir pescar e comer croquetas da mai. Ten uns perfís un pouco de familia clásica, pero tamén manexa ben o humor discreto dos nenos. Pola contra, Ana María Fernández conta en Contos con sombreiro a historia irreal de sempre: nenos tristes, profesora que lles di de contar contos, eles que cambian e son alegres...
Cando miro prá miña xa afastada infancia, a relación cos libros non se desenvolvía nunca en mundos rosas, nin en espazos xeniais, nin se me tatuaba un sorriso por moito que me panzase asterix ás noites. Non sei qué clase de infancia tiveron os autores das formigas Migas. Pero si sei cal é a que proxectan sobre os nenos.

18.9.05

camiño
Por motivos exclusivamente laborais realizo 26 quilómetros dun trozo lugués do camiño de humidtown. Fágoos en bici. Xanto nun espremedor de peregrinos, contemplo milleirais, carballeiras, encoros baleiros, vilas destruídas e terrazas que nacen nunha revolta dos galpóns pra vender cokes e fantas.
Disque o camiño dá pra cavilar sobre un, pra reflexionar sobre vida, morte e televisión. A min pasoume así: o que vin fíxome pensar en escribir "Sexo no Camiño", o que sen dúbida podería ser un beséler.Pero 26 quilómetros non me deixaron claro se debe ter formato de guía pra viaxeiros ou de novela.
Que Kaplan, dende a súa nova casa, me aconselle.
darkside
Na tarde do sábado tivemos un discreto contacto co Lado escuro. Nesta guerra das galaxias de terceira rexional, os soldados do exército imperial tenden a sindicalistas. Tamén dirixen as súas naves de combate a toda velocidade polas constelacións do rural. Expertos nas loitas dos campos da festa e dos comités de empresa, teñen como misión espallar a súa escura enerxía por todo o Universo, cun único dogma: a forza escura é única e indivisíbel. Exaltan o traballo, canto máis antigo e ritual mellor, e festexan o raxo e o polbo á feira.
Eu vivo nunha galaxia afastada do centro do universo, lonxe tamén de todos estes combates, pero o exército imperial tenme igual nas súas listaxes como membro activo da Rebelión. E quizais o sexa, porque o Lado escuro posúe unha rede de espionaxe que non adoita trabucarse.
Cal é a diferenza entre o Lado escuro e o Lado luminoso? Non a percibo con claridade. Creo que me cegan os estalos das espadas láser que relumbran nos combates. Pero como dicía o gran Ioda: o ben non sabemos onde está, pero o mal si.

16.9.05

princesas
Escoito voces distintas, dun lado e doutro, que me falan tepedamente de Princesas, o último filme de Fernando León. Así que con algo de dúbida vou pró cinema. Flipo. Xa non vou dicir nada da incríbel maxia dos diálogos, cheos de pasta de sopa de estreliñas sen parecer imposíbeis, nin da mensaxe suave e morna (nada estridente, nada rancia) dalgunhas secuencias, como a conversa entre Calle e os policías no aeroporto. O que me arrampla o sentido, o que me fai escoar bágoas como pingóns, é esa fermosura que abrocha cando nada parece posíbel: quedaráseme marcado pra moitos anos o paseo da puta sobre o raíl, facendo liña cos pés, en equilibrio, en fluorescencia.
Ao día seguinte comprobo que españa escolleu entre os seus filmes prós óscar a Princesas, pero tamén a de Garci (como o consegue?) e a 'Obaba', aínda nin proxectada pero da que o noso observador privilexiado xa deixou curtida constancia.
Ao meu redor hai novidades: blos novos, intendencias (grazas berto), ilusións e proxectos mudadores. A ver se orballo me bota unha mau e lle dou unha volta á casa.

15.9.05

sorte
Arrastro uns días de mala sorte: pequenas cousas, inaprezábeis, que se van engadindo a unha sobre a outra nunha moreíña xeitosa. As últimas tiradas déronse onte: líome por terceira e última vez con Gústoche?, un pouco a desgana. O resultado foi ermo, incluso catastrófico: á mañá el rómpenos un vaso de vidro e guíndao polo váter, e ademais queda encerrado en casa co que hai que saír do traballo pra sacalo. Pra máis engádega, logo dunha soporífera tarde con Todonada (e non por ela), perdo unha das miñas chaquetas favoritas (con chapa pailana incluída) e confírmanme unha mala nova.
Pero mañá amencerá de novo, co malencónico sol dos últimos días de vrao. E eu vereino.

12.9.05

xibuti
Paso un par de días na estrada baixando e subindo de lisboa por nacionais (algo tamén por autoestradas, cando os nervios me rompían). O día que queda no medio invístoo en pasear pola cidade, sen moito rumbo, con Iop, gastando as pernas contra as costas e os lastros. Á tarde visitei algunhas tendas moderniñas, fun ao museo do chiado (moi divertido erwin wurm) e de remate ao teatro ver a primeira parte do 'Ensaio sobre a cegueira'. Logo de 1:40', ao chegar ao descanso, pensei que nin a excelente escenografía nin uns pobres sobreactores foran quen de prenderme a unha historia que non me achegaba nada. E lisquei.
Recólleme Iop e imos cear nun sitio cutreiro bacallau esfarangullado e picaña con crema de col. Despois café e gintónicos polo bairro alto. Finalmente a nunca tan belida Iop retírase e quedamos eu e as nasas. A miña idea era buscar algo interracial, e ooop, cae Adén. Camareiro nun restaurante en bruxelas, Adén é preto, musulmán e circuncidado. E ademais, xibutí (ou xibutiano). Leva catro anos en bélxica e di que voltar prá casa é perigoso. E por iso vén de vacacións a lisboa. Enrollámonos algo, incluso bastante, pero ao final pasan cousas e marcha cada un polo seu lado. Nese momento chama Paleólogo, que anda unhas rúas máis abaixo: quedamos, fumamos haxix e durmimos xuntos coma noutro tempo.
Amenzo nun piso velliño nunha das costas que ruben ao castelo, coa cidade aos pés. Un veciño ceiba música dende unha furgona tuneada: non te inquedes, sé feliz.
esquerda
A viaxe por portugal permite botarlle unha boa panorámica aos carteis electorais prás municipais, dende lisboa a vilanova de cerveira. Desprendo:
O Partido Socialista teima no medo e na protección: videovixilancia, cámaras nos taxis, seguridade nas escolas, policía en todos os barrios... Velaí a esquerda conservadora, a mesma que aquí agasalla libros á rapañota.
Con ver os carteis xa se sabe que o vindeiro alcalde de lisboa será o do PSD, Carmona Rodrigues. Ademais de ter un espazo fronte ás Docas dedicado unicamente aos nenos, nos carteis aparece cos brazos remangados en clara situación de comezar a botar a planchada. Velaí a dereita e deberiamos ir pensando como combatela.
Os candidatos de PS, BE e CDU cumpren un mesmo patrón en norte e sur: homes, de máis de 50 anos. Inzan o país.

9.9.05

sur
Totalmente na ruína económica, moi canso, e co maleteiro cargado cun repolo, un ramo de flores, un libro e un tiracoios, irei esta finde pra lisboa, ver a iop. Ogallá atopase un billete de cen euros no chan pra pagar a autoestrada. Ou unha rena.

6.9.05

despedida
Ante a inminencia do cambio de prefixo, decido despedirme da mocidade cun pequeno agasallo. Por iso sacrifico unhas horas pra ir ata atenas á procura dun rapaz extraordinario.
Xastriño ten 22 e un corpazo bloqueante de príncipe nórdico. Véndoo ninguén diría que vive nunha breve aldea da comarca carballiñesa. Pero alí caeu unha estrela e este chavaliño medrou pró deseño: agora pon as súas ideas ao servizo dunha das empresas líderes da provincia, e con ela vai de xopin a londres, ou á india mirar as plantas de produción. Quédanlle relictos da súa casa, como meter dous calzóns (un apertado, pra amarrar, e outro frouxo e de marca, pra lucir) ou un galego falado con il, maus e mércores que me sitúa no futuro.
Imos co coche ás pistas de atletismo: el vai perdendo a roupa e eu os 29. Non nos puxemos dacordo pra que o sexo fose algo máis ca incómodo, e como non era o día conformámonos con deixar bafo de tenrura contra o parabrisas.
Logo regresei pra humidtown. E mentres caían a choiva, a brétema, antony&thejohnsons e a noite outoniza por riba do meu coche e por riba de dúas luciñas vermellas á fronte, levaba as mans ao nariz: aí estaba o forte recendo dos quilómetros, da vida propia e allea, da felicidade. O recendo que busquei estes meses. O recendo que seguirei buscando.
dicionario
Boto 14 horas a traducir software. É unha das tarefas máis ingratas que hai: páxinas e páxinas de frases e palabras illadas, sen un contexto de referencia e comprensión. Ademais, mata a seguridade de que o 95% das mensaxes de erro só se devolverán en situacións imposíbeis. De súpeto aparéceme esta: O teu dicionario non ten palabras.
Repásoa, reléoa. Vou prá cama.

4.9.05

outono
Deitado no sofá, repouso os quilómetros das pernas, ás veces durmiño, outras remato a interesante pero algo previsíbel Chave de cristal, de Dashiell Hammett. Ulises déitaseme aos pés, pero logo sóbeme ao peito, e despois finalmente cae outra vez cara aos pés, buscando a partes iguais calor e comodidade.
Fóra chóvese o primeiro outono.
hoteis
Como Barataria ten por misión pastorear os grupos máis cutres de turistas da península, grazas a el estou coñecendo hoteis en que quizais nunca me chegase a hospedar. Marcados cun X na rota da salmonelose e das casas de putas, durmimos neles como se nos corredores se estivese desenvolvendo a rodaxe do Resplandor. Paredes escascarilladas, labirintos de escaleiras e ascensores, bañeiras desequilibradas e cheas de barola, recepcionistas que fixeron o máster en incorrección, chóferes ás xaneiras... todo iso sucede a só dez quilómetros das cidades. Illados por un mar de caspa e barallas españolas, aquí están os millóns de turistas que nos visitan. Nas súas maletas, unha torta de santiago para cada sogra.
charlie
Dime Ian: vaia ver Charlie e a fábrica de chocolate, que a min non me gustou moito, e a ver qué me conta.
Imos Barataria e eu logo de cear cebolas recheas, bonito á sidra e salada nunha terraza en vetusta, á sesión da madrugada. Estamos poucos pra gozar dun dos centros comerciais máis fabulosos que vin ultimamente. Coidado nos detalles, moderno, eficiente e pulcro, ten 16 salas de cinema. Imos ao filme cruzando por un túnel coas paredes estreladas e brillantes. A peli non me pareceu tan divertida como imaxinaba, nin tan tenra como apuntaban outras mulleres moito máis bravas ca min. Quizais fose o sono, ou a hora, pero tras da engaiolante galería de fogos de artificio non vin moito máis. Barataria quedou durmido sobre o meu ombro. Ás veces as ilusións non se cumpren: na miña peza de chocolate non había billete dourado.

2.9.05

foodstyler
Cando se apaga a luz no cuarto 309 do parador de humidtown e comezo a acariñar a pel máis tersa e fermosa de todo o estado de sãopaulo, reviso todo o que deu a noite: unha porrada de risos, historias despropositadas, ferretes na floresta negra alemá sorprendidos pola policia, copas con elton john e alanis morrisette, clubbing de a 60 pounds, a illa de miconos, dinamarca, chile, libros de autoaxuda, colombia, nova york, un namorado actual que resulta ser un dos decoradores de máis sona en todo o reino unido, un bon exercicio de fala brasileira, detalles sobre a patisería do ritz e incluso unha fabulosa forma de entrarlle aos rapaces.
Se este Foodstyler, que é sen dúbida a persoa máis rica á que lle zugo a pirola, fose un ser sensato no sexo, habería que abandonarse e buscar piso nas proximidades de oxford circus. Encaixábel nese patético modelo que podemos denominar "que ben o fas", consigo que el diga que está a gozar e pouco máis.
Érgome cando aínda non é a alba. Despréndome dese mundo que non me pertence, baixo a recepción e recollo a bicicleta que deixei aparcada xusto diante do parador. Coma un señor.

1.9.05

culinaria
Vou cear con Fufli pra celebrar que hai catro anos que nos bicamos por primeira vez. Pasámolo ben no conxunto duns días que están resultando moi especiais. Despois tomámoslle unha e retirámonos prá casa, pero de camiño cruzo cun mozo espectacular que comeza a falarme. Está buscando bares de ambiente, así que damos un par de voltas e acabamos no de sempre, o único que ten xente nesta noite de mércores. El é brasileiro, pero vive en londres dende os catorce anos. Está en humidtown de turismo e viaxa só porque necesitaba tomar un respiro na súa vida despois dunha longa relación.
Logo de traballar nas cociñas do ritz londrino, este rapaz que é do máis fermoso que vin na miña vida, decidiu utilizar os seus contactos para acceder a unha vida máis relaxada. Así que se fixo food-styler, ou algo así (prégase confirmación ou rexeite, anglófilos): ou sexa, traballa preparando comidas para o fotógrafo da revista da BBC. O resto do seu tempo son colaboracións para distintas publicacións gastronómicas, viaxes dunha semana a estocolmo para coñecer a cociña escandinava, un mes en venezia descansando... Acompáñoo ata a porta do parador e despídese de min pedíndome de vernos mañá.
Chego a casa, mexo, e penso que non, que todo foi un soño e que nunca me crucei con este modelo moreno metido a chef de luxo. Pero recibo unha mensa en inglés agradecéndome a compaña desta noite e insistindo en vernos mañá.
As fantasías de consorte dedicándome ao xornalismo gastronómico e xantando en portugués no Bulli estouran como fogos de artificio.
praia
Aproveito estas tardes de tempo inestábel pra ir á praia. Hai nubes, ou brétemas, ou soamente vai unha brisa amarga que me ouriza os pelos rubios das nádegas, e os areais fican case baleiros. Leo neles. Leo A hora da estrela de Clarice Lispector, e remátoo sen saber realmente se me gustou ou non. E, ao mesmo tempo que comezo un libriño sobre a coroación de Hailé Selassie, inicio outro de Dashiell Hammett, pra que me acusen con razón de fútil os adoradores da montaña máxica.
As areas métenseme nas páxinas. Pasan os días, e cada vez a noite chega antes. Todo declina, pero eu fágome forte e emprégome na empresa da felicidade.
vídeo
Teño posibilidade de ver o aburridísimo vídeo que conmocionou a vila de ordes este verán. Nel unha moza da localidade mastúrbase en agasallo pró seu prometido, co que vai casar. Poden ser inquietantes os planos do manual da videocámara, estendido sobre a cama, o ¿bote de desodorante? que introduce pola vaxina, ou tamén as pinzas da roupa coas que prende nos pezóns, pero o que realmente me aqueloutra son os lentes. Por que non os quita pra masturbarse? Porque ten que estar pendente do manual da cámara? Ou porque lle resultan excitantes ao mozo? Os misterios do desexo son, en todo caso, insondábeis.
A única saída social era asumilo e campar con orgullo de sentir, de provocar, de gozar co corpo dunha. Pero aos heteros aínda lles queda (tamén) moita loita por diante. E castigo infindo prós difusores, abofé.
idades
Quedo cun rapaz de vinte anos cando xa é madrugada. El ocúpase da prancha nun restaurante que pecha a cociña ás 2:30. Vén foder á miña e trae todo o fritido do mundo sobre a pel, un lombo adolescente inzado de cráteres e un ricaz galego de humidtown, do que medra nos barrios dos arrabaldos rurais. Tímido pero con intención, facemos algo que resulta divertido e relaxante. Despois vístese pra que o leve á casa en coche, pois agardan os pais por el. Cando senta no bordo da miña cama pra vestirse, véxolle ben a barriguiña, miro pró seu perfil brando, observo a forma de meter os calcetíns... seguramente os mesmos cós do seu avó, cós do seu pai. As tres idades: unha foi á guerra, outra á emigración e esta sae do armario pra construír un país novo. Ou algo.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?