<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.5.04

accidentes
Esta fin de semana foi traumática a nivel automobilístico. Afortunadamente aos meus amigos non lles pasou nada, nin a Jacarezinho nin a 12Uvas, anque creo que Agi e o coche de Audrey están severamente danados.
12Uvas tamén me informa de que coñece o edil socialista, e de que incluso chegaron a intercambiar os teléfonos xenerosamente cando, antes da política, o meu concelleiriño pasoliniano militaba no sector téxtil. Non me achega máis datos.
Chama un meu amigo para acalmar os temores cunha boa nova: agardan un pícaro (ou pícara). É o primeiro dos da miña quinta que procrea, e dáme un pouco de aquel. Pero axiña vén a tenrura a golpearme na caluga e imaxino roupiñas e libros de kalandraka a chover. Alégrense amigos, creo que o coñecen case todos: incluso Peke e Florbela.

30.5.04

colectores de lixo
Esta foi unha semana ben intensa, que me puxo completamente fóra da bloguesfera. Na miña ausencia, sei que se produciron chiscadelas paveras, e medioflirteos, mentres o exército de poetisas agochadas se rebelaba contra as marcadoras de tendencias. A Cesare reclamábanlle unha presenza nas balas que malpocadamente non podía dar, e nin sequera se decataba.
Facer agora resumos é van. Tamén prometer algo pra estes días vindeiros. Só me queda dar as grazas a quen me reclamou, a quen lle inquietou o meu silenzo. Ler algún comment con ulises durmindo ao meu carón, roncando como unha bestiña, éncheme de gozo.
Gúguel adxudícame báneres de colectores de lixo: nada me parece máis axeitado.
estado da miña relación con shoto-kan
Esta semana apenas vin a shoto-kan: andaba en lerias laborais e nin pra el tiven vagar. Quedamos o martes pasado, bicámonos, pasámolo moderadamente ben. Dende entón, chamadas aquí e acolá e pouco máis.
Esta finde mandoume unha mensa dicíndome que me quería, e que sentía a miña falta. Non fun capaz de responder. Os feitos vanme acurralando, e eu achico. El deslúmbrame por veces, especialmente cando fala de si, ou de nós, así que quizais o pousafolismo indique que a avaría está en min.
Torcida antipaternalista: tedes razón, pero a panca dos soños non se me acciona.
grazas
Fun ver Romasanta, con Shoto-kan precisamente. Vimos a versión en galego.
A xente ría no cinema cando dicían grazas ou graza. De feito, foi o máis grazoso de todo o filme, canda o cameo do peor escritor de nome coñecido. Por obxección de concencia, négome a dicir grazas nos bares e nas tendas. Que veña o señor Burns, e que o diga diante miña.
Tamén penso que hai anos o estás bébeda, suelen fixera a mesma graza. Triunfará a palabra? Quizais coma Romasanta.
Polo menos temos unha lingua que dá risa.
código
Nas praias, na cama, nos atascos, fun lendo cobizosamente O código da Vinci. Remateino nunha patada, e logo dinlle unha idem.
Cocteleira de tópicos sobre europeos, misterios pouco misteriosos e non demasiado humor (balas de 500 páxinas pero ben escritas), que dan co beséler no andel dos libros propiedade de quen veña por eles. O fillo de mamá pato dime que venderon da versión en galego moitos máis dos que contaban. Albízaras.
see you in london
Acepto o convite de Henri: estarei en londres durante o sanxoán e mais tamén polo orgullo, que este ano promete ser esplendoroso en humidtown.
Dáme mágoa e pánico. Xa contarei.
póutigas
Como remate dunha semana esturruxada de traballo, decido ir na procura do teixadal de Casaio, un ano despois do primeiro intento fracasado. Dúas zoupadas considerábeis, maniotas por arrobas, a compaña de ferre e mery, unha parella de xabarís, un bosquiño de teixos e acivros que é un cacho de paraíso, e un percorrido entre a brétema sobre unha pickup toyota.
Tamén vimos unha cousa que Ferre denominou póutigas. Son, ao parecer, parásitos das carpazas. Nacen a rentes do chan, son vermellas como ravos, esfollan como alcachofas e zúganse como chuchameles.
Prégase recoñecemento, confirmación ou rexeite.
oposición
Coñezo por cousa do traballo o concelleiro socialista dunha vila próxima. Anda pouco por riba da vintena, naceu na emigración e ten un nome tan pavero que só imaxinarlle un alcume parece ridículo. Pronúnciame o francés de marabilla, e chamareino como el me dixo: Futuroscope. Fálame de conducións de sumidoiros, festas de halloween e marquesiñas para agardar polo bus. Pampeo pra el: perfil pasoliniano, beizos grosos, orellas retortas, fermoso. Agardo polo seu bus, con poucas espranzas.
Con todo, a medida que pasan os días e as ilusións, a campaña de outubro 05 faise máis desputada.
post metatécnico
Máis novidades: a patronal decide mellorar a miña capacidade produtiva cun computador máis novo, máis xeitoso e de só 12 polegadas.
Mellorará a miña capacidade bloguitiva?

24.5.04

sísifo
A torcida posiciónase: todos contra o paternalismo. Circe, Peke... e un fermosísimo correo de Berlín: Esquece as túas tribulacións morais e goza da situación, que o rapaz, se volveu, foi porque quixo e porque lle fixo ben e lle prestou.
Agora, cos datos recentes dos últimos días, vexo distinto a Shoto-kan. Son unha peza máis da súa engrenaxe, dun plan trazado máis ou menos instintivamente por el pra aprender moito, e pra aprendelo rápido. Ao final, regreso á frase de jacarezinho: ti estás aquí pra facela feliz. Neste caso, facelo. Na medida do que poida. Na medida do papel que me toque, que seguramente é pequeno.
Velaí a vida.

Ps: despois de escribir este post, leo o seu comment. Derrúbase o edificio e erguémolo de novo, como un sísifo dos pubs e das sabas húmidas.

23.5.04

máis
Pasaron moitas máis cousas nesta finde intensa. Vin emocionado a postvoda con Eya, a autodenominada Mapoula, Garda e un ser indescritíbel. E fun á cidade polo da marcha, pero sen participar nela, e acabei estreándome no vademecwm con Fufli e 20Vacas. Conducín ao mencer pola autoestrada. Fixen dous controis de alcolemia. Pasei horas a soas, con Uli, gozando da casa e sentíndonos produtivos coa recollida de lixo ou a limpeza da cociña. Ceei estupendo solombo con chícharos e penedés. Lin.
Cantas cousas se poden facer en tres días, incluso sen sexo.
descenso
Si, son céltico.
E hoxe, cando guiaba baixo o sol atlántico polo peirao de santo hadrián de cobres, escoitaba a voz de xaime escudeiro e víñanseme outras moitas tardes de antes, mellores e peores, a pórseme no volante.
Vestín a camisola da UEFA de hai cinco tempadas. Encántame o seu olor a poliéster.
A Segunda ten campos máis épicos.
praia
Estes días aproveitei para estrear a praia, en detrimento do blog. Bascuas, Saiáns, Barra. Buscaba unha señora embarazada. A auga está fermosa, os solpores tamén. Sono aínda máis baixo a ameaza da treboada.
Recupero a confianza na praia pouco a pouco. Chimparei alguha vez co medo? Hai nestes días un ano daquilo.
bukowski
O meu amigo Bukowski deixouno coa moza hai un mes. Visítoo na súa casa de ankara, e cóntamo: sorpréndome e alédome.
As horas pasan, mentres el fuma, bebe güisque e fai lista do seu catálogo de rancores. A súa ex, Morrison, tamén é amiga miña.
Repaso a historia de desencontros que eu coñezo, e das dores que foron capaces de crear entre eles. Tamén hai un par de murallas chinesas edificadas en nome do amor, que agora ameazan ruína. Saio á terraza e teño toda ankara aos meus pés, e cheira fondamente a mar.
Ao día seguinte, a douscentos quilómetros, teño o mesmo mar, no solpor. Falo con Peke e B precisamente de Bukowski. Non parece que teñamos moitas esperanzas depositadas no fondo do seu vaso de güisque.

22.5.04

putas
Vivo no barrio bordeleiro de humidtown. Son as miñas veciñas putas de antigo cun nicho de mercado fundamentalmente dirixido á tripla combinación de vellos, feos e borrachos. Por iso o seu horario é de 10:00 a 24:00. A menos de dez euros o cartucho.
O sábado aproveitei para vestir o meu tixir de 'voda non' e facer a compra. O súper estaba tan cheo coma un día normal, a xente camiñaba como un día normal... pero as putas estaban pechadas.
Solidariedade? Non vou dicir nada máis: verdú dío todo, bordeando as inxurias á coroa.

21.5.04

róbinson
Despois de moitas pausas e arranques, acabo por fin de ler Robinson Crusoe. Gústame. Racista, escravista, integrista anglicano.
Hai cousas que non saen nas versións de debuxos animados. Ou que si saen, e esquecémolas conscientemente.

20.5.04

lolita
Despois dunha longa xornada de traballo, colleume o frío nas rúas festeiras de humidtown. O tempo segue treboento. Esquecera as chaves e non podía ir gorecerme á casa da chuvia, do fresco, da cabeza. Así que ao final acabei destemperado no concerto de Ojos de Brujo, sen pasalo ben. Estaba rodeado de fermosuras, incluídas Fufli e 20Vacas, e non me daba concentrado. Tiña os miolos en Shoto-kan.
Velaí a dúbida: levo unha vidiña aquelada, sen máis cadea cá deste blo. Shoto-kan ten 18, e polas circunstancias persoais arrastra un plus de fraxilidade. Póñome sensato e creo que debo ser máis prudente que de costume, avisalo comenentemente dos riscos e das posibilidades, incluso retirarme. Pero dáme medo a ausencia. E doume medo eu cando me vexo frívolo, ogro, con armadura ante o namoramento.
Totalmente aqueloutrado, quedamos á medianoite na porta do Brusca. Explícolle. Axiña nos decatamos de que o seguro é el (ou parece) e de que el leva o leme (ou parece). Acompáñame ata casa, fódeme e logo marcha aos bares de ambiente a ver se liga algo. Eu, co asombro, quedo fondamente durmido. O seguinte que lembro é a Dukakis espertándome para levalo ao aeroporto.

19.5.04

treboada
Onte estourou unha gran treboada sobre humidtown. As sensacións da treboada (color, olor, humidade relativa) son a cousa máis máxica do universo, fóra as aurorasboreais, que non coñezo aínda, e os guéiseres que tampouco.
Ao mesmo tempo, estouraba unha treboada na casa, con Dukakis. Non falo demasiado del aquí, porque teño medo que vaia contraindicado coa situación xeral. Creo que me pasei trespueblos discutindo con el: confío en que no fondo sexa positivo.
Despois vou ver como quedou humidtown trala enerxía. Paseo, cun libro baixo o brazo, disposto a acabalo nun bar, con güisque, pousadamente. Pero ao final pódenme as forzas e acabo paseando con Shoto-kan polas rúas cálidas e orballadas, e despois na cama.
A medida que pasan as horas con el, as miñas dúbidas elévanse ao caldeiro.

18.5.04

polinización
Atenas ábrese no día das letras. Falan os vellos paisanos na rúa lembrando a xocas na súa viaxe a bos aires, na súa bonhomía; critican a vitorino. Falan os vellos académicos no paraninfo, e din palabras tan bonitas que me entra un arreguizo de saberme ateniense: miña nai fálame do xocas, que lle deu clase, e das súas camisas descoidadas. Dime: non era tan feo... Teño lembranzas do día da súa morte, e da mágoa de miña nai, que revivo ao ver con ela unha necrorreportaxe. Emocionadas no sofá.
Á tarde, despois de caer derrubado nunha sesta, vou pasear con Ferre. O verán chegou a atenas e medra a cola prós xeados na ibense. Preséntanme unha rapaza moi fermosa, que se chama Rosa, pero avísanme que trae as albardas cheas de problemas. Peke diría: e quen non? Claro. Ao despedírmonos, comezan a caer folerpas brancas dos pradairos. Todas as rúas énchense de folerpas no resol, e brillan. Os días que máis me gustan da vida que máis me gusta.
quilómetros
O sábado deixeime caer a Cacabelos con TodoNada, Rum e Ben Laden (a crónica está impecábel en TodoNada, esa gran copilota). Lola portouse como unha campiona, recén limpiña. Ao saír de Cacabelos decidín ir ver o solpor contra as montañas berciás. Subín estradiñas retortas, máis para alá das Barxas, e collín desvíos e desvíos ata que me perdín entre as carqueixas. Cheguei tres veces onde remataba o asfalto.
Ao final, un talbot solara branco cargado de vellas rescatoume de alí. Baixamos por unha pista de terra durante seis quilómetros ata Cadafresnas: era xa luscofusco, e só vía os pilotos vermellos do solara na poeira. Despois, quilómetros e quilómetros: o barco, a rúa, monforte, os peares...

16.5.04

Apuntamentos breves sobre shoto-kan
Crea frases xeniais, que me dan moita seguridade: con el, estou a salvo de todo.
É incribelmente cariñoso. Recupera en min herbas de desexo sobre as que había moito tempo que non me deitaba.
A súa pel é suavirma: el protéstame a escasa barba. As mans, á contra, son as máis ásperas do universo, de descargar mexillón en agosto na depuradora.
Leva un caderno consigo pra escribir discursos, e ás veces bótalle poemas.
Fíxase nas cousas. Faime sorrir moito.
Sobe as xanelas de lola, e manexa a radio ao seu xeito, buscando emisoras que eu afortunadamente perdera.
Fai guións para videoxogos. Fixo de vampiro nunha curta no camposanto de bonaval.
Ten un hardware bucólico, e un software certamente prometedor, pero en fase beta.
Ten dezaoito anos.
soltería
Seguindo a TodoNada: un post e o seu contrario.
Merco o Público nun quiosco dentro do bar O piolho. Anuncia que as familias monopersoais se dispararon na última década en portugal. Confiando no score constante dos viúvos, supoño que o factor decisivo debe ser o estourido do solteiro.
Despois da longa viaxe, chego á casa, esborrallado. E confuso. Levántaseme un muro ao redor que leva grafitado o número 18. Asústame lembrarme con esa idade, a miña inxenuidade perdida, a miña chungueza. Cando shoto-kan di unha frase propia da súa idade bótolle unha fila máis de bloques ao muro. Ten o disco duro totalmente en branco en moitas áreas: é xenial, pero cárgame dunha responsabilidade que non desexo.
Fálame de ser mozos na terraza do Piolho. Éntrame o pánico, e intento disimulalo.
Así que na ducha á mañá do domigo, antes de comezar unha viaxe a cacabelos e atenas, penso que o meu estado ideal, agora, é a soltería.
Gustaríame saber tamén cal é o estado ideal de shoto-kan.

15.5.04

psicanálise
É a primeira vez que blogueo pra aclarar as ideas. Sen rumbo definido.
porto
Se á cidade lle chamo cidade, como lle chamarei ao porto? a señora dot e opaco, que van moito máis por aló podían aconsellarme. Ou Boss, que é aborixe. Eu, desgrazadamente, vou case nada. Prometo emenda.
O Porto preséntase radiante. Está totalmente en obras. Na rotonda de Boavista, por exemplo, seguían traballando na tarde do sábado nunha masa de formigón altísima que ben podería ser o guines dos poliedros. E túneles. E asfaltados. E liñas de metro, construídas baixo o arrecendo eterno do churrasco que impregna todo portugal.
Cando xa estabamos de recollida e iamos buscar o coche, pegamos no álbum os cromos modernos da rúa Miguel Bombarda: unha galería de arte onde un coche proxecta un filme dun home chorando, unha casa con dez tendas pop (unha de lomografía) e uns edficios que escoltan fermosísimos e paveros. Tan indispensábel coma os angolanos da Ribeira. Tamén pegamos os cromos de matosinhos, outro descubrimento formidábel: soño con vivir alí.
Así que regreso pola IP-1 ata Viana, e despois Valença, e despois desaparece o olor a churrasco e chego á ghalleira.

13.5.04

método
Teño un papel de tornasol para medir os meus namoramentos: o número de veces en que, ao dar a volta a unha esquina, ao mirar prá xente que camiña ao lonxe, creo que é el (ou ela). E non é.
Shoto-kan: tres días, catro veces.
o vicio
Para fuxir de días de vida intensa e traballo abafante, lisco á illa Tardi. Non é un debuxante xenial. Os seus guións non arramplan comigo. Pero dende que unha vez se me enganchou o xarsei da vida nun valado de arame da rue Tolbiac, en parís, regreso de cando en cando alí.
O vicio ten guión de Pennac, un tío verdadeiramente incríbel que, sen embargo, destas deita unha historia frouxa.
Pero pasan os minutos. E as cores. E as páxinas. Existe algo mellor?
fixación
A treboada destes días, coas protestas acendidas de Meninho e Shoto-kan, fanme cavilar. Ademais os amigos meiléanme reflexivos sobre a veracidade do blo. Parto da confianza de que isto só o len eles, e que ao final nada pode ter gravidade. Pero ás veces sae un disparo errado, e tumba un inocente.
Peke recoméndame nun correo que regrese ao cripticismo. Pero se isto nunca deixou de ser unha gamallada críptica e pedante... Dan nitidez as pirolas?
Iop e Fufli tamén me recomendan discreción, contención. Se me mido, pra que tomo notas? É verdade que non me conteño?
Florbela atinadamente puntualiza noutro correo: Os diarios teñen un inconveniente que me parece terrible e é que as cousas que a nosa memoria, sabiamente, esquecería, ou outras que tamén, sabiamente, transformaría, permanecen indelebles.
entra no teu corpo
Tamén recibo en agasallo uns versos de gamoneda. Sei que me gustan os seus libros, pero fuxo deles: presinto que deixan as mans luxadas de tristeza.
Entra no teu corpo e o cansazo éncheseche de pétalos. Latexan en ti bestas felices: música ao bordo do abismo.
É a agonía e a serenidade. Aínda sentes coma un perfume a existencia.
Este pracer sen esperanza, que significa finalmente en ti?
É que vai cesar tamén a música?
dicionario
Cando esta mañá sae Shoto-kan da miña casa pra unha práctica de citoloxía, busco a palabra felicidade no dicionario: velaí a miña cara.

11.5.04

vida
Antonte, antes de que estourase a bomba-pépi, pensaba que este blo ía cambiar de tendencia: da obsesión pola verdade, a mentira e o pudor, pasaría a teimar sobre a xestión do tempo. Dúas cousas facíanmo intuír: achégome á trintena e lévolle dez anos a Shoto-kan. Erro completo.
Á tarde, totalmente aqueloutrado despois do que pasou, chamei por Shoto-kan. Tiña que explicarlle. Collinlle ás présas os Retallos do Diario de Adán que me regalou Peke hai moitos moitos anos. Quería desdramatizar.
El estivo sublime.
Agora defrontamos moitos problemas: está o da xestión do tempo, pero tamén o seu pasado, e o meu, e quizais o verán. Tampouco sei moi ben cales son as súas pretensións, se importan algo, e ignoro finalmente se seguirá lendo este blo.
Pero onte, cando regresaba prá casa despois dun descafeinado e un bico longo, viña dando pequenos chimpos e pensando nos carteis que vou pegar polas parroquias dun concello-que-non-podo-nomear.
intelixencia artificial
1. Ao guglear obxección fiscal, o mundo pregunta se en realidade o que busco é obsession fiscal.
2. O servidor de publicidade de gúguel devolve pra min webs catalanas, pra TodoNada sitios relacionados coa palabra España e a Jean-Sol, felizmente recuperado, con Metallica.
3. Dan con este blo xente que procura: tonechos, feiraco, hikikomori, chesterton ou 'máis vella que andar a pé - frases en gallego'. Xuro que xamais escribín esta comparanza.
top
Tantos acontecementos botaron terra inmerecida sobre dúas alfaias. A primeira, o estremecedor filme ruso O regreso. Está feito con cachos de vida desecada, con pedazos que son o meu pai, e pedazos que son eu, pero non sei en qué personaxes se atopan exactamente. Estou sen-partido, aterecido, vendo unhas terras que eu creo do sur da Rusia, con lagos prá pesca e grandes extensións desertas. Anque quizais sexa o norte, no verán. En calquera caso, europa, unha europa fértil en historias, lembraba verdú o sábado.
A outra xoia, a última entrega das cidades escuras, A fronteira invisíbel, do que só leo o primeiro volume. Gustaríame reproducir aquí toda a marabilla que crean estes nachos, trazadores dun universo xenial, pero fáltanme golpes de lapis. Se tivese que facer un típico top de blogueiro, eles estarían en case todos: no de soños, no de crenzas, no de edificios... Pero aínda non cheguei a esas.

10.5.04

algún día
Tiña que pasar. Recibo chamada de Shoto-Kan. Dime que apareceu nunha web. Estou tan apreixado pola tensión do momento que non me decato de que se refire a este blo. Ao parecer unha confidente recoñéceo e avísao. Efectivamente, non lle parece ben.
Retiro a localización pra conservarlle o anonimato.
Este corazón, que ameaza rebente por calquera cousa, está triste. Velaí marcha o tranvía.
E agora, que? Pido destino nunha central nuclear ucraína? Destrúo este blo? Aparezo na súa casa cun talón dun millón de bicos pra comprarlle o silencio?

9.5.04

horizonte 2005
Cando todas as posibilidades de namoramento estaban cerradas, atopamos zapateado no chan dun pub un chavaliño de lentes. Cinco horas antes acababa ver o seu mozo, co que vivía, fodendo con outro. Por despeito baixou á noite e ao ambiente: a súa primeira vez. Unhas horas despois, logo dun ferrete flipante, engadiu algunhas cousas: o primeiro coito anal aos 12 nun hotel de santander, a súa avoa, a práctica do cárate (cinto negro, estilo shoto-kan)... É moi fermoso e consegue un grao de erección revolucionario. Dime: ti de guapo non tes queixa, e loxicamente quédanseme sen area todas as pistas de freado.
É militante do bloque nunha vila costeira. Ten 18 anos. Se soubese cómo atrapar un rapazolo coa mochila chea de despeito, a campaña do 2005 podería ser moi fermosa.
mudanza
Estes últimos días foron extenuantes. Inzados de actos sociais, remataron cunha mudanza na oficina. Desparafusa mesa. Move taboleiro. Emparafusa mesa. Limpa mesa. Coloca monitor. Coloca caixón. Retoca plantas. Leva toneladas e toneladas de lixo aos colectores.
Estou orgulloso, súo e divírtome.
Hai un verso de frei luis ou de manrique, onde algo rima con mudanza. Trato de lembralo, pero non dou. Jacarezinho, o catálogo de frases rimadas, tampouco atina.
Gúguel, que sabe máis de literatura ca el, besbella: garcilaso, soneto XXIII.
regreso
Despois de seis meses como emigrante en andorra, volta 5Line a ankara. Está moi fermoso, e garda o olor que o identificará entre a multitude no xuízo final. Creo que leva tamén na retina moitas gardas de traumatoloxía no hospital, certos campanarios románicos, algunha trompada facendo esnou e relampos de noites bravas sobre a xeada. No maleteiro do coche ten ademais unha caixa de moët-chandon que rapinou do pub onde servía margaridas.
Vou durmir á súa, con nitin. Pouco teño falado de 5Line aquí, anque el le o blo e ás veces mesmo retruca. Coñecino hai meses, e cambioume por completo a perspectiva da vida: colocoume nun mundo sen referenzas, do que me decato ao despedirme á mañá. A autoestrada ademais está tremendamente fermosa.
proposta
Henri dime que os billetes a reykjavik están a 150 euros dende londres. Que podiamos ir xuntos.
Vou colocar o gúguel en islandés, pra afacerme.
soidade
Por indicación de Eya, vou ao teatro ver Novecento. Pásanme unha entrada e vou ao concerto de Domenico+2. Tamén me deixo caer polo cinema: Nubes de verán.
Todo nas tres cousas é fastío. Nas tres hai alguén que me desacouga coa súa presenza nun lenzo ou enriba dun escenario peor no caso do teatro, que é monólogo). Así que supoño que o erro está no meu software, devastado pola tensión da semana, e non no mundo.
No cine, ademais, estou completamente só. Doce anos despois de ver completamente só a fermosa O neno que berrou puta, en atenas, ás catro da tarde. Unha das experiencias máis desacougantes: a soidade no patio de butacas.

6.5.04

lendas urbanas
Vou a unha conferencia do noso bartleby particular. Presentan o novo estatuto. Bartleby fala coma os anxos, e non é chiste. Sereo, certeiro, ordenado, espabilado o típico nacho sen carisma coma o propio cesare. Teño grandes dúbidas sobre quen vou votar en xuño, pero a vontade é clara prás seguintes: eis o meu home.
O peor de todo foi que bartleby contou unha historia. Pasoulle a un amigo seu, que vive en madrid. Levou ao seu pai a vivir pra onda el, pero aos poucos días o vello comezou a devecer. Logo de moito interrogarlle, o vello explicouse: quero voltar pra españa. Esta historia, creo que xermolo dunha lenda nazonal-urbana e quizais base do noso feito diferencial, linlla a castelao e escoiteilla antes ao señor burns. Prégase abondamento, confirmación bibliográfica ou rexeite.

5.5.04

reykjavik
Cando todo o mundo estaba pendente doutra cousa, eu estaba nun concerto fabuloso. Os sete chavaliños de Múm, cos mellores cabelos, os mellores ollos azuis e os mellores peitos de toda islandia, choutaban polo escenario e rían. Todos tocaban todo: pasaban do xilófono ao serrucho, de aí á guitarra, despois ao powerbook, e ao final paraban todos pra soar unhas campaíñas made na illa do tododía ou todanoite. Trouxeron pra sentar un tapete estampado de caribús, un violín-corneta, e un chufichufi con teclas que fungaba cun tubo de vento.
Víaos, escoitábaos, e esquecía o fragor do mundo. Pensaba cómo sería escoitar isto nun pub en reykjavik, mentres fóra neva, ou chían os paxaros pra un sol que non se deita. Saltáronme as bágoas tres veces e saín aboiando cando chovía no escuro da cidade.
Quero que soe múm no nacemento dos meus fillos, e tamén no meu enterro.
E quero marchar, quero saber a qué arrecenden as rúas por onde estes chavaliños van do conservatorio á sauna, onde bican, onde mercan os bocadillos de balea.

4.5.04

o home e o bido
Como arrinque desta semana que promete ser treboenta e axitada, vou con Audrey e Jacarezinho ver unha de bergman (el): O manancial da doncela. Despois dunha fermosa sonequiña ben reparadora, continúo diante dun filme certamente aborrecedor, insulso, antiquísimo. Pero, como sempre, nun intre, un home sacode un bidueiro ata tumbalo: acaban de violarlle e matarlle a filla, e ten os asasinos na lareira da casa, a durmir. Sacode o bido ata que o derruba, e despois espólao coas mans. A escena é fermosísima. Pódese pedir máis?

3.5.04

m
Estou en atenas con Ferre, e despois con Florbela, e antes vexo no cinema a fabulosa cleopatra (a arxentina). Vén ao caso unha e outra vez o futuro. Ferre está achicado no seu traballo de interventor e co ir e vir en coche pola A52: ten trinta anos, quere cambiar e non sabe como. Cleopatra faino aos setenta. Mestra xubilada que vende cosméticos polas casas, acaba o filme ás carranchapernas nun galponciño de bus, nun lugar perdido da pampa.
Hai posibilidades para o cambio? Debo deixalo pra máis adiante? Quizais deba poñerme unha data pra lanzarme á conquista dos restaurantes paellíferos de londres. Ou mánchester, ou marsella, ou múnic, ou calquera fermosa cidade que empece por M.
terra
O outro día, no coche, escoitei unha entrevista a gonzalo rojas. Como pra non ler máis poesía.
Hoxe mándanme uns versos del, e flípoo. Bótoos ao galego, que me molan máis, e así son meus. Nacín terra, comín terra, pensei terra, escribín terra e máis terra, / fixen fillos de terra, deitareime así mesmo terra, e será axiña. / De súpeto mesmísimo este libro é pura terra.
berlín
Esta aventura blogueira, que se prolonga demasiado, deume tantirmas satisfaccións, que xa non entendo ben o que sería eu sen esoutro que postea e comenta. Médranme tensións, como a de agardar polo fillo de Opaco sen saber cómo se vai chamar, ou a anguria súpeta de que Jean-sol estea no hospital (alí non hai internet nin discos vellos). Ou rexoubes, como ver nel a Florbela, a Peke, a Iop e a Kate xuntas, nun retruque cruzado e compartido.
A miña vida abloguéase, tamén. E cando recibo un fermoso correo éntrame a ansia de postealo, como o de Berlín e o seu baldeo de balcón: Como estaba cos meus tenis de andar por fóra e non os quería mollar, decidín que o mellor que podía facer era poñer as miñas chinelas, as flip-flop do verán, e así poder baldear a gusto. E remanguei os vaqueiros, e veña auga! A rodar! Como a porta do balcón estaba aberta entroume unha pouca para dentro da casa; ademais os sumidoiros estaban fartos de estar entupidos, así que ao principio aquilo do baldeo foi un pouco caótico, comigo saltando dun sitio para outro tentando solucionar varios desperfectos a un tempo.
Despois de lelo, merco dúas plantas prá casa. Unha begonia rarita, e outra que non ten nome. Teño que pasar pola florería pra apuntar os nomes. Xa contarei.
primavera
Na N-525 alterna o sol coas nubes claras. E de súpeto, 800 metros de estrada cubertos cunha cuarta de xeo. É a primavera. Escoito a Faithfull. Quizais sexa ela responsábel da sarabia, ou da primavera.

1.5.04

o día
Falábame Jacarezinho dun conto de non sei quen: o protagonista desexa estar presente en todos os acontecementos históricos. Quizais tamén me posúa ese mal: daría parte da pelica do lombo por estar agora en Baile Átha Cliath, rezando e izando bandeiras, vendo cómo xa somos vintecinco. Ou máis.
Na ducha reflexiono sobre as posibilidades de viaxes pra este ano. Oxford pra ver a Henri. Berlín pra ver a Berlín. Irán. E unha algo vella que renace con forza: Humidtown-Tallinn en coche, pra lembrar aquel interraíl que hai dez anos me levou por Varsovia, Praga, Kosice, Bratislava, Poznañ, Ostrowiec-Swietokrzysky, Pulawy, Budapest, Cracovia, Viena...
Hoxe pra min, polas lembranzas e as promesas, é un día moi feliz.
parásitos
De neno fun autenticamente san. Só tiven unha ducia de veces parotidite, algo que ao parecer só se pode ter unha vez. De forma especial, fun refractario a todos os parásitos infantís.
Agardaban pola trintena. Desta volta, visítanme oxiúros.
Consólame pensar que son un tipo hospitalario.
dilación
Xa hai tempo que se fala dun cambio no local de traballo. A terceira proposta estanos levando pra aquí ao lado, nun baixo amplo con tres fiestras altas ao fondo. No soto hai un estudo de interiores onde traballa un chaval fermosísimo. A primeira vez, por conta de buscar un metro, vin nacer a chispa. A segunda vez, por conta de telefonar o propietario do local, houbo sorrisos, chiscadelas...
Onte Fufli díxome no coche que ten moza e que é coñecido del. Non lle dá confianza. Ademais, ten unha situación laboral complexa que o empurrará ao exilio en cuestión de días.
Quizais dentro de cen semanas ou máis, retoque este post co seu nome completo pra que guglee e saiba que me mola. Ou molou.
acusacións
Levo días con moito traballo, acabado satisfactoriamente. Por iso blogueei só pra retrucar. Contra, faro do noso ocaso indie, acúsame de promiscuo e de folkie. Certamente peor ca gúguel, ao chamarme libro de autoaxuda.
A promiscuidade é algo asegún. Non é a primeira vez que algún amigo (máis amigas) hetero mo di. Pero eles (máis elas) son monógamos, polo que calquera ferrete a trasmán é promiscuidade. Con todo, coñezo outros moitos amigos (gais e heteros), que me esmagan ao compartir scores.
Ao cavilar sobre as miñas amplas e extensas épocas de monogamia, creo que o importante do amor non é o volume, senón o peso.
Polo de folkie, recoñezo un pasado escuro de concertos de milladoiro, como o metal de jean-sol. Aborreceume co tempo: creo que o folc está tan morto coma o rock, polo menos. Algúns amigos inda andan nesas, pero evoluíron cara a un perfil integrista tradicional: cantareiras, cursos de baile galego, seráns... Non me queda ninguén flipado con luarnalubre, berrogüetto e susana seivane. Ben, pola seivane si, pero outros son os motivos.
aclaración
En referenza a un post anterior, chégame este correo sobre censos de cegoñas. En Quiroga e nas Terras de Lemos están a saír menos niños dos que se agardaban, non así na zona de Sarria cuns 40 e na Terra Chá onde pasan de 60.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?