<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.5.06

susto/morte
1. Recibo finalmente o bosquexo de declaración da renda: teño que pagar 954,53 euros. 2. Desespero pensando na chaqueta prás vodas que acabo de mercar en florentino. 3. Indígnome. 4. Calmo e resígnome. 5. Enorgullezo: alguén ten que pagar a peaxe de rande, as escolas, os plans de igualdade, as axudas ás persoas dependentes, os polideportivos... 6. Reviso as cantidades e comprobo que a miña empresa di reterme un 14% mentres que Facenda asegura que a miña empresa só me retén un 7,9%. 7. Anoto na axenda: pasar pola armería.

29.5.06

nucleares
Veñen a humidtown Peke e B. Botamos un tempo perseguindo restaurantes e ao final contra a medianoite desta aldea en festas ceamos e discuto con B. sobre cómo transformar o sector público ou sobre a indignación que nos produce o dobre roubo de rande. Pero non temos vagar pra falar das nucleares.
A este desacougo súmolle unha pequena discusión con Itopo camiño do aeroporto e mais unha lembranza de cando cativo, dun álbume haqueado de Astérix que proclamaba 'nucleares non, grazas'.
Pero, diaños, poño os lentes de mirar ecoloxista e paréceme que a construción, en condicións de seguridade, de novas centrais nucleares é positiva. Acaso é máis seguro pró planeta o gran encoro das Tres Gorxas? Ou imos inzar nos vindeiros anos o mar de aeroxeradores pra compensar a desaparición do petróleo e dos voos baratos?
hápenin
Quero foder nun museo dende hai anos. Así que cando Refén me propón pró noso primeiro encontro os baños do Marco ás cinco en punto da tarde, acepto correndo. Arrinco prá Cidade, vexo a exposición de urbanitas (estarrecedor e fantástico Isaac Cordal, paveros Lapeña e o ornitólogo de Perianes, interesantes pero mal acabadas as gaitas xigantescas e lavábeis de chiu...), logo fago tempo pampeando de novo con algunhas videocreacións e ás cinco en punto entro no baño de homes.
Lavo as mans, sécoas, lávoas de novo e nesas chega Refén, de que non podo dar máis datos ao ser mozo oficial dun lector ocasional deste blo. Bicámonos, zugámonos un pouco as pirolas na estreiteza do cubículo, contemos o riso cando mexa de fondo un señor maior e finalmente facemos equilibrios pra non barnar demasiado todo.
Se existen gravacións de cámaras de seguridade cedémosllas ao museo como háppening.
traballo

Anque permanece o meu desexo xeral de liscar do país e do traballo, ás veces ocórrenme cousas interesantes grazas a currar onde curro. Por exemplo, rapar en pleno centro de humidtown medio ferrado de mala herba, hedra, cardos, morotes e liñeiras.
Entre iso e a medición dunha cincuentena de lanzamentos de pica o venres, teño o lombo coma un biombo.
daniel salgado
Xa o tiña visto varias veces e léralle algunha cousa, e anque me gustara moito non sabería dicir o que nin cando. Agora, por estas cousas da soidade, caio nunha xuntanza de vinte intelectuais nun bar nacionalpopular. Entre eles está daniel salgado. (m)alicia fala con il e discuten se a xenevra está mellor con augatónica ou con esprai. Acóplome e sóltanse falando de woodyallen, de coalición galega e doutras cousas da política familiar.
El, o poeta, ten unha voz rouca e bambas luxadas na biqueira, pero un aspecto de adorábel pai que me chimpa todas as prevencións. Fala ao xeito, abanea un lixeirísimo ventre popi e ri, ri moitísimo, o que non é frecuente nos poetas. Ao despedirnos dáse ao cerimonioso, como se soubese que esta foi unicamente o primeiro dunha serie de cataclismos entre il e eu.
Que mágoa que teñe unha moza con vinte isoglosas máis ca min.

25.5.06

brooklyn
Preparado pra unha convalecencia dramática, antes da operación fixera acopio de libros e de filmes de woody allen. Dos libros moín Brooklyn Follies (Paul Auster) e non sabería dicir se me gustou ou se non. Demasiados feitos contados con demasiada présa, quizais. As historias que cruzan por alí son fermosas, pero imprecisas, e lémbranme as conversas de 20 segundos de Argallante Máximo e de tanta outra xente coa que batemos na rúa, e tamén nós. Supoño que iso é bastante contemporáneo, así que me sabe ben. Pero tamén esquezo todo axiña malia que algunhas frases estean feitas coa arxila da memoria.
Dos filmes caeu enteira a bastante avellentada pero aínda pavera Bananas. Tamén Días de Radio, algo máis entretida, pero insoportablemente nostálxica. E despois Annie Hall, esa peli onde sae (finalmente) marshall mcluhan e onde o personaxe de allen é un ser repelente, egoísta e posuidor ao que non podo collerlle cariño. Así que dalgunha maneira, cando el escolle brooklyn eu no fondo estou elixindo costa oeste, restaurantes vexetarianos, e sol, e o vrau que me falta. Anque non podo estar máis seguro de que eu tamén son brooklyn.
putas
Como estou terriblemente canso de traballo e analxésicos vou prá casa cedo, vexo algo de house, ceo berenxenas recheas que fixo Itopo e logo aterro por casualidade nun documental sobre prostitución. Súpetamente lembro que lin algo sobre el, vagamente, sobre a polémica que espertara, e que quizais alguén, non sei quen, quixo vedar a súa emisión. E engancho.
Véxoo, vexo as súas historias de prostitutas libres, de prostitutas que non esquecen que o 95% do seu mundo é tráfico e escravismo, de prostitutas que len, e falan, e protestan no europarlamento ademais de foder nos seus clientes.
E penso, moi pretensiosamente, en min. Na recua de posts de ferretes coa que outros me identifican, e coa que tamén me identifico eu mesmo, un pouco. Penso en todo o que quixen dicir en cada zugada (todo o que non fun comprendido) e en todos os corpos cavernosos da tenrura. Penso e busco identificarme cando elas din que son especialistas do amor.
E miro pró meu corpo de antes-de-chegar-o-vrau: tes que pór as pilas, aí fóra hai moita xente que precisa ser amada tanto coma ti.
fe
Anque as temperaturas, os ventos e a choiva o neguen, eu sei que o vrau está aí. Podo percibilo cando saio ao patio do edificio e o aire vén de peixe e pementos fritidos.
parte médico, 5
A cándida foi acurralada con cremas e practicamente aniquilada. Pero as febres terciás golpéanme como se fose malaria. Á mañá estou ben, pero á tarde éntrame a canseira e a temperatura, déitome, súo, saco os puntos soltos no cuspe e súpetamente melloro. Gustaríame deixar de tomar analxésicos, pero aínda doe, así que os espazo ata que non dou máis.
Quen máis se resente é o carácter.
armario
Vou de xuíz á desputa da carreira popular da Silva (concello de cerceda), e fágome acompañar de Barataria. Ao velo no coche, pregúntame o máis besta brava de todos, o que bate todos os récords de chistes homofóbicos e machistas por minuto: e ese quen é? teu irmán? Dígolle que o meu mozo.
Aos seis minutos xa todos saben quen é ese tipo fraco, reservado e de nariz agudo porque o rumor segue sendo o principal medio de comunicación de masas. Incluso contan con Barataria, con tanta modernidade como curiosidade, pra que se poña en meta cos cronos. El di que non, que grazas, que ten moito que facer por exemplo en ankara e que marcha.
Non se me ocorre nada tan divertido, tan relaxante e tan satisfactorio como saír do armario, anque sexa nun ámbito tan pouco relevante coma este, e anque xa o fixera ducias de veces.

19.5.06

parte médico, 4

Como era previsíbel, a inxesta de clamoxyl durante unha semana enteira deu nunha muiñada de candidiase. Ou sexa, fungos na pirola. Dentro dunhas horas chégame Barataria e teño a boca semipechada da inchazón e a caralla comesta de cogomelos.
Hei de ir mercar unha venda pra non esguinzar o pulso.

18.5.06

eurovisando
Pra min é unha honra participar do blog colectivo Galiza a Eurovisión cunha reflexión sobre a democracia participativa. Sigan lendo, se queren, que hoxe é o primeiro dos grandes días.
festivo
Pra darlle a razón a plattdorf, as librarías deciden non abrir. Entenden que unha empresa razoábel non debe funcionar os disantos e fregan as mans cavilando en todos os clientes ansiosos que acudirán ao día seguinte (xoves) a mercar libros. Como non comprendo nada do sistema capitalista, decido ignoralo: érgome cedo, medícome e desprázome por causa laboral ata sada. Alí os académicos dan lectura, diante dun cada vez máis merengoso e fútil presidente touciño, a un manifesto preciso, valente e correcto. Xa non é o primeiro acto oficial das Letras ao que acudo, e debo confesar que cada vez me gustan máis. Había blogueiros ilustres, había señores que escriben a máquina, e había tamén unha prezosa a prezada conselleira que, a pouco que se descoide, é adoptada por todos os galegos maiores de sesenta. Interrómpeme co móbil o meu amigo Koala, retransmitíndome dende o lado escuro a súa indignación: antilosada, antiquintana, anticallón... o lado escuro está moi extraviado, e á miña esquerda entra un rapaz imponente. Viste un nique sen marca, de cor verde, unha chupa de coiro e unhas zapas puma ben xeitosas. Senta cabo de min, desprega as pestanas, aplaude o último dos académicos, canta o himno e marcha. Non parece galeguista, e iso gústame. Sígoo, mentres á miña dereita sacan a xohana torres en padiola. Monta nunha chóper, fala cun gardacivil, pon o casco e desce deica a sada na moto. Sígoo, pero extravíaseme o amor nun semáforo.
Así que como a febre comeza a subir e a gorxa estrala, decido pasar dos pinchos académicos e collo autoestrada cara a humidtown. Curro algo, vou prá cama, leo a auster e logo érgome pra oler a suor dos homes máis fermosos do mundo: ashley cole, thierry henry, cesc fabregas, henrik larsson. Gañaron os de senalcume, non os meus, pero eu fágome rapidamente siareiro da beleza.

17.5.06

parte médico
A boca de hámster estabiliza: nin medra nin mingua. O fermoso venezuelano cólleme do brazo e dime que non me preocupe, que son normais a molestia, a sensación de febre e a dor ao abrir a boca. Pero apenas 24 horas despois desta revisión, aproveitando que teño todos os indicadores polo chao grazas ao bieito clamoxil (e ao curre), primavera faime unha visita. Ínchame a gorxa contraria á moa, a sensación de febre convértese en realidade, e aparecen a dor de cabeza e a sinusite... Así que xa sei: os últimos anos da vida, se chego aló, terei que pasalos nun sitio sen primavera. dakar, por exemplo.
1004
Con todas estas andrómenas pasóuseme facer un post 1000 no post 1000, así como outros fan a nova 50.000 sobre a nova 50.000.
Así con esta fatiga que acarrexo só podo dicir que as outras mil veces tamén fun sincero.

16.5.06

letras, 2
Máis conclusións dos debates sobre as letras cos que nos agasalla o diario cultural.
1. Jaureguizar e Caneiro coinciden nas súas opinións, unha vez máis, e son, unha vez máis, as opostas das miñas.
2. Fernández del Riego se sale mazo.

15.5.06

mensaxe

Escoito na radio unha rima improvisada do Tote King nun concerto. Está a describir o típico progre chungo que flipa con buenafuente, e di:
se creen muy nobles porque visten con traje
y yo dejo a todas mis novias por mensaje
.
Iso é, entre outras cousas, o que me flipa do hiphop.
serie de preguntas apropósito das letras
Que pretenden os que queren que o Día das Letras se lle dedique a un autor vivo? Está acaso máis próximo á sociedade euloxio ruibal ca Roberto Vidal Bolaño? É acaso unha obra máis interesante a de caneiro cá de María Mariño? Fixo máis polo idioma xavier villaverde ca Chano Piñeiro?
Pero é que... de que tanto laian estes que reclaman que o Día das Letras sexa laboral? Pretenden igualalo co día da loita contra o alcéimer? Coñecen algunha cultura próxima ou afastada que lle dedique un día ás súas letras de xeito tan monográfico? Acaso o cervantes é tan importante coma o noso? poden lembrar o último cervantes? e o anterior? Poden nomear unha cultura que publique un 15% máis de libros por cousa dun só día? Poden mencionar algún sistema de remuneración a intelectuais máis espectacular ca todo o circo de conferencias, concertos e artigos que se desprega nestes días?
Non hai acaso mortos abondos e valiosos? Ou queremos agochar o noso descoñecemento dos homes (e mulleres) do exilio ou dos precursores con receitas de contemporaneidade?
Que nos molesta da institucionalización? Viviamos e escribiamos mellor contra franco e contra fraga?
pedagoxía
El: y por la clase de gallego fue por lo que me dediqué a la moda.
Eu: e iso?
El: porque como estaba exento, pasaba de atender, y aprovechaba para ir haciendo bocetos.
pano
Exento de galego, Vaud ten dobre nacionalidade, nome francés e catorce anos de memoria na ghalleira á volta de suíza. Ten varias e elegantes tatuaxes, roupa de marcaza e dous pirsins, un en cada orella. Vive nunha das casas que resisten ergueitas entre as naves do polígono industrial, a uns cinco quilómetros de atenas.
Cando me cita diante dun concesionario de camións non podo prever que Vaud sexa o ex de Xastriño. Os dous coñecéronse na clase de deseñadores de moda, os dous botaron un par de anos fodendo e vivindo xuntos e os dous triúnfan no sector téxtil ourensán: aquel na creación, este na xestión. Tamén os dous teñen cumpridos pirolóns, o que non era o que máis lle conviña á miña boca de hámster: a enxiva protesta, sanga, non cede, despois cede e incha de novo. Pero, quen pode reter o río coas mans?

14.5.06

hámster
Pouco e pouco, a por de analxésicos e paciencia, abandono o meu estadio hámster. Recupero a fala, inxiro alimentos de calibre superior a 10mm, e incluso podo dar un chimpo ou sorrir sen notar a tensión nos puntos que me cosen a enxiva.
Os próximos retos da recuperación: unha boa zugada, unha boa costeleta.
Actualización. Quédame a costeleta.
piso
Logo do anuncio, por mellor dicir da extracción, de que Itopo abandona a casa común dos últimos doce anos, ábrese un duro período de reflexión. Cómpreme mudar de fogar, máis polo estado xeral da vivenda que polo baleiro creado, pero os 250 euros que pago por tres habitacións con sistema de calefacción central son un poderoso freo.
Aproveitando a circunstancia, a familia intervén no debate: todas as pantasmas da miseria de outrora comezan a aboiar e logo de percorrer as fiestras de madeira, os guichos da bañeira, a couza que asola os empotrados, os tubos da lavadora e as olas vellas, miña mai comeza a chorar.
O peor é que isto non fixo máis ca comezar.

12.5.06

presión
Que non salte. Que non corra. Que non vaia descalzo. Que se quero un batido de amorodo. Que se prefiro peixe cocido ou crema de chícharos. Que se vou, que se veño. Que unha amiga do traballo estivo quince días sen poder comer. Que o curmán doutra veu dende alemaña pra operarse aquí, e que quedou moi contento. Que a odontoloxía, así, en xeral. Que me vai inchar. Que me vai inchar máis. Que tome os analxésicos. Que lle meta xeo. Que se teño febre.
Así falan miña mai e miña tía mentres eu, con cara de hámster, observo e tomo nota pra cando teña que pronuciar, na miña vez, o discurso da presión.
performance
Dende o punto de vista técnico foi, ao parecer, unha intervención máis complexa do agardado. Á posición da moa, que facía difícil anestesiar zonas ocultas do fondo e que complicaba a rotura da coroa por onde impactaba na moa anterior, sumóuselle un tamaño maior do que as radiografías apuntaban, o que fixo que unha operación de 30-45 minutos se estendese aos 75'. O equipo inicial, dirixido por un alumno venezuelano, viuse substituído á metade polo do profesor, un xordano de metro e medio, algo máis brután có anterior, e que manexaba unha especie de desparafusador co que tentaba extraerme a peza a revirazos.
Dende o punto de vista sentimental, lembro a cadea dourada do venezuelano brillando sobre a pel morena e, sobre todo, os ollos do pequeno xordano, aos que buscaba cando a tensión e a fatiga me vencían nun asalto. Neles repousaba, mentres no meu peito aniñaba a síndrome de estocolmo.
Cando, despois de todo, coa moa reducida a cachiños sobre unha gasa, me empezan a coser a enxiva o venezuelano e unha rapaza, el pídeme que mire pra si "aunque ella sea más guapa". Eu dígolle (como podo, arrastrándome) que non, que el máis. Mírame estrañado: non comprende como, a aquela altura, o amo.

11.5.06

contatrás, II
90 minutos. Xa estou convencido: non creo que me operen. Sinto as aftas como volcáns. É máis: percibo que a parte posterior da lingua enlama, o que seguramente se debe a unha candidiase producida polo clamoxil.
xudaísmo
Hai xa tempo que sinto unha especial simpatía sionista. Teño feito moitas cábalas relacionando o meu apelido semítico coa zona de procedencia familiar e, en particular, co aguieiro nariz da estirpe paterna. Práceme contemplar as grandes cousas lle achegou ao mundo esta tribo que adopto como miña, e práceme saber que son a mesma raíz de europa (anque, como con turquía, preferiría ver a israel fóra da eurocopa, de eurovisión e das demais institucións europeas).
Non vou falar de allen, porque esas son tarefas que lle corresponderían a senalcume, que tan dorosa e precipitamente apagou o candil e rompeu a chiculateira. Pero antonte rematei, nesa prórroga que me dá o café co que me endrogo, de súpeto no fondo do bosque, de amos oz. Pertencente a esa especie de galaxia (rivas, couto...) de contadores brandiños, algo empallagadores e que falan da fantasía sen pertencer a ela, oz fai un relato fermoso, traducido con elegancia, lixeiramente fabuloso (no peor sentido), pero moi pracenteiro.
O mellor, sen dúbida, é que ademais de falar da discriminación, do racismo, e dese odio de baixa intensidade que practicamos todos os días contra o que nos rodea, traza como sen querer a enésima metáfora da Xoah. E iso é o que máis me mola dos xudeus: todas e cada unha das súas novelas, de kertész a oz, falan da xoah, do holocausto e de, como di, oz, de lembrar e esquecer ao mesmo tempo.

10.5.06

contatrás
Agora si. 32 horas prá operación da moa.
Act1: 24 horas. Comezo a inxerir clamoxil.
Act2: 16 horas. Non sei se por culpa do clamoxil ou polo estrés, pero percibo a presenza dunha afta a tres ou catro centímetros de por onde me cortarán a enxiva. Impedirá iso a operación?
Act3: 12 horas. O clamoxil actúa. A afta tamén. Vou prá cama de madrugada, a tempo prá terceira toma.
Act4: 6 horas. Confírmanme por teléfono que podo xantar antes da operación. Non lle comento o das aftas (xa son varias).
infernos
Xa lle perdemos o horizonte ao traballo que temos, e botamos nel o día e a noite. Así que, sen tempo de construír historias, acudo a centros de sexo rápido por primeira vez na miña vida. Un día apaño un portugués nunha sauna, fraco, coa pel gastada, pero creo que nos facemos graza, aínda que como sempre insista en demostrarme que domina en español os nomes da pirola. Nese escenario acabo rápido e sen moito xeito, pero cando menos dúchome e abro un pouco os poros ao vapor.
Noutro momento opto por debutar no rollo parques. Desta volta cae unha besta brava, carpinteiro nas afóras de humidtown, que non quita a gorra nin pra zugala. Advírteme entre urros que il é só activo e pídeme discreción absoluta. Prométolla.
Pero a pesar do descarnado, a pesar do inverosímil dos espazos, a pesar da molesta trasparencia, nos dous casos, como un relampo, aparece a tenrura. E entón comprobo que incluso os simulacros presídeos o amor.

9.5.06

xuntos
Xuntos metéronse na heroína. Xuntos quixeron saír, volveron xuntos e xuntos instaláronse esforzosamente na metadona. Despois, claro, engordaron xuntos por riba dos 140 quilos. Casaron. Xuntos buscaron traballo, e xuntos souberon o difícil que era atopalo nesas condicións de comarca e pasado. Os dous falaban ese idioma especial dos que andaron no ghaco, e por iso tamén compartían un corazón e un cerebro amolecidos, brandos, tan bos que se dirían case de algodón. Xuntos abrazaron o heavy, xuntos iniciáronse en internet, e tamén xuntos foron prá casa dos sogros cando chegaron os malos momentos. Xuntos, ademais, tomaron a decisión de adoptar un canciño: á noite, cando ela volvía do traballo no transporte público, el e mais o can agardaban teimosamente na parada. Nunca houbo un sen o outro.
Un día, cando il esperaba só na parada polo bus de ir traballar, un coche saíuse da estrada e levouno por diante. Os médicos traballaron duro pra amañarlle as pernas, pero esqueceron unha úlcera menor. Entre os descoidos, os erros, o tempo e as menciñas trabucadas, a úlcera medrou ata matalo con crueza na madrugada deste sábado.
Manda o Koala esta mensaxe: non vos avisei por non molestar, pero incineramos a meu cuñado o domingo cedo. Quería que o soubésedes.
E levo todo o día pensando nela.
alén
Afeccionado ao puxilato de dpaso coa monxa anana, e louvador do parladoiro de antergos que nos propón desatino santiago todas as noites na radio pública, atraco en 59 segundos. Aprézoo tanto como aborrezo Hai debate, a pesar de todos os parentes. E anque as opinións esvaren cada vez máis cara ao central, o rancio e o conservador, cando menos é áxil. Hoxe, despois de latricaren sobre o estatut e sobre a gardacivil, comezan a falar d'O código Da Vinci coa petulancia cultureta habitual: que se non é literatura, que se parís non o fundaron os merovinxios (?), que se lles gusta que á Igrexa Católica non lle guste...
O peor de todo é comprobar que o meu voceiro no debate é un xornalista da revista esotérica 'Más allá'. Quizais o meu liberalismo estea cruzando a raia.

4.5.06

smara & adrian mole
Nos últimos días leo dous libros nunha patada. Un, o recentísimo Smara, de Paula Carballeira, porque é breve. O outro, O diario secreto de Adrián Mole aos 13 anos e 3/4, porque é apaixonantemente acedo e divertido.
Smara é un deses libros de lendas exóticas onde hai avoas meigas, dromedarios que falan como a xente e un deserto que é o panteón dos mortos que non morren. A intención será boa, e dende logo desta moza escribe queloflipas, pero a transgresión doutras veces non lla atopo debaixo desa pátina eurocéntrica pola que todo ao sur é fantasía.
Adrian Mole é, dende xa, o meu heroe. Non só é racista, machista, rancoroso, mentireiro e monárquico, senón que ademais é divertido, poliédrico, e en absoluto infantil, a pesar de ter trece anos (e 3/4) e estar preocupado polas funcións do seu pispilete. Pregúntome como botei tantos anos da miña vida sen ler esta sátira sobre a literatura infantil. ¿Consideraron os meus profes que aprendería máis con Rañolas que coa incorrección política dos indios señores Singh facendo barbacoa o día da voda de Lady Di? De feito comprobo cómo en galego só está traducido o primeiro da serie. Brétemas poderá completar razóns destas ausencias.
atrás
Estou na oficina. Miro pra atrás sen erguerme, por unha fiestra. Hai en primeiro termo unha casa con roupa tendida e xanelas de cuarto de baño, traslúcidas. Aló cara á esquerda medra algo de campo, e sobre el unha néboa por onde circula unha procesión lonxitudinal de posts perdidos.
Vexo un deles, que corresponde aos dous días que botei en ciudad-ajo asistindo a un mancador congreso de blos: leva unha chaqueta de folga de metro e pantalóns de simulacro de vida-en-parella con Barataria. Do peto sáelle un pano debuxado cun campo de mapoulas e herbas altas, por onde circulan os inmigrantes ás seis da mañá: van e veñen do tren. Parécese na cara a fernando garrido, un tipo como deluxe pero en cachondo e con coloretes tipo país nas fazulas, intelixente, acolledor e cariñoso.
Outro dos posts bole máis rápido: creo que é carteiro. Leva no carro da compra unha completa lista de tumores (médula, peito...) pero tamén un fantástico disco do Projecto Mourente. Eu tamén estou fanatizado.
Hai un post moi tenro que practicou o triatlón en estoril. Sobre a pel, pra identificarse correctamente, foi escribindo co rotulador groso o seu dorsal: o 606 kms. de cruzar portugal, o 5 das cegoñas coas que xantou, o 101 da habitación nun hotel discretísimo en carcavelos, o 1 do mencer máis fabuloso sobre a marginal de estoril, o 95 dos euros gastos en fnac lisboa, e os 0,65 dunha auga nunha terraza no solpor de figueira da foz.
Hai máis posts, pero van caendo contra o fondo. Quizais o sol mude o brillo e faga resaltar algún deles máis adiante, como aquel daló que parece xavier queipo, pero outros perderanse definitivamente na néboa dos posts perdidos.
orografía

Como estamos tan españolizados que lle damos unha excesiva importancia á ortografía chámame a atención esta "nota informativa". Supoño que o prezado señor Plattdorf poderá facer interpretacións atrevidas sobre a orixe deste sr. Humberto. ecuador? santacomba? Difícil dicilo.
A nota foi roubada nun portal en cacheiras, por se lles serve de axuda aos pastores de isoglosas.

3.5.06

pola noite diante dos bosques
No límite do tempo e pendente do que sucede en balaídos, acudo ao teatro ver unha obra dun actor novo. Non pintaba ben: monólogo, independente, texto de koltès, debú e, cando entro, un escenario ciscado de obxectos estraños. Pero, arrediós, este nacho chamado Pedro Alonso (Teatro Dom) consegue edificar unha tras outra imaxes magníficas cun texto precisamente recitado, longo, constante, tenso, sen berros, sen dúbidas, sen estridencias, de xeito que case non parecía galego. Podía curtarlle algo, si, podía facilitarnos eses segundos de desconexión necesarios que eu tiña que procurar nun espectacular mozote sentado na primeira fila, pero non por iso deixa de ser a mellor peza á que asisto en moito tempo.
1. Entre os promotores, unha discoteca da Cañiza, unha inmobiliaria viguesa e unha axencia de viaxes. Mola!
2. Remola: entre a ducia escasa de espectadores estaba a nova directora do CDG. Alguén lembrará a Pedro Alonso nos maricastaña 07?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?