<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

26.10.04

piscina
Cando me entrevisten en Rapazza e me pregunten polo sitio máis espectacular onde fodín teño xa clara a resposta. Probeino o domingo á noite, en silencio, e non podo dicir exactamente onde porque probabelmente suporía unha reclamación de sanidade e hixiene pró meu partener.
Por ver o que vin e foder o que fodín, son unha persoa tremendamente afortunada.
ideólogo
Deunos tempo a todo: falar de rituais, da falta de profesionalidade dos cregos católicos, das tardes de oxford... Era a hora de despedir ao Babo, o avó de Henri. Eles xa o fixeran, espallando as súas cinzas á ría.
Só falei un par de veces co Babo, e por teléfono. Señor moi de dereitas, de casino vigués, cun bigotiño recurtado e engravatado. Henri falaba onte del ás cervexas, e lembraba anécdotas, cousas felices, un chaveiro de Dolalgial... Unha vez, por cousa de Henri, buscou por toda a Cidade un póster de Lenin pra regalarme. Chegara á casa ofendido: nas tendas de discos e merchandising máis cutres, ás que sen dúbida entrou con traxe e gravata, había pósters do esfiañado do Che, pero ningún de Lenin: Y Lenin era un ideólogo, por favor!.

24.10.04

outono
Quizais porque 3 días despois de bañarme no mediterráneo andaba baixo cero na zona de puticlús que separa chequia de alemaña, este tempo morriñento parece tamén cousa de maxia. A choiva grisalla destes días nunca me deixara tan feliz.
Quizais por ver como entraba o outono en toda mitteleuropa, a ritmos distintos, aquí coas follas vermellas dos arces, aló coa vendima por facer, baixo os grous que voan cara ao sur, esta outoniza en humidtown está resultando cálida e ilusionante.
Cando regreso á casa esta tarde de domingo, nunha clarexada da choiva, os coches mandan contra min unhas pinguiñas ao rodar. Gústame o outono en bicicleta, cando para de chover, cando me latexa a memoria a pleno pulmón.
folclore
Ás noites desce a maxia sobre a terra. Á saída do teatro, vou á miña taberna, á de toda a vida, e quedo ceando cos camareiros. Fóra chove anduanadamente. Ceamos lacón con grelos e bebemos bastante: eles comezan a debater sobre a pruína, o beaujolais, e os procesos de fermentación en botella, e míroos completamente ignorante e divertido. A min gústame un deles, dende hai moito, e el sábeo na prebélica dunha guerra que nunca terá lugar.
Despois vou con Fufli á procura dun paleofalante delicioso, a quen xa lle mandara recado: pero onte descubrimos que tiña mociño. Ao final todo rematou á madrugada coa intervención da policía nun local de baile tradicional, onde o meu paleofalante celebraba unha festa de cumpreanos: unha pelexa entre bandas rivais deixara vidros rotos e vellas fotos de gaiteiros tiradas polo chan. Acompañoume ata preto da casa outro rapaz, pero a miña soidade era aínda máis deliciosa.
florida
Dukakis vai outra vez a madrid, cas de Sefarad. Teño a casa pra min soíño, aínda que en realidade teño toda a cidade pra min soíño. Incluso toda a vida pra min soíño: vou só a un concerto extraordinario de bernard massuir, vou só ao teatro a unha obra humilde, emocionante e en galego (non lembraba que isto fose posíbel), e só vou tamén ao cinema, a 'Silver City', un dos filmes recomendados de Martin Pawley.
E aínda que discrepo co antoniogasset nacional, non podo evitar pensar que hoxe é o segundo domingo antes do primeiro martes de novembro, e que en breve estará cheo de peixes mortos o lago Arapahoe e as urnas de Florida.
eles
Non esquecín a futuroscope. Durante a viaxe recibín un par de mensaxes del, e vólveme andar na cabeza. Sigo tendo os seus discos de tiziano ferro, e el segue tendo os seus problemas. Dime de quedar un día destes, pero non di cando nin onde. Sen vernos, sen falarnos, sei que non será esta a última vez que pense nel, relaxadamente.
Enfronte está Belokan. Cando o xoves me erguín na súa cama, o primeiro que vin foi unha bandeiriña sueca enriba do televisor. Pasou un curso aló, estudando, saíndo á neve pra fumar. Entre nós hai océanos de confianza, e resulta tremendamente divertido cando fala da súa vida. De momento é a todo o que me dá a cabeciña.

23.10.04

miñoca
Creo que este desaxeito que sinto ao regreso da viaxe quere dicir que agora son definitivamente unha miñoca adulta.
blo
Non sinto o mesmo respecto ao sexo e a xente. Tampouco a miña cidade é xa a miña cidade. Sen saber como se comporta a miñoca adulta, ignoro a funcionalidade dun blo na nova etapa que comeza. Se a ten.
incomunicación
Levo días virando nas mesmas: podo comunicarme realmente con alguén que non fale o meu idioma? A sobrevivencia está garantida, incluso son capaz de zugarlle a pirola nun xardín de Bratislava a un húngaro falante de maxiar e eslovaco. Pero durante eses quince días que botei fóra só fun plenamente consciente do peso das palabras con Berlín.
Aquí, mentres tanto, rompe a parella de Fufli e Boston, que pactaran un precario código español pra entenderse. Español intencional, chamaríalle berlín. Racharon por iso? Teño dúbidas.
Á contra Carod Rovira dinos nunha conferencia: un ecuatoriano que fale catalán en Cataluña é un catalán, mentres que un ecuatoriano que fale español en Madrid é un ecuatoriano. A proposta é formalmente cobizosa, e subo ao seu tranvía, pero é fondamente falsa.

Nunca falarei ningunha lingua como a miña, que non sei cal é.

19.10.04

identidade
Síntome fondamente cambiado. Non me bateu o amor na caluga, nin crucei ródanos de cadáveres, pero atopo que non son o mesmo que antes de marchar de viaxe.
Será un cambio de olor, como ben me dicía Peke un día? Outra vida que comeza?
Dáme preguiza bloguear, como se fose unha cousa do pasado. E iso que pasan os segundos acugulados de cousiñas pra contar! Pero cústame. E agora, despois de escoitar o ídolo de Pawley (que ben!), e antes de quedar con Belokan, paso fuxidiamente por un ordena pra dicirme a min mesmo que sigo siendo aquél.
Ou non.

18.10.04

mapa
O despropósito comezou cando berlín dixo: deberiamos mercar un mapa de europa.
Coas retinas calcinadas da paisaxe e 8.327 quilómetros despois, regreso coa sensación de que xa nada será o mesmo.
Non sei como contalo. Se contalo.

10.10.04

metade
Cun teclado semieslovaco, blogueo dende un albergue corido e peculiar. Arriba berlin acaba de ducharse, en auga fria. Abaixo nosa, baixo un ceo chumbinhento, estendese bratislava, dez anos despois de que a visitase por primeira vez. Preguntome cando sera a vindeira.
Estamos a metade da viaxe, e ainda non chegamos a berlin-city. Tenho unha cita pendente cun rapaz local que conhecemos na noite, e tamen moito que contar: o que fixemos onte vaiseme esquecendo, de tan afastado que parece, mentres se van acumulando imaxes entre as pestanas.
En berlin, ao chegar, tentarei apuntalo todo, pra romper o esquecemento, pra botarlle terra nas esquinas a esta alfombra voadora.

9.10.04

liubliana
Cun teclado esloveno, blogueo nunha noite frenetica, e de balde, ao caron dunha festa indie onde dan empanadas arxentinas. Pero ainda nos queda moito por diante.

7.10.04

recepción
Cun teclado italiano blogueo esta breve mensaxe. Nun hotel, no lago de Garda, preto de Trento. Deixounos o xefe do hotel utilizar o seu ordena porque non hai ningún cíber próximo. Manhá seguimos cara ao leste: friul, quizais liubliana. Hai tanto que contar...

5.10.04

herexia
Mandamoslle un milleiro de quilometros ata tolosa en comodos relevos, interrumpidos so polas areas de servizo e as peaxes. Chegamos a noite, exhaustos, e recibenos maria. Ela é unha rapaza da corunha, coa que quedo totalmente flipado. Fermosisima, espabilada e dinamica, guianos pola cidade en bici, buscando sitio pra aparcar. Por detras, coa melena recollida, pedalea sobre os lastros alumeada polos faros de lola.
Gustame moito, e gustame mais ainda ao verlle a casa, un cuarto frances dos que integran en tres metros cadrados banho, cocinha, colchon e, neste caso, un cadelo pinto. Como namoro dela é lesbiana.
Dende o seu ordena blogueo. Ela nos di de visitar tolosa, e albi, e levanos a unha libraria-café gai pra tomar pasteis de figo, peras e queixo. Tolosa é moi linda, bulideira, paixonante. A albi chegamos tarde, cando xa esta a monstrosa catedral pechada e as ruas desertas, como se fose ainda hoxe un dia da represion e fumegasen os corpos herexes sobre as agras. Pero na estrada, escoltada de bidos e amieiros, éntrame unha gran felicidade. Paramos nun campo de millo, antes de que empece a chuvinhar e recender europa a terra humida. Vai calor, sol, repouso.
arma uirumque canamus
Certamente tinha algo de medo. Isto de estar con berlin vintecatro horas ao dia causabame certa inquedanza. Aguantariamonos? Caeriamos en silenzos incomodos mentres as linhas da estrada quedaban soterradas por lola? Ou discutiriamos polos itinerarios ata golpearnos coas guias michelin?
Nada diso. Fixamonos nas placas da rua, escritas en occitano, mercamos parrulo ao xenxibre nun restaurante camboxano e pasamolo moi ben paseando na noite pola cidade, a beira do rio. Contame historias, cousas lindas do seu pasado, ata dunhas frases en latin que lle dixo un rollo recentemente: arma uirumque cano.
E asi lles cantamos, as armas e aos homes, mentres rematamos o parrulo nos xardins do capitole, mentres pasan os mourinhos, curiosos, en skate ou bici ou algo.
ny
Este teclado francés carece dos codigos minimos. Entre eles esa letra fermosa procedente dunha convencion medieval e presente en linguas de prestixio, coma o breton e o uolof.
Proponhome escribir con ny, pero berlin ameazame con retirarme a parole. Numa numa iei.
he dicho que no
Este post poderia titularse devinhacion II. No ordena de maria, en tolosa, baixamos o video do esvaecemento do noso presidente. Tenho a carne de pita, e berlin tamén comenta algo somellante.
A mil quilometros, o païs tamén se esvae, ainda que alguns teimen en que non.

3.10.04

quilómetros
Lembro o exemplo co que hawking explicaba a relatividade do movemento. Se fago botar unha bóla de pimpon sobre unha pa, a bóla traza unha traxectoria vertical de apenas uns centímetros arriba e embaixo.
Se o fago dentro do vagón dun tren en marcha, pra min a bóla seguirase movendo o mesmo, mais pra unha paisaniña que estea fóra do tren a bóla trazará unha liña lonxitudinal duns cantos metros.
Se temos en conta que o tren está nun planeta que ten un movemento de rotación e traslación e que, ademais, o universo se expande, resulta complexo saber exactamente qué movemento fai a bóla.
Nunha hora arrancarei prá casa de Berlín como primeira etapa da gran viaxe que nos agarda: 6.000 quilómetros máis enriba dos rotatorios, translatorios e expansivos que xa levamos. Sóbeseme a melancolía: ao final só se trataba de quilómetros.
renón
Por dúas veces na mesma noite mándanme a paseo. O primeiro, Geneve, desprezando elegantemente o meu caudal de ilusión.
O segundo, Botedescuma. Este muradán volve pertencer á serie de carne de talkshows. Liscado da casa paterna aos catorce, coñeceu o ouro e o mouro na emigración en canarias, asistiu a varios atentados contra a súa vida e agora traballa na hostelaría cara. Ten 21. Botedescuma pasa miña porque ten mozo, anque me revira o fuciñiño e cólleme as mans con mágoa. Todos os seus amigos din que xa non andan xuntos: a parella marchoulle pra NY a estudar inglés, deixándolle as cousas claras respecto á posibilidade de que o acompañase na viaxe.
El, teimosamente, insiste na fidelidade. Deixo a Shotokan facendo das súas e regreso: amence.
leste
Levo á mañá a Paleólogo ata berlintown: casualidades, ten que pintar unha tenda. Logo collo rota cara ao leste, boto a mañá estudando en sada, fronte ao mar, e logo sigo: xanto lentellas e parrochas fritidas nun sitio molón da irixoa, con vistas a prados e cabaceiros (5,70€), e despois continúo cara ao leste furando nese alcolitral que vai de camariñas a ribadeo. Aquí aparece unha leira de vinte ferrados de millo. Acolá piñeiros, e case case un prado. O resto, alcolitros e muíños brancos. Adianto un vello que leva unha gadaña na bici. A aldea chámase Adragonte.
Empúrranme motivos de traballo. Todo acaba como é previsto.
deviñación
Sempre que estou fóra pasan cousas grandes.
Anoten nas previsións inmediatas: pedir o voto por correo.
cambio de hora
Fago visita-alustro a atenas pra despedirme dos meus proxenitores e de paso recoller a Paleólogo. Vimos durmir a humidtown en coche, cando xa é noite. Cóntame no camiño, á luz dos neóns rosas, as últimas novidades no castro: aínda lles quedan tres muros por restaurar antes de que o cambio de hora acabe definitivamente coa arqueoloxía. Apertámonos e querémonos, como se fose a última vez, e quizais o sexa porque a el outubro rímalle con lisboa.

1.10.04

incomunicación
Berlín agasállame, como me prometeu, con 'Fálame'.
Empezo a lelo, rápido. Gústame. Déixame, porén, o sentir de que me vou facendo vello.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?