<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

29.7.06

compromiso
El dime que, se marcho, irá onde eu vaia. Eu dígolle que, se marcha, irei onde el vaia.
emigración
Mándame un correo Laura, unha arxentina coa que coincidín en olimpia. Ten unha familia descoñecida en lourenzá e quere vir e sacar unhas fotos pra ensinarlle ao pai aquilo que nunca máis lles pertencerá. Pregúntame cómo son as combinacións entre alvedro e lourenzá e despois de superar a perplexidade decídome a facerlle de chofer. Cólloa en alvedro ao sol, subimos as ramplas de alcolitos de coirós á choiva, dexergamos as chairas outra vez ao sol e gaveamos as montañas mindonienses por entre o millo e a brétema. Ela cóntame de arxentina, das súas provincias, da plata e dun home agresivo, e eu fálolle da emigración, de hórreos e da galiza doutros tempos.
No fondo, entre as voltas e revoltas da estrada, penso nos tres destinos que collen corpo no horizonte: canarias, parís, paraguai. Tamén tento imaxinar como van vir os meus descendentes ata acó, qué van procurar, qué imaxe terán da terra de cesare moito tempo despois do esgotamento definitivo do petróleo.

metaliteratura
A metaliteratura é peor aínda que metabloguear porque non ten ligazóns. Por iso acabo con sufrimento Budapeste, de chico buarque, a pesar das boas críticas e dalgunhas frases xeniais, illadas.

28.7.06

talión
Eu podo crer que ana pontón non é antisemita malia falar durante quince minutos sobre oriente próximo e mencionar en todo ese longo tempo un só e único culpábel. O que me custa saber é quen ten máis cegueira, se ela ou ehud olmert.
lixeireza
Barataria e mais eu aproveitamos uns pallasos arxentinos na feira de teatro de jewishtown e que os meus pais andan pola illa de madeira, pra quedar na casa deles en atenas e facer o noso primeiro trío. El é Vaud, que xa me soltara hai semanas os puntos da moa a pirolazos.
Agora é todo moi relaxado. Fascíname ver a Barataria zugar, lamber, acariñar e bicar, mentres eu tamén zugo, lambo, acariño e bico. Tamén nalgúns momentos rimos. Ao acabar, os tres espidos sobre a cama falamos de roupa, comercio local, motos, rebaixas e algunas intranscendencias máis.
Esa mesma lixeireza regrésame ás mans cando quedo con Trasguiño, un rapaciño que acode a humidtown prás festas do patrón. Quedamos á tarde nunha beirarrúa, caneamos os postos de chilindradas e as tómbolas e acabamos respirando, un á par do outro, e mirando o teito sobre a cama. Cóntame cousas do pasado, e algunhas memorias que temos comúns, e despedímonos con alegría. É tan divertida a falta de preocupación...
bilingüismo
Velaquí algúns dos paneis da dxt desta finde pasada:
NON GARDAR DISTANCIA SEGURIDADE 3 PTS • NO GUARDAR DISTANCIA SEGURIDAD 3 PTS
TIRAR COLILLAS 4 PTS

20.7.06

Ugresic II
O libro está inzado de reflexións divertidas e atinadas sobre a literatura e exilio, sobre as linguas pequenas, os países pequenos e as literaturas pequenas, sobre guerra e nacionalismo... de tal xeito que moitas veces, como nese artigo titulado 'as dez principais razóns pra ser un escritor croata', busquemos a combinación mazá+H sobre o lombo (ctrl+H para os de pecé).
Agora pego un pedazo doutro capítulo ('GW, o escritor amargado'). Desculpade a duración:
Chamaremos GW o noso escritor. Derrubáronlle a casa. O muro e o pano de aceiro non o protexen máis, ostenta dereitos históricos sobre a desgraza. (...) Semella un deses patéticos personaxes das provincias literarias. Cando reparas nel –ti que estás no centro ou iso cres– invádeche de inmediato unha lene sensación de culpa. (...) Como recoñeceremos mellor a GW? (...) Porque xamais perde ocasión de descualificar outros escritores. (...) Ao primeiro, finxe non coñecer a obra do escritor X demasiado ben, pois por regra xeral el non le os seus compatriotas. Pero a nada que lle andas na ferida, abrirache o seu oprimido corazón, barnándoo todo con tinta negra coma unha lura, e verás que sabe de memoria as obras do rival. Como é natural, GW mantén unha relación moi íntima con escritores como shakespeare, goethe ou tolstoi; fala deles coma se fosen parentes. GW amósase especialmente ferinte cos seus contemporáneos, cos que escriben na mesma e insignificante e minoritaria lingua ca el: se é búlgaro ataca os búlgaros, se é romanés os romaneses, se é croata os serbios e se é serbio, os croatas. (...) Por certo, xa que estamos no restaurante con GW, debe saber que non fará nin amago de sacar a carteira. Tocaralle pagar a vostede (...). GW séntese maltratado persoal, social e historicamente, e por iso déixase resarcir.

E prosegue.
ugresic
Non sei por que vía chega ás miñas maus o libro dunha escritora croata que vive nos estadosunidos, Dubravka Ugresic: Grazas por non ler. Léoo nos últimos aeroportos e flípame. Hai unha boa recensión del no lector ileso. Agora pego un pedazo (as ligazóns son miñas).
Unha edición de The Guardian de 1977 fixo eco da agre regueifa epistolar entre o crítico de de arte David Lee e Tracey Emin, unha nova artista de éxito e propietaria dunha galería. Lee ousou dicir que a maior parte da creación artística moderna era o resultado dun 'truco de confianza' e acusaba os artistas novos, primeiro de nada, de analfabetismo. A rapaza retrucoulle a acusación espetándolle: "E que pasa se son analfabeta? Teño dereito a expresarme!".
psicofonía
Cando estaba en olimpia recibín unha chamada descoñecida. Era dun rapaz de nome tropical, que aseguraba que eu lle molaba moito e que me quería coñecer. Entre o custo da chamada e a incomodidade respondinlle que prá quincena.
Tranquilo estaba vendo, xa en humidtown, un partido de tenis de mesa cando recibín unha nova chamada. Polo ruído que se escoitaba no fondo semellaba proceder dunha cabina. Era el, insistindo nas virtudes do meu físico e do meu psíquico, e pedíndome de quedarmos pra un café. Fiquei un pouco chocado, pero accedín, e preguntoume se levaría condóns (!?).
Cruzamos unhas cantas mensaxes máis ao longo destes días, pero sempre con diversas dificultades pra verse: ou traballaba nunha discoteca, ou tiña desfiles (!) ou debía marchar pra portugal. Eu, que xa non tiña interese, fun perdendo a curiosidade.
Hoxe, logo de cear con Fufli e co novo mozo, cargo o correo. Sorprendentemente un suposto terceiro, que di actuar de boa fe, envíame a gravación da conversa telefónica dos condóns (que non reproduzo aquí polas referenzas persoais). Pídolle explicacións, dime que mas vai dar, pero as súas promesas naufragan no silenzo do xestor de correo.
Con estas cousas, un case entende outras.

19.7.06

In-ian
Veño malamente de grecia, excitado por todo e por todos. Quizais por causa do vrau, quizais pola morriña de Barataria, acabo darrastro á procura de sexo rápido. Nunha desas bato cun profesor de baile de salón que ao físico semella selo de artes marciais. Ten un lixeiro acento emigrante e andar ao machopirolo. Cando nos espimos, colle rapidamente posición na cama e agarda. Eu vou facendo, ao meu xeito, e cando vexo que aquilo non vai arrepóñomelle e pregúntolle se non vai bulir nada. El di que prefire deixarse levar e provócoo mentíndolle que eu tamén.
Érguese, cólleme a cabeza, empézame a furar nela, logo préndeme do van, érgueme das rodas e báteme nos dentros como se estivese remexendo pra unha tortilla. Cando xa me abrancan os ollos, para, límpase e marcha sen deixar pegadas.
Quedo alí, nas sabas, alasando.
Indignación

Teño moitas frontes abertas e non atendo ningunha, así que me deixo estar na casa vendo o tour, mentres o príncipe do celuloide diserta en ankara. Flípoo, claro. E non é pra menos.
Pero no fondo a indignación ínchame a vea máis cá felicidade: os medios públicos que pago co meu peto teñen enviados especiais na concentración de pretempada do celta nos alpes e non os teñen no tour.

17.7.06

alive
Este é tempo de mudanzas. Os avións da Thai non atinan coa entrada en pista pró despegue e a min estame a pasar parecido, anque gratuitamente lle boto a culpa ao jetlag das vacacións. Esta semana que entra é moi importante. E será blogueada.

10.7.06

terminal
O insólito retraso de iberia súmase ao azar: a zona de espera de grancanaria e a de humidtown están unha ao pé da outra na t4. No primeiro paseo mirámonos, no segundo gustámonos e no terceiro érguese e vén detrás de min cara ao baño co fin de cubrir o baleiro que me deixou Barataria. Os cubículos da nova terminal son estreitos e o canario, moreno como se fose un fillo de julioiglesias, córrese en 45 segundos todo o máis. Despois dime como se chama e despedímonos.
Os aeroportos están construídos con tempo.

9.7.06

final
Nunhas horas entrarei en distrito telefonico espanhol, mudarei de teclados, incorporarei enhes e tiles e botarei contas destes dias intensisimos nos que tentamos que non nos enganasen demasiado por todo o peloponeso. Grecia e un pais xenial, capaz do peor e do mellor, e cheo de trampullans. Ata dentro de catro anos.

2.7.06

puntoeseguido
Estar quince dias coas suas noites na academia olimpica de Olimpia facendo un curso sobre o obvio olimpismo foi unha das experiencias mais flipantes da minha vida. Estar con 200 persoas de noventa e pico paises completouna, derrubando pero sobre todo reforzando os topicos: agora tenho mais motivos pra odiar a serbia, pra pensar que os arxentinos son pretensiosos, pra crer que todos os brasileiros usan banhadores amarelos apertados e pra asegurar que todos os letons tenhen esa pefecta faciana de fodeme-fodeme.
Agora queda por diante unha semana con Barataria en grecia, ainda non sabemos ben onde: as illas, o peloponeso, atenas mesmo... Nun youth hostel de verdadeira-atenas agarda el esta noite, quizais conectado ao mesmo tempo ca min, mentres nosoutros facemos no hotel todos os rituais das despedidas. Pra sempre.
storm
Rebolen as ruas da Plaka cos mercadores de todo canto pode comprarse e venderse. Movense as cadeiras nas terrazas, corrican as cervexas, revoan as bufandas dos equipos locais e esparexense os cedes sobre as mantas. Esa 'e a tension do centro de atenas nas tardes do vrau.
De supeto, movidos por un sinal inaprezabel, os camareiros prenden os toldos entre si e cobran as mesas. Ao mesmo tempo, sen que se saiba moi ben de onde, xorden unha ducia de vendedores de paraugas que acoden 'as sorprendidas mesas. Baixanse os cancelos das tendas e gardanse no interior as columnas de toallas e e camisolas.
Nuns segundos comezara a treboada: atenas quedara limpa e reiniciarase a tarde.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?