<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.4.07

eleccións 2
O debate de onte á noite na televisión refórzalle a un a sensación de que a democracia é un invento xenial: os catro líderes de escocia respondían as preguntas do público (directas, precisas, agudas, educadas), e un moderador enérxico e irrespectuoso interrompía o político e dicíalle tan panchamente, "señor stephen, é a terceira vez que lle pido que responda a pregunta da señora do público, e a última. Vostede verá".
criminoloxía
Barataria fai o seu traballo e fíchame un estudante de criminoloxía de 20 anos pra tomar unhas cervexas na casa e parolar un pouco inglés. Un exercicio lingüístico tan interesante como pobre o ferrete posterior, que se pode resumir en que mentres el lla zugaba a Barataria, a min dábame biquiños. Menos mal que ao estar tres sempre se recibe algunha pirolada perdida, e o ferrete rematou como rematan esas cousas, e bicámonos de novo, e despediuse, e quedei na cama cavilando por que non estaba sicoloxicamente preparado pra ser o terceiro.
Pero de todo, como desas 13 millas que me mandei en bici na tarde do domingo por entre os bloques de edificios de paisley e contra o vento do leste, de todo se aprende.
eleccións 1
Neste complicado sistema electoral aínda non sei por quen vou votar. Pero como teño tres papeletas pra inventar distintas aliaxes vaille caer algo, anque non sei ben en que medida, a:
* os nacionalistas do SNP: o seu líder é dunha soberbia molesta, pero no país dos cegos o torto é o rei. A súa proposta de independencia é moi divertida e economicamente vai ser unha boa idea. Fagamos algo de experimentación social e aliviemos o sufrimento dos ingleses.
* os liberais: economicamente estou máis de acordo con eles ca con ningún outro. Do pouco que entendín sobre seguridade cidadá e sistema de prisións, tamén coincido. Ademais, están en contra da independencia, e sérveme pra compensar o voto anterior. Levo anos querendo votar a un partido liberal.
* os verdes: o partido que calquera votaría de segunda opción. Todos os telexornais abren co cambio climático e iso estame comezando a afectar. Ademais, son máis novos, teñen máis mulleres nas listas, gústalles mirar prós paxaros...
xustiza
Barataria anda a mudar de traballo neste fantástico sistema onde a mobilidade laboral beneficia o traballador tanto como ao empresario. Hai quince días estaba mallando ao mesmo tempo en tres parciais: de axudante de chef nun restaurante italiano, de axudante de limpeza nunha residencia de anciáns, e de movedor de mobles e camareiro nunha empresa de cáterin, vodas, funerais e banquetes. Pero atopou outra cousa aínda mellor (máis horas) e decidiu dicirlle abur ao italiano. O patrón encaixouno un pouco mal, porque vai pechar o negocio e xa non lle compensa coller a ninguén por esas horas, e o venres, despois de acordar con el que fose a traballar, anuncioulle xa co pucho posto que non tiña demasiadas ceas e que case mellor dese un paseo (sen gañancia).
Unha hora despois de marchar chégame á casa co beizo inferior cosido á liña das cellas. Pra desfacerlle o enfado cólloo pola lapela e lévoo a ver danza, e resúltanos unha marabilla incríbel. Programadores da ghalleira: fichen a estes sete rapaces de Justitia prás súas galas de verán. Necesitarán, iso si, un escenario algo amplo onde poida coller un decorado simple e xiratorio, tan axustado ás necesidades do guión e dos movementos que non sabería dicir qué foi antes, se o decorado ou a coreógrafa. Quizais os bailaríns non son grandes figuras do brinco ou da plasticidade (anque non hai queixa ningunha), pero o conxunto resulta dunha beleza admirábel. Con todo, o máis importante é que contan unha historia. Unha historia sobre machismo e violencia de xénero sen necesidade de presentar ollos á virulé, mulleres chorando e recortes de xornal. Pero tampouco fai falta ler a baudrillard do revés pra entendelo, nin descifrar exactamente qué significa ese desprazamento lateral de cóbado na coreografía contemporánea: sinxelo, fermoso, comunicativo. Directo. Como as bagullas que me escorregaron ao final do primeiro acto ao ver, simplemente, a disposición duns bailaríns, o xogo dos seus corpos, a distribución espacial, a composición. Directas e fermosas.

26.4.07

top10
Por razóns profesionais, e neste país tan supermegafeccionado aos ranquins e aos tops, propóñome facer a lista dos dez galegos e galegas vivos que todo alieníxena debería coñecer.
xesús vázquez
teresa moure
• emilio pérez touriño
chus lago
óscar pereiro
mariano rajoy
amancio ortega
ana maría ríos
verónica codesal
luís tosar
Non seguen orde. Prégase confirmación ou rexeite.

25.4.07

teses inacabadas, 2
As eleccións son apaixonantes, e máis apaixonante é intuír a mobilización rebuldeira que se produce nos concellos, nas parroquias, nas aldeas. Despois de andar fedellando aquí e acolá, bato contra esta foto. Non é necesario dicir o nome do partido, nin que o rapazote da esquerda está pra tunear un coche a medias. Só o concello: paderne.
Título da tese: Antropoloxía e representación social: extracción de clase nas listas municipais dos concellos menores de 3000 habitantes.

24.4.07

polémica
Cal é a diferenza entre unha muffin e unha madalena?
a) a madalena emprega royal e aceite, e o muffin lévedo e manteiga (via shotokan)
b) a madalena é máis esponxosa có muffin (via plattdorf)
c) a madalena ten forma de cuncha e o muffin... de madalena (via wikipedia)
d) son o mesmo

Prégase confirmación ou rexeite. Tamén se prega a intervención de colineta.

22.4.07

domingos
Vou facer de xuíz a unhas probas da liga escocesa de atletismo nas pistas de grangemouth, unha inhóspita pérola arrodeada de refinerías e fábricas de plásticos. Imaxino que algunha administración, prá rexeración deste espazo inzado de grandes naves, de chemineas xigantescas e de camións de transporte de mercadorías perigosas, dispuxo a creación dunhas instalacións deportivas lonxe de todas partes.
Ver toda a beleza da mocidade a correr 800 ou a facer salto de altura non impide que ás veces, erga a vista do tartán, do foxo de lonxitude ou da caixiña da pértega e que pouse os ollos nas nubes de vapor de auga, no fume, no bruído da maquinaria que vai voando entre os corvos e as gaivotas.
Á volta ocórreseme que podo ir tirando en bici, que xa collerei o tren máis adiante, e así, de decisión en decisión, de rotonda en rotonda, papo dezasete millas unha detrás da outra, por entre prados de ovellas, carreiros entre os toxos, nenas xogando, campos pró golf, pequenas urbanizacións, cruzamentos absurdos, un chaparrón indecente en bannockburn e demais trocos de vía. Non hai un carreiro prás bicis, senón moitos, cheos de fochancas, bordos, beirarrúas e algúns, poucos, directamente a herba. Así que esas dezasete millas, anque chás, son un verdadeiro castigo prás pernas. Pero ao chegar hai unha robaliza ao alloporro do país, coa sinatura de Barataria, e ceamos, que son case as sete do serán. E de sobremesa unhas graaaaaandes madalenas de chocolate.
E así, así vai pasando a vida, vai chegando o vrao.

20.4.07

hixiene
Un dos costumes que máis me chaman a atención deste pobo bárbaro é, sen dúbida ningunha, a soidade que me acompaña nas duchas dos vestiarios. Fago esgrima dúas veces por semana, ás veces incluso tres, e nunca, nunca, coincidín con ningún home nas duchas. Os rapazotes do equipo de lacrosse, os chineses que xogan e xogan e xogan ao bádminton, os maduritos que botan tardes enteiras na carreira estática, os cativos que aprenden a socializar co equipo de fútbol... ningún deles ducha comigo. E non é que me venten e que prefiran non acudir aos vestiarios canda min: hoxe e a semana pasada o piso das duchas estaba completamente seco.
Os meus colegas floreteiros despréndense do traxe de apicultor e, na mesma pista, botan algo de desodorante, un pouco de gomina, o xarsei e a cazadora. Ou só o xarsei, ou só a cazadora, ou a mesma camiseta suada unicamente, se estamos en primavera. Os traxes de apicultor arrecenden a hormona adolescente, e gústame, pero non quero imaxinar se hai un día un crime e os CSI veñen a explorarnos o adn.
Esta falta de hixiene darase só na illa putrefacta? Ou é característica común dos pobos bárbaros? Prégase confirmación ou rexeite. E unha campaña de promoción das duchas, xa.

18.4.07

paranoia, 3
A xefatura da empresa onde traballamos pásanos novas indicacións sobre a redacción de probas e testes. Entre elas está a de que non lle podemos enviar esas probas ao departamento de avaliacións por email, senón que debemos entregalas en man nunha unidade de memoria portábel, para evitar que alguén poida ghaquear o sistema de correo e intervir esas comunicacións.
Ademais, cando redactemos esas probas de avaliación temos que desconectarnos de internet, incluso se o facemos cos nosos propios computadores portátiles. Existe o medo de que un dos nosos clientes ghaquee a intranet da empresa onde estamos, desbarate as devasas, acceda aos nosos computadores, rastrexe o que estamos facendo nese preciso momento e zas! atrape unha desas probas de avaliación ao voo, xusto no intre en que lle estamos metendo as marxes ou mudando a tipografía. Que terríbel sería para a integridade da empresa!
Baixo este espectro de presión traballamos, como se manexásemos átomos de uranio e non rudimentos de cine europeo, filosofía ou acuicultura. Non é de estrañar que de súpeto alguén decida saír nos telexornais.

14.4.07

10-5
Levo máis dun mes dando floretazos un par de veces por semana, pero onte gañei o meu primeiro combate.
Certo é que o meu rival é un cativo preguiceiro que leva a moza aos adestramentos e que entre asalto e asalto vaina bicar e deixarse sobar un pouco por riba do pantalón de esgrima. Tamén é verdade que il estaba practicando algúns movementos concretos, mentres que eu loitaba a por todas. Pero ao final, nun estremo dun ximnasio cheo de chineses xogando bádminton, conectado a un pequeno marcador electrónico, e cuberto cunha máscara e un disfraz de apicultor, conseguín encadear dez tuxés.
Ninguén máis se decatou.

12.4.07

triángulo
Cando abro a porta da casa e vexo subir as escaleiras a semellante mozote negro, de 24 anos, vestido cunha chaqueta de chándal como nas películas, uns pantalóns caídos como nas películas e uns lentes de sol como nas películas, penso que a Barataria e a min desta vez nos tocou a lotaría. Pasa pra dentro e, despois de preguntarnos de quen viñamos sendo e de dicirnos que amañaba computadores, explícanos as regras da partida: ten mozo, así que unicamente wanking, nada máis. Facémoslle caso, e durante unha media hora xogámoslle coa pirolaza (como nas películas) a un espectacular preto das Bermudas, mentres el movía sosamente agora un pouco o brazo, logo algo a man, logo quedaba estantío un bo anaco, e despois finalmente a zugaba porque lle dirixiamos a caluga.
Ao que por fin acabou e marchou, duchámonos xuntos e fomos dar un paseo pola ribeira do río, antre as froles do solpor. Non imaxino maior fortuna.

11.4.07

teses inacabadas, 1


Estou a preparar unha presentación de moda galega prós meus clientes e atopo este interesante documento gráfico no catálogo de pull&bear (páx. 34).
Título da tese: Representacións do homoerotismo nos catálogos de moda de inditex, 2000-2010.

10.4.07

cónsules de roma, 4
Recibo unha carta do estado onde pagaba os meus impostos explicándome que teño dereito a voto, malia estar vivo e ter menos de 100 anos. Quizais a miña escolla non pase dun branco, pero gústame o xogo este das votacións. Así que, como a carta do consulado di que podo consultar as listas do CERA entre o 9 e o 16 de abril, ambos inclusive (e engaden un horario especial pró domingo 15, pra que a xente non desconfíe), gasto unhas horas e unhas boas libras deste luns de pascua (día 9) en achegarme ata Old-Pride. Ao que chego o consulado está pechado, abofé. Colleron vacacións o xoves (por madrid), o venres (por españa), o sábado e o domingo (por se acaso) e o luns (por cataluña e ferrol), e puxeron un carteliño na porta, pra que non lles queimasen o timbre.
Hoxe chamo: néganme que a carta (que teño diante) poña iso, logo dinme que "quen di o 9 di o 10", e finalmente acceden a comprobar a miña inscrición nas listas do CERA por teléfono. O meu nome non aparece (está vostede seguro de que se escribe 'cesare'?, pregúntanme) e convídanme a ir a old-pride pra presentar unha reclamación, porque non a podo poñer nin por correo nin por teléfono. Que mágoa non estar morto ou non ter máis de cen anos, pra que todos estes problemas se evaporasen de súpeto.

9.4.07

as miñas cinco mellores cancións pra foder
Son totalmente incompetente pró das listas de preferencias blogueiras. Ou preguntan polas razóns pra exiliarme cando vivo a 2000 millas de distancia da realidade (así en xeral), ou rétanme (dobremente) a que sinale as mellores cancións pra foder cando decididamente aposto polo silenzo. Pero aló vou:
1. Les oiseaux. Son devoto do sexo outdoor. Nada hai mellor ca zugar unha pirola nun coche coas fiestras abertas ao vrao, ou sobre un penedo entre os toxos, ou nun piñeiral preto da area da praia e do mar. Gústame saber que están aí, movéndose ao seu, os ferreiriños e os corvos, que as formigas carrexan folliñas a centímetros da miña pel e que os mosquitos simplemente pairan e atravesan a noite coas súas pupilas ultravermellas, á procura dunha brizna de sangue. Non hai nada mellor có seu murmurio, o seu renxer de mosquito, de rato ou murgaño entre as carqueixas, e deixar despois que o recendo da suor e do seme e o fresco poñan o amor.
2. Radio. Hai algúns anos, antes das balas, houbo un que se me meteu no coche pra foder. Era mago e estudante de xaponés, ou iso dicía, e tiña uns cantos anos menos ca min. Aparcamos na gabia dun fodedoiro habitual e acendémonos a bicar. Eu debía levar a radio, imaxino, á espera de que en breves segundos o coche entrase en modo-eco e decidise aforrar baterías desenchufando radio, calefacción e luces. E el, nesas previas, pregúntame se non podía meter M-80. Eu díxenlle apenado que o sentía, que a radio dese coche non a daba sintonizado. El creuno e seguímola zugando.
3. Barataria. A primeira vez con Barataria, tamén tempo atrás, levoume prá súa casa en parque-temático-cervantes xa case na mañá. Ao chegar puxo a banda sonora de 2046 e fodeume con ela. Despois diso moitas veces téñolle recriminado o uso da "típica música pra foder" e el sempre se defende dicindo que foi casualidade, que era o cd que estaba, que o andaba gravando pra un colega, etc. Non volveu usar música, cando menos comigo, pero a emoción que xa eu sentía con 2046 viuse dobrada.
4 e 5. Planeta. Así de que no suposto caso de que tivese que escoller música pra foder diría que este programa de radio (o meu favorito do último mes) ou calquera dos temas de femi kuti. Fanme sentir que o punto 1 esta aí, cando non está.

Creo que sería máis interesante saber as cancións que nos impedirían foder, pero pra continuar a cadea e que non haxa unha catástrofe nuclear no barrio, fágolle a pregunta das cinco mellores a: as crónicas prusianas, magago, bretemas, bossito e a señora dot.

5.4.07

sirenas
Cando levo toda unha xornada escoitando comentarios e bromas machistas, vendo como no meu contorno se refiren a todas as mulleres co cualificativo de "furcias da peor especie" ou "feministas", ou asistindo a como os varóns reflexionan, xa seriamente, sobre o problema do xénero na linguaxe (problema que recoñecen non percibir), chego á casa coa mesma sensación de cando escoitas a ingleses e franceses debater sobre o estado do planeta: prezados amigos dinosaurios, o cretácico xa vai mediado.

Afortunadamente, ao chegar a vila-marple todo estaba envolveito nunha cálida e intensa primavera: púxenme unha camiseta de manga curta e saín pasear ao sol das 9 da noite. As extincións teñen estes puntos fascinantes.

3.4.07

72
Non o sei de certo, pero así a ollo debo de estar chegando a 72. As galletas de xenxibre e os taper que carrexa Barataria do restaurante italiano están batendo récords. Pero hoxe dixen stop.
mariña
Como mañá teño que visitar unha empresa que está algo lonxe, fun alugar un coche de véspera ao sitio habitual. Foi un día intenso, de moito tecolear, e cando me sentei ao volante decidín roubar un respiro e liscar quilómetros: puxen proa ao leste no panel de mandos do fiesta, porque tiña gana de ver o mar.
A estrada era estreita e silenciosa, e ao chegar ao primeiro aparcadoiro fronte a auga botei pé a terra. O recendo dos sargazos, a torre da central térmica de longannet, o longo paseo ao sol frío da ribeira, as aves lonxanas beliscando a area, os chíos dos carráns, a máquina de fotos sen batería, a soidade... iso é culross, unha aldeíña feituca onde os nenos xogan e os maiores beben cervexa na taberna.
Iso é culross, e eu aí vin caer a tarde.

2.4.07

pra sempre
Mentres o noso caseiro investiga no concello a titularidade dos xardíns (ao parecer, as súas escrituras non coinciden coas de miss Mara; desta inda imos a preito), eu aproveito a concesión xenerosa da netísima pra tender a roupa nese xardín que provisionalmente imos denominar o xardín dianteiro de miss Mara. Despois de pendurar as sabas decido mirar cómo están as esquinas do terreo, co fin de buscarlle acomodo a un composteiro que xa chegou e que é moito máis grande do que imaxinaba.
Así que nun relanzo, mirando ben, atópoos a eles, escoltados por ese par de gnomos de xardín: velaí os están, Catherine Morgan e Hugh McDonald, no provisionalmente chamado xardín dianteiro de miss Mara.


Non sei se están aquí en espírito, abono ou cinza. Quizais só figure aquí a lápida, carrexada por algunha razón dalgún camposanto, quizais só pra apoiar no muro, axudar no valado ou agochar debaixo as chaves dun faiado en troon ou en inverness.
Pero aí están os seus nomes e non outros. Catherine Morgan e Hugh McDonald. Como esa Catherine Morgan e ese Hugh McDonald que casan en 1879 en ontario, canadá, pero cada un coa súa ovella. Estes son a Catherine Morgan e seu home Hugh McDonald que faleceron en 1945 e 1946. Ela morreu entre a bomba de Hiroxima e a de Nagasaqui. Il, uns días despois de que a BBC recuperara as súas emisións, suspendidas pola guerra.
Catherine Morgan e Hugh McDonald, se hai vida máis alá de gúguel mandade recado.
coito
A programadora informática con aspecto de votar o partido verde escocés xa está completamente mobilizada: mandou correos ameazadores ao xefe de xardiñaría, pegou carteis nos corredores e nas inmediacións do niño... Parece que os traballos no xardín foron detidos, o que lle deixa unha certa tranquilidade á parella de gabitas que, como cada serán, chegan e dan un paseo arredor do furadiño que será a súa casa. Exploran os sacos de cemento, remexen debaixo dos coios, choutan enriba dun carretillo de area e logo van cara ao niño. Métense nel, e como non collen ben, van facendo forza co peito e coas patiñas, sacando algun coio pequeno, desprazando levemente outro. E así un día, e outro día, e outra vez, e agora o macho, e agora a femia (creo).
Logo pasean. Regresan á impagábel tarefa de peteirar coios á procura de algo. Pero, ollo, agora unha delas encóllese, e berra, e estírase e... aaaaauuup, dun choutiño sobe no lombo da outra. Baixa o cu, parece que... pero non. A gabita que está debaixo móvese rapidamente. Aínda non está o forno pra enfornar. A vida segue o seu curso.

PS: Post dedicado a quen me escribe este correo: falei cunha amiga que é fan dun blog teu chamado As Tuas Balas ou algo así. Falome cousas interesantísmas do que alí contabas, as tuas fazañas sexuais e todo eso.
cita
Recibo un correo con esta cita de Edmund Blackadder:
"O home debería loitar por unha serie de cousas fundamentais: o seu país, os seus principios, a súa familia e os seus amigos. Persoalmente, eu loitaría por unha caixa de billetes e moito porno francés".
Agora que a fin do mundo se achega (teño pra min que sucederá esta mesma semana), a frase rómpeme demasiado a cabeza. E iso que o porno francés, ao lado do checo, patatillas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?