<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.7.05

40º
Cando recollín onte a Barataria na estación de buses de atenas, xa traía febre. Entráralle polas costas na parada obrigatoria da seabre. Agora, logo de pasar toda a tarde na casa de meus pais, arroupado, falando, vendo pelis e ceando unhas accidentadas berenxenas con peitugas (todo á prancha), descansa na miña cama adolescente. Ao outro lado da parede leo as boas novas na rede. Tomo un porto. Penso nel.
Con cada conversa vainos medrando a confianza, aínda algo estraña. Hoxe, por exemplo, aprendín que padece unha malformación sanguínea, producida ao parecer por fecundacións intrafamiliares na súa estirpe rural. Chámase alfatalasemia e fai que teña uns os glóbulos vermellos máis grandes e menos densos, e unha temperatura do sangue máis elevada do normal. Así que a súa febre tamén (medio grao ou un grao máis elevada).
A min, por ser a primeira vez, paréceme un exotismo apertarme contra del e que estea tan tan quentiño e suoroso. E que aínda razoe.

28.7.05

obxección
Púxenme como un auténtico estúpido, é certo.
Pero preocupoume a alegría coa que os meus amigos acoden a eventos organizados por asociacións paradigmas da intolerancia, o culto á violencia e o fanatismo irracional.
Preocúpame que eu tamén me deixo levar, e que non son capaz de virar o leme e dicir como as mozas no baile: néghome.
Pregúntome qué pasaría se eses concertos de betagarri ou de obrint pas os organizase a falange. Ou se ese mozote emperrucado tivese mala sorte e estourase o artefacto con feridos ou mesmo mortos.
Afortunadamente a realidade non é tan crúa e podemos manter esa condescendencia terríbel co terrorismo.
véneto
5Line está cavilando en marchar de novo. Ofrécenlle un traballo nun hospital da rexión véneta. Así que diante duns canelóns de parrulo gorentosos estendemos as cartas do futuro, que resultan moi ilusionantes. Despois durmo na súa casa, fodemos como se non pasase o tempo, e espértannos as gaivotas.
guiné
Comprobei nestes días apertados que os Dios k t Crew riman cada día mellor, cunha soltura bastante pouco común e sen ningunha pretenciosidade: alguén debería poñerlles a rampla pró chimpo definitivo. Despois flipei cos fermosos portugueses de Expensive Soul, escoitei a Chico César e sobre todo a Ray Lema (este battiato do congo que quedou sen sitio ou sen idade), tamén recunquei nese milladoiro dos noventa que é Berrogüetto, e ao cabo bailei algo con Manecas Costa. Gústame o manecas, pero enzúcranme as neuronas as circunstancias: o concerto é nunha encosta, e nesas alturas do disanto xa case non queda xente no público e si moitos restos de homes fermosos, vasos de plástico, botelliñas, follas enlamadas e mexo. Como está escuro non nos recoñecemenos os trazos, e parecemos unha trintena de pantasmas que sabemos a licorcafé e que estamos enchoupadas en pelo e chándales por unha poalla intensa. Miro nas tebras: a beleza fría da Duquesa, a forza de Todonada, as confesións de Aduaneiro1, os mozotes arrampladores e alá arriba, imperceptibelmente, un preto guineense que tenta animarnos anque a todas luces carezamos de ánima.
Así que estas mañás, para mitigar esa fase pantasma entre o sono e o esperto, poño manecas costa no equipo da casa. E ás veces bailo camiño da ducha, sorteando as botellas, pisando as follas enlamadas, lembrando a beleza fría da Duquesa.
gústoche?
Abafado de ir de concerto de ska en concerto de ska, como se pola periferia peninsular non transcorresen os últimos vinte anos, vou á procura de aire a un pub da flota do arrastre. Cáeme un peixe de ankara, licenciado en belas artes e fillo de gardacivil, ao que levo silandeiramente prá casa. Ten o corpo enteiramente depilado, e bastante ánimo como para enfrontarnos peneques a isto da penetración anal. Pregúntame moitas veces: gústoche?, gústoche?. Procuro ser cariñoso, e coido a cerimonia da toalla, o almorzo e a camiseta limpa. Acompáñoo á estación. Desaparece.
planificación
Non tiven vagar pra tomar nota, pero estes días están sendo moi intensos. A esmorga, o alcol e tamén o traballo puxéronme a cabeza lixeira e o corpo denso, con todos os meus átomos preparados prás inminentes vacacións: primeiro atenas, con cita no albéitar, logo visita de Barataria con posíbel xestión sogros e dez días xuntos con parada en Ciudad-Ajo e berlín. Despois lisboa, sen saber se chegarei solteiro ou casado á mansión de Iop. E finalmente, comezar, comezar de novo esta convención de pista de despegue.

24.7.05

metropolitano II
Os atentados de londres tensiónanme positivamente as veas, sensación que recupero cando viaxo en transporte público por garlic-city.
A Señora Dot é grande afeccionada aos transportes públicos e eu tamén o son, anque non saiba cómo se denomina iso no catálogo das tendencias contemporáneas. Fascíname a súa contemplación rechouchiante. Fascíname o perigo que se vive neles, a tensión sexual de baños e plataformas, e os contactos fortuítos que se producen entre mans, entre miradas, entre vidas de distintas dimensións.
Por iso marabíllame máis lerlle a kapusciñski pouco antes de entrar nas entrañas de mendezalvaro: Non, non vivimos nunha aldea global senón (...) máis ben nunha estación de tren ou de metro global pola que pasa o enxamio da multitude solitaria.
metropolitano
O mundo de hoxe recolle, como nunha autobiografía fragmentaria, diversos pedazos da vida do xornalista polaco Ryszard Kapusciñski: retallos de entrevistas e de libros aínda non editados en castelán, recompilados e ordenados con moito criterio. Léoos nun bus de clase extra mentres vou a garlic-city, contra o fondo dos trigais na seitura. Penso en todo o que conta (de novo) sobre áfrica: necesito regresar. Pero reflexiona tamén sobre o terrorismo, e sobre a única gallada en que estamos: temos que escoller entre seguridade ou democracia, dous conceptos opostos. A máis democracia, máis liberdade, menos control de mochilas, pero tamén máis abrollos de morte na liña sete. A máis seguridade, máis controis, menos mortos, menos democracia. Alinéome loxicamente coa opción liberal e computo os 57+1 mortos de londres na miña conta.
Non teño medo, ningún tipo de medo ao terrorismo. Ofrézome prá lista das vindeiras cincuenta doncelas. Non fagan nada por evitalo.
horizontes
Os horizontes enzoufan e aclaran.
Dinme por condutos non oficiais que esqueza as posibilidades británicas, e celébroo enchendo o fuciño dos pelos mouros e finos de Uli. A chance do envasado de empanadas decae tamén por outras razóns, pero non por iso as dificultades existentes no traballo actual amañan. Pero é moito luxo deixarme morto, que quedan aínda uns bos corenta anos por encher.
Corenta anos que comezan, por exemplo, descifrando por que contra e (m)alicia fan o téxtil en bascuas, indo ao cadelicio con Plattdorf, comprobando que Dadaísta e a Raíña asinan o que eu lles pedira ante a mirada cobizosa dos axentes culturais, asistindo ao apareamento de Fufli e a Señora Dot, compartindo tóspiros con Ascárida, a Duquesa ou Maria Todonada, poñendo tixoliños de amor que me fagan esquecer por uns segundos o dependente que estou sendo de Barataria e recibindo a máis intensa declaración de amor dun garillote das afóras, camisa negra e brinco de aro: tu te piensas que soy maricón?
Aquí vamos, a todo filispín, pola pista de despegue.
lévedo
Estes días xunto moitas lecturas entre os espazos mortos que se lle caen á vida e os momentos de reclusión.
Excítome moitísimo e déixome bater no cerebelo con Cuspireivos sobre a tumba, de Boris Vian. E seguidamente quedo na máis completa ignorancia con Contrapunto, de Don DeLillo, que só ten a vantaxe de que é breve. Non sei se willy xa ten falado del que a min se me escape. Pero nada comparado, en todo caso, coa extraordinaria narración de Sputnik meu amor, do angloxaponés Murakami: o triángulo que se estabelece entre unha alta executiva filla de coreanos, un mozote inestábel e unha rapaza friqui, aprendiz de escritora e habitante das freitas do universo.
Nun repouso vou ver antony and the johnsons. Este benny hill do piano e da canción retorce frías melodías nas prazas de humidtown. Con elas de fondo todo se esaxera: os bicos son máis intensos, son máis grandes as cheas, máis branca a neve que cae neses momentos sobre humidtown, e máis amarelos tamén os taxis novaiorquinos que de súpeto deixan e collen xente, máis gráciles tamén son os saúdos, e os transportistas coas súas cargas, e máis mesto en xeral o aire que nos une. Pero benny hill remata, pecha o piano e toda esa ilusión desparece. E non queda nada.

23.7.05

30
Cando faltan só algunhas semanas para o cambio de prefixo, os síntomas empezan a ser evidentes:
• crises de impulso sexual: aquí, agora, con quen for.
• crises de insociabilidade: onte fun prá cama ás oito da tarde, deixando a un lado a cea dos idiotas.
• desconformidade xeral co propio corpo.
• bloqueo definitivo ante calquera tipo de decisión
Agardemos que pase axiña. Ou non.

19.7.05

fin do mundo
Non sei qué turbillón de kansas impulsa os acontecementos, pero de súpeto a Ferre noméano director da oficina do seu banco en xinzo, e ten que incorporarse en dez días. Polo seu lado, Senalcume, máis morena e guapa ca nunca, a vinte días de marchar pró exilio económico, enzóufase ata os xeonllos nunha complexa relación mesturando na proporción incorrecta aparcadoiros de madrugada, traballo e esquí acuático. Polo que a min toca, as posibilidades de mudar de ocupación nin se crean nin se destrúen, só se transforman.
Teño a estraña sensación de que ao meu redor o delirio gaña iardas día a día, combate a combate. E tamén teño a sensación de que a miña cabeza está sorprendentemente fría e temperada diante dese campo de batalla.
A vindeira semana todo será distinto, ou non. E despois mirei, e velaí que había unha porta aberta no ceo; e a primeira voz que sentín a falar comigo, coma unha trompeta, dixo: sube pra acó, e amosareiche as cousas que sucederán despois destas.
incendio
Barataria e eu non o sabiamos, pero uns quilómetros ao norte ardía un monte con once homes dentro.
Nós colléramos o coche do comozo, un supercinco desnartellado, e subíramos á cachoupa do pedrito. Pedrito é xardiñeiro e decidiu hai uns meses retirarse á montaña pra cultivar a horta e a herba mala (pouco). Ten sete galiñas, un galo, unha zodiac en seco e as paredes empapeladas de calendarios de motoserras stihl con mulleres explosivas, ou cortantes. O computador conectado á rede máis próximo está a vinte minutos en automóbil.
Nun momento deiteime no sofá a ver o tour espido. E logo deitouse Barataria, tamén espido, e quedamos durmidos mentres Pereiro quedaba segundo en saint-lary-soulan. Fóra corricaban as galiñas. E ao norte ardían os homes.
presas
Baixamos dende parque-temático-cervantes ata garlic-city pra desintoxicarnos de foder e foder todo o tempo e sen trégolas. Vemos no teatro Presas, unha obra sobre un cárcere de mulleres no franquismo: tuberculose, putas, xitanas, anarquistas mancas e previsibilidade absoluta. Con todo, hai algúns detalles paveros e un traballo que lle pesa ao escenario.
Saímos. Bicámonos. Tomamos un quebab. Paseamos á calor da noite, en manga curta, mentres fervían os sumidoiros.
multiculturalismo
Ao parecer, os chachos refírense aos inmigrantes sudamericanos como payos pony.

12.7.05

ragnarok
Cada vez entendo menos o que sucede neste drakkar. Hai días que non vemos o resto da escadra e navegamos senlleiros contra o ceo escuro e chuviñento. Unha estraña peste estendeuse con forza polo barco e deixou enferma gran parte da tripulación. Os que seguimos a pé camiñamos por coberta como aluados, e agora recollemos as velas ou estendémolas á treboada sen xeito nin maneira nin rumbo. Guíannos as estrelas, ou a memoria que temos delas, mentres o capitán, preso tamén das febres, repousa no camarote. Ás veces alguén trae ordes del, como racionar a sopa de cabaza, remar con forza pra evitar os esteiros, embrear os mastros ou prohibir os dados nas noites de garda. Mañá coa alba un bote descenderá do drakkar e tentará chegar a unha illa que vimos hai un par de días, guiado polos membros máis sans da tripulación. Eu, que lle prometín ao fillo do muiñeiro que lle levaría barbas das baleas do abismo en proba do meu amor, non sei qué facer. Como será máis doado achegarse aos monstros mariños? Neste drakkar enfebrecido ou no fráxil bote? Haberá algunha posibilidade de regresar a porto e volvelo tentar?
Temo que esteamos chegando á fin do mundo.

11.7.05

about london
Collo un diálogo do extraordinario 'Otto é un rinoceronte' de Ole Lund Kirkegaard:
–Ooohh! –dixo o pai de Viggo–. Non pode facer nada a policía con este becho?
–A policía? –dixo o xefe de policía–. Nooon, a policía ten que ver coa paz e coa orde, amigo. O rinoceronte non é paz, lei nin orde. Un rinoceronte é máis ben intranquilidade e desorde, e desas cousas non nos encargamos nós
.
'libriños'
Nestas tardes apuradas remato A chuva pasmada, de Mia Couto: conta a fabulosa historia de sempre. Lendas, espíritos e unha especie de maxia divertida que o arroupa todo. Pero tamén unha requiloria de metáforas que se perden no cansazo dos tópicos. Despois éntrolle á Noite da raíña Berenguela, de Neira Cruz, unha peza ben imaxinativa e linda, escrita fabulosamente, pero que non me dá co fío sensorial. Así que pra rematar a finde releo Otto é un rinoceronte: risos, gargalladas, rinocerontes, lapis máxicos e deconstrución do mundo adulto. Do meu mundo.
peiraos
Nunhas horas paso dun solpor estarrecedor en casa de Peke e B., que guinda todo o catálogo de titanlux sobre as Cíes, a un cómodo sofá na casa de Ian e L. vendo unha intrigante serie nas canles de pagamento.
Nada malo pode pasar.

10.7.05

ameazas
Esperto na mañá do domingo cunha chamada. Non coñezo o número, collo, e empezan a berrarme: que me van espichar na catedral de humidtown, que me van romper os lentes... Colgo. Despois, claro, chamo eu e desenvólvese un diálogo por teléfono e logo por sms do máis inacreditábel. Ao parecer unha paisana, falante de español rururbano, contratou un detective que lle dixo que eu estaba acosando o seu mozo, co que ía casar. E a paisana ameázame con cortarme os collóns se non paro (sé dónde vives, sé donde trabajas).
Repaso a chorvoaxenda e non atopo nada. E menos nestes últimos meses, en que a miña vida sexual e sentimental foi tan relaxada.
Os heteros están fatal. E eu un pouco (pouco) asustado.
trío
Ao final ata a preguiza ten un límite.
Na tarde calorosa collo o coche, fago quilómetros ao sol e acabo nuns piñeiros perto do mar cun rapaz coñecido e co seu mozo. Co coñecido hai tempo que metemos ferretes ocasionalmente: é moi feo pero moi práctico. O seu mozo, polo contrario, é a caña. Pequeno, fráxil, co pelo ensaimado estilo soho e fillo dunha militante nacionalista local, é quen nos guía: fixo rotas de camiñada coa asociación da vila e coñece o monte como se andase a mover os marcos: temos que arredar do sol, que se non inda mallamos, di.
Despois, o de sempre: mosquitos, herbas rañadoiras, desorganización. O sexo é moi divertido.

8.7.05

alí
Habitualmente a vida é como unha partida de playstation. Pero determinados días acontece distinto e todo se solidifica.
A vida era playstation o ano pasado cando fun buscar a plataforma do tren que leva a Hogwarts na estación de King's Cross. Realidade é hoxe: uns nenos fotografábanse alí, seguro, co letreiro 9 e 3/4, mentres uns pés por baixo estouraba unha bomba que circulaba a toda velocidade por un túnel escuro, e retumbaban o chan e as paredes e os muros e o gasoduto próximo, fendíanse os cacharriños que gardan o medo e borrábanse os sorrisos.
Os seus imaxinativos peíños deberon preguntarse qué era iso que sentían.
caos e peito
Falan os medios do caos que se espalla por londres, da tensión, dos atascos, da apocalipse. Henri, a uns douscentos quilómetros de alí, coméntame: Mira, soubémolo antes de comer, xantei con oito ingleses e non se falou do tema sequera. Eu non dixen nin palabra porque estaba mil veces máis nervioso ca eles. Polo demais, parece que London está tranquilo e despexado.
Sumémoslle a isto o que comenta o Quilombo e mais o que lembro do libro sobre o medo que serve de partida a Michael Moore en Bowling for Columbine.
O medo é a arma duns e doutros. Nós, como sempre, poñemos o peito.
lisbon
Barataria chegou hai unhas horas a lisboa, guiando un autobús de turistas. Iop colleu finalmente un pequeno piso en alfama para pasar o verán estudando e vendo solpores.
Aínda non se coñecen.
implosión
Pasaron estes días moitas cousas, moitas. Pero a cabeza estame implosionando co debate laboral e non lles prestei toda a atención que merecían. Nembargantes son índices de mudanza, pistas pra seguir. A Senalcume, por exemplo, tocoulle xirona na tómbola dos destinos. Unha cidade pra tres anos. Eu, nunha actividade nova, aceptei fixar unha xuntanza para outubro sen ter nin idea de en qué paralelo e meridiano vou estar pra daquela. E quedei co que podería chegar a ser o meu novo xefe pra falar de cartos.
Pero o que máis me preocupou de todo foi que me propuxeron un trío e sentín o peor que se pode sentir: preguiza.
Coa cabeza implosionándome, blogueo neste momento da noite mentres eles dous se foden nunha praia, á brisa. O mundo segue sen min.

3.7.05

primeira conversa sobre o noso
Lévame Barataria, ou lévoo eu, coma un xílgaro nunha gaiola: cinema á noite, rúas de humidtown soleadas, parando (pouco) nos postos dos hippies, quilómetros de coche e metros e metros de saba suada, apertarme contra el cando me dá as costas na cama, ou na praia, paseando espidos ata que entran do norte as nubes, e festas e manifestacións e cancións vellas que el sabe, e cancións que sei eu, e tamén carrexos polas rúas de walltown con bolsas de merchandaisin, e un hotdog con queixo, algunhas claras de gasosa, almorzos que lle deixo feitos ou que me deixa feitos, e prantas que me rega e zugadas que lle deito, un arroz con lumbrigante vendo o mar bravo cando el chimpa unha copa que estala e lle corta a mau, e sanga, e esa mesma mau que me pousa no ombro cando conducio pola recta de palas ás cinco da madrugada.
Deteño o coche nunha gasolineira dun polígono industrial. Barataria quere entrar a lavarse porque padece unha excesiva sudoración, e por iso facemos paradas como condutores da ruló ou camioneiros de luras conxeladas. Quita o cinto, e antes de saír pousa a cabeza entre as miñas pernas. Mirámonos como se non houbese distancia entre os seus ollos e os meus. Por primeira vez falamos do noso, con algo de susto e complicidade.
laboral
Velaquí as tres posibilidades do meu sarillo laboral.
a) seguir na empresa á quen lle debo ser o que son. Malia a gratitude infinda que lle teño, por causas propias e alleas o limiar de insatisfacción estase achegando pouco e pouco ao limiar de satisfacción. En todo caso, o verbo seguir debe construírse gramaticalmente cun circunstancial de límite.
b) acollerme á proposta que me fai unha pequena empresa do sector da alimentación e á que me arrastran as entrañas: un mundo novo nun lugar novo, pero tamén o agoiro de que aló terei a vida que teñen os produtos envasados ao baleiro.
c) xogar a lotaría do eurotraballo. Selei o boleto: agora só queda agardar.
Préganse poxas e torcidas.
xeado
Déixame tan baleiro despedirme de Barataria na estación que dou voltas vagaxeiro pola cidade. (m)alicia lévame a xantar e despois a tomar café, pero ao final quedo irremediabelmente só. Paseo, remoio a soidade, e logo baixo á casa a incharme de xeado de chocolate.
Despois quedo durmido de sono e desazón.
nasa 2
Pasada a medianoite, pétame na fiestra Bambino. Quere devolverme o CD que lle agasallei hai uns meses e dáme pra gravarlle un disco de javier ruibal. Ten un fular verde moi xeitoso, e un brinco brillador na orella. Dime que fai mudanza, que deixa humidtown e o agasallo é en despedida. Quere falar de danza, e falamos pola fiestra con ese tema durante quince minutos. A brisa vainos arrefriando, e retíranos. Dime que o chame, que quedará aínda dúas semanas por aquí e que lle gusta falar de danza comigo. Seique non hai moita xente que o faga.
nasa 1
Atopo a afonso-II no extenuante concerto de lamatumbá, nun momento de pausa entre cervexas. Pídolle o seu meil. Por desgraza damo.
reaccións
Cando imos Barataria e eu polo camiño da praia collidos dos ombros, pasa un coche pequeno con dúas mozas dentro. A copilota dinos: felicidades.
Horas máis tarde, nunha cafetaría en humidtown, un grupiño de mulleres novas comentan da asistencia á marcha do pride en walltown: cuatro pelagatos.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?