<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.6.05

92,47
Esta pequena cantidade de euros é o que pago en agradecemento por recibir frases coma estas:
lanzando pdf
documento no disponible, vuelva a consultar en unos días
se han producido errores. Imprima las páginas siguientes y póngase en contacto con su unidad

28.6.05

declaración
Hai noites que son nós cósmicos da mudanza.
Así que mentres repaso mentalmente onde carallo teño a bici, exaspero por non lle pedir o móbil a Afonso II e mídolle as costelas ao futuro calibrando cal é o peso, en situación de gravidade cero, do amor a 600 quilómetros. Asemade, preto de aquí, unha amiga que prefire manterse na clandestinidade acaba nun hotel das aforas cun home claramente inaxeitado.
A despedida que lle fai é bestial: vaia día: marcha fraga, devólvenme 1.246 euros de facenda e agora ti.
agora
Acudo a traballar totalmente borracho por primeira vez en dez anos de vida laboral. Custoume camiñar. Lembro bicarme (bastante) cun home, de madrugada, mentres chovía. Tamén hai unha bici cadeada nalgures en humidtown.
Tarasca, Abastos, moita xente coñecida, ranciadas musicais... unha soa alegría.
Gustaríame elaborar un pensamento complexo porque a situación ben o require. Pero non dou: é martes, e teño nas veas case tanto alcol como amor, que é moito. Gañamos nós.

27.6.05

suceso

Éxito de mans e maniotas. Éxito de xente. Éxito de voz. Éxito económico e de insolación. Éxito de comozo. Éxito de danza. Éxito de xestións aeroportuarias.
Só o cansazo é maior có contentamento.

24.6.05

lesión
Saltando a cacharela: rotura de fibras.
Pero a cadea prosegue sumando máis e máis apoios.

23.6.05

we shall overcome


O diaño de Martin argallouna boa e caín eu tamén na voraxe. Entre a cadea cívica, os actos do orgullo 2005 en humidtown e un traballiño que teño por aí no aeroporto, estou certamente estresado e repaso o horario dos vindeiros días, por se hai unha hora 25ª ciscada que poida aproveitar.
Afortunadamente a xornada continua postelectoral permíteme a autoexplotación ás tardes. E ás noites, a pegaxe clandestina de carteis, da que regreso de madrugada con cola entre as dedas e as sandalias. Fixado adhesivamente ao mundo.
artefacto
Vou ao recoñecemento médico co que me agasalla a empresa. A enfermeira, que é a moza máis estrelecida que vin en moitos meses, pícame con moita calma e cariño, e aínda que bordeo o mareo, resisto. Logo paso onde a médica, que me pregunta canto fumo e logo me fai un electro. Mira as gráficas co resultado así por riba e di que está ben, pero... se súpeto para e di non, isto... ah, nada. Pregúntolle intrigado e ela respóndeme tranquilamente e sinalando unha pequena curviña do electro: bah, é un artefacto. Que? Non te preocupes, que un artefacto é só un artefacto.
cadea
Todo sobre a cadea cívica: gañamos nós.

22.6.05

elô, elô!
Xa temos unha forma de reivindicar o reinado da alegría e da ilusión, fronte a eses piratas que queren aparvarnos con expectativas, sacas, barullos e balóns revoltos. Estase forxando unha cadea cidadá entre a estatua de Paulo Iglesias e de Castelao, en humidtown. Toda a información no blog de Pawley. Xa comezaron os contactos coas plataformas e colectivos... así que só queda achegar ideas e gardar a mañá do domingo 26, a véspera do arxentinazo, para demostrar a nosa ilusión.
Hai que dicirlles, por se non o saben, que gañamos nós.
Velaí unha posíbel mascota

20.6.05

euclides
Ía citar ibarretxe cando afirmaba que ao comezo había vitorias doces e vitorias agres pero que ao cabo dunhas horas as vitorias son vitorias e as derrotas, derrotas.
Pero voume agarrar á cencia: se esta noite non modificaron o espazo euclídeo, 37 é menor cá metade de 75.
güisque
Non sei quen me roubou este güisque de alegría. Non sei se foron as enquisas das oito da tarde, ou ese destino teimudo e pracenteiro co que gozamos ao afundirnos máis e máis na lama. Non sei quen me roubou este güisque de alegría, nin quen mo fixo tomar arrodeado de caras longas nun dos poucos bares que quedaban abertos. Pero teño unha sospeita.
Mais, ordia, gañamos. Botamos a Fraga coa forza dos nosos votos. Fomos máis fortes cós autobuses do xeriátrico de vilamartín, máis fortes cás monxas e cós contratados, máis fortes có tempo e a inercia. Deberiamos izar gozosamente as copas ao sol e brindar, despreocupadamente.
Porque eles que nos roubaron tantas cousas non nos poden roubar ademais este güisque de alegría.
cousas pra facer o 20X
1. Mentres outros analizan onde estivo o erro, ónde se pegaron poucos carteis e autocolantes, e mentres outros deciden que cabeleiras rapar, aquí quizais será mellor poñerse ao carro. Agora empeza o traballo en serio. Temos que levantar un país, ou algo.
2. Pedir a praza pra birmingham.
fantasías
Como sei que hai un afeccionado a estas cousas, cóntoo. Estamos barataria e eu xantando un bufé de seis euros en granvía. Fala el só de política, de independencias e prazos. Empeza a enfiar as cousas, vertixinosamente, mentres eu miro pra el, e nun momento faise realidade a escena como por encantamento: Estamos os dous en oslo. Compartimos unha casa de madeira. Temos unha pa detrás da porta pra sacar a neve do xardín ás mañás, cando saio pró meu despacho na embaixada da ghalleira en noruega.
dédebas
Moitas, desta finde.
Se o traballo e os compromisos me deixan vagar pra bloguealas non irán pró limbo dos posts esquecidos.

17.6.05

king
Como vou botar a fin de semana nesa capital do hispanismo que é o parque-temático-cervantes, meto na bolsa de viaxe un clásico do siglo de oro: Del rey abajo, ninguno, do que procurarei evitar as lenes discordancias morais e concentrarme na parte máis xeitosa e efectiva. O domingo, se todo sae con ben, xantarei en atenas e virei votar a humidtown e a festexar, nunca en mellor día, o aniversario de Caimán.
Parabéns. Sorte. Que sopre o vento.

16.6.05

smart mobs
Recibo isto no móbil: HOMOFOBIA NUNCA MÁIS. Concentración este sábado ás 11.45 horas no Obradoiro en resposta á manifestación de Madrid en contra de lesbianas e gais promovida polo FEF e Igrexa. Pásao.
A esa hora estarei en CiudadRuído nun acto semellante. E con Barataria.
tensión
Estou tan tenso coma o día 11 de marzo de 2004.
Afortunadamente non temos douscentos cadáveres nas pestanas.
A electricidade ole do mesmo xeito ca entón. Hai a mesma estática. Tamén a espranza.
ciencia ficción
1. Sento no cinema e proxectan tres anuncios do Partido Popular: dous son da consellaría de medio ambiente, cos cartos de todos, desbaldidos no último momento. O terceiro é directamente do PP. Aparece un profesor cunha aula diante. O profesor pregunta, enfadado, qué fixo o partido popular neste tempo. Os rapaces contéstanlle pouco a pouco, nunha catarse de poetas mortos, falsidades, mentiras e vaguidades que o profesor vai aceptando con contrariedade. Falsidades como que o turismo se multiplicou por cinco (e o PIB, canto?), mentiras como que se crearon 400 kms de autoestradas e vaguidades como que mellorou a sanidade.
Comprobar o terror que lle teñen á derrota máis me reafirma en que a única saída honesta a todo isto é a hixiene.
2. O filme, Primer, é estraño, é o máis estraño que vin na miña vida. Ao rematar, miro para o reloxio, dubidoso. Xa? Perdín algún trozo? Quedaría durmido e houbo anacos vitais que non vin?
Esa sensación de que me faltan pezas no puzzle é desacougante e marabillosa. Que pasou exactamente mentres estaba no cinema?
3. Mentres estaba no cinema desentendendo un filme, un avión avanzaba perdendo horas por riba do atlántico. En catro aterrará en lavacolla. Se me dou espertado estarei pendente do peso da carga.

12.6.05

2 velocidades
Unha parte da vida cruza vertixinosamente.
Entran nese lado fugaz a compra dun gravado (a primeira vez que entraba nunha galería con ánimo de mercar algo), a cea en allariz con Ferre e con Walter, a voda de Cerimonioso (gaitas, lingüistas con puchas de maquinaria agrícola, políticos do cambio), os güisques de madrugada pra esquecer o moito que me ausencia Barataria, un tenista gai e fermosísimo que estuda bioloxía en dallas grazas a unha bolsa deportiva das películas, o solpor na illa mendiña, os quilómetros guiados pola estrada, un incendio en boborás e os paseos á noitiña en manga curta por humidtown. Tamén unha semana laboral particularmente tensa.
A outra parte da vida vai demasiado lenta.
conxunción
En primeiro termo o poeta, acobadado na trepia dunha cámara de televisión, mira pró escenario por onde desfilan outros escritores, algunhas delas guapas (rosma o poeta), con palabras de pompa e de memoria.
No fondo, retratada sobre a ría de vigo e enmarcada nunha fiestra vermella, está Kate, ollando nada, coma se o tempo fose manteiga.
Entre eles dous trázase unha conxunción de fermosura. Eu son o astrólogo.

10.6.05

campaña (IV)
Páxina de contactos de Javier Acosta Vigo, segundo suplente do Partido Popular pola provincia da Coruña: y sin son guapas mejor que mejor.

9.6.05

dragón
Onte coincidiume un combate contra o peor da condición humana: a maldade, a mentira, as ameazas, o orgullo. A semana está sendo bastante difícil por esa e por outras cousas. Pero desta lideira saín vitorioso. E indemne.

6.6.05

campaña (III)
Heathrow. Estou agardando pra entrar no avión nunha sala chea de cadeiras e conectada unicamente co mundo por unha gran pantalla de televisión. Botan o informativo da BBC. Saen Blair e Straw. Unha señora que agora se pinta de loira, na cincuentena pasada, dille a unha amiga de chándal caro:
Mira, ése es el político de aquí. Es buenísimo. No como el nuestro.
A señora, de procedencia claramente urbana, tiña unha filla en londres.

5.6.05

bisnes
O que vin facer a oxford non saíu tan ben como queria. Tampouco tan mal.
En realidade non pasou nada.
A cabeza férveme nunha lonxitude de onda distinta á dos últimos meses, e todas estas pequenas tarefas teñen moito que ver. Tamen barataria, que me funciona como talismán ao deitarme nunha cama excesivamente branda ou ao papar un completo breakfast con touciño, salchichas, cogomelos, ovos, amorodos, melón, iogur, patacas, torradas e un té cunha nube de leite.
Mañá a vida seguirá o seu curso. A conexión en heathrow é cara. Do pouco que hai caro no paraíso.
londres de riba
Os diferentes compromisos déixanme escaso tempo pra baixar a londres, e o certo é que tampouco teño moita présa. Non argallo plan ningún, e decido cruzar a cidade a pé dende baker street ata a tate modern, e logo dar volta polo Soho. É moita distancia, e cando chegue a casa, con calma corrixirei as tiles, meterei as ligazóns e as fotos, e calcularei eses quilómetros.
Non tiña présa no paseo, porque intuía que todo ía estar no mesmo sitio. E así foi, todo perfectamente colocado. O vello dos cartóns no seu sitio, o letreiro da rúa guichado cunha precisión metódica, as furguis que venden salchichas e patacas cocidas recheas de caril, os gais na cincuentena e un pedacinho de cada parte do planeta colocados onde teñen que estar como teñen que estar cando teñen que estar.
Vou catro días antes de que inauguren a de fridakahlo na tate, e láiome, pero esta é unha nova razón para vir aquí de novo ao comezo do outono, desta volta con Barataria, como se fose a nosa segunda casa.
É tan comoda e axeitada que así o parece.
azar
Vou por uha rua calquera, entre baker street e oxford street. Vexo unha estreita perpendicular. Cólloa? Non a collo? Como me guío sen mapa, ao final decido collela. Cincuenta metros despois atópome con Home Tranquilo, que vai pró seu traballo de protésico dental acompañado do sudafricano máis alto, forte, moderno e fermoso que vin na minha vida.
Que nos crucemos o Home Tranquilo e mais eu nunha metrópole de quince millóns de habitantes podería ser unha enorme casualidade. Pero o caso é que cando nos miramos o costume é maior cá perplexidade: como se sempre estivesemos aí.
londres de baixo
Acompañoume toda esta breve viaxe unha novela de neil gainman: Neverwhere. Retrata a vida do londres que se foi coando polas freitas do tempo, estacións de metro abandonadas, soldados romanos perdidos nos pantanos do Támese durante a última invasion, carrexadores de quipel que se citan en mercados flutuantes pra trocaren plumas de paxaro por botas vellas, bestas, anxos, e esas dúas figuras xa coñecidas en gainman (caín e abel, aquí mr Croup e mr Vandemar), dispostos a crear a dor máxima.
O resto da historia é un pouco o de sempre: heroes, labirintos, probas e cooperación. Pero se xunto un antigo comentario de xesús fraga no quilombo con estas estacións abandonadas e a miña experiencia destes días sáeme un universo paralelo ben pracenteiro. E posíbel, claro.
heathrow
Cun teclado britanico, e dende un dos sitios mais marabillosos e enmoquetados que tenho visto, posteo. A minha dereita unha senhora le un libro en thai e aa minha esquerda un paisano esta a mandar mensaxes para un foro sobre o Osasuna e a sua directiva.
Puideron ser dias mais produtivos para o bisnes. Pero polo menos forono para o espirito, se 'e que hai diso.

2.6.05

taking off
Despois dunha semana a moitas máis revolucións das que o corpo me permitía, arrinco pró uk nun par de horas.
Pasaino ben na mani de boavila.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?