<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.5.05

chamadas
Despois dunha serie de correos e de chamadas ao UK looking for a room pra esta finde, estou certamente feliz. A estas alturas sigo sen un b&b axeitado, pero comprobei que, malia que o meu inglés é xusto abrochante e que son xeneticamente galófono, podo comunicarme máis ou menos ao xeito.
En catro días estarei ceando unha pataca cocida rechea de caril diante do christ church, e nada me parece máis gorentoso.
campaña (II)
Recibo este email. Verídico:
Acabo de ir a correos a botar a solicitude do voto por correo e aínda estou flipando: había mogollón de xente nova amañando os papeis. Has ter ti razón: algo está cambiando e desta vez caen fixo.
axenda. cousas pra facer o 20X (I)
1. Montar unha plataforma prá abolición da sintonía do Bloque.

29.5.05

fartura
Vou con barataria ver Terra de Fartura, a última de wimwenders, e saímos discrepantes. Gustounos aos dous anque se nos fixo extensa e sobrepasada, pero entendemos cousas completamente distintas. El di que quedou farto da visión positiva do integrismo cristián, e eu vino como parodia de dous modelos de flipamento relixioso paralelos e mesmo opostos.
Os planos, chulos. A queimada cámara tamén. Espectacular incluso por momentos, coma cando o chándal do paqui ou a escena da tele da vella. Pero heina esquecer axiña, incluso moi axiña. Non sendo que willy ma rescate.
tempo
Había moito tempo que non xogaba tanto con ninguén. Había moito tempo que non creaba un abano tan completo de complicidades e contrasinais. Había moito tempo que non podía compartir igual de pracenteiramente cama e actos cívicos. Había moito tempo que non me sentía devoto e devocionado. Había moito moitísimo tempo que non metía sete ferretes nunha fin de semana.
Había moito tempo que non sentía este namoro.
campaña
Estou totalmente aqueloutrado polas cábalas electorais.
testemuño
Porque me reta Pawley, e porque me aguilloa coa fraca memoria, e só por iso, participo no xogo-cadea do testemuño cinematográfico.
• Cantos filmes teño en casa: A serie de 5 de Starwars que me agasallou o pirata Mino hai tempo. Creo que están en VHS. Non as cheguei a ver.
• Último filme que comprei: Nunca merquei.
• Último filme visto no cinema: Onte, Terra de fartura. A semana pasada Hai que botalos.
• Último filme visto, pero non no cinema: Non lembro o título. Vin os primeiros quince minutos dunha porno que pillei no videoclube hai uns meses. Logo quedei durmido.
• Cinco filmes de entre os meus favoritos: Ughs. Nin idea. Cústame moito lembrar os filmes, e máis aínda se me gustaron. Teño na memoria A lei do desexo, Leolo, 2046, A muller das dunas e O terceiro home, por exemplo. Pero mañá diría outras cinco.
• Persoas que me encantaría contestasen tamén a isto: Plattdorf, Kaplan, Señora Dot, Maria e Carmeadan.
erros
Creo que algunha vez souben o nome técnico prás incorreccións de montaxe nos filmes, pero esquecino.
O caso é que ás veces un parvo erro deses pode romperche a concentración e esnafrar exercicios narrativos ben artellados. É o que me pasou con 'Experimentos coa mentira', o last book de Manuel Darriba. Darriba, que sae wapísimo na foto da contra, conta unha bizarra historia do mundo despois da grande destrución. Anque me apaixoa o planeta que crea, con holandeses de tres cabezas e taiwaneses mentalistas, non me queda nada claro qué quere dicir, se é que quere dicir algo. E iso pásame porque hai un momento en que me rebenta todos os resortes, cando fala de baobabes xuntos un ao pé do outro, que constrúen selvas, que tecen sombras onde medra a vexetación e onde se abeiran do sol e da curiosidade os protagonistas.Tiven a sorte de ver unha chaira poeirenta salpicada de baobabes, a única árbore que pola forma das súas gallas e polas súas minúsculas follas non dá sombra nunca, e non puiden esquecelo. Sei que é unha parvada, pero resúltame imposíbel retomar a conexión, anque intento imaxinar alteracións no código xenético dos baobabes logo da grande destrución. Pero non o consigo, e quedo fóra.
couce
É insólito que o maior xornal do país desprece e rexeite a información sobre as eleccións, relegándoa a páxina 16 (sábado). Tenta estar ao allo das licenzas da TDT e mais ao tallo da posíbel hecatombe. Fan enquisas A, e seique fan tamén enquisas B porque o futuro é caprichoso. Téñenlle medo a PRISA, que quere desembarcar na ghalleira, pero tamén saben que parte do seu avenir pasa pola colaboración do brazo armado de PRISA. Por iso opta por agocharnos, como xa fixo outras veces, o que está sucedendo no país. Se non o di a Coz non existe, cren. E trabúcanse, como tamén se trabucaron outros antes.
O mellor do día 20 de xuño non vai ser que mudemos de goberno. Imos tamén mudar de xornal, e se cadra e con sorte, tamén de banco.

26.5.05

guerra-2
Hoxe El País pide desculpas polo anuncio que publicou onte, e o domingo farao no defensor do lector. Ademais estaba contratada a campaña para que se publicase toda a semana, e El País suspendeuna.
Quen paga é, ao parecer, unha sociedade estadounidense, probabelmente un lobby evanxelista, ou algo así, e é difícil, ademais de bastante inútil, preitear contra unha entidade dese tipo e caste.
Pero iso non quita pra que levemos conta de onde está o inimigo, baixemos dos tacóns, afiemos as unllas, e nos botemos ás rúas bla, bla...

25.5.05

guerra
Tal como está o patio, deberiamos tomar conciencia do que nos xogamos, baixar dos tacóns e afiar aínda máis as unllas. Tamén a estes hai que botalos, nas urnas e nas rúas.
Como dicía esa gran revolucionaria, dientes, dientes, que es lo que les jode.

24.5.05

tenrura
Ao falar dun libro galego debo afacerme a deixar ben anotadiño o nome e o autor, máis ca nada porque despois gugléanse e é unha mágoa que non lles revirta o esforzo.
O caso é que vou a atenas nun relampo pra ver a presentación do novo libro de Uxía Casal, Sede en Ourense. Así, clariño. Ida por volta en troca dunha empanada e coa fantástica copilotaxe do Neno da Mercería. Bótome á 'Sede' nas madrugadas a partir das tres. Xa o lera había moito, escrito a máquina (!), pero como non lembro nunca nada paréceme agora igual de recente. É tan divertido que custa apagar a luz. Arrepíntome e decido deixarme durmir, pero alguén dentro de min besbella bah, un capítulo máis. E con ese diálogo inquietante vendimeino en tres vésperas.
A amizade que me une á autora non sería neste caso impedimento pra poñela a feder se cumprise, e hai outras cousas dela, ben o sabe, que me gustaron moito menos. Pero 'Sede en Ourense' é unha rachada de aire fresco, unha marabilla pavera de sogras camioneiras, príncipes aztecas, ourensanadas, cervexa e tenrura familiar. A mesma que a autora me edifica sempre que nos vemos cara a cara. E ata aquí podo ler, claro.
estado da miña relación con barataria
Mándame barataria unha sms: rompeunos o bus en astorga, a ver cando chegamos. A partir de aí non houbo máis ca despropósito: quedounos lola sen batería, subiunos un peneque ao teito do coche, Argallante-Máximo empurrou por lola de madrugada, deitámonos ás mil, fomos á procura de cuscús, fixemos quilómetros, collémonos da man nunha verbena coa música de starwars, vimos unha fantástica peli de sereas, tomamos un café no balneario, e casamos e despedímonos (sen consumar) nunha estación de buses allea.
En todo ese tempo, barataria estivo perfecto, atento, prudente, macarra, doce. Entendémonos na autonomía e parecemos intuír cando é necesario o sorriso, ou o bico, ou a zugada. Barataria é un bo home prós vindeiros meses. Haberá que poñerse ao carro.
hai que facerlles sitio
Aproveitando os consellos bicoastais, vou con Barataria ao festival de Cans, por exemplo. Malia non dar apañado entradas, foi tal a marabilla dos galpóns recocidos, os chimpín-buses enfeitados con toxo e, sobre todo, a paixón dunha aldea volcada nalgo tan particular e alternativo, que arrabeaban os pelos nos brazos. Mirando pra eles, pra como están facendo as cousas no porriño, pasáronseme os medos ao descoñecido.
Hai un país novo, e ás veces aparece. Por exemplo en Cans, e por exemplo en Hai que botalos. Vale que esta macrocurta agocha algunha ranciada, pero no resumo xeral hai algo máis das dez razóns positivas que tan maxistralmente retalla Martin Pawley, a quen nesta ocasión secundo case palabra a palabra.
Apenas unhas puntualizacións a unha cousa que merece ben máis premios cós meus parabéns:
- A única curta de ambiente urbano é en Barcelona.
- O Prestige pode chegar a ser pesado se só se tocan os mesmos aspectos.
- Tamén pode sobrar a zafiedade nunha produción que non debería mirarse o embigo votante.
- Que bos os Dios k t Crew
- As sardiñas son as lexislaturas (díxomo un paxariño).
- Non hai ningún vídeo terríbel. Nin sequera o de margarita. Penso mesmo que o vídeo inspirado no guión do meu escritor favorito é algo peor. Pero todo se leva bastante ben.
- Alguén escoitou algunha nova sobre o filme galego máis visto de toda a historia nos medios públicos de Galiza? E nos semipúblicos?
- Algo habería que facer contra a carretaxe. Ademais de modificar a lei e prohibir o reparto de papeletas fóra dos colexios electorais (prás seguintes), deberíamos argallar algo para este 19 de xuño. Alguén se apunta ás brigadas cidadás de limpeza electoral? Alguén coordina?

Así que, máis que 'hai que botalos' o que pido é 'facerlles sitio'. Sitio prás ideas novas e sitio prás vellas de Cans que acomodan os mozos nos galpóns. Hai que facerlles sitio.
voda
Eu queríame casare, anque che fose en plan troula
Casa miña filla casa, que unha perna tapa a outra.
trufas

Ike agasállame cunha latiña de exquisitas trufas.
A súa xenerosidade non ten límite. Tampouco os seus debuxos.
Grazas infindas.

19.5.05

casar
Vou casar este domingo, e ti?

17.5.05

botsuana
Consumo esas horas da mañá, mentres na radio pública recitan poesías, lendo as últimas páxinas dunha historia fenomenal. No especial cultural do público tiven noticia da serie de libros de Alexander McCall sobre a señora Ramotswe, primeira muller botsuana en montar unha axencia de detectives. Merquei o libro, e unhas horas despois uns ladróns levábano canda unha gran cantidade de aveños dos que nunca soubemos nada.
Volvino mercar, e agora consumo esas horas da mañá, mentres na radio pública recitan poesías de celsoemilio batallán, lendo como a gordechiña señora Ramotswe pelexa contra naias no deserto do kalahari, merca vestidos de grandes tallas no centro comercial de gaborone e impón a súa peculiar lei sobre os homes botsuanos. Non é unha novela africana, nin unha novela de misterio, nin unha novela de costumes. Consumo esas horas da mañá sendo feliz con maxia, e quizais alguén, uns centos de quilómetros ao sur, faga ao mesmo.
onetti
Como estou en soidade, esperto tardísimo e escollo quedar na cama a ler. Había tantos anos que non o facía... Uli, que pasou a noite canda min, reclámame os crocantinis dun almorzo serodio, érgome pra compracela e regresamos os dous prá caloriña da miña cama.
A versión occidental do hikikomori é o encamamento: xente que, perfectamente sa, entra nunha cama e non quere volver a saír. Así fixo o escritor onetti durante moitos anos, así fixeron moitos perdedores da guerra, e así teño medo de acabar facendo eu porque me encanta. Necesitaría ter todo máis a man, claro, acondicionar o cuarto, instalar poleas e pancas, e meter dunha vez unha adsl con wifi pra seguir umbilicado ao mundo.

16.5.05

posibilidade
Hoxe non vin a ninguén en todo o día. Non saín da casa nin pra coller o pan nin pra guindar o lixo. Dese mundo exterior que se ocultaba detrás da choiva constante recibín un par de contactos a través de (m)alicia, que me chama dende o aeroporto, recén chegada de parís, e de Barataria, que me envía mensaxiñas amorosas mentres pasea un grupo de turistas pola camposa de santo isidro.
Aproveitei a soidade pra traballar bastante e pra darlle mequiños a Uli, que ben lle cumprían. Relaxeime.

Hoxe puiden morrer imperceptibelmente: só Uli me reclamaría crocantinis pra cear no meu silenzo.
morcheeba
Un ano máis, ro e eu cumprimos co reto e rematamos un botelo enteiriño no xantar de cacabelos. Nesta ocasión, mentres os poetas enchían as camisas de lámparas de graxa, nós parolabamos discretamente cos rapaces de Xarmenta. Moitos deles son antigos coñecidos, máis vellos, máis guapos, máis feitos; co seu alento e co doutros máis parece que paseniñamente avanzan as cousas no galego do leste.
Mentres agardaba por min, Lola abriu lixeiramente as xanelas e deixou entrar as folerpas dos chopos. Quedou abrancazada por dentro, e cando a collín pra regresar, co xantar hipercalórico reloucándome no bandullo, púxenlle o cd de morcheeba que me agasallou Iop. Por veces chovía, por veces abría o sol. Vin cosendo a estrada a bastante velocidade por valdeorras, o sil e o deza ata chegar a humidtown. Fantaseaba cun país moderno.
muguruza
A primeira vez que escoitei falar de jabier muguruza foi no blogmillo, pero como llo lin a jean-sol pensei que xa estaría morto. Agora dá un concerto en boavila entre el, narf e miquel gil. Creo que eu era o único do teatro, non moi cheo, que ía aló á procura do extasiante gil de Katá. Sorprendeume narf, gustoume gil sen sorprenderme, e abraioume muguruza. Falou dunha sensación de soidade, duns inmigrantes nos bares e dunhas reflexións sobre a choiva nas que me resultaron moi coñecidas. Á volta, escoitando as súas cancións sobre os nenos napolitanos, cruzo cerponzóns sen que apareza rastro ningún do tamborileiro.

12.5.05

galizas
Coincido no xurado dun premio semiliterario con dous oficiais da vella garda lingüística. Á calor das súas reflexións (a inmigración case non existe en Galiza, e outras ranciadas do xeito), ato un par de cordas e chego sempre ao mesmo: hai dúas galizas, unha vella e outra nova.
Coa vella galiza, a dos empresarios da construción, a dos felipistas, a dos que teiman en que este non é un país normal (quizais pra explicaren a súa descolocación), coa vella galiza que hoxe falou no congreso, cada vez me unen menos cousas. Por iso creo tan necesario votar pola raíña nestas eleccións.
grandes pequenas cousas
• O mellor de vivir en ciudad-ombligo: sempre que acabas de meter un bo ferrete oulea na rúa unha sirena.
• Barataria e mais eu cruzamos por un paso de peóns preto de Sol. Detense un vello ibiza gris co logotipo da Cope e dúas xornalistas dentro. Mentres nos miran cruzar agarrámonos fortemente e como dúas pantojas ollámolas desafiantes: dientes, dientes, que es lo que les jode.
• Nun muriño dos xardíns que hai por detrás do pazo dos borbóns, baixo dun pradairo, senta Barataria. Eu déitome ao seu carón e apóiolle a cabeza nas pernas pra contarlle toda a historia de futuroscope. Despois mércame un xeado de dúas bólas: framboesa e chocolate.
• Logo de quince días, e como estaba previsto, acabo coa dieta disociada: tres quilos menos e dúas toneladas de confianza máis.
Ian, que non sei qué deus bondadoso o mandou pró meu carón, agasállame unha reprodución dun cartel de cando o 36: 1º ganar la guerra. Menos palabras vanas.
Jacarezinho, tras semanas de distanciamento, interésase pola miña desazón laboral. A primavera é tamén o tempo do desxeo.
• Miña tía confírmamo: teño que operar a boca pra extirpar unha moa moi atravesada. Será para o verán.
pequenas grandes cousas
• Recibo por correo o novo libro dunha escritora que quero moitísimo. A portada é fabulosa. Xa llo lin cando eran unha presa de folios, pero non me dá chegado a hora de saldar as débedas literarias que teño pendentes e regresar a tan extraordinaria e divertida aventura.
• Proseguindo coas amizades, vou ver un reparto con moi prezados coñecidos. Heroína éncheme de sensacións contrapostas. Mala dobraxe, final estraño e unha sensación particular de lixeireza incomódanme. Pero tamén outras veces sóbeme a amargura e ténsanseme os pómulos pra bagoar. Afortunadamente, nacín dez anos despois dese pesadelo. Por certo, os enxeñeiros agrónomos deberían vir medir a ver se isto é cinema galego ou non.
• No traballo a insatisfacción medra coma o lévedo. Pero, de súpeto, un par de conachadas fortuítas fan que recupere a ilusión.
• As enquisas do domingo amólanme o cruasán que me levan á cama en parque-temático-cervantes. Afortunadamente hai outras filtracións que días despois me reconfortan. Parece que non só desta pode partir, senón que ademais os resultados dos meus poden chegar a ser bastante bos. Ai, queen, se che deran un par de mesiños máis e algo máis de cámara papábalos a todos.
• Detéñome diante dunha á azul. É dun rolieiro. Parece que en calquera momento se vai botar a voar polas galerías. E porén está morta. Vivamente morta. Como anunciara senalcume, a exposición de dürer é extraordinaria.
• Non sei ben as razóns, pero as cousas comezan a pitar, incluso estrondosamente, no mariasociacionismo. E iso é o que máis feliz me pon de todo nestes últimos días.

7.5.05

espertar
Con máis po enriba cás pirámides, déitome. E así me ergo.
Iop pecha o quentador todas as noites. Pelexo con el, pero non consigo vencer o propano. Como Iop se deitou tarde na casa de DjSU, só me queda illarme neste piso sen nada que almorzar, agardando que esperte. Sen ducharme. Blogueo. Fóra estroupelean as cegoñas, ao sol.
Iop
Mentres me achego a big-maceda, na radio emiten a actuación de Chico César nun centro histórico ateigado. Iop porén actúa no extrarradio, nun hipódromo desusado, entre macaco, dhira e un grupo local espantoso que se chama los niños de los ojos rojos. Macaco gústame, anque o espectáculo é trapalleiro e falto de ritmo, pra aguantar ata dhira non teño forzas anque me molen mazo, e os rapaces locais fan unha especie de rock neurasténico celta, ben definido por un adolescente ao noso lado: quillo, que vengan los niños, que quiero botar.
Mentres cambian os escenarios, soa a música que pica DjSU e proxéctanse as imaxes de Iop. Queda extraordinariamente xenial ver de súpeto xurdir sobre aquela poeira algunhas mensaxes de NM ou de aduaneiros (debidamente asinadas), anque só lle prestemos atención os parentes.
Iop é a outra metade da miña vida. E ás veces non a coñezo.
estacións
Despois de dous días abafantes de traballos e tensións, collo o coche e cruzo 632 quilómetros sen xantar e sen cear pra ver a Iop estreándose nas artes do espectáculo musical.
Vai calor, dispo a camiseta pra guiar e abro a xanela. O solpor píllame no Puerto de Béjar. Un ceo turbio, de témperas remexidas, contorsiónase sobre un conxunto de montiños verdes relocentes. As bolboretas esmagadas contra o parabrisas de lola anuncian o verán.
futuroscope
Nada souben de futuroscope dende comezos de setembro de 2004. Pra vivirmos a unha ducia de quilómetros un do outro resulta difícil, pero conseguiuno. Por iso a sorpresa é grande cando chama pra tomarmos unha copa e erguer así estes meses de plantadas.
Se quedamos no concerto de Iguana Tango e me acompaña a papar algo ao burguerquín, a sentenza está ditada: dieta rota e baleiro. Efectivamente: formalismos políticos, actuacións encorsetadas e silenzos, que non teño forza de salvar e canear.
Oito meses sen velo: van pasar moitos máis.

4.5.05

ferro
Sorpréndome na clase con Boston coñecendo que ferro e ferro tamén se din igual en inglés. Horas máis tarde pásollelo ás camisas, preparando algo ao que preferiría non acudir.
Pero pásollelo a cinco e xa non me remexo dos cadrís. Definitivamente, non hai angueira que odie máis no mundo ca esta.
rabino
Influído pola vaga de sionismo que asolaga felizmente a miña casa, atopo un álbume de bd enriba do sofá. Non sei se é de meu irmán ou da miña cuñada, pero chámase O gato do rabino, e aproveito que quedo só na casa á noite pra lelo.
Os debuxos van do máis corrente ao extraordinario cun toque entre tradicional e naíf que me prace, e a historia acaba nun senremate moi xeitoso, logo de canear unha serie de trufas: os chistes de rabinos, enunciados con esa delicadeza que só parecen ter os xudeus cando miran pró embigo. Os chistes de rabinos: a xustificación máis gloriosa da existencia da relixión.
O gato do rabino, dun autor francés que descoñecía, parece que non conta nada. Porén, resulta tan entretido e vagaxeiro que estou desexando que o ávrego me deixe os outros tomos publicados pousados no sofá.
menhir
O traballo prós vindeiros días cáeme enriba coma un menhir. Menos mal que sempre acode Ian, moito máis acantazado ca min, a turrar por unha esquina.

1.5.05

liscada
Conforme transcorren os días médrame a insatisfacción. A presión que me agonía do esgotarse do tempo (todos os tempos, o grande, o laboral, o paralaboral) non me deixa gozar dos pequenos momentos, que os hai ou que lembro que os había.
Blogueo cada vez menos en min, cada vez menos nos demais. Reexamínome menos, agóchome dos meus ollos. Mentres, chega a primavera, case xa o verán.
eventos
Quinteto Tati: a petición de jaureguizar tento describir este moi simpático concerto ao que vou. Coa sala case baleira (hai marcadores de tendencias e marcadores de tendencias) e un son calamitoso, performan un remedo de leonardcohen en portugués sen que ao rematar che entren ganas de suicidio. Moi ao contrario, eles e a quentiña compaña de Pinganobeizo, que me paga os zumes, átanme á vida.
• A mansión dos Pampín: o novo álbum do noso mellor autor de BD non me enche totalmente. Vale que os debuxos son adediós, e vale que a polémica inmobiliaria é un dos grandes problemas da vidiña, pero creo que me gustaba máis aqueloutro miguelanxo máis próximo e menos jueves de trazo de xiz. Con todo, xa vai sendo hora de que alguén tome a decisión de propor a miguelanxo prado pra sentar no salón dos donos da palabra.
• Blogs á feira: volvo da bloquedada ankaresa pola autoestrada con peke. Vimos comentando as xogadas, algo tristeiros. Quedamos con gana de parolar máis con maRia e con Ike, pero tamén coa sensación de que non todos os mundos son o noso mundo. Peke botou dous días intensísimos na miña casa. Rompín algo a cabeza co xantar, e creo que soubemos acoplar o noso ritmo por un par de días. Tamén me advirte que o meu comportamento con Itopo é demasiado repunante. No asento de atrás van un par de guías do ceo que nos agasalla Martin Pawley, ese gran e encantador anfitrión. A desazón vai quedando simplemente malenconía.
escatoloxía
Mentres se inicia a tarde, e logo de facer unha nova e sorprendente amiguiña, a pequena Uli trousa no corredor. Despois vai á area e non consegue nada, pero minutos máis tarde pousa dúas croíñas fedorentas no medio da sala, inauditamente.
Anda coma con ovos na cabeza, e lámbese na barriga. Quizais fose o atún que lle sentou mal. Pero non podo evitar que me leve o pánico.
posibilidade
Non son militante de ningún partido. Prefiro manterme á marxe e andar noutras frontes, tamén políticas, como gastar as horas contra a homofobia ou como apoiar a euroconstitución (contra a esquerda xacobina e a ultradereita, p.ex.).
Pero agora que algunhas cisman na soidade de xuño, eu teño o meu cabalo. Ese país que me gusta, ese país das cousas que me futuran, pasa (tamén) porque xente nova ande por sancaetano. Palabras directas, claridade, pero tamén obxectivos acadados marcan a diferenza. Nestas eleccións hai que botar moitas cousas: tristes, vellos elefantes e vacuos pomposos conservadores. Unha ghalleira liberal e progresista pode ser posíbel.
Queen, pídeme o que queiras. Incluso pasta, ;)

This page is powered by Blogger. Isn't yours?