<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.3.05

palabra
Busco a palabra que me valla pra definir este concepto: concerto de grupo pachangueiro, que esperta os meus instintos máis atávicos; verbena de tenrura, suor, e prodixio; letras de reggae, mariñeiros, Os Suaves e kofi annan; xente do meu barrio; un público máis macho, máis gordo e máis novo ca min (pra variar), entre o que se atopan rapaces que seica veñen de atenas, pirseados, sen niqui, bailando a medio calzón, botando contra min; a plena fermosura.
Lamatumbá.

30.3.05

sapoconchos
Vou rapidamente a un viño con (m)alicia e plattdorf e despois caemos a un cine namais os homes. Botan as tartarugas poden voar. Nin a peor dobraxe do mundo pode derrubar unha historia de perfecto equilibrio entre drama, verdade e comedia. Xustifican a máxima perfidia e aínda por riba agasallan unha imaxaza de amor de moitos quilates: o irmán maior, manco dos dous brazos, pídelle ao pícaro de catorce meses que o abrace, que o abrace; quere darlle cariño e non ten máis có pescozo pra ofrecerlle.
plis
Prégaselles aos máis macizos actores do país que non veñan mazar con chavalitas aos bares onde se dan clases de inglés, plis, que nos desconcentran.

27.3.05

afastamento
Levo case quince días afastado do blogmillo. Apenas escribo nin leo nada. Quedo fóra de polémicas e convocatorias. O traballo e o paratraballo remóenme na cabeza seguido e descúbrome bastante estresado, tirando da cadea antes de mexar ou repetindo en alto pra ninguén estou agobiado, estou agobiado. Atrás queda barataria, Walter convencéndome do interesante de dar relixión nas escolas e incluso 5Line, que se pon en contacto comigo pra dicirme que está de novo solteiro. Atrás un par de discos chulos e a relectura do Estudo en escarlata, que me agasallaron nun quiosco de parque-temático-cervantes. Remoio nos buses, e na ducha, e cando esperto nun sofá mirando pró mar treboento das cíes sigo pensando no curre.
Esta fin de semana non foi pra nada como eu a previra pero polo menos serviume pra tomar algunhas serias determinacións.
quiev
Vou ver a Peke e emprego o transporte público. Nunha liña exterior da conurbación sur sento ao pé dunha adolescente ucraína. A adolescente leva dous meses moceando cun rapaz que vai marchar estudar pra policía, e ela está toda chorosa. O chofer do bus métese con ela, porque lle acaba de mandar nos beizos unha trabada do quince na mesma escaleiriña. Conforme pasan as paradas, ela cóntame a súa historia, dende un internado a vinte quilómetros de quiev ata un ies na vila real. Sabes que? todas las tías andan atrás del, confésame con doce acento ucraíno. Pero yo me pongo los anillos y meto el mechero en la mano y les voy a la piel. El sábado dejé a una inconsciente y flipé.
cosmo
Ao meu carón vai Henri falando en inglés polo móbil. Dende o segundo piso do castromil vese a ría. Cruzamos rande.

23.3.05

dena
Dime que o vaia ver: cre que pode coarme no hotel á noite, sen que se decaten os cataláns nin o chofer, e durmirmos xuntos. Eu dígolle que si, pero cando chega a noite acabo moi canso, empeza a medrarme o agobio ao redor e acordamos deixalo pra outra.
Sei levar unha relación, creo. O que dubido é que me apeteza.
picaresca
A compañeira de traballo de barataria que viaxa con el, unha señoriña de algeciras, ten disposta unha trama comisionista envexábel: tres euros por cada torta de santiago que vende, catro por cada albariño, e dez máis por cada turista que leva a unha mariscada. A 51 turistas, 510 euros baixo a mesa, nun sobre.
Pero se a paisana saca iso, que demos de mariscada serven polos 20 euros que quedan?
irán
Ao igual que me deslumbrara no seu momento a serie Persepóle, agora o Polo con ameixas de Mariane Satrapi déixame bastante chof. Os mesmos encadres, os mesmos debuxos e a insulsa historia dun home namorado do seu tar que me incomoda: rematou o ano do irán, comeza o ano do líbano.
inmersión
Barataria pasa toda a fin de semana comigo: fágolle unha inmersión linguocultural a pleno na xenial ultranoite pop(ular) e no ambiente de humidtown, mercamos xuntos brécol, salmón e lubricante, imos ata a fin do mundo levarlle un espremezumes a prisciliana, ceamos empanada de millo na do poeta e vemos de madrugada unha lamentabilísima e típica peli de español-flipado-con-cuba. Ao día seguinte marcha, e vouno bicar ata a cafetaría da estación de autobuses.
Pero regresa ao luns, logo de cambiar a muda en madrid. Vén traballar de guía turístico para un grupo de 51 cataláns nas rías baixas. Pregúntame, temeroso, cal é o nome correcto de sanxenxo pra dicir diante dos cataláns.

17.3.05

Q
Levaba todo o último mes lendo o mesmo libro, a dúas ou tres páxinas por día. O cansazo e a tensión destas semanas restáronlle horas á durmida e fixeron que as letras bailasen moito antes do que cumpría. Así que ata que me vin con todo o tempo do mundo nun TGV de verneville a París non puiden ler a fío.
Dixéranme que Q era a historia dos primeiros anos da imprenta, e tamén me dixeran que era o relato do estraño proceso revolucionario que levou ao xurdimento da reforma e da contrarreforma. Cando botei a última folla, xa no aeroporto errado, pasáronseme como faíscas as imaxes que me acompañaron durante breves segundos todas as noites do mes: aforcados, degolados, soldados españois, lama, neve, papas, fogueiras, imprentas, canizos e xudíos portugueses homosexuais. Todo ten o seu tempo determinado, e hai tempo pra todo baixo o ceo; hai tempo pra nacer e tempo pra morrer; tempo de estar calado e tempo de falar.
E nos pousos, a soidade dalguén que o viu todo e que se refuxiou na nada. Ou que non tivo nada e se refuxiou en todo. Ou sexa, un heroe do tempo da imprenta e da reforma.
crítica
Fago un breve comentario no blo de Jaureguizar a propósito da cualidade xeral do sector crítico, aplicado nese á caso á literatura. Minutos despois un coñecido de Cesare recibe a chamada dun crítico, claramente ofendido polo comentario, que relaciona a Cesare coa actividade profesional do seu coñecido e que fai certas predicións apocalípticas sobre o espallamento da crítica sen medida.
KLM é mellor ca Iberia, porque dá uns sanduiches de balde moi xeitosos.
abafe 2
A medida que se volatilizan as horas todo se complica. Aumentan o medo, a curiosidade e a presión laboral e paralaboral.
Penso nas bondades do vindeiro luns.
Gustaríame bloguear máis extensamente, pero xa non son horas.

14.3.05

abafe
Terríbel luns que me fai acabar de currar en martes. A semana que entra vai ser moi xeitosa porque ademais dunha apertada axenda laboral e paralaboral vou recibir a visita de Barataria: limpar a habitación, recoller a roupa dos últimos dous meses, cambiar as sabas, organizar o programa de actos, mercar lubricante... Son moitas as cousas pendentes. Ningunha tan grande coma o medo e a angustia, moito máis pequenos á súa vez cá ilusión que me espertan os seus olliños de escorpio miope.
non se vos pode deixar sós
1. Mentres estou pra recoller a bolsa na fita transportadora do aeroporto Charles de Gaulle, chámame 12Uvas. O día anterior, xusto despois de atoparse comigo na rúa, tusiu sangue. Foi ao hospital, fixéronlle unhas placas e acusárono de cancro. Cancro de pulmón. Unhas horas despois os doutores rectificaban a unha grave tuberculose, da que a estas horas se recupera na casiña. Protexidiño. Non vai ler estas balas nuns cantos días.
2. Unhas horas despois, mentres agardo nunha rúa perto do concello de verneville, recibo chamada dunha amiga de meu irmán que é tamén amiga de shotokan. O que me conta é de non crer, pero as pistas que deixa no seu blog son suficientemente significativas.
As cousas están xa algo encarreiradas. Haberá que seguir insistindo en levalas ao rego.

13.3.05

xustificación
Despois de trabucarme de aeroporto e perder así o meu avión con escala en barcelona, pago 10 € pra poder conectarme durante dúas horas á rede laranxa que me ofrece o hall 1 de Orly. En vinte minutos embarco directamente cara a humidtown.
Exhausto. Feliz.
verneville
A primeira ollada é sorprendente. Unha cidade nova, dinámica, que mestura maris modernas con mozos que tocan o acordeón nos bares do peirao fluvial, que está inzada de ermos industriais, guindastres, museos e casas oitenteiras, e que foi capaz de converter unha vella fábrica de galletas nun pub - restaurante - llibraría - sala de exposicións que é o verdadeiro símbolo da cidade actual.
Así as cousas, semella demasiado obvio dicir que entendo que Verne nacese aquí. É obvio, pero dígoo.
franza
Malia que o francés é a miña terceira lingua, nunca sentín especial aprezo polo país. Esta presa de chufóns que é capaz de facer dos ravos con manteiga e sal un símbolo nacional sempre me veu atravesada e de feito nos últimos anos apenas vin por aquí. Pero ten unha cousa que me ten cativado: o concepto de banlieue e dos banlieuesards. Os mozos arrabaldeiros baixan á cidade e posúena como non vin noutros sitios. Os banlieuesards toman (cos pantalóns, cos saúdos xiriais, co hiphop que nace dos coches e cos skates) os sitios estratéxicos da vila. Atal fosen un novo terceiro estado, multiétnico, cru, revolucionario.
farsa
Lévame ata verneville algo semellante a un simposio de cidades europeas que comparten a execución dun proxecto cultural. Na xuntanza de hoxe deuse cita o señor Vasselin, unha grande sorpresa. O señor Vasselin preséntase: é vicecomisario europeo de Cultura e viste con ese estilo desorganizado e baldreuzante tan propio dos funcionarios da Unión. Pero cando promete mover os fíos que cumpran en Bruxelas pra aumentar as partidas do financiamento empezan a chinclar as alarmas. Nos viños falo con el, e dime que está por baixo da señora Papandreu, que está inmediatamente por baixo de Romano Prodi. Xa na cea o ruxerruxe vai a berros de comensal en comensal: qué demos pretende o inexistente señor Vasselin? Cear de balde? Chufar de cargo? Soamente un pouco de cariño?
romanización
Xa Henri mo advertira. O peor desta viaxe-alustro ía ser o aeroporto Charles de Gaulle; sen dúbida non é precisamente propio dun país civilizado. Estráganme un billete de tren, despois fanme agardar unha cola de hora e vinte pola súa substitución, e finalmente o TGV chega con 30 minutos de retraso (anuncian só 20).
Resultado: frío, fame, gana de mexar e a sensación de perder o día dende as cinco e media da mañá que saín da casa. Aínda está por ver que chegue a tempo á xuntanza que teño ás 18:30 na casa co concello de verneville.
Iso si, os homes fermosos e perfumados, inzan as salas de agarda con ollos mouros e spleen axeitado: pero diso se trata cando vas a territorio romanizado.

10.3.05

20.000 leguas
Por motivos laborais teño que prescindir do repouso desta fin de semana, a que fora coidadosamente programada pró descanso, e viaxar ida por volta a Verneville: coche, catro avións e a dous trens en pouco máis de 48 horas.
Preparo de véspera as cousas básicas: o material de traballo, a rede de wifi da cidade, algúns enderezos útiles, unha camisa repasada e a máquina de fotografar, o pucho e as luvas: en Verneville vai ir frío. Como será esta nova cidade? Non quero imaxinalo moito pra que a sorte me sorprenda.

9.3.05

memoria
Non sei se foi polo ronsel de semellanzas que lle vin coa miña vida, ou se me cumpría descargar a tensión de todos estes días, pero botei case 50 minutos a chorar a fío co filme 'Pra que non me esquezas'.
Unha dobraxe excepcional, unha wapísima actriz cada vez máis parecida a aínda máis fermosa Duquesa, moitas cousas incontadas, e unha historia que voa e se soterra unha e outra vez na memoria e na desaparición.
Así que volto prá casa con (m)alicia, remoendo nos pousos: se os peixes posúen tres segundos de memoria, canto reteñen as miñocas? Por que meu irmán me reconstrúe sistematicamente unha lembranza común que non comparto? Cantos días estivo meu avó comendo ratas durante a guerra? A que sabían? Quen garda recordo de todo iso?
Tranquilízame saber que todos os esforzos, todos, for como for, serán inútiles.
visitantes
Entran nestas balas un portugués que busca una chica en la europa, un brasileiro á procura de cursos para pintar as unllas e un venezuelano que pregunta polo baile numa numa iei.

8.3.05

merchandising


Eu fágoo por Galiza, e ti?
Por unha vez adiántome a Todonada e ao Quilombo.
Aínda que claro, hai precedentes.

6.3.05

ascetismo / maldizón
Un slip de springfield. A bolsa de viaxe que merquei o mes pasado. Un libro sobre weblogs. Vinte CDs orixinais, dende os diplomáticos a Youssou N'Dour. Un álbum de Neil Gaiman, acabadiño de comprar para que non mo tivese que emprestar mariademallou. Un cargador de móbiles nokia. A colección de xabróns apañados no último ano de hoteis. Un pantalón da tempada 02-03 que xa me apertaba no van. As chaves (casa, traballo, cadeado da bici). O chaveiro, agasallado por Fufli e que xa antes fora vello chaveiro nun hotel do Cairo. Outros cinco libros. O sistema de peche do coche. E máis cousas miñas, e inda moitas máis de plattdorf, foi o que levaron os ladróns de dentro dunha fermosa peugeot azul aparcada na rúa Mártires da Liberdade do Porto, a sesenta metros dunha comisaría.
- - - - - - -
A metade dos quince ou vinte tólares que nos quedaran nos petos ao saír de eslovenia deixáraos no coche, e foron roubados hai unhas semanas polos ladróns en humidtown logo de fenderlle un vidro de atrás a Lola. A outra metade das moedas gardáralla a plattdorf, e non lla entregara ata o venres: el metera o botiño das moedas na mochila e a mochila no maleteiro do coche.
As dúas metades dos tólares están agora por fin reunidas no alén da delincuencia.
tanqueta
Unha confusión parva coas datas produce a primeira desavinza con Barataria, que loxicamente actúa coma o escorpio que é.
Malia que (m)alicia e plattdorf pensan que a miña ialma é unha tanqueta, cando suceden cousas coma esta vexo ás claras que a súa chapa metálica foi confeccionada por vermes de seda.
xenros
Aínda que agora todo o confundo pola carraxe e a desolación, a viaxe ao porto foi certamente marabillosa. Conseguiu facerme agochar a angustia coa que chegara alasando ao venres e incluso curarme a diarrea a francesinhas.
Plattdorf foi moi cariñoso. Pousou os seus pés entre as miñas pernas pra que llos quentase e protexeume todo o tempo: cando chimpei co galão, cando quedaba durmido na autoestrada, cando houbo que explicarlle ao polícia os nosos estados civís. Tamén fixo pertinentes observacións lingüísticas e corporais sobre os mozos extraordinarios que se xuntaron no electrizante concerto de The Gift, e abriume as entrañas (algo) mentres estabamos sentados á raxeira na ribeira, ao pé da fabulosa ponte Luís I, moito máis fabulosa agora, forradiña de estadas.
Boss volveu ser unha sorpresa. Se a primeira vez que o vimos foi unha persoa moderada, pousada, agora descubriunos un turbillón de vida persoal (que expresamente me prohibiron comentar aquí). Cariñoso, coidadoso, intelixente, sabe inventar a ironía cando educadamente nos comenta que non lle gustaron nadiña os dous filmes que o obrigamos a ver no Fantas.
Nais do mundo, xa saben.
vésperas
É domingo á noite. Teño angustias.

2.3.05

a catro mans
No medio dunha enferruxada semana aparece Plattdorf. Imos comer algo ás carreiras e despois sentámonos na perru, nun instante máxico. Agasállame un álbum de BD, con Citserono e Tsicerono. Nunha patada cóntame catro cousas da súa relación, da vida, dos alemáns dos cafés e de andar en bici sobre a neve: dános o tempo xusto pra irnos de wais abondo e pra velo tremendamente fermoso.
El vai cara ao estado átomo; eu, despois de ver a insulsa Sideways con Folerpa nunha noite fría, cara á molécula.
destino
Vale, non debo crer.
Pero o azar pon a capital libanesa no punto de mira das televisións do mundo, na atención de Barataria (que me manda correos sobre ela), e mesmo na de Iberia, que se súpeto me manda esta promoción.
Será un agasallo do alén?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?