<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

23.1.07

jospis

Pińsk, 4 de marzo de 1932 - Varsovia, 23 de xaneiro de 2007. Ímoste achar en menos.
Actualización: Brétemas, Dpaso...
espido
Non debería, creo, pero non podo evitar que se me poña a pel de pita cando escoito a espido nunha sala pequena e acolledora do auditorio de vila-marple. Non hai moita xente, pero á que veu parece que lles gusta.
Despois, unha cea frugal, levar os técnicos nun coche de alugueiro ata glasgow, e volver cun fío de senchumbo mentres fóra nevaba aguén. Poucos traballos hai máis gorentosos có de faísca.
burguesía
Porque a fin do mundo nunca chega soa, onte tamén me tocou facer a mudanza prá casa da rúa de lara croft. Descubro, despois do traballo que deixaron os pintores e os colocadores de moqueta, que o piso é xeitoso, soleado e amoblado como deberían ser os pisos amoblados. Tele, torradora, grella pra cando cheguen os días do réxime, secadora, sofás e cama a estrear, produtos e trebellos de limpeza e ata, meu deus, un esqueiro. O soño burgués non estaría completo se non tivese debaixo da fiestra da cociña unha centésima de acre a herba, cun magnolio: fascículos de gardening, vinde a min.

20.1.07

brisa
De cando en cando vou ata a fiestra da cociña co computador. Alí, sobre o fregadoiro, co macbook estirado nas puntas das mans, tento apañar unha conexión wifi que anda perdida polo barrio: pero só vén a min cando sopra o vento a favor. Nese momento, slisss, sinto que se envía un correo. Que felicidade.
política-ficción
Esta semana estrearon nesta fabulosa televisión the trial of tony blair, un telefilme de ficción onde procesan a tony blair polos crimes de guerra cometidos en iraq. O telefilme está ambientado en 2010, cando tony blair por fin lle deixa o cargo a gordon brown (un borracho de mal carácter) e mentres hillary manda nos estados unidos.
Semanas despois, gordon brown gaña as eleccións por só dous escanos e, resentido, fai que o seu embaixador na onu vaia mexar mentres se vota o procesamento internacional de blair. O telefilme, en realidade, non está demasiado ben. Xoga demasiado cos aspectos morais, co arrepentimento de blair e coa súa conversión ao catolicismo, e pouco co aspecto máis interesante da ficción política, anque impacte ver como levan alxemado na televisión a quen goberna fóra dela.
A seguir botan un documental do xénero ránquin, ao que aquí son tan tan afeccionados: as 30 mellores comedias políticas emitidas na televisión británica (case todas na pública, ademais). E nós? Cantas poderiamos xuntar nós pró documental? O como-se-fixo de Risoterapia, con pacolodeiro facendo de pacovázquez nos descansos da gravación do cifras e letras? Habería posibilidade para un telefilme xulgando a un político activo? Poderiamos imaxinar un telefilme sobre a independencia da ghalleira sen que tremesen as institucións todas do estado?
Momento conspiranoide: o mesmo día emisión do trial of tony blair na tele de pagamento, estouraba o espectáculo racista do Celebrities Big Brother, que ocupou todas as páxinas de televisión dos xornais durante esta semana. O sábado, unha asesora superdirecta de blair era arrestada polo caso da compravenda de títulos de lord.

18.1.07

príncipes
Cando estaba aló gustábame este. Agora, chegados aquí e perdida toda a espranza por causa de kate middleton, gústame o de suecia.
Desde que vin esta foto non podo parar de mirarlle prá pirola. Pasaralle o mesmo a alguén? Prégase confirmación ou rexeite.
neve
Antonte foi tímida, apenas uns flocos aquí e acolá mentres vía un capítulo de CSI e lía unhas páxinas máis da Posibilidade dunha illa. Ás veces as folerpas eran un pouco máis arrabiadas e sólidas, pero despois distraíanse: non estaban afeitas. Así á mañá despareceran os trazos brancos que, nos descansos do CSI, vira conformarse sobre os capós dos coches.
Pero no día nevou máis e máis. Onde eu estaba, nas casas da ribeira do río, nos chalés vitorianos, na oficina... non callou, anque por veces o ceo e a terra eran brancas e movíanse lixeiramente como un televisor mal sintonizado. Pero nas montañas todo ao redor había unha fonda capa de neve, lonxana, distante, como un vello sabio que nos quixese agochar as herbiñas, as pequenas pegadas dos faisáns, as croias das ovellas ou os tobos dos esquíos que, despistados, esqueceran hibernar.
Hoxe disque vai ser a gran nevarada. Xa lle tiña devezo.

Actualización: no parte dixeron que a gran nevarada comezaría ás oito da mañá. Ás oito e dez empezaba a callar. E agora neva, e neva a fío. Algún día aprenderei a sacar fotos co móbil...
Actualización2: tres horas despois segue nevando, ás veces máis suave, ás veces máis mesto e intenso, pero non se detén. Descubro que ver nevar me dá fame.
Actualización 3: logo do mediodía a neve deixou de caer e empezou a marchar do chan como a unha alfombra a cor. Mentres, a 3000 millas ao leste, desatábase a traxedia.

15.1.07

bambús
Non lembro se vira xa Acosado por todas as dez partes, o filme chinés que en occidente se coñeceu como A casa das dagas voadoras. En todo caso pareceume fascinante. Unha pequena historia, simple pero no fondo moi complexa, narrada estupendamente e cinguida por un fino fío de fantasía que podemos chamar artes marciais, ou beleza, ou outono. Claro que eu estaba suxestionado: Fai acababa de prepararme dous fantásticos pratos de polo en mollo e rustrido de berenxenas ao estilo cantonés, e arrombábase no sofá contra min coa súa fasquía de oso panda.
A parte sexual estivo ben, lastrada polos problemas da primeira vez, aos que se lle acrecenta que chante na retina os seus olliños e que me vaia tecendo lianas do redor con bambús e ese vocabulario amatorio de home english (i love you, i miss you...), que resulta tan falso e ao mesmo tempo tan verdadeiro.
Agora que podo, heille de arrear con forza ao cabalo e liscar das montañas chinesas: que nada me reteña na casa das dagas voadoras.
sangría
Quen planificou levaba maldade: puxeron a Dave toda a xornada a arbitrar con ese chavaliño novo, ese que é español. Porque a dave non hai quen o ature. Non é mal xuíz, pero dáselle por falar o tempo todo, con esa boca media torta que teñen a maior parte dos tontiños, así que ademais non lle entendo ren: e cóntame, pregúntame como se din palabras en español (knee, lap, heat...), di mierda e ri, di tonto e ri, e cóntame da propiedade que acaba de mercar en santapola, onde irá vivir dentro duns meses, cando se xubile, coa muller, e pregúntame se me gusta a sangría, e ensíname as fotos desa propiedade onde "aí non se ve, pero detrás diso todo está o mar", unha especie de cárcere branco, arrodeado dun terro árido e un cerre de formigón, e illado, illado do planeta, pero preto dun bar, e dime quiero tos servesas e ri, e dime sangría e sorrí con ese orgullo que dá ter unha casa, en santapola, pra agardar que chegue a morte, falando e bebendo sangría.
voluntarismo
Tiven que desenganarme: as setenta persoas que case todos os sábados e todos os domingos visten un chándal púrpura pra arbitrar encontros de atletismo en escocia, fano con carácter totalmente voluntario. Non hai un só penique ao final do túnel. Nin prós que botan dez horas pegando unicamente tiros (hai algo máis aborrecido e máis complexo có de dar as saídas?), nin prós que de véspera distribúen rigorosamente a todos os xuíces por postos e probas nun exercicio de combinatoria fascinante, nin sequera prós que se erguen as seis da mañá en aberdeen pra facer 200 millas en coche e mirar que os pícaros de u13 rompan, cando cómpre, coa súa estaxe. Nada. Nin un mísero penique cobricento. E ás veces, coma hoxe, nin os sánduiches.
Funcionan mil veces mellor cós galegos, moven o dobre de xente pró dobre de xornadas que ademais, resultan o dobre de intensas. Así que o voluntarismo non é nocivo: só é malo o trapalleiro.

12.1.07

casa
Estes últimos foron uns días terríbeis. Non ter conexión de internet na casa estase convertendo nun verdadeiro suplicio: síntome desprazado, como se o mundo me deixase á marxe, fóra do vieiro dos acontecementos e dos sentidos.
A semana que vén terei casa nova, ou algo semellante. Deixarei atrás aldea-marple e mudareime a vila-marple, a vivir na rúa de laracroft preto dunha ponte medieval (outra vez), nunha zona húmida con constante ameaza de asolagamento. Destes tres meses levo moito máis cá lembranza dun outono. A ver qué pasa agora.
(programa de fin de semana: atletismo, sexo co malaísio e o luns, mudanza. Ah, e traballo. Moito. E ler por terceira vez o Éxodo de daniel salgado, a ver se lle entendo algo o do colghós).

(actualización: a mudanza terá que agardar unha semana máis. Non lles deu tempo a meter a moqueta. A ver onde paro estes días...)

6.1.07

convivencia
Barataria veu pasar algo máis ca unhas vacacións. Este venres botámonos a procurar piso; eu seguirei o luns, co deadline do venres pra instalarme nel; Barataria virase prá fin do mes a buscar a vida.
Non sei se me é maior o medo ou a angustia. El tamén os ten (os dous), e de aí medrou a nosa primeira gran discusión en dous anos.
Así que agora, con trintaepico anos e a saúde daquela maneira, unha nova vida comeza. Aguén.
wildlife, 3
Erguémonos tarde, e con moita calma Barataria e eu poñémonos a andar ata vila-marple, por un carreiro entre os prados. Queremos alugar un coche destes que andan ao revés. Despois dun par de intentos caros, poñemos proa de pikanto cara ao norte, visitamos algunhas aldeas e vilas que parecen canadá e baixo unha impenitente choiva chegamos á paisaxe extraordinaria da Terra Alta. Non se pode dicir nada: só ver. Só sentir o recendo da auga dos lagos, aquí, acolá, a friaxe por baixo do polar vermello, as luces de nadal que avanzan mentres o día se extingue, rapidamente, nas rúas xiadas de fort william.
Ao día seguinte mudamos oeste por leste, e as montañas polos dondos outeiros de prados e ovellas. Algún castelo (pechado por vacacións dos propietarios), algunhas ruínas e pouco máis interesante có vendaval e a paisaxe. E aberdeen. Coa noite saímos de alí ata stonehaven, pra despedir o ano cunha procesión de bólas de lume, manipuladas no aire por ferrotes escoceses en kilt (eles) e en pantalón de chándal (elas), e pra gustar da sarabia, do frío e das costeletas da comarca.
Co aninovo viramos índa máis cara ao norte, cara a outros lugares e vilas tamén solitarias, onde só permanecían abertos os teiquegüei de comida hindú, ou árabe, ou nin iso. E despois noite, os cantís, e o bruar dun mar lonxano, o do norte, e máis arriba as órcadas e as shetland, e noruega. Así que cando devolvemos o pikanto quédanos fame de ver, e paseamos uns 18 quilómetros a andar polas montañas de aquí preto, polos seus campos de antigas batallas, polos soutos dos faisáns. Pasamos un río, miramos prás ovellas que nos miran como carneiros, saudamos ciclistas recortados contra a neve das montañas, detémonos ante o furor dos 4x4. É inverno.
Porque nesta terra de escocia tamén é todo paisaxe (agás traxe, paxe e garaxe).
herodoto
Remato de ler o moi cumprido libro de ryszard kapuściński sobre herodoto e el mesmo, nunha tradución catalá mercada no aeroporto de barcelona. O texto é fantástico, e fai que se me esvaian todas as poucas dúbidas sobre a necesidade de que a este polaco lle toquen os dedos milagreiros do premio nobel.
En realidade, é o menos kapuściński de todos os kapuścińskis. Pero tamén é onde mellor se retrata, procurando na figura do clásico xornalista grego as razóns da súa vida, das súas viaxes, da súa soidade. Ás veces atixólase con xerxes e os emperadores persas, e noutras comete algunhas imprecisións históricas, como no caso da illa de gorée, pero non son trazos demasiado importantes. O mundo, os postos fronteirizos e o carácter das xentes desvélase con clareza, con paixón e el pasa definitivamente a formar parte do meu equipo de ídolos.

4.1.07

desconexión
O chinés que me alugaba a wifi voltou pró seu país. Ademais, escocia pecha por vacacións durante cinco días e o meu punto principal de conexión máis. Por riba, apaño unha gripe. Así que levo moitos, moitos días sen poder conectarme, completamente illado do mundo, sabendo das catástrofes polas portadas dos xornais, polas breves mencións nos partes da radio do coche, polas sms dos amigos.
Non lembro a última vez que estiven tan desconectado. Vívese tranquilo así, pero só se vive media vida.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?