<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

10.10.05

beirarrúa
Facemos un percorrido cultural por Ciudad Ajo. Primeiro, a ampliación do reinasofía, ostentosa, espectacular e bonita, como todas as cousas de Jean Nouvel. Práctica? Pouco. Pero pra un centro de arte sen ningún tipo de información física sobre as exposicións, ben vale. A expo de Saura non me interesaba, pero anque fose fan del pola vida non sei se non sairía correndo. E o vídeo de Colomer, do que escoitara falar pola radio, era un exemplo desas videocreacións que son mellores se cha contan que se a ves.
Despois imos á Casa Encendida, un extraordinario centro de produción e difusión cultural que paga cajamadrid e que aquí equivale a... a... a... Vaia. Dámonos unha volta, vemos unha interesantísima exposición dun artista arxentino sobre noticias de sucesos, e dubidando se quedarnos a un concerto de música electrónica, decidimos que case mellor saímos por unha cervexa. Despois seguimos subindo por Ciudad Ajo e acabamos no teatro, pra ver Bent. É unha obra algo tópica sobre a homosexualidade baixo o réxime de hitler. Non está mal, e ten un par de escenas memorábeis, pero hai como unha sensación de xa-visto, estraña, que me desacouga algo. E un (creo que) erro na datación dos xogos olímpicos de berlín que me desapega por completo.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?