<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

12.10.05

peixe
Na cama leo o infumábel novo libro de Fina Casalderrey. Tamén comezo e remato o gorentoso ensaio O látigo e a pluma, sobre a homosexualidade e a delincuencia no franquismo (algo apresurado, algo confuso, estarrecedor case sempre), que me deixa unhas ganas terríbeis de vinganza. Por que non inclúe un apéndice coa listaxe de doutores que practicaron lobotomías a homosexuais hai só 25 anos, sinalando con detalle onde teñen agora as consultas? Por que non un catálogo de xuíces que nos mandaron aos cárceres de Huelva (pasivos) e Badallouce (activos) pra reeducarnos só polo feito de sermos homosexuais, cos seus datos de contacto?
Pra relaxarme, rebusco os anacos que máis me gustaron da "Guía do autoestopista galáctico" un fabuloso agasallo de Ian. É tan extraordinariamente divertido que nin sequera o engadido de 80 páxinas sobre 'como se fixo a película' pode borrar o sorriso dos labios. Gustaríame copiar aquí un fragmento, agardo que non demasiado longo:
No planeta Terra, o home sempre supuxo que era máis intelixente cós golfiños porque producira moitas cousas (a roda, Nova York, as guerras, etc.), mentres que os golfiños o único que fixeran fora xogar na auga e divertirse. Pola contra, os golfiños sempre creron que eran moito máis intelixentes có home, polas mesmas razóns.
Curiosamente, os golfiños coñecían dende tempo atrás a inminente destrución da Terra e realizaron moitos intentos pra advertir do perigo á Humanidade; pero a maioría das súas comunicacións as interpretaron mal e as creron entretidos exercicios de xogar ao balón ou asubiar pra que lles desen lambonadas, así que finalmente desistiron e deixaron que a Terra se apañase soa, pouco antes da chegada dos vogóns [os que destruíron a Terra pra facer unha circunvalación].
A última mensaxe dos golfiños interpretouse coma un intento sorprendente e complicado de dobre salto mortal atrás a través dun aro e asubiando o 'Barras e estrelas', pero en realidade a mensaxe era a seguinte: Chau, e grazas polo peixe.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?