<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

6.9.05

despedida
Ante a inminencia do cambio de prefixo, decido despedirme da mocidade cun pequeno agasallo. Por iso sacrifico unhas horas pra ir ata atenas á procura dun rapaz extraordinario.
Xastriño ten 22 e un corpazo bloqueante de príncipe nórdico. Véndoo ninguén diría que vive nunha breve aldea da comarca carballiñesa. Pero alí caeu unha estrela e este chavaliño medrou pró deseño: agora pon as súas ideas ao servizo dunha das empresas líderes da provincia, e con ela vai de xopin a londres, ou á india mirar as plantas de produción. Quédanlle relictos da súa casa, como meter dous calzóns (un apertado, pra amarrar, e outro frouxo e de marca, pra lucir) ou un galego falado con il, maus e mércores que me sitúa no futuro.
Imos co coche ás pistas de atletismo: el vai perdendo a roupa e eu os 29. Non nos puxemos dacordo pra que o sexo fose algo máis ca incómodo, e como non era o día conformámonos con deixar bafo de tenrura contra o parabrisas.
Logo regresei pra humidtown. E mentres caían a choiva, a brétema, antony&thejohnsons e a noite outoniza por riba do meu coche e por riba de dúas luciñas vermellas á fronte, levaba as mans ao nariz: aí estaba o forte recendo dos quilómetros, da vida propia e allea, da felicidade. O recendo que busquei estes meses. O recendo que seguirei buscando.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?