6.10.05
dentista
Polo asunto dunha moa do xuízo que me sae de través acudo ao dentista da pública. Quero que me mande operar e aforrar os 200 euros da extracción na privada. Dáme antibióticos pra unha infección da base da moa, dime que teño as enxivas doentes, que iso é prioritario, e recéitame un brus, un tubo de pasta, uns analxésicos e un colutorio que me vira máis eléctrico ca un litro de café. Aos quince días volvo. Non me recoñece, pregúntame se o que levo no sobre é unha radiografía e colócaa no mirador. A pesar de que ten o expediente enriba da mesa e a miña dentamia brillando na lámpada coas moas reviradas, mándame sentar e pregúntame se viña polo das enxivas. Dígolle que non, que polas moas, como a outra vez. Aha, responde, e examíname a boca, asegurando con memoria súpeta que está mellor cá última vez pero que inda non acada a perfección. Receitame máis colutorio e máis antibióticos, anque a infección xa desapareceu. E que volva en quince días, pra verme e darme o volante do cirurxián.
Ándeseme con coidado: estou disposto a todo con tal de defender a calidade da sanidade pública!!

Ándeseme con coidado: estou disposto a todo con tal de defender a calidade da sanidade pública!!