<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

27.10.05

desolación
Acabo de ler nun longo esprín 'Harry Potter e o príncipe misterioso', peculiar tradución portuguesa do sexto volume da serie. Era demasiado tarde e atacoume a desolación ata tal punto que acabei chorando cos números verdes do reloxio espertador enchoupados nas pestanas.
Gustoume? Inda o dubido. Pareceume ver no reprís algúns fiallos soltos, algúns baleiros non enchidos (de momento), pero a emoción foi máis poderosa ca nunca. Creo que tampouco me gustou o troco de estrutura que se imaxina prá sétima parte. Nin a misoxinia, que cada vez se me fai máis patente. Pero sobre todo, e máis cós feitos terríbeis que se contan, encheume de desolación e carraxe a volatilización dun pequeno misterio que eu consideraba unha das chaves da novela: o difícil equilibrio entre o ben e o mal. Non podo dar máis pistas porque non quero escribir esa triste frase de Ollo, este post contén datos desveladores da trama.
Esta mañá, despois de comprobar que non había butano, saín á rúa. Ao pouco de andar cara ao traballo un mozote loiro que viña en sentido contrario parou en seco a dez metros de min. Estirou o brazo e apuntou ao ceo co móbil: un arco da vella trazábase atrás miña e perdíase nas nuballas grises e soleadas. A maxia seguía aí fóra.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?