<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

12.5.06

performance
Dende o punto de vista técnico foi, ao parecer, unha intervención máis complexa do agardado. Á posición da moa, que facía difícil anestesiar zonas ocultas do fondo e que complicaba a rotura da coroa por onde impactaba na moa anterior, sumóuselle un tamaño maior do que as radiografías apuntaban, o que fixo que unha operación de 30-45 minutos se estendese aos 75'. O equipo inicial, dirixido por un alumno venezuelano, viuse substituído á metade polo do profesor, un xordano de metro e medio, algo máis brután có anterior, e que manexaba unha especie de desparafusador co que tentaba extraerme a peza a revirazos.
Dende o punto de vista sentimental, lembro a cadea dourada do venezuelano brillando sobre a pel morena e, sobre todo, os ollos do pequeno xordano, aos que buscaba cando a tensión e a fatiga me vencían nun asalto. Neles repousaba, mentres no meu peito aniñaba a síndrome de estocolmo.
Cando, despois de todo, coa moa reducida a cachiños sobre unha gasa, me empezan a coser a enxiva o venezuelano e unha rapaza, el pídeme que mire pra si "aunque ella sea más guapa". Eu dígolle (como podo, arrastrándome) que non, que el máis. Mírame estrañado: non comprende como, a aquela altura, o amo.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?