<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

9.5.06

xuntos
Xuntos metéronse na heroína. Xuntos quixeron saír, volveron xuntos e xuntos instaláronse esforzosamente na metadona. Despois, claro, engordaron xuntos por riba dos 140 quilos. Casaron. Xuntos buscaron traballo, e xuntos souberon o difícil que era atopalo nesas condicións de comarca e pasado. Os dous falaban ese idioma especial dos que andaron no ghaco, e por iso tamén compartían un corazón e un cerebro amolecidos, brandos, tan bos que se dirían case de algodón. Xuntos abrazaron o heavy, xuntos iniciáronse en internet, e tamén xuntos foron prá casa dos sogros cando chegaron os malos momentos. Xuntos, ademais, tomaron a decisión de adoptar un canciño: á noite, cando ela volvía do traballo no transporte público, el e mais o can agardaban teimosamente na parada. Nunca houbo un sen o outro.
Un día, cando il esperaba só na parada polo bus de ir traballar, un coche saíuse da estrada e levouno por diante. Os médicos traballaron duro pra amañarlle as pernas, pero esqueceron unha úlcera menor. Entre os descoidos, os erros, o tempo e as menciñas trabucadas, a úlcera medrou ata matalo con crueza na madrugada deste sábado.
Manda o Koala esta mensaxe: non vos avisei por non molestar, pero incineramos a meu cuñado o domingo cedo. Quería que o soubésedes.
E levo todo o día pensando nela.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?