<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

4.5.06

atrás
Estou na oficina. Miro pra atrás sen erguerme, por unha fiestra. Hai en primeiro termo unha casa con roupa tendida e xanelas de cuarto de baño, traslúcidas. Aló cara á esquerda medra algo de campo, e sobre el unha néboa por onde circula unha procesión lonxitudinal de posts perdidos.
Vexo un deles, que corresponde aos dous días que botei en ciudad-ajo asistindo a un mancador congreso de blos: leva unha chaqueta de folga de metro e pantalóns de simulacro de vida-en-parella con Barataria. Do peto sáelle un pano debuxado cun campo de mapoulas e herbas altas, por onde circulan os inmigrantes ás seis da mañá: van e veñen do tren. Parécese na cara a fernando garrido, un tipo como deluxe pero en cachondo e con coloretes tipo país nas fazulas, intelixente, acolledor e cariñoso.
Outro dos posts bole máis rápido: creo que é carteiro. Leva no carro da compra unha completa lista de tumores (médula, peito...) pero tamén un fantástico disco do Projecto Mourente. Eu tamén estou fanatizado.
Hai un post moi tenro que practicou o triatlón en estoril. Sobre a pel, pra identificarse correctamente, foi escribindo co rotulador groso o seu dorsal: o 606 kms. de cruzar portugal, o 5 das cegoñas coas que xantou, o 101 da habitación nun hotel discretísimo en carcavelos, o 1 do mencer máis fabuloso sobre a marginal de estoril, o 95 dos euros gastos en fnac lisboa, e os 0,65 dunha auga nunha terraza no solpor de figueira da foz.
Hai máis posts, pero van caendo contra o fondo. Quizais o sol mude o brillo e faga resaltar algún deles máis adiante, como aquel daló que parece xavier queipo, pero outros perderanse definitivamente na néboa dos posts perdidos.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?