<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.12.03

silencio
Un ano máis remata. Coa esperanza de vida do home occidental branco só poderei dicir esta frase 49 veces máis. Moitas? Parécenme poucas. O silencio logo chega.
O silencio impono Jacarezinho, que segue sen facer o seu blo. E leva ao silencio tamén HP. A súa quinta entrega, a Orde da Fénix, está sendo totalmente subxugante: sórbeme os minutos. A mansión dos Black é un espacio tan real, tan contundente, tan tráxico ao mesmo tempo... O que máis me gusta de HP é o desacougante, o maduro que é o desacougo que produce.
Walter segue na casa. Foi buscarnos unha lampadiña para a neveira, que fundiu. Ata o frigo decidiu gardar silencio.

28.12.03

a habana
Mentres Willy Sifones estaba en Cabo Home, nós iamos a Vigo. Enchímonos de palabras: o bloque, viaxar, os gastos da casa, a moda... ata irureta.
Walter, como sempre, sinala con precisión os problemas. A esquerda móvese por verdade revelada. O galego é unha fe e os seus defensores actúan como proselitistas da catequese (tamén cos seus dubidosos éxitos). Nin ensino público nin ensino privado: ensino gratuíto. Cando Walter di esas cousas parece moi inxenuo, pero hai moitas borras no fondo dos pocillos. Di Walter que vai facer un blo. Ogallá, porque todo iso ten que escribilo con detalle, que eu non o sei falar ben.
Polo resto, wais: pasar tempo con parellas reafirma na soltería. Os koalas están ben e xa encargaron a Fuco; Apandadora máis guapa ca nunca. Vigo radiante, grandioso. Xantamos nun cubano lamentábel e simpático, pero o domingo é difícil comer en Vigo. Pechan e marchan a ourense.
máis tarde
Aínda que saímos onte, érgome cedo pra bloguear e escoitar na radio a TodoNada e a Jacarezinho (para cando o seu blo?). Escoitamos a esta hora a radio eu e o cazador de perdices. Había tempo que non o pasaba tan ben saíndo, libre de derrotas. Recuperamos terreo niso. Walter está entre nós, e a vida bulvérsase na entropía e na felicidade. Onte amañamos o país nun atasco, e hoxe imos ver como segue Vigo, coa Apandadora e cos Koalas.
Ás veces creo que isto é simplemente un catálogo de amigos, e que ese é o seu único interese. Discutín con Iopanda e con Dukakis.
Fomos ver Anything else, que non sei como se chamaría en galego. Todo o demais? O resto? O outro? O título vén dunha anécdota: nun taxi, o cliente latrica e latrica sobre a vida e a inutilidade da existencia, e ao cabo de todo, o taxista di: si, bueno, iso éche coma o resto. Algún espabilado que lea este blo podería achegar unha solución a este problema lingüístico.
En calquera caso, a peli está ben, pero estarréceme un certo grao de misoxinia, sobre a que non se fan chistes. Hai milleiros de frases ocorrentes, e seguramente algún blo as recollerá todas, e sobre todo hai unha estrela briladora que se apelida Biggs. Con todo, a mellor frase dos últimos días, sen contar as de Walter, escoiteina no Retorno do Jedi. Están a princesa Leia e Luke falando, con esa Forza toda do universo a pórselles no pube (cito e peto na mesa), e pregúntalle a princesa ao cabaleiro: Luke, que che pasa? E responde o belido doncel: Pregúntamo máis tarde.

26.12.03

perdices
Xa van dúas veces que lle escoito a miña nai que unha das cousas que máis lamenta é non pedirlle a receita das perdices á miña avoa, antes de que morrese.
Os pais de Peke e de Caimán están pachuchos, moito. Preguntádelle pola receita das perdices, anque sexa un exercicio imposíbel.
Quedo con Caimán, que me fala da súa nova cidade. Na tele ás súas costas botan un especial de Esteva e Tanza sobre as perdices.

25.12.03

Cu
Día realmente perdido, como sempre. Somos seis de familia, en pendente disgregadora. Procurei durmir e fuxir de meu tío.
Quedei con Caimán, en Pontevedra. Fomos a un bar, cos seus amigos da infancia. Había alegría, e fragmentos do pasado dunha historia, como cando les o hobbit despois do señor dos aneis. Os amigos confirman visita para os vindeiros días: Iopanda, Henri, Lady Benjamin, BX, Walter...
Leo o comment de 5Line. Si, recuperei o cu. Na tele falan marabillas do cu de Denís, e sinto orgullo nazonal. ;)

24.12.03

vésperas
Esta noite pásoa en pontevedra, coa family, pero as cousas boas sempre suceden a véspera. Viñeron Peke e Bollo a scq, coñecemos as ruínas do venezuela, e escolmaceamos e bebimos, e agasalláronme cun buda viaxeiro, para cruzar o mundo con serenidade e alegría. Rbk deixoume no calcetín unha camiseta preciosa, creo que a máis bonita que tiven nunca. Tamén estaba o Caimán, a quen vin realmente ben, e fíxome moi feliz.
E hoxe á mañá, logo de traballar toda a noite a prol das mulleres desfavorecidas da provincia da coruña, recibo un impresionante meil do Pequenosdetalles.
Transcribo: Este inverno foi o dos ceos preciosos. Visito a chaira de Antela todas as mañás, entro polo alto de Sandiás. En 50 días non a vin dúas veces igual. Paisaxe mutable. Cando vou de humor fago coincidir a música coas nubes. Así, mañá de néboa poño a banda sonora de good bye lenin, mañá de chuvia moustaki e mañás de sol, mañás de sol de inverno, lamatumbá. E pensei: ao meu grupo fáltalle un vals, un medio tempo que fale de mañás de sol na alameda, mañás de sol urbanas, de domingo, de pulpo e paseo co avó, de banda no palco, un tres por catro con guitarra e acordeón, que fale de recordos de soños de neno, que fale ao millor de cando nos decatamos de que xa non soñamos tanto.
A imaxe non ten que ver, xa sei. Vina en Asianpunkboy e moloume. Imaxinai sobre el un decorado de toronto nevado, sen pecharlle a camiseta, e gozai como poidades da familia.

22.12.03

filosofía
Despois desta animalada de post, outro aínda peor. Radiogaita. Entrevistan a Ramona, loteira en taragoña, que vendeu uns papeliños que tiñan moito premio. Di ramona: Ai, Xusto, aínda non o podo crer... estou platónica...
Os xornalistas esmendrellan. E repítenlle: ramona, así que osté está platónica, eh?
Pregunta para mañá: quen sabía mellor o que era estar platónico, ramona ou xusto?
visto/nonvisto
Non son harotecglen, pero lieime cun estudiante de forestais de 24. Tiña mozo, e pensaba que cravala nun coche diante do insti Lamas de Abade non era botarlle os cornos, e bicarse si. Chegou a matar, matou e marchou.
Lamasdeabade, así o chamarei, foi moi simpático: ao deixalo diante da igrexa, díxome perdoa, que son moi malo cos nomes. Eu esperrechaba.
O outro día un hetero díxome que ultimamente ás nachas había que indicarlles o de zugala. Confirmo o dato entre os tíos, e ás veces nin indicándollelo. Abro o debate.

21.12.03

Enterro
Parroquia de Oleiros, concello de Carballedo (sur de Chantada). Enterramos o avó de Iopanda, anque realmente quen o enterra é unha butcher de vinte anos, que levanta os pesos de mármore como plumas. Quizais sexa a única chavala de menos de corenta en 20 kms ao redor, e para buscar a seguinte lesbiana haberá sen dúbida que cambiar de provincia.
Os convidados ao enterro chegan tarde. Vimos da matanza, din. Traen o unto nos dedos.
Volvemos cruzando as catro provincias, nunha tarde de choiva e brétema. A partir de hoxe os días comezan a medrar. Estou desexando velo.
Amor líquido
No post de madrugada falaba de Verdú. En realidade, Verdú bencita a Zygmunt Bauman a quen descoñezo totalmente, pero que escribe marabillas coma esta: Benvidos ao tempo das parellas semidesparelladas. Na moderna sociedade 'líquida' as relacións son coma os xoguetes tecnolóxicos, actualizables. Buscamos relacións que nos aten só o xusto para que sexa doado rompelas. (...) Un home de 28 anos, entrevistado a propósito do progreso no procesamento de datos con computadores, sinalou esta vantaxe decisiva das relacións electrónicas: sempre lle podes dar ao Delete.
En Brasil hai varias obras de Bauman editadas. En castelán tamén. 'Amor líquido' aínda só está en inglés.
O morto
Hoxe vin o primeiro morto da miña vida. O avó de Iopanda. O home, que é dos Peares, estaba no túmulo 2 da sala de velorios do hospital provincial de Ourense. Deixaron a caixa sen tapar.
Fálame Iopanda dun chaveiro: co escudo do Atlético de Madrid, pon 'peña atlética orensana Os Colchoneros'. Investigo. A única peña atlética ourensá recoñecida chámase orixinalmente As Burgas. Se gugleas Os Colchoneros só aparecen noticias de xornais portugueses. Seguirei buscando.
Debería alguén facer un blo só de ourensanadas como esta.
Leo o xornal nun bar, aproveitando que é sábado, tomando un café. Na súa columna formidábel, Verdú define o que el denomina amor líquido, un amor indefinido, angustiado polo medo a quedar preso e polo medo á soidade. Concordo plenamente, pero como para pedantada xa chegou a de onte, calo, como faría Carmiña Vacaloura. Se El País non fose de pago, metería ligazón.
Tamén leo a Juan Carlos Capel, na súa crítica gastronómica. As semanas non son as mesmas sen el. Hai un juancarlos capel que colecciona mádelmans en bcn. Será o mesmo? E miro unha reportaxe sobre madagascar, e sitúoo ao pé do irán nas miñas preferencias vacanceiras do 2004.
Non fun ao encontro neo, estaba destrozado. Hoxe comeza a gripe. Por iso non hai chispa.

19.12.03

Villanueva e o guerrilleiro tamil que xanta fish&chips
Onte estiven en Vigo, con Henri, que me falou de Oxford marabillas. Absolutely. Tamén falamos de Vigo, ese poema urbano, e do carácter tuzarídico. Atopas un galego en oxford e quere que comades todos os días xuntos. Di Henri, para que vou xantar cun galego se podo facelo cun ceilandés?. Non falamos de ceilán, concello da Baña. Ou atopas un poeta anglogalego e come polbo cada tres días. Ou atopas un que busca entusiastas da causa galega. Henri, aguén: e buscas xente boa, ou só entusiastas?.
Foi unha noite longa: xa antes corrixira en público a Darío Villanueva, ex-reptor. El citaba a Janet Murray pola edición castelá de Hamlet na holocuberta, e hai un desfase de 3 anos respecto da edición inglesa. Tres anos entre o 97 e o 00, que son moi importantes para a creación literaria en rede. Teño discutido con Iopanda sobre a valía de Villanueva, a quen sigo dende o seu deplorábel ensaio sobre o Jarama. Pois ademais resulta que tivo os santos testículos de escribirlle unha crítica ao libro de Murray. Manancial inesgotábel de lugares comúns, erguinme contra el no medio dun discurso sobre a burbulla de internet aplicada ao literario, e que arrincou precisamente ao chamarlle pueril a McLuhan (que, por certo, ten web oficial), ao dicir que o debate entre apocalípticos e integrados estaba plenamente vixente, ou que Eco era un integrado. Non debimos ler o mesmo Eco.
Había moitos anos que non interviña nunha conferencia, e estaba absolutely nervioso, pero creo que calar diante de cretinos dese calibre, que viven de semellante impostura intelectual, é un delicto contra a sociedade.
Despois desta pedantada, que faría as delicias dalgúns blogaliceiros (estou seguro), teño que dicir que en realidade a noite foi un prodixio gracias a Henri. Hoxe, logo dun triste xantar de empresa en ferrol, arrastreime pola autoestrada ata scq, escoitando Jane Birkin, e con Jacarezinho durmindo no asento traseiro. Que máis se pode pedir? Non estar tan incribelmente canso, e ter roupa negra para saír esta noite ao encontro neofalante.

17.12.03

Coas túas mauciñas
Ligo dende Wonderboy e vou a esta curiosa páxina: faino ti mesmo. Non é que sexa marabillosa, pero trae métodos de construcción caseira de trebellos sexuais. Inclúe ilustracións e correctos croquis (coma o santo), pero malpocadamente é un pouco monotemática. Ademais, deixa algo de lado a analidade e/ou as mulleres. Permite, iso si, que compartades a vosa experiencia de macguíveres mediante un cómodo formulario. Testemuño: un amigo meu empregaba o da sandía.
Dende esa web tamén tedes ligazóns paveras, pero para outro día.
Pernas
Hoxe derrubóuseme a moda galega como unha vaca tola no bulleiro. Paramos en La Pausa, en Miño, unha estación de servicio incribelmente xeitosa pra ser a estación de servicio dunha autoestrada. Xantamos. Ao pouco, entra a tomar café Antonio Pernas, que ía camiño de Ferrol (nós viñamos). Vestía unha camiseta negra, e un dóquers negro, e unhas deportivas negras... sen calcetíns!! Rum detesta os calcetíns brancos, pero este non levaba nada o que é infinitamente máis porco e incluso máis antigalego cós dóquers.
A partir de agora, seguindo os que marcan tendencias no país, mercarei só roupa en diésel e en béneton, se me serve a talla. E senón, espido, como Pernas as pernas.
Máis curiosidades, Todonada: conducía un lupo (negro, abofellas) e tomou só un café. Non comera? Ou xanta só iso para manter esa liña tan de modisto galego que o caracteriza?

16.12.03

Liberación
Acabo de ler 'A inocencia do padre Brown' e decido liberalo, para ser aínda máis moderno. Agora teño que buscar un sitio axeitado. Non sei se deixalo ao azar, ou acudir directamente a lugares viaxeiros: estación de trens (cool), estación de buses (cutre), peaxe da A9 (insólito)... Terei que aproveitar antes de que veñan as choivas.
Como Manologago fala do seu megán, non podo evitar dicir que levei a Lola ao médico, a que lle miren un olliño. Afortunadamente goza de boa saúde e 70.000 quilómetros de coñecemento.
Ah, outra estreliña blogueira: Istmo. A ver se Todonada ten guevos agora para dicir que é outra vaca no blogmillo. Agardo impaciente a bloquedada do 3 de xaneiro.

15.12.03

Cumprida fin, Teherán
Primeiro día tralas vacacións. Podía falar dunha fotografía recuperada, ou do blo do director de coalicióngalega, pero comezo a ler Persépole, tres álbumes de banda deseñada da debuxante iraniana Mariena Satrapi. A estarrecedora e cómica vida dunha nena durante a revolución islámica do Irán faiche saltar todos os gonzos. Creo que lendo a Satrapi xa escollín o destino das miñas vacacións para o 2004. E algún agasallo de Nadal. Fala de Persépole Willy Sifones, outra estreliña da bloguesfera galaica, aínda que non coincido demasiado coas pexas que lle pon. O sinxelo é complexo.
Un traballador de coalición-galega (precisamente) mostrouse sorprendido ao verme na Feira de BD de Barcelona: 'non te facía eu na cultura alternativa'. Agardo, pois, que desculpedes esta alternativez momentánea. Mañá xa regreso a Kstelao.

14.12.03

Minutos lixo ata o 2004
Cousas breviñas: meu pai pasoume unha colección de cds para estudiar inglés. Póñoos no coche, de camiño para Santiago: O Reino, Corna, Castro Dozón... Teño interese no idioma, para entender ben os bloginglis que hai por aí, pero aborréceme a historia: a familia Burret (ou algo así) ten un home e unha muller, e un fillo e unha filla. Ao fillo gústanlle as ciencias e as mates. Á nena gustanlle as letras. Ela patina e gusta da pop & dance music, el xoga aos videoxogos. O pai é informático e a nai profe. Entendo no cd: typicall english family. Certamente. O único peculiar é que ela dá clase de francés. Espero que sexa oral. Non me estraña que teñamos un dos niveis máis lamentables de inglés de Europa.
Pésome en Andorra. Só 65. Diosssss... afrontamos guai este nadal.
Leo o prólogo de Castelao a 'Antre dous séculos', o infame libro de poemas de Xerardo Álvarez Limeses. Castelao lémbrame de súpeto unha presentación dun libro, tamén de poesía, do que Ferrín comentaba pouco xenerosamente as súas cualidades.
Miro as efemérides: o 2004 será o ano internacional do arroz, o ano internacional de conmemoración da abolición da escravitude, e o ano europeo da educación física. Precavidos: o 2005 será o ano internacional do microcrédito. Creo moi necesaria esta celebración. Quen carallo sabe qué é un microcrédito?
Findan as vacacións. Horror.

13.12.03

Ourensanadas
Xa estou de volta en Ourense. Quedou sen mencionar a fría Lleida, o espectral encoro de Mequinensa, Balaguer (extraordinario), Calanda, Alcañiz, Molina de Aragón, Montalbán, Sigüenza, Ayllón, Alcorisa... 400 quilómetros dende Teruel ata Burgos, sen vilas importantes: ruínas, casas illadas, ferrados e ferrados de baleiro e lavanda e arxila. Cruces que xa só serán cruces para o practicante. E en 10 anos nin iso. Quizais a Ourense lle quede ese destino. Habería que montar unha empresa de reciclaxe de letreiros de estrada, de vellos sinais de curva perigosa, de quilómetros de asfalto inservíbel. En vinte anos non haberá en cen millas á redonda máis traza cá do raposo. É bonito, pero tamén é algo apesarado, coma os versos de Llamazares: azuis e torturados nesta hora. Cito e peto na mesa.
Helena e Carles, dos Pomada, dedicáronme unha canción na sala Cotton-Club, de Lleida, e fixéronme tan feliz por un momento... Carles vai ser pai para agosto, e Helena ten medo das propostas de Carles de ser un pai responsábel, e que deixen de facer concertos... Pero se o pai máis responsábel é o que marcha da casa!! Tamén estaban os Dept, que marchaban pra Cádiz, e tocaban os Brams, que só me gustaron o xustiño.
Pero, vaia, que hoxe estou en Ourense, aínda coas pálpebras da brétema de conducir onte todo o día. Tomo un café nun bar, que se chama 'Expresándome en el pop art' (en serio), e leo no xornal un artigo de Pepe Diz: lembra aquela Terceira división con 5 ou 6 equipos ourensáns: esta finde xogan o Verín contra a Ponte, os únicos resistentes. É parte do fracaso provincial, do noso teruel. Ao Taboadela custáballe moito diñeiro ter que xogar todos os partidos da Preferente sur nas rías, e renunciou ao ascenso. Saía máis a conta facer o fútbol entre nós.
Vexo tamén no xornal signos do estarrecedor momento institucional, antidemocrático: Parada, o monfortino Xosé Manuel Parada, sorpréndese escandalizado de que o Partido Popular "permita" na "súa televisión" determinadas cousas. Eu tamén me escandalizo. Na porta do concello de Lleida, un señor disfrazado de catalán barretineiro protestaba pola claudicación dos republicanos ao españolismo. Hoxe, con L'edat de ferro de Coetzee enriba da mesa, creo que se había unha posibilidade por pequena que fose de salvar o noso, esa era o tripartito e mais a tenda de Carolina Herrera no parque de San Lázaro. E non Corina. Non sei se me explico.

11.12.03

Mudamos o servidor
Andorra. Un país de mentira que celebra, para variar, eleccións municipais este domingo. A construcción é horríbel, pero é normal, pois a fan unha chispa de galegos que percorren estas viliñas coa mirada retorcida. Distínguense á legua. Estou aquí con 5Line, vendo a neve, pasando frío, nun aparthotel que se chama Annapurna. Lola estaba xiada esta mañá, pero respondeu como unha campiona. Quedan atrás numerosas palabras de onte: queda Tarragona, queda unha discusión nun estanco sobre o sistema fiscal catalán, o mosteiro das Santes Creues, unha butifarra con fabas fritidas... quedan tamén as oliveiras do val do Gaiá e as aventuriñas do padre Brown, Igualada, Manresa... e un túnel de 5 quilómetros que custa 10 euros. Como aquí internet está a prezo andorrán, xa lle meterei as ligazóns outro día, porque hai moitas moi paveras. Só un detalle: no xornal local, entre publicidade eleitoral e 'búscanse camareiros', o goberno anunciaba que o servicio de correo cidadá correu.andorra.ad ía estar sen funcionar hoxe durante unhas horas, para mellorar o servicio. Deben estar a trocar todo o servidor do país, de val a val.

9.12.03

Escribo baixo os efectos do alcol, teño que confesalo. Estou en Tarragona, cidade preciosa que é como Ourense, algo máis grande. Ceei magré de parrulo ás froitas do bosque e torradiñas de sobrasada e queixo con pinóns e millo, e bebín viño do Montsant (na Terra Alta). Pero o dí­a quedou indefectibelmente marcado por Belchite. Miña nai non sabe dicirme se meu avó loitou en Belchite, pero aí­ estaban as ruínas dos edificios, os váteres, as casas tapiadas, as igrexas destruídas... Belchite. Repí­too e pregúntome qué carallo facía eu en Oswieczim (Austwich) tendo tan preto Belchite. Tan dorosa. Tan terríbel. E sen embargo, nin un só letreiro sinala nas ruínas quen foi o culpábel de todo iso ou por qué agora o Pueblo Viejo de Belchite non existe.
Na radio catalá protestan os converxentes. :) Fólgome. Lola ten olliños novos. Atrás quedan Calatayud (unha alfaia), e Maella (de Gargallo), e Fuendetodos (de Goya), e Belmonte de Gracián. E fago caso a este mestre, e remato.

8.12.03

Resistencia numantina
Pois aquí estou, onde traza o Douro a súa curva besteira. Non é triste que Soria estea morrendo, senón que se resiste. Localicei a distribuidora local de Custo. No escaparate, o letreiro a man indica camisa estampada 150 €. Tardei un bo pedazo en conseguir este computador, na trastenda dun bar, e que tarda 5 minutos en inicializar fiestras98.
Arrinco dous carteliños da parede. Un ofrece chica soriana para limpiar pisos. O outro chama a unha manifestación contra o esquecemento institucional de Soria. O lema non pode ser máis tristeiro: Acude! No esperes a que desaparezcamos. A quen vai dirixido? Xa escolleron o soriano que vai apagar a luz?
Todo isto dígoo eu, que veño de onde veño. Polo resto, é unha cidade que ten o seu punto, riquiña. A xente parece sacada de Maceda, non sei se me explico.
Polo camiño, moito tráfico e moi bo tempo. En Tordesillas atopei a Ferre e a María, pola rúa, por casualidade. Xantamos xuntos e lembramos as tetas das rapazas que nos gustaban, no insti. Ah, que máis se pode pedir...
Abur, Lenin
Nun cutreiro cinema de Ourense asiste Manuel Peña-Rey, veterano militante comunista local, á proxección de 'Abur, Lenin'. Como chega tarde, senta na primeira fila. Tamén chega tarde Manuel Outeiriño, que senta xusto no outro cabo da primeira fila. Mentres o acomodador abre a golpes unha e outra vez a porta da sala percorren a pantalla vellas pantasmas que deberiamos lembrar: non eramos tan nenos cando demitiu Honecker, cando caeu o muro, cando pechou a Wartburg... E sen embargo, todo iso da DDR non son máis ca febrís lembranzas de chándal. Para nada máis valeu. E quizais a peli tampouco: nostalxias, retrónicas. Penso en Antón Porto, que aló está, en Berlín. O da foto é Honecker, non Peña-Rey.
Mercedes dime cun té delicioso que cando vas vello as semanas só teñen dous días: luns e venres. Volverei sobre isto algún día.
Iolanda redacta a lapela do seu primeiro libro. Tomo nestí (aínda) e leo o padre Brown. Nunhas horas saio de viaxe.

6.12.03

Esquecíao. Hoxe é o Día da Reconciliación, cando lembramos todo o que os nosos maiores cederon para que Letizia puidese ser famosa. Para festexalo, quedei con Fufli (de fábula) e discutín con Iolanda. Aissss. Xa como arroz, e xamón iork, e doce de marmelo.
Elephant
Seguindo a retesía particular con Todo Nada, acudín ver Elephant. Fólgome de discrepar en case todo con ela. Non a vexo reaccionaria, nin baleira. Ou si, baleira, e fermosa por iso. Adolescentes tópicos? Eu non coñezo ningún adolescente, pero o último encontro que tiven cun chaval de 18 resultou dúas horas de pelexas con 'Pistacho, no sabes?, un chacho de Área'. Dúas horas. No móbil anotei Dani Bullas e non volvín saber del. Nin de Pistacho.
Os adolescentes son uns tarados, e estes tamén, e nós tamén o fomos (anque non o lembro). Ao final tampouco nada é tan importante: o pai, ao mirar o insti en lapas, di "que forte, tio", ou algo así. Preocúpame Benny, o preto, e unha rapaza que non lembro como se chamaba, porque deles non se di nada (agardarán para meter o corte no DVD?).
E só unhas palabras para Todo Nada: os asasinos non son gais, polo menos non os dous; o gai, lindo, precioso, deste filme é Elias, o fotógrafo. E se o táurido John tamén o fose deixaba este blog e corría a casar ás Vegas.

5.12.03

Angola
Aguilloado polo comentario de Todo Nada, de que me faltaba experiencia telenoveleira, e sedimentado pola enfermidade, sentei hoxe de novo a ver Machos. Xa sei por que non teño experiencia en telenovelas. Abúrrenme. Aborrézoas máis ca este vebló. Unha frase chistosa que pillei: "ah, pero si es de poliéster... me recuerda cuándo éramos pobres".
Polo demais, aquí sigo. Sen abandoar a limonada alcalina empecei a comer arroz puro e sabe a gloria. Rematei de ler o fascinante Un día máis con vida, de Ryszard Kapusciñski. Narra a súa estadía como xornalista dunha axencia polaca en Angola, nos días que van dende comezos de setembro ata o 22 de novembro (1975). Eses foron ademais os únicos días que vivimos xuntos eu e mais Franco. Días trepidantes de morte e miseria, dos que Kapusciñski está incriblemente ausente: el conta o que ve, o que lle pasa, pero nada di de si: da súa carencia de diñeiro, da súa sede, ou do seu pánico. Só de raspallón. Tampouco das súas diarreas. Éntrame a morriña de Senegal e pregúntome canto custará o avión do Porto a Luanda.
Martin Pawley dedícalle ao polaco un día estraño. Pódese ler (algo) en portugués.

4.12.03

Mormóns.
Escríbeme o meu amigo Henri e cóntame que anda apurado, pero que para a semana a ver se se pode achegar ata O Porto, e que despois xa vén para aquí pasar o nadal. Preocúpame o seu equilibrio nesa terra de competitividades que é Oxford. Lembro uns amigos del, mormóns, e caio de paso nun vebló curioso: Wonderboy fálanos deste filme, Orgazmo, onde un mormón acaba de actor porno facendo pelis de superheroes. Pon a Deus alí onde faga falla.
Pregunta Wonderboy, a quen excitan os mormóns, se vimos o filme. Eu non. Non sei se algún friqui desta blogosfera...
Todo Nada falaba o outro día da serie chilena Machos. A diarrea bótame diante da tele ás 16:30 e vexo un episodio. Podería dicir que non entendo cómo o máis macizo da serie (Adán, na foto) é virxe e falsamente gai a unha idade tan interesante coma os 28 anos. Pero en realidade non entendo nada. É tan mentireiro que o español de Galiza e o de Chile son intelixibles entre si, coma que o son o galego e o portugués de Lisboa. Se ser uma mesma língua é pillar as frases que non teñen gracia eu quero ser unha lingua distinta e que me subtitulen. Coñecedes software para subtitular veblós?
A quen me explique o significado da palabra 'fleto' aplicada a un macho, convídoo a unha copa de limonada alcalinada. Teño unha botella de catro litros para repartir. Gracias, doutor Iglesias.

3.12.03

Máis cousas da Raíña de Sada. Na habita ten catro figuriñas de gardacivís. El di que "eses policías son tejeros". Tamén ten unha tenda de campaña, modelo iglú, chantada no medio da habita. Non é práctico, pero ten o seu morbo.
E máis: conta uns contos estrañísimos, como se estivese liberando toda a enerxía do universo. Onte, por esas cousas da vida, comezoume a contar por que existía o Ñ: ao parecer, o N e o N eran irmás xémeas, pero un deses N choraba moito e non sei que, e non sei que máis, e ao final unha bolboreta fóiselle pousar enriba e quedou para sempre convertida en Ñ (e non en eneagá). Ao remate do conto fíxome pedagóxicas preguntas para avaliar o meu grao de comprensión. Eu, que estivera máis ocupado noutras angueiras, fracasei. A todos nos iría mellor se se preocupase el tamén desas mesmas angueiras e aparcase a literatura.
Por iso remato hoxe aquí xa: Ulises ten artrose, eu diarrea, estou en Ourense e chove.
A Raíña de Sada, ou sexa, o crupier da Lama (véxase post 1-12), contoume unha de medo esta noite. Resulta que cando o seu mozo anterior o deixou, logo de 8 meses de convivencia, marchou para a casa dunha amiga. A amiga deixouno só, cun CD de La oreja de Van Gogh. A el várreuselle o pensamento, e decidiu ir ás 6 da mañá á casa do ex, pois tiña aínda chaves, para poñerlle unha canción de LOVG "a toda rolla" e meterse un tiro nas tempas. Afortunadamente non o fixo. Ensinanzas:
1. La oreja de Van Gogh está contraindicada en propensos ao suicidio
2. Nunca lle deixes as chaves da casa a ninguén co que fodas (co que fodas, jacarezinho)
3. Non volvas meter o pé na casa da Raíña de Sada.

2.12.03

Goretoxo mándame unha fala que quedo abaneando. Penso: non teño nada que ver con isto. Este blog vai rematar aquí. Abúrreme.
Despois recibo a chamada de Uxía, que quixo entrar e que lle deu un erro cincocentos e penso que quizais teña algo de utilidade. Cóntame a historia dun paisano que despois de estar unha hora vendo o mar, en Nigrán, ao frío, de pé, cando chegou o 061 botouse á auga para fuxir. E quen chamou ao 061? Uxía.
Acabei con Chesterton. Empecei con Kapusczinski, que fala de Angola. Lembrades a foto (post de embaixo, 28-11) de Chesterton dándolle un algo a unha nena? A foto chámase O agasallo do mexacán. Chesterton traza ao final da súa autobiografía un discurso sobre o mexacán para explicar a conversión ao catolicismo. Onte entendino. Agora xa non. Non era moi interesante, pero si bonito. Ruialme ten un blogspot tamén chestertoniano (e timorense). 26-11. En Portugal editaron a autobiografía de Chesterton en 1960. Agora entendo algunhas cousas.

1.12.03

Unha de frases célebres.
Anuncio de Consum. Sae unha vaca e traduce ao galego, toda enfadada: que mal leite!!.
Campaña publicitaria da Xunta para promocionar o rural galego: Este é o rural galego. Hai campo para todos. Que significa promocionar? Apoloxía do baleiro?
Para emendalo, Voltaire, citado por Chesterton: Para triunfar no mundo non abonda con ser estúpido. Tamén hai que ter bos modais. Obvio o da estupidez. Pregúntome se este blog terá bos modais. Terei que escribir durante moitos máis días?
E máis. Coñezo un crupier da Lama, que me conta como foi unha aposta de 500 euros diante e 1000 detrás nunha man de póquer sen descartes. Fálame dun milleiro de historias, de inmobiliarias que reparten fariña, das aventuras dunha floreira de Pontevedra nun frío París, de operacións de nariz, de plumas de bádminton, de 32 vermello par pasa, e de fermosas mañás en Palma. Fala tamén dunha amiga algo chufona: Pero quien se cree que es? La reina de Sada?. Chamareino así. A raíña de Sada. Á mañá saio da súa casa e róubolle unha laranxa. Fóra chove, pero é o meu primeiro día de vacacións, e estouro por dentro en mil pedaciños, coma un caleidoscopio.
Máis da finde. Paso unha tarde en Nigrán con Carlos e Uxía. O mundo escurece, chove fóra e pasan as horas. Bebemos viño aussie (eu por primeira vez na vida), moi rico, mercado no centro comercial de Baiona. Falamos de Chesterton, de África, de contorsionismo... Qué máis se pode pedir? que lles funcione internet, e que retruquen nesta páxina.
Pasaron moitas cousas nesta finde. Deberei aforrar espacios e palabras. Pleno do concello de Vigo onde se debate a cuestión de confianza ao alcalde Ventura Pérez Mariño. O xornalista Josito, monumento á chispa, coa sabedoría que lle dá ter unha sogra viguesa, di: En Vigo gañou as eleccións un xuíz porque non se presentaba ningún segureta. Máis pérolas nacidas da masa popular que espectaba o acto: Ti cala, que che falta un cromosoma. Vaite pró monte. En el pueblo esto no pasa. Oes, que eu non son nin do bloque nin do soe, que son ciudadano. Que se besen. Váyase señor gonzález. E unha sobre todo, que non sei interpretar: Pra saber beber hai que saber mexar. Axudaime.
5Line marcha, xa dixen, e antes de marchar mándanos unha e-carta aos amigos. O mundo, ao igual ca nós, necesita cambios... Pechade os ollos un instante... cando os abrades voltarei. Dedícame unha frase que non merezo, síntome vivo e flípoo. Boa viaxe.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?