<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.3.04

raffarin
Falo con Eya. Atopa moi sosa unha relación que se basea en euronews. Anque poida concordar noutras cousas, aquí rebélome. Ningún postal de nadal me aledaría tanto recibir coma o de Luis Rivas, director de información da cadea; en agradecemento da publi que lles fago (só Todonada me leva algo de vantaxe co cástin do gran irmao vip: tonechos, romarís, yolanda castaño...)
Adoro euronews. Pasan por ela as estampas marabillosas do meu exilio. E nestes momentos pra min amor dise así: euronews.
Por iso a estas horas, só, presa do amargor da primavera, poño radio5. Os de R non me furan, e teño que conformarme cun debate sobre a resistencia de raffarin ou cun atentado en uzbequistán. En Taxquén morreron dezanove: na miña casa blogueo e sintonízome ao transistor, que a cama está moi fría.

28.3.04

n-525
Nesa hora alongada que lle gañamos ao día, regreso a humidtown. O ceo arrubia. Aos dous lados da estrada aparecen aquí e acolá os neóns vermellos e azuis das casas de putas, alternados coas churrasquerías. Nesta tarde de fútbol, cando o solpor, os bordeis están a tope na nacional 525. O cariño reborda nas cunetas.
e se...
Dende aquí o mundo vese peor. Kate está na neve. Iop totalmente excitada polas cambadelas do mundo universitario. Dukakis desaparecido. E Florbela non colle o teléfono. Maria, señora Dot, por que non nos animamos a romper de norte a sur dunha vez e botamos a andar esa Rapazza pendente?
o teatro está morto
O traballo lévame en danza desta vez á gala de entrega dos premios maricastaña de teatro. Como sempre, o único motivo de interese son os camareiros e un chavalote, fillo dun distribuidor municipal pelouro e barbudo, extraído directamente de revistas de homoporno ruso. Os pinchos, chámense como se chamen en galego, son cada vez máis lamentábeis. Eis a decrepitude nazonal.
Volvo cunha rapaza para a atenas galega, medio agripallado: conxestionáronme os chistes vulgares, a sosería, a tristeza e o embiguismo dun sector que camiña velozmente cara á súa inmolación. Queixábanse os actores, como sempre, de que a gala se retransmite a altas horas e de que os políticos prefiren o luar. Algún deles viu actuar os tonechos? Vivediós que teñen moito que adeprender. Eu, confésoo, vinos o outro día. Estaba con kate, nun intermedio de euronews, e rin a cachón. Mofan nos paisanos, si, pero tamén mofan de nós. Anque nos doia, debería receitalo o médico do seguro. Unha pílula de tonechos a cadora, e non de luma gómez.

26.3.04

proído
Quedo con kate pra cear, e antes vou ao cine ver Matar a Bill, vol 1. Cando chovían zurrichadas de sangue na pantalla, e non moito máis, recibo mensa: a cea adíase; está na cidade o outro (entre nós chamámoslle HC).
Éntrame a comichón. Ciúmes? Sería a primeira vez. Non, desbótoo. Máis ben son os problemas típicos do artellamento asimétrico dun estado plurinacional: cando alguén, de súpeto, recibe a transferencia das autoridades portuarias prodúcese unha tensión particular que un maragall calquera pode acalmar.
Así calmo eu, e fago a miña contribución leal á construción dun estado mellor.
selfmademan
Dende sempre, sinto unha atracción especial por ese mito tan americano do home que se fai a si mesmo. Os galegos, coma os estadounidenses, temos un pasado tan lamentabelmente lamacento que calquera que destaque é un self-made-man (or woman). O traballo, en día gozoso, lévame onda maximino viaño, fundador de feiraco, fundador de tenreira galega, candidato por tres partidos políticos e agora cacique xubilado e ilustrado de Ames.
As súas palabras engaiólanme, e pousa en min os seus ollos de becerra cando fala da Costa do Mar de Ovellas, atracadoiro oficial do concello durante os últimos tres séculos. Viaño toma café, pasea, e escribe lembranzas: lin as memorias de gorbachov e observo moitas semellanzas coas miñas. El na súa aldea de preto de ucraína ía á leña, ía coas vacas, apañaba nas patacas... e eu tamén.
O que vale unha mancha.
soños
Onte contei o soño de toquio, e á noite repito algo parecido, máis breve, cunha viaxe á Costa do Almasí.
Nunca fun persoa de soños prácidos, nin reiterados, nin anguriantes. Só unha vez, ao namorar de Fufli, fun precedido polo namoro no soño. Sempre pensei que os soños estaban aí pra facernos chanza e colocarnos ás noites na posición que nos corresponde: obxecto da chanza e a bulra do universo.
Pero alguén me chama pra avisarme: non debes contar os soños; alguén pode utilizalo na túa contra. Inda non sei qué farei. O máis normal será que non soñe, e que non haxa nada que contar. E por sorte, son tan protozoo que nin inimigos teño.

25.3.04

automóbil
Vou cear con Fufli a un sitio algo novo, que xa se converteu en niño de nazonalistas. Non lle van ben as cousas con 20vacas. Rescato unha frase que saíu na conversa, fermosísima, digna de ser gravada nun monumento ao amor. Creo que ti es como un mercedes clase E, e teño medo de espetalo. Non digo quen a dixo nin a quen porque desgraciadamente eu non son coche nin chofer.
o monstro e eu
Jacarezinho lévame uns días coa teima de que debaixo de Cesare hai un monstro, negro, férido e escuro. A ese monstro, ao parecer, eu non o deixo saír nunca ao exterior, e loito por calalo. Recoñece Jacarezinho algunha das pegadas do monstro nas miñas dúbidas sobre como é mellor que oriente o ánimo respecto das mulleres (en xeral), das parellas (en xeral) e de kate (en particular).
Seguramente todos temos un monstro. Pero prefería levarme ben con el, compartir parvas e merendas, aprender dos seus rautos e galopinadas e querelo como só se lle pode querer a un monstro propio. Non quero que as miñas desputas con el estraguen batallas ben máis importantes.
conexión
Soño que collo dúas mudas e marcho a toquio. Espero que indique mellora económica no mundo real.

24.3.04

respostas
Henri xa deixou venecia, e agora está na biblioteca nacional, en madrid. Dende alí mándame un correo titulado Decepción: críache máis creativo (...) Atopo que dis que fun a Venecia e, como web, ligas á Comuna di Venezia. Moi soso! Agardaba algo así coma o cartel de morte en Venecia ou unha foto de Tadzio (...). É o estilo zapatero que xa vos enchoupou a todos...
E Rum, que colgou o rato hai meses, dime falando deste blo: non sei canto hai de realidade e canto de fición.
Eu tampouco.

23.3.04

euronews
Esta fin de semana acabou sendo xenial, como en xeral case todos os días desta afortunada vida. Estiven o domingo á tarde en casa de Peke e Bolli. Un dos obxectivos era desfacer o lío que se verqueu polo blo recentemente. O outro, pasar unha tarde tranquila, sentir o recendo do mar, cear con eles e parolar.
Sen embargo, vinme á carreira para cear con kate e consolala algo, pois está tristeira ou culpábel ou as dúas cousas. Falamos de nós, ese protoconcepto, e dos problemas que ten ela coa súa parella estable ou máis ou menos estable. Síntome raro terzando nalgo no que saco parte, e se no partir teño arte debería falar con ela como se fose marciano. Acabamos vendo en euronews os resultados das rexionais francesas e enterros de albanocosovares. Euronews vai ser pra sempre xa sinónimo dun amor especial, radiante.
cunqueiro e pirolas
O tempo escoou o sábado por entre as obras paradas da miña rúa, e desembocou nunha tarde ateigada de actos culturais. No cinema fun ver a crispada, plana, pretensiosa e aburrida Sylvia. No teatro, O ano do cometa. O texto é fabuloso e a adaptación a caña de españa. Rinme no teatro, o que a estas alturas é xa dicir bastante, anque os frouxos actores impiden que os sentimentos fagan snow pola pel, e todo se leva con pracemento. Tamén me manifestei tristemente contra a guerra, mentres uns anacrócanos queimaban a bandeira de españa (again). E despois saín de chea, pra coroar unha finde gloriosa. Non cheguei a culminar, pero puxen uns cantos tixoliños no camiño de baldosas que leva ao gaiteiriño e/ou ao seu mozo. Por certo, como insinuaba Berlín, confirmáronme de propia boca a tipoloxía de pirolas coa que organizan o mundo. Só agardo que ma cataloguen cando sexa demasiado tarde.
bendeita
Harpomeira quere saír neste blo. Non lle vexo moito interese a relacionarse con este cúmulo de vaguidades, se ademais vai estar tapado por un alcume (cariñoso). Pero descóbreme unha palabra nova, bendeita, e ten quen entrar aquí. Busco no que teño a man e non aparece. Exemplo:
- Está chovendo.
- Bendeita que trouxemos paraugas.

Como sempre, prégase confirmación ou refugamento.

22.3.04

pasta
Máis cousas sobre a arte de bloguear. Markos Moulitsas Zúñiga, nado en Chicago, de orixe salvadoreña, paciente sufridor da síndrome da guerra do Golfo e activista demócrata, ten un blog de carácter político. Con el gaña 4.000 dólares ao mes, blogueando a pulmón. Débellos sacar a unha candidata ao congreso por Ohio, que lle mete publi. O analista político, o tamén demócrata Joshua Marshall, levanta 5.000 patacóns dos deles co seu Talking points memo. A este mételle publi unha candidata ao congreso por South Dakota. O máis incrible é que os lectores dos blos van e ademais lle soltan pasta ás candidatas, e din canto.
Imaxínanse vostedes isto aquí? Todonada recolle cartos a beneficio dos tonechos e do mago romarís, Jean Sol para aquelarlle a campa a kurtcobain... e cos outros non sigo, porque me ía poñer malicioso. Se queren deixar pasta neste blo, merquen billetes de iberia e regálenos por aí, a quen queiran. Orixe, a Ghalleira.
ausencia
Levo máis de 50 horas sen acender un ordenador. Xa non estou afeito.

20.3.04

as mulleres e eu
Ultimamente a xente ao meu redor anda co maricómetro na man pra calcularme a gradación. O fiel sinala o mesmo punto que sempre; non teño dúbidas.
As incertezas que me entran logo do atinado comentario de Peke son ben outras. Ata que punto coñezo as mulleres? Xa sei, Peke, que cada persoa é un mundo, e bla, e bla. Pero tamén que, por aprendizaxe social, as reaccións dun individuo A femia e dun individuo B macho son lixeiramente diferentes neste mundiño occidental brancodominante. Sen entrar a valorar. Sen entrar a discutir nas razóns nin guindarnos argumentos de seguros automobilísticos.
O que me fascina das mulleres, das que coñezo e das outras, ten que ver coa miña grande iñorancia. A marcha de Iop deixoume nun gran baleiro ao respecto. Agora, logo de compartir tres almofadas con kate, pregúntome se algunha das súas ideas gavearía pola funda ata min. Se co pasar dos días rematará ese descoñecemento que tanto me atrae.
Tampouco me importa en realidade se Peke aut aliae consideran que son masculinista ou prexulgoso. Esas, de momento, non son as miñas dúbidas. Anque todos e todas levamos a bicha dentro.
Só unha frase fascinante, do feito verdú de hoxe: convidar agora as mulleres a ser ministras? non se trata dunha idea de hai medio século?
soidade
Hai tan poucos días no ano que estou só, que non sei comportarme. Angúriome. Ferre e Mery veñen verme dende auria. Paso a tarde divertidisima, falando con eles, vendo como el é cada vez máis bancario.
Pero marchan, e quedo outra vez só. E esta mañá esperto e estou só. A precariedade reduciu as perspectivas de viaxar e rumio o meu rancor na casa. 5Line está en andorra. Henri en venecia, dando unha semana de clases. Kate, esquiando baixo o sol. Ata Iop pasea por cáceres pra lle dar de comer a unha gata allea. Rebéntame o peito por fuxir.
Cando os turistas bloquean as rúas da cidade, eu síntome só. E non me estou divertindo. Preparo fabas con peixesapo, pero non me sae brillante; ademais, xanto só e cáeme comida na roupa. Que farei no que queda de tarde?

18.3.04

post bon e post malo
Conforme o modelo que ditan os filmes de eddie murphy e as estruturas organizativas nazonalpopulares, que vén sendo o do llin e o llan de andar por casa, debería tamén contar o pouco malo que lle vin a kate. Pero, claro, non o vou facer. E iso que supoño que as frebas que me despracen non son realmente dela, senón dunha forma feminina de achegarse á vida coa que había moito tempo que non tiña contacto. Fóra xenéticas, creo que o tema é digno de arrebolo blogueiro. Pero calarei.
O pudor gaña neste caso. Quen me dera que kate non fose coñecida, nin de todonada nin de jacarezinho, nin doutra xente que nos ten visto andar aos tóspiros. Incluso (contou ela) xa non comenta neste blo porque se sabe identificada.
De todas as reflexións metablogueiras a única que me interesa é ata onde podemos chegar a dicir a verdade ou a mentir. As outras, que son un carro, déixollelas aos candidatos a pulitzer.
kate
Logo botou Iavé un xardín en Edén, ao oriente, e pousou nel o home que modelara. Iavé fixo medrar do chan toda sorte de árbores fermosas prá vista e gorentosos pró padal, e en medio do xardín abrocharon a árbore da vida e a árbore da cencia do ben e do mal. De Edén saía un río que regaba o xardín, que abría en catro brazos. Un chámase Pixón e arrodea todo o país de Iavilá, onde hai ouro, o ouro máis fino, e mais tamén bedelio e ónix. O segundo río chámase Guixón é circunda as terras de Cus. O terceiro chámase Tigre e corre ao mencer de Asiria. E o cuarto río é o Éufrate.

17.3.04

pode un blo gañar o Pulitzer?
O blo de Sheila Lennon e J.D. Lassica pode gañar o pulitzer 04. Todonada, Pawley, Willy... anímense. Teñen moito que envexarlles.
Eu xa estou vendo un que sabemos mandando o sobre lacrado con píxeles.
o meu fillo
Acabo de descubrir que en allariz hai un cesare que se chama como cesare. Ademais, practica atletismo, como cesare nos anos mozos. É a primeira vez que vexo unha coincidencia tan perfecta. Naceu en 1995. Podía ser o meu fillo.

16.3.04

discreto pantano
Peke envíame un correo: Agora que che deu pola discreción no blo, ando cunha curiosidade tremenda por saber qué tal vai o de kate. Intúo que, se hai discreción, é porque hai razóns. (...) ¿Andas pantanoso ou normal?.
Estou tremendamente pantanoso, claro. Á miña propia lama fóiselle sumar a dela que, aínda sendo arxila moura da mellor calidade, aló no fondo é lama. O da discreción non é tal; de feito kate protesta timidamente a miña verba. Creo que hai moito dito, e que ademais a imaxinación sempre porá o resto moito máis para alá da propia realidade.
Máis novidades: mamá está un pouco desoncertada con kate, ao parecer porque leva tempo sen ler o blo. En cambio, fai análises políticas de estar na páxina 14 dos xornais polanquistas. Ou na 13.
Ah, e recibo chamada co prefixo 221, pero non collo a tempo. Non sei quen é.
Ausencias: Berlín. Hai tempo que non vén por aquí. Creo que o plan del era vir votar, pero non sei se non enredaría polo camiño cun tuga, cun curdo, cun votante do PP.

15.3.04

motivos
Vexo hai motivo, despois das eleccións. A peli, que creo que lle gustara a pawley, véxoa horrenda. A esquerda máis rancia, vingativa e trapalleira está aí reunida, afortunadamente en bloques pequeniños. Tamén hai algunha alfaia, claro: lembrar as pancartas, e a que toquea ao meu carón.
Despois, en euronews, sabemos qué tempo faría hoxe en chipre e repasamos o discurso de zapatero, minuto de silencio incluído: esváeseme o contento como a burbulla da aspirina. Espero que o cambie o poder, sinceramente.
Con todo, gústame moito a normalidade de todo isto, a insensatez de que, no fondo, non pasa nada. Así que a galiza non a acho en menos.
Estou seguro de que había motivos que non eran cadáveres. O caso é que dean con eles antes de que sexa demasiado tarde.
prenatal
Non sei qué sucede, pero cada día me custa máis entrar neste blo. Onte á noite accedín a el dende casa de kate e atopeino moi estraño. Evidentemente, hai moito que contar, pero fixen moitas promesas, e algunha era gardar silenzo.
Kate saca da manga o xogo de espellos: engáname con el e acabo na súa caluga ou auscultando un gran letreiro verde de neón que fai que humidtown pareza seriamente unha cidade. Ata aquí podo ler, pero insisto en que son pura dúbida, só unha parte pequena da dúbida que (intúo) é ela.
Engado: ten na casa unha caixa verde de prenatal. Como as caixas de prenatal agochan sempre cousas marabillosas, asústome e lástrome: ela xoga aos espellos, e eu non sei.
demos
Pola miña sorte no reparto do mundo comparto colexio electoral cun convento de monxas. Coincido votando moitas veces con elas, porque pasan todo o día indo e vindo, transportando velliños con papeletas. Iso é o que me gusta da democracia: o voto da vella carrexada vale tanto, exactamente tanto, coma o meu, que penso e repenso durante semanas a quen votar, que coñezo os programas de homosexualidade de todos os partidos, que aprendín a biografía dos posíbeis senadores.
A vella carrexada está tan no mundo coma min, se cadra máis.
cracias
Proporcionalidade directa. Un home, un voto.
PSOE 149, PP 131, IU 17, CiU 11, ERC 8, PNV 5, BNG 3, CC 3, PA 2, ChA 1, EA 1, Na-Bai 1, Bloc 1, PSM-EN 1, Aralar 1 e 6 cadeiras baleiras.

14.3.04

votei
Gardei silenzo nestes días, un pouco porque blogger andaba como a cona que o botou, e outro pouco polo traballo, que foi terribelmente intenso. E agora ás nove e pouco, fomos votar Dukakis e mais eu.
Non había interventores máis ca do PP, nun colexio urbano de Humidtown. Non imaxino eu Trazo, Beade, Fornelos. Ei, señores e señoras dos autocolantes lindos, onde estades? Quizais se nos pegasen as sabas de participar en manifestacións ilegais contra a manipulación e a mentira legais.
sombras
Entre outras cousas importantes, gardei silenzo sobre Kate e a cea do venres. Cando inspiro aínda a sinto. Ao parecer usa colonia sempre, gústanlle esas cousas, pero xuraría que o que levo preso no nariz é ela mesma e non adxacentes. Tal día como o venres ceamos no árabe e despois bebimos uns tóspiros con Jacarezinho e Audrey ata que fomos quedando sós o güisque e nós (ela, gin con limón). Decidiu apagar o coche e avisarme: apago o coche. Saín fuxindo, para enfrentarme coas miñas sombras a soas. Teño medo e ansias. Agora o minuto con Kate cotízase alto nos mercados internacionais do ouro.
que podemos facer?
Chimpi no café do venres estaba moi triste. Chimpi é das persoas máis flipantes que coñecín ultimamente, un motor de enerxía positiva e tenrura. Pero estaba tristísimo e dicía que quería marchar do país. Como ten un irmao en guatemala, temín o peor.
Que podemos facer? Tomar un café xuntos, mirarnos aos ollos, facernos cóxegas, coidar de ulises, aprender moitas cousas pra transmitirlle algunha vez, algunha delas, aos que veñen.
a pel queimada dun guineano
O venres saín de traballar para a manifa. Levei un cartel de confección propia, supoño que pra explicarme a min mesmo qué facía marchando con asasinos e cómplices. O Protésico Zen protexeume coa súa calor. Algún deles discrepou; outros espíritos felices sorriron cando era máis necesario ca nunca. O cartel, elaborado gratuitamente polo fotocopiador do barrio, dicía: 3 peruanos, 2 hondureños, 2 polacos, 1 francesa, 1 marroquí, 1 colombiano, 1 cubano, 1 chileno, 1 ecuatoriano e 1 guineano están mortos. Perdoádenos. Goberno responsable. Vale, sei que era unha conachada, pero a noite estaba fría e a alma máis.
Puxen guineano: como se chaman realmente os da bissau?

12.3.04

palabras
Necesito un lema pra ir esta tarde á mani, pra demostrar o meu gómito contra este goberno.
Necesito tamén algo de coraxe. Tamén necesito unha saba branca, e dous lestóns de piñeiro.

11.3.04

irmaos
George Adriez Akaa. Simon Agbotaene. Darke Altacides. Sadia Ammbar. Raxid Anari. Mega Anghel. Els Bolasmuk. Baid Boulaaohaliz. Son algúns dos nomes dos feridos. Din na radio que os terroristas tiñan vintecatro anos. A miña amiga Apandadora colleu un tren ás sete desta mañá en Aluche, foi ata Atocha, cambiou e colleu o tren que vai para Fuenlabrada, como todos os días.
Ata estas palabras sobran.
Valerá de algo todo isto? Seremos mañá mellores?

10.3.04

cardias
Ao final, morrín e embaracei ao mesmo tempo.
A presión anguriante do cardias fíxose máis intensa conforme pasaban as horas. Por iso, mentres Kate e Jacarezinho ceaban pito ao curri, eu bebía insulsa auga mineral e miraba pra eles. A dor, causada polo estrés, cúrase con repouso e inspiracións longas, e por iso non fun traballar. Cada vez que penso no lavoro, o cardias sacódeme unha aguilloada.
Na noite, Kate, detrás dos vapores de curri, estaba radiante. Cando conseguiamos poñela colorada, inda máis. Falamos dos mercadillos, que ela ama, e de antigas parellas, e de músicos doutro tempo que eu loxicamente non coñecía. Soltou unha ou duas mentiras moi feitiñas e paveras. Agora, lembrando a noite, faime tanta gracia... Eu estaba malcombinado e levaba calcetíns brancos, só porque o día saíu así. Pero a dor tumboume.
Cando me ergo ao mediodía vexo unha mensa dela. Esemesamos algo e fixamos cita pra venres. Chimpi pasa visitarme pola casa. Hai tantas cousas marabillosas no mundo...

9.3.04

un deses días
Despois de durmir moi malamente pola dor de estómago, cando me ergo descubro que hoxe é un deses días. Por moito que o intento non consigo que as cores da roupa combinen. Chimpo o actimel de soia por riba. Sáltanme as bágoas coas noticias da radio.
Ou embarazo ou morro.

8.3.04

bicabala
Así, sen til.
Aprendo nunha web lusófona que bicabala é un termo do creoulo santomense para definir todos os traballos que se fan, día a día, pra sobrevivir. Ao parecer a vida en San Tomé é dura e a bicabala necesaria.
Aquí tamén necesitamos dela. Despois do alustro do sábado, a treboada escurece no hora-a-hora. Empregamos o messenger, e os sms, pero cando Kate chama pra ir tomarlle algo a min dóeme o estómago. Teño a impresión de meter a pata ata o cardias, que me arde.
Incluso penso que o estómago é só angustia; doe como se o fora.
Antes, na tarde, merquei unha bombilla, pagueille un histórico pufo a Fufli, vin 21 gramos e carrexei o butano ao lombo. A bombona pilleina na tenda de Domingos. Gústame levalas ao ombro, sentirme viril un minuto ao mes. Fufli cada día máis simpático e feliz. 21 gramos, excesiva.
lacharringo
Máis palabras arrombadas. 12Uvas déitame lacha, vergoña. O eladio di que se emprega en sentido negativo: "non tes lacha". E bolseiros de garcía sinala lacha como adxectivo referido a quen non ten vergoña. Alguén nega, confirma ou precisa?
Todonada déixame ringo: prenda de vestir, máis grosa ca un niqui e máis delgada ca un xarsei. De manga longa, adoita completarse con colo perquins. Eu tiven un colega que se chamaba ringo de bautismo. Non sei onde andará.

7.3.04

Calquera noite
Saio de traballar, sabendo que están TodoNada e Kate agardando por min no bar do portugués (xa pra sempre sen portugués). Dou un rodeo, porque quero peitear ben a crista na casa antes de que me vexan, e descubro que a lúa está completamente chea. Collo medo.
Despois imos ao cabaré, despois rimos, despois falamos, e despois pago voltas e ela paga voltas. Surfeamos bares e vou atopando ao longo da noite pecios de pasado. Sistematicamente. Cuatrero, amigos de Fufli, LC... LC, na terceira vez que me ve, dime que son o home da súa vida e bicámonos. Noto a romaría enteira da virxe da barca abalándome na cabeza. Centos e centos de persoas con cirios e rosquillas decidíndome o futuro co seu peso sobre a pedra.
Ao final, de madrugada, cando diante da tenda de Domingos kate apaga o coche, sinto unha inmensa relaxación na caluga. Cóllolle a dela e bicámonos. A rosquilla connection debeu ser decisiva para os romeiros.
Foi o día máis importante da miña vida. Espero que mañá volva selo.
Ai, dios
Ela díxome esa frase a primeira vez que a biquei. Despois fixemos silencio, mentres me rebentaba o bazo do ridículo. E rimos.
Rótulos na autoestrada
Nunha rúa fría, dígolle a kate que en LC vexo un gran panel da autoestrada coa palabra 'problema'. Ela retrúcame: eu véxoo en ti.
Tes unha uva pra ti
Máis incidencias da noite: ao segundo día sen velo, pregúntolle á xefa do bar ónde demo vai o portugués. Ela dime, secamente, que non volve máis. E engade: se queres, teño o enderezo. Díxoo nese ton de 'tamén llo din a quen mandei pra que lle partise as pernas'. A hostalaría está fatal. Non lle collín o enderezo.
Tamén recibo unha mensa na noite, que leo á mañá: alguén, dende un móbil descoñecido, dime que a señora Dot tamén se chama Cesare. E engade: that's the grapevine for you!. Como non sei inglés, creo que significa 'velaí tes a túa uva'. Certamente non lle atopo sentido.

6.3.04

petición
Érgome cedo e doulle un bo repaso á prensa do día. Báteme esta imaxe dende algúns xornais. Que lle fixen a esa mulleriña para que reclame o meu suicidio blogueiro?
Teño pendente de hai días a miña opinión sobre alejandro sanz. Anque del só sei que versiona temas de simancas, asinaría para que volvese a cantar. A conxura fascistoide antisanz deberíanos facer reflexionar sobre canto de voldemort levamos dentro, independentemente de que sanz sexa prochavez, antichavez, prosgae ou promedem (julio).
E despois de dicir isto, non vou poder proclamar que se tres millóns de persoas piden que Cesare cale de vez, Cesare calará. Logo todo se malentende.

5.3.04

contemporaneidade
Chámame Fufli, que segue sentíndose alleo a este blo. Ao parecer despide olorazo a pedante. Concordo plenamente. Pero colgo, porque vou ver unha obra de teatro nunha sala alternativa.
Só cando estou sentado nas bancadas e vai comezar a peza doume de conta de que non lembro ningunha blogueada próxima sobre teatro. Supoño que xa nin sequera as mentes desviadas dos blogueiros e blogueiras acoden a este tipo de manifestacións.
De feito, a sala está mediada. E marcharía máis xente da que marcha se a porta de saída non estivese ao pé do escenario (pánico sociointelectual).
A obra, previsíbel, recolle os tres principios básicos do teatro chamado alternativo ou contemporáneo:
• fálase do fodido que é vivir do teatro
• os personaxes sofren, canto mais inexplicabelmente mellor
• a trama divídese en dúas fases, non necesariamente consecutivas: a que consiste en encher o escenario de obxectos e a que consiste en baleiralos.
Todo moi lonxe da catarse, a metáfora da representación, a cuarta parede ou o distanciamento. En resumo, nada que non teña visto un cento de veces nos últimos dez anos.
Pero, de súpeto, por unha esquina entra correndo un piano, aboiando nun mar de globos brancos. A imaxe é tan fermosa e está alí tan diante dos ollos que os euros se trocan en divisas de pracer.
parella
A chamada de Fufli dá pra máis. Cóntalle ao seu mozo que lle chamo 20vacas e éntralle a curiosidade, así que se guglea correctamente chegará ata aquí. Só o vin 5 minutos, un día.
Preocúpame autocensurarme sobre Fufli, 20vacas ou a súa relación porque isto o poida ler algún descoñecido.
Éntranme dúbidas ontolóxicas. Talvez por iso este é o blo dun solteiro.

4.3.04

gambas
Había moito que non sabía del, e de súpeto aparece SenReferencia na madrugada.
SenReferencia ten parella, pero a el non lle importa demasiado. Á parella, un mozo de bacharelato, creo que si. SenReferencia vén ao que vén. É feo coma un corniño, pero tomo como verdadeiro o chiste que se conta sobre a semellanza entre o home e certos crustáceos, e despreocúpome. Moi lixeiro. Rápido. Relaxante.
Debo apuntar que o obxectivo dos dous quilos era demasiado optimista, pero un xa case o levo. Ademais, na miña empresa anuncian un traslado para o extrarradio, co que recuperarei a bicicleta. A única sombra deste día (que amencía cun certeiro dardo) é a incompatibilidade entre casco e crista. A ver qué fago.
aos seus pés
Levo tempo desexando facer isto. Outra vaca no blogmillo, moi moi especial. Peke estrea a súa gradicela.

3.3.04

liñas
cío e cío: tería que ver gúguel coas sms de kate? terá gúguel tanto control sobre a realidade que a modifica ao seu albidro? será simplemente deus e estará próxima a apocalipse? como quero confirmalo comprobo todas as buscas, por se se relacionan coas miñas últimas horas: tamén chegan aquí os que procuran tortilla de cacheiras, pasqual, alcol, hikikomori, baleiro de vidro ou baleiro para balas. só podo xurar que non teño nada que ver con don armando, polo de agora.
son consciente de que estes posts van a menos. foron días de moito traballo. escúsenme e cliquen nas ligazóns da esquerda.
antimelancolía
levo todo o día cavilando se chegaría a escribir este post. De feito é a cuarta vez que o comezo.
quedo con kate pra ir ao teatro o sábado. escríbeme mensaxes desconcertantes á 1:33 AM. escúsase por cousas incomprensíbeis. non entendo nada. ao mesmo tempo, teño medo de magoala ou de que finalmente acabe por pensar que son un sicópata, se non o pensa xa (de momento, eu descarto selo). estou sen argumentos, sen estratexias. ademais, os fans dun e doutro bando encírranme: non lle contestes, contéstalle, pasa dela, fai como que pasas, insiste. recurro a jacarezinho, ese perito, pero agora só cita en grego e entra na epoghé.
é tan fascinante cada segundo, tan espectacular cada detalle deste mundo, que non entendo que este blo trasluza melancolía, como insinúa Fufli.
obxectivo: perder dous quilos de aquí ao sábado.
uganda
probas evidentes de que este mundo non ten traza de melancólico, recollidas no día de hoxe: unha, a mensaxe de kate, que se despide cun inestremábel ciao amigo.
Dúas, x.c. caneiro sae na radio reivindicando a nostalxia das cancións de roberto carlos e un entende por qué hai xente que, como o rei midas, todo canto toca se converte en solicitudes de asilo político.
Tres, ronaldinho revaloriza a catedral de santiago.
Catro, un sucedido: unha rapaza santiaguesa vai mercar un teléfono de contrato. como perdeu o carné, amosa o pasaporte. comproban o número na máquina, para saber se é morosa, e o que lles sae é que é ugandesa. Evidentemente, amena non lle pode facer contratos a cidadás ugandesas.
Que máis probas queren?
maternidade
Leo nesta xoia que ando a ler: "se a verdade é a nai do odio, a mentira será proxenitora do amor".
quizais por iso, nesta noite especial soño que iop está embarazada e que por ese motivo a felicidade estoura no mundo como unha piñata. pregúntolle a peke, sabedora das fábulas de morfeo: estes soños adoitan indicar un período de espera bastante prolongado, necesario pra algo, probablemente pra completar un proxecto. unha área nova do noso potencial ou personalidade está desenvolvéndose. como supoñedes, as cábalas dispáranse como se saltasen á procura da auga marciana.

2.3.04

recaída
Alguén, dende google.co.uk, busca 'Kate de Cesare' e chega ata aquí.
laranxa
Co estrés destes días, non anotei a compra dun cedé fabuloso de Miquel Gil (tocan os meus amigos de pomada) e dun non tan espectacular de marlango. Tampouco dixen que vin un chavaliño moi xeitoso e suaviño, que me gustou moito, e que padece un inconveniente reintegracionismo (non podes quitar todos eses -bles?, dime).
Tampouco que fun tomar un viño con 12Uvas. Falamos de Londres, da emigración, dos restaurantes españois e dunha tenda cutreira en oxford street. Achéganse os días máis difíciles: debo devolverlle todo o que me deu nestes dous meses, todo o que aprendín. Pero de súpeto o aire é helio, e non me nacen os cariños.
Pasa o camión do lixo. A habitación aluméaseme en laranxa. Agora non.
mentira
Preocúpame a cantidade de mentira que hai neste blo. Nun momento dado, co episodio dos piollos patos (ou quizais antes), asumín o principio de verquer aquí toda a verdade do que me sucedera. Pero iso, claro está, é falso. Minto por non contar, minto por contar de máis, minto por aquelar o contado ou por darlle verosimilitude ao real...
Creo que confundín falta de pudor con verdade, e sen embargo, estas balas son o máis verdadeiro que fixen nunca.

1.3.04

gregos
Xa dixen que estaba a ler unha breve historia da mentira. Despois do exame da súa prohibición e dos seus tipos (agostiño de hipona, tomé de aquino, kant...), o libro cambiou de plano e pasou a loar a mentira. Ao parecer, os romanos tiñan os gregos por mentireiros integrais. Aprezaban moitas cousas, pero detestaban neles a inxente cantidade de falsidades e a falta de respecto total pola verdade. De feito, o libro fala de Ulises coma o protótipo do mentirán.
Sen embargo, para os gregos os que mentían de verdade eran os cretenses. Incluso Ulises, nalgunhas das súas múltiples mentiras, inventa que é de creta ou que vén de creta, nun paripé sobre a súa propia falsidade
Precisamente hoxe no café falamos das aldeas brutas e de que alguén debería ir un día á procura das xentes máis bestas: en santiago din que os de angrois; en angrois que os de touro... e así ata trazar o círculo. Ou o trisquel.
En realidade este post ía sobre os gregos; polas súas rúas en obras pasei unha das semanas máis marabillosas da vida. E se cadra ao final era todo mentira.
baleiro 2
Levo tempo sen bloguear. Nin escribo nin leo. Ando con demasiado traballo; comezo a estar farto.
Penso ao longo do día en moitas cousas pra bloguealas, e despois esquézoas. Un guionista de cine preparaba as películas tomando vermús con olivas nas terrazas dos bares. Non apuntaba nada, nin nas servilletas de papel. Dicía: se hai algo realmente bo no que se me ocorra, lembrareino.
Por iso eu chego cos dedos baleiros.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?