<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

24.2.06

necesidades
Quedo cun programador informático humidtowner, no paro. Leva un chaquetón longo, escuro, que agocha un bandulliño xeitoso, e responde ao conceuto de informático aburrido, sen vida, completamente armarizado, insípido como a sopa de sobre e inodoro coma o sangue de lamáchiga.
Insiste en fumar un pachuzo comigo antes de bicarnos, pra relaxar. E logo iniciamos un sexo bastante precario que, nun repente, se detén: el está apertado coma un pangolín ao redor dun dos meus brazos. Rotatoriamente, todos os movementos sexuais vense pausados por enrolados coma este: agora unha perna, agora un brazo, agora o peito todo...
Miro pró teito e falo coas miñas células: prezadas, deixade esta noite os citoplasmas ao pairo. Que a vosa inercia pareza cariño.
hipoteca
Nestes últimos días vin o desolador filme O pesadelo de Darwin, tan útil e ben estruturado como desaconsellábel prás ánimas sensíbeis. Estiven con Martin, Bossanova e un inda-mais-fermoso Ben Harper nun concerto de música brasileira, nun bar brazuca con expendedor de tangas no baño das rapazas. Ceei a fartar con eles no senegalés. Tomando o seu arroz picante con peixe e vendo as percas do 'Pesadelo' sentín unha morriña suxa, ganas de voltar a dakar, e dor. Lin un intento tan voluntarioso como soso de falarlles de homosexualidade aos nenos, chamado O día da ra vermella. Pillei a molladura do século, fincando estadullos nun campo de cros baixo ventos de 110 km/h. Empecei a recoller cinco ou seis veces os papeis do cuarto. Andei en bici. Traballei en exceso. Comecei un par de iniciativas que me motivan moito e que probabelmente non rematarei. Recibín a senalcume, que chega coa vasoira cargada.
E durmín moi poucas horas, moi poucas, pero estou en tratos pra que mas desconten na seguinte vida, nunha especie de hipoteca de karma a 30-60-90. A ver se ma conceden.
privada
O outro día falaba peke das diferenzas que existían entre os rapaces que estudan na privada e os da pública. A miña experiencia, que non é nin de perto tan grande como a súa, vese completada estes días con dúas paroladas consecutivas nunha escola da privada relixiosa. O resultado: moito máis calados ca na pública ou na privada laica, e polo tanto menos participativos. Ben é verdade que quizais eu estiven máis torpe ca outras veces (falei dos flocos de mazá e do formidábel vídeo de mariademallou e lualdao), pero albisquei unha (outra) fenda social que non coñecía.
E o máis curioso, parecéronme fisicamente dous anos máis novos do que deberían.

22.2.06

rapantes
As miñas dúas primeiras lembranzas televisivas correspóndense cos meses iniciais de 1981. A primeira foi a demisión de Suárez. A segunda, o golpe de estado do 23 de febreiro.
Naquel serán ceamos rapantes. Fritíaos miña mai. Miña avoa fora á perruquería e mamá andaba moi preocupada porque lle pasara algo nas rúas de Atenas. Miña avoa, militante da dereita cedista na preguerra, estivera casada cun alcalde ateniense dos anos cincuenta.
Naqueles tempos da pana na casa ceabamos moitas veces rapantes, rapantes rebozados con pan relado. Aínda hoxe ao xantar rapantes lembro a emoción daqueles divertidos momentos, correndo da pequena saliña onde estaba a tele ata a cociña pra informar a miña mai do que estaba sucedendo aló dentro.

21.2.06

descubrimento
Formidábel.

17.2.06

laranxa
Ao redor hai un remuíño de novas, unhas excelentes e outras preocupantes, e moitas moitas máis. Soben, baixan, corren como follas levadas polo vento do outono, como burbullas nun iacusi, coma virus polo peito dun ánade.
Son as cinco da mañá, e acabo un dos múltiples choios en que ando metido. Estou tan esgotado que me entra ese pánico estúpido a ir prá cama. E mañá tantas tantas tantas cousas... Pero creo que no fondo se trata disto: apertarlle o zume ata que non quede nada máis, ata que sexa unicamente unha pelica gastada de vida, con olor a laranxa.

Regueifeiro, moitas grazas por pasarme esta xoia de Leo García. Non sei cantos milleiros de veces escoitei esta noite a canción Morrissey. E coa neurona que me queda, ademais, albisco que ten unha fermosa homoletra.

15.2.06

fume
Se por azar le isto o meu escritor favorito (nota pra gúguel: xavier queipo), gustaríame que me explicase qué demos lle viu a 'boas noites e boa sorte', ese filme que acaba de estrear o fondecho e sosainas george clooney. A partir dunha historia moi boa, a da caída do senador McCarthy, consegue construír unha fumarada grandilocuente e apesarada que me deixou totalmente extraviado. Inda agora non sei qué pasou exactamente, quen era esa mociña preta, quen era aqueloutro ¿senador?, e qué pensaban de todo isto os personaxes (todos, en xeral). Filme trampullán, pra maior vagroria de progres e xornalistas, vai acompañado dunha subtitulaxe verdadeiramente diabólica.
Con todo, foi aplaudido por un par de persoas ao remate da proxección. Quizais unha delas fose rosamaría mateo, presente na sala: máis vella, máis baixa e máis señora cá que sae na tele. A realidade é así.

14.2.06

castin
Durante a miña efémera participación en cifras&letras coincido nos corredores dos estudos con rebeca, unha mocita de cabral moi aquelada, vestida e maquillada. Vai concursar detrás miña e infórmana das convencións do programa.
A súa sorpresa é abisal. Un día, mentres durmía ao mediodía descansando do seu propio lecer, rebeca recibe unha chamada da nai dende o traballo: curre, vente, que eiquí ao lado andan a facer un castin. Ela vai, cubre unha ficha persoal, unhas preferencias, e o que entende que son uns exercicios psicotécnicos baseados en cifras e en letras. Ao que chega aos estudos de gravación comprende o erro: aquilo é un concurso, 'aun encima en gallego" e a súa carreira como artista debe quedar adiada unha vez máis. Abandona a escena sen concursar.
Outro participante vigués, traballador de citroën e profesional da liscada nas peaxes da A9, decide empregar correctamente o dicionario co que agasallan os perdedores: vai ir cambialo ao corte inglés, a ver cánto lle dan.

13.2.06

T4
Un retraso en lavacolla, un erro no switch (sic) que impediu a nosa decolaxe durante unha hora e un looooongo paseo a bordo da aeronave polas novas pistas de barajas tiveron premio: a delicada, grandiosa, linda e aínda algo baleira terminal4 e un barataria moi divertido e caseño que me recolle contra o seu peito no aparcadoiro. A primeira visita-alustro a Ciudad-Ajo dende que comezou a vida-de-domingos-ocupados.
fotos
I
. Pásame a sorprendente todonada un exemplar de Vanidad. De 8 anuncios publicitarios que amosan parellas, 8 son heteros. No EPS sucede o mesmo. Non me sorprende.
II. Merco o xornal no aeroporto e tráeme o arquivo-xunto dun groso e molesto volume de fotografías sobre a transición. Ademais da indiscutíbel presenza de felipe gonzález, ao que se ve verdadeiro heroe da reforma política, chámame a atención a ausencia da ghalleira: das 286 páxinas só unha ten un lene trazo galego, a da reunión de forzas políticas estatais á que asiste Valentín Paz Andrade. Ben, claro está, se non contamos a manuel I, daquela aínda non rei de galiza.

10.2.06

queda un
Madrid. Vaticano. Pion-Ian?

9.2.06

cifras e letras
Que se a sorte, que se o outro era un cocón, que se os xabarís estaban en mal estado...
Ou sexa: seguimos buscando fonte de finaciamento pra rematar febreiro.

7.2.06

chascarraschás, II
Se este fose un blog porno, o post podería titularse fodendo no obradoiro da costura. Pero non o é. Por iso máis importante cás pirolas é que Subestrela estabelece a nosa primeira cita nun piso das aforas. Advírteme: hai unha placa co meu nome no portal. Efectivamente, nun bloque de edificios perdido, lonxe de todas as partes, a placa pon 'Subestrela - modisto'.
Quedo coa boca de piano ao ver os manequíns e os rolos de tecido pousados por onde nos imos bicar. Cóntame Subestrela cómo fai vestidos de voda, cómo cose traxes tradicionais e os manda a andorra polo alsa, cómo tocou a tuba na banda da aldea durante anos, cómo ten un irmán nunha emisora local das canarias, cómo deseña webs unicamente con flash e cómo anda a voltas cunhas camisetas promocionais dun programa de radio onde, ademais, realiza colaboracións...
Todas as súas historias son fantásticas, e cóntaas tan ben e cun galego tan mallado, que non podo parar de rir durante minutos e minutos. Podería explorarlle o obradoiro a este modelo de gai de aldea, deténdome nos xustillos, nas zocas, nas perchas, nas tesoiras ou nos retrincos de prensa enmarcados que levan o seu nome. Pero respecto o seu contorno de traballo e metémonos no choio dun sexo desacompasado pero prestoso.
Logo pídeme que o leve prá casa dos pais, que desa hora xa non hai buses. De camiño cóntame o chiste do galego que vai a Franza: galego camiña detrás dunha moza espectacular - á rapaza cáenlle os libros - galego recóllellos - merci beaucoup - bo cu e boas pernas!.
Quizais algún día esta caste de gais sobrevivintes desapareza: ata daquela hai que aproveitalos.
multa
200 eurazos por pasar en outubro 30 km/h por riba do límite de velocidade. Págoos rapidamente e quedan reducidos a 140. Obxectivo de febreiro: explorar estratexias para a recuperación económica.
chascarraschás
Escoito na radio unha versión dun tema de uxía interpretado por faustino santalices setenta anos atrás. E flipo. Flipísimo.
atletismo
Hai trece anos deixei a práctica do atletismo. Agora regreso na nova faceta de asistente de xuíz, á agarda de que en novembro poida aprobar os exames de xuíz galego. Ademais de aprender a facer ballestrinques, a miña primeira xornada de agarrante resulta moi proveitosa:
• o contorno do atletismo segue cheo de flipados. Xente que asegura que se retirou nun cros urbano porque se lle declarou unha periostite instantánea, poxadores de marcas (11.8 no sétimo 100 dunha serie de dez no ano 96), e especialistas en xeral.
• os xuíces seguen comportándose cos mesmos criterios: unha nena de once anos tropeza e torce o pé durante a carreira. Tirada no chan no medio do circuíto, non pode poñerse en pé coa dor. Unha xuíza apréndeme: 'non podes axudala, porque en canto a toques quedará descualificada da proba'.
• o mundo real é castelanfalante.
• existe unha extensísima colección de comentarios, chistes e brincadeiras que teñen como centro a homosexualidade. O mundo real masculino caracterízase por estas grazas homófobas.
• os croses seguen sendo a proba máis aborrecedora, fría e desagradábel que dar se pode.
• os adestradores dos colexios seguen enviando a croses a nenos e nenas que non están preparados prás probas, coa única finalidade de que trousen, cansen, sexan dobrados, pasen frío, apañen gripes e amen fondamente a práctica deportiva.
Pero, no fondo, estou moi emocionado. E estudando.
lamas
Daqueles veos estes incendios.

6.2.06

cross-country
Paso toda a tarde de venres chantando estacas e largando fita pra un campionato de cros. Dóenme as mans, as pernas e os cadrís como se fixera algo importante. 350 paus despois, cando xa estou pra acabar e o sol vai marchando veloz, ergo a cabeza e vexo todo o circuíto, sinalado coas fitiñas de deportegalego a abanearen ao vento. A paraxe é desoladora, practicamente sen árbores, e pódese seguir o percorrido moi doadamente. O bruar do vento nas fitas é impresionante, como un esteo na calma.
O olor da camposa, o ruído, o solpor e, sobre todo, o esforzo físico, excítanme por sorpresa. Xusto nese momento chégame unha mensa de Xastriño, que me pide cita ao pé da N525: cruzo o país pra recibir a súa forza na gabia dunha pista rural. Sinto os músculos desapareceren.
manías
Rétame o xenial Kaplan ao teste das cinco manías. Remoio no muíño durante días, porque non me sae a conta das cinco. Finalmente, velaí van:
1. No subxénero 'ducha': ao meterme baixo a auga, instintivamente coloco o meu brazo esquerdo pregado verticalmente sobre si mesmo; o outro brazo dóbroo en ele sobre o peito, e pouso a man por baixo do cóbado esquerdo, co que entre os dous forman un U. Por iso as duchas que non se poden pendurar sobre a cabeza me resultan tan incómodas.
2. Non soporto agardar pola xente mentres se viste, nin esperar pra saír da casa cando eu xa teño todo listo.
3. Odio as rutinas no almorzo: procuro facer cada día unha combinación distinta á do anterior. Ah, e des que vin a tonyblair nunha foto facéndoo, almorzo de pé.
4. Papo as narrias cando creo que ninguén me ve.
5. Subxénero mesturas gastronómicas: a única comida que me avolve os dentros é o ananás na piza.
heroe
Vou ver con Itopo 'O heroe', de Sarabela sobre textos de O"Rivas. As dúas primeiras escenas son tan precisas e están tan perfectamente trazadas que se me poñen os pelos dos brazos como escarpias. Logo a obra continúa bastante ben, pero afastada da perfección que ten conseguido noutras ocasións o grupo. Ás veces berran moito, sen necesidade. E ademais perderon a oportunidade de eliminar un personaxe absurdo, tópico e inoperativo que aparece coa única finalidade de sabotear o ritmo da peza.
Tense dito que o texto é demasiado narrativo: non o vexo así. Na correcta gallada entre o dramático, o lírico e o narrativo (e non me importará ser cuspido por iso), o erro principal é o tema: estou ata a cona de historias sobre enviados comunistas durante a posguerra, enviados que, como precisa Ian, non viñan nunca.

2.2.06

diálogo
Paso por diante da biblioteca universitaria e vexo dous mozotes a falar:
—Y que pasa si no podemos usar la de repetición?
—Pues nos queda la semiautomática.
convulsión
Barataria proponme quedar na sala, pasar o tempo xuntos sen facer nada: é a última noite, ao día seguinte marcha no bus de cedo pra Ciudad-Ajo. Pon a tele, e eu conéctome pra acabar labores do traballo. Despois cansa da tele, e abre un cómic. Despois di que ten frío, que marcha prá cama, que me agarda alí.
Cando vou pra onda el xa dorme. Apago a luz, íspome, e encáixome sen facer ruído no espazo que me limitan el a babor e Ulises pola popa.
Ao pouco el, que quizais percibiu o peso do meu corpo no futón, vírase e bótame os brazos pra amarrarme e ás cegas incribelmente acerta co meu corpo. Collido como un coala a un eucalipto, segue durmindo sen abrir un ollo sequera.
Pero, de súpeto, sofre unha convulsión no ventre. Queda sen respiración. Achego a orella ao seu peito e non sinto nada. Asusto. Logo outra convulsión nas pernas. Nada, non reacciona. E logo, suavemente, recupera a respiración e a vida, como se nada pasase.
Máis tranquilo, afundo nas sabas e zúgolla ata o final. Hai que celebralo.
por que?
por que levo máis dunha semana sen actualizar o blog?
Por esta orde: por traballo, porque a finde estivo aquí barataria, porque me falla a memoria.
e miro pra atrás e non me caen as palabras.
tabaco
Nunca fun non-fumador militante. Todas as miñas parellas fumaron, incluso tabaco, e non se me pasou polos miolos o de lindarlles a paixón nin nos peores días da miña sinusite. Pero agora que os meus tres bares favoritos deixaron o tabaco, agora que no traballo tamén desapareceu o fume e a cargación, empezo a descubrir que as cousas ulen, e que si, había un mundo mellor.
Sobre todo, agora podo aprezar ese amargo olor que deixa un só pito cando se fuma. Non é tan fermoso coma o do haxix, nin tan intenso coma o dos cigarros, nin tan éxotico como o da cachimba, senón máis ben agre e rampleiro como unha tarde de luns. Pero existe e podo percibilo.
novas
Chegan boas novas de senalcume, de henri, de iop: cada unha polas súas razóns.
O universo mellora lenemente.
arte
Entre os moitos despropósitos de irreal intauto non foi o menor o de propoñerme que fixera crítica de arte pra un xornal. Nunca souben se ía en serio ou en chanza namais, pero certamente de arte non teño nin idea. Vou ás exposicións cando lle cadra, e quedo case sempre bloqueado á hora de encadear palabras e reaccións. Ben, o certo é que a maior parte das veces non hai reaccións.
Nestes últimos días fun ver varias cousas: xesús vázquez sorprendeume moitísimo porque non agardaba nada del. A serie de batallas, con nomes de cidades tatuados do revés sobre grandes lenzos sobrecargados de vida, foi fantástica. Pero entroume a présa e acabei cedo na de Roman Signer, unha especie de provocador que só nalgunhas ocasións contadas inventa algo con humor. O sábado, con Barataria, fomos ao Marco pra ver unha temática ao redor do momento suspendido. Estes cortes nesgados na arte están ben, pero neste caso as pezas elixidas acho que non tanto.
Cando marchabamos, o novo director do museo, co que comparto algúns fragmentos de pasado, estaba mirando a exposición cos brazos en asa, como medindo algo. No piso de embaixo, unha gavilla de grafiteiros guindaban esprai con bastante arte e pobre resultado contra os muros brancos da institución.
Ante todo aquel espectáculo de fotos, persoas, carreiras e expresións, crimos que era boa idea ir cear.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?