<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

2.2.06

arte
Entre os moitos despropósitos de irreal intauto non foi o menor o de propoñerme que fixera crítica de arte pra un xornal. Nunca souben se ía en serio ou en chanza namais, pero certamente de arte non teño nin idea. Vou ás exposicións cando lle cadra, e quedo case sempre bloqueado á hora de encadear palabras e reaccións. Ben, o certo é que a maior parte das veces non hai reaccións.
Nestes últimos días fun ver varias cousas: xesús vázquez sorprendeume moitísimo porque non agardaba nada del. A serie de batallas, con nomes de cidades tatuados do revés sobre grandes lenzos sobrecargados de vida, foi fantástica. Pero entroume a présa e acabei cedo na de Roman Signer, unha especie de provocador que só nalgunhas ocasións contadas inventa algo con humor. O sábado, con Barataria, fomos ao Marco pra ver unha temática ao redor do momento suspendido. Estes cortes nesgados na arte están ben, pero neste caso as pezas elixidas acho que non tanto.
Cando marchabamos, o novo director do museo, co que comparto algúns fragmentos de pasado, estaba mirando a exposición cos brazos en asa, como medindo algo. No piso de embaixo, unha gavilla de grafiteiros guindaban esprai con bastante arte e pobre resultado contra os muros brancos da institución.
Ante todo aquel espectáculo de fotos, persoas, carreiras e expresións, crimos que era boa idea ir cear.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?