<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

1.12.05

cineuropa IV
Rematou novembro e con el cineuropa. Sorprendentemente, hai moito menos público ca outros anos: en 19 filmes só nunha ocasión me tocou ir prós palcos e sempre pillei entrada no patio de butacas. Así que vai resultar certo que o pracer masturbatorio do dvd está acabando co cine en grupo.
Nesta última tanda vou ver o documental Vinícius, do que martinpawley falara tan ben. Só se me ocorre un xeito de facer un documental peor, pero afortunadamente a vida e a paixón do cantante brasileiro sacan forza do imprevisíbel. É mellor vivir ca ser feliz, dicía el. E vese nos ollos marabillosos de chico buarque, no sorriso sorprendente de ferreira gullar e sobre todo as únicas secuencias del, totalmente borracho de güisque, fumando, deixándose caer de esgotamento sobre o sofá de escai.
Tamén por consello de martinpawley acudo ver un filme mongol, A cova do can amarelo: unha cadea de eventos etnográficos, ben trazados e sen máis alegría: fotos bonitas, rodas de carro, costumes nómades e chascarraschases mongois varios. Está ben pró frío saber que aló os veráns son así.
Quedo definitivamente flipado con Manderlay, de Lars von Trier. Non vin Dogville, e non sei se esta lle segue polo pau. Pero a sorpresa é total. Ademais de toda a reflexión sobre a liberdade, a democracia, a vontade, a capacidade e a traizón, prá que necesitaría un computador cerebral tres veces máis potente, o espazo escénico déixame remoendo toda a noite. Tome nota, ánxelescuña, de por onde vai o teatro. Isto é o que quero ver entre nós. Anque haxa que filmalo con cámaras.
Os Estados Unidos de Leland pasan unha vez máis pola vía de adolescente asasino (versión adiñeirado) e resulta tan entretido como prescindíbel, e Un ano sen amor é un filme sobre a sida, e polo tanto imprescindíbel, que ten como maior mérito o protagonista e levar á pantalla ambientes reais de sexo SM en Bos Aires. E pouco máis.
Ah, ademais asisto a unha pretensiosidade francesa sobre pighos espiritados, rollito multiculti e ralle xeneralizado. Quedo fóra de Moolaadé, polo horario: non se pode estar no allo e mais no tallo. Pillareina en DVD.

PS: Xa acabei cos targetblanks. Tamén cos [b] e os [i].

This page is powered by Blogger. Isn't yours?