<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

27.12.05

gala
A tarde do domingo é fera e ameazadora, así que tento pasala metido no sofá, aforrando todos os movementos posíbeis. Comezo un par de sudocus, pero é un esforzo intelectual demasiado grande pra esa sesta de mazapán, e déixome engadar pola televisión. Zapeo en roda e caio na repetición da gala de Noiteboa da TVG. Aguántoa, a medio camiño entre o experimento sociolóxico e o abismo (comprobo que ao lado escuro tampouco lle gustou: así o din aquí e acolá).
Houbo grupos galegos, cando menos na parte que eu vin: Malvela, DeLuxe, Uxía, Luz... Pero iso a min pouco me importaba, pois o peor foi o resto. A fiada zoupona e cutre de esqueches transmitía a sensación de que a gala se estaba gravando a comezos dos 80. De feito, ao mesturaren imaxes actuais coas da prehistoria da tele, ás veces perdíase a consciencia do tempo: distinguíase a arquividade das tomas só polas enrugas dos presentadores. Pedantes, atrapados no paradoxo de facer galas de nadal prá xente que non lle gusta o Nadal, romos nas chanzas e inaceptabelmente aldraxantes cando se bulraron de xoanpardo porque este ano non presentaba o programa. Imaxinan vostedes a xoanpardo rindo na tele de antonio durán morris? Non, e aí é onde se ve a clase. A este paso, os novos responsábeis da tele conseguirán o que parecía imposíbel: perder un público fiel sen gañar nin sequera un só espectador novo.
O mellor momento de todo o programa foi un flashback, unha imaxe do pasado: Marta Sánchez di a enigmática frase de 'Brindo para que Galiza non esqueza, e xa sei que me ides cortar...', á que lle responde xoanpardo 'aquí non se curta nada'. Non parece verosímil que exercicios así se puidesen dar na lama que conduciron morris, evaristo e taracido, seguramente tres dos mellores humoristas do país.
Por sorte, ao rematar puxeron Pratos combinados.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?