<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

22.12.05

jacarezinho
O xantar de despedida a Jacarezinho resulta bastante divertido, anque a enchenta de churrasco deixa tristes e insistentes secuelas no meu bandullo. Jacarezinho marcha do traballo que compartimos nos últimos tres anos, e inda non o asumín: parece que en calquera momento se vaia erguer e romper o silencio cos versos dalgún poeta máis esquecido ca morto.
Jacarezinho foi o meu ídolo. Era outro tempo, si, pero eu pensaba que aquela vida de solteiro era a fórmula máxica para tirarlle o máximo beneficio á adultez. Sexo, libros, quilómetros... Logo funme decatando de que pouco diso era certo. Era máis ben a cara amábel dunha montaña de caos, algo así coma o bañista arrastrado que queda, enfadado e co cu na area, ao retirárense as ondas que o derrubaron. Sumáronselle a esa percepción diversos problemas laborais que non axudaron a nosa relación. Pero seguimos (seguiu, sobre todo), mantendo a cordura.
Agora míroo e compréndoo. Compréndoo perfectamente nas súas limitacións, nas súas fraxilidades. Éntrame a tenrura. Gustaríame erguerme da cadeira e irlle sobar algo o peliño branco da cabeza. Pero agora só hai unha repoluda e atrevida melena.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?