<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

15.12.05

quincalla
Levo días arrastrando un pesado fardel de posts perdidos.
Había motivos. Primeiro algo de desilusión, despois axiña a xenial visita de Barataria, logo tres xornadas de traballo espremidas ata o último segundo da madrugada, e pró remate unha finde atarabelada. Conforme aumentaba o peso do fardel facíase máis difícil postear. Perdín moitas cousas nos blos amigos. Tampouco fixen aínda esa reforma que me pide o corpo e me esixe Naraío Nazón.
Agora, na cama, despois de romper de novo os lentes que Ian me pegara maxicamente, boto o fardel ao chao. Ábroo:
• Un espectáculo de travestismo e carraxe impulsado pola mexicana Astrid Hadad. Como cheguei tarde non podería xuralo, pero fíxoseme algo eterno.
• Levaba anos soñando con este concerto, pero Salif Keita venceu os soños. Máis ritmoso ao comezo, directamente ás vísceras nun relanzo manexando a guitarra como se fose unha cora, e fin de festa danzamente africano, con inmis e coas mans de Barataria apoiadas sobre os meus ombros. Mirábamonos, sorriamos, subhastábamonos percusionistas.
• Visita sorpresa a Peke e a Bolli, que remexe no lume. Barataria queda prendado deles. Normal.
• Excursión polo Porto pra comer as tripas. Paseos ao frío e ao sol da ribeira. Actividade comercial. Té de rooibos no artesempartes. Barataria, que nunca viñera ata aquí, fica moi contento; quere volver con máquina. Na próxima saudaremos ao renas, sairemos na noite e quedaremos a durmir. Vai haber próxima.
• Comezan as dores de gorxa. Proseguen as diarreas: xa levo un mes.
• Velorio da avoa do Plattdorf. Ás veces parece máis sensato facer as cousas na casa. Lémbroa tamén eu, un pouco, saíndo por unha porta interior, como se pasase algo, en tenro equilibrio entre o medo e a calma. Pasamos uns breves minutos co Plattdorf, movéndolle a mira da carabina. Pero no avión e na cama non puidemos estar con el.
• De volta pola autoestrada, sesión de psicoanálise intensa con (m)alicia. Reflexión sobre o conceuto de 'foder por militancia'.
• Fodo por militancia cun brasileiro estraño que me bota 21 anos. Agradado polos nove de prórroga que me concede, déixome levar en taxi ata o seu piso, a poucos metros do de kate. Comparte morada, ao que se ve, con traficantes de torradoras, batedoras, televisións e demais electrodomésticos. Dorme entre dúas mantas, sen sabas, baixo unha luz ultravioleta para facer brillar os dentes, os calzóns e os globos dos ollos dun himalaia de perruches que nos observan dende todas as partes. Teima na penetración anal, e canto máis teima máis me lle reviro. Logo proponme sexo inseguro. Así que a piques de eu marchar, optamos por unha sosa solución de compromiso. Ao saír da casa, á amañecida, penso en kate.
• Pra desintoxicarme, ando en bicicleta con senalcume, que vén cargada de boas novas. 16 kms. de noia ao cruceiro de roo, e volta. Frío, cansazo nas pernas. Liberación. Suor. Máis diarrea.
• Teño un encontro con rapaces e rapazas de quince pra falar con eles disto dos blos. Os seus profes dinme: non son coma nós cando tiñamos o seu tempo, hai que ir máis amodo. Pero algúns deles teñen blos e unha espabilación que xa me gustaría atopar na miña clase de 40 alumnos en 1989.
• Finalmente, e logo dunha visita a meus pais, quedo con Ferre para saber qué foi o que pasou na súa vida que o ten tan fóra de si. A historia que me guinda mentres paseamos polas pistas de atletismo atenienses é moito máis do que eu tiña capacidade de escoitar. O mundo fáiseme máis áspero, e ao mesmo tempo máis humano. Non podo contar ren, porque el expresamente vedou este blo. Pero se existe unha novela sobre a desilusión, esa é a súa.
Recollo o fardel. Seguimos viaxe.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?