<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

31.12.04

sorpresa
E cando co último folgo me achego ao peche do ano, logo dun mes de traballo certamente asfixiante, aínda me cruzo coa marabilla da vida. Por exemplo, coñecer a Preocupación, un rapazolo de 19, do interior, estudante de trompeta, recepcionista nun hotel, condutor dun golf gti tunado e virxe. Por se non me chegara xa con esta responsabilidade na segunda vez que a enfronto, el é un obsesionado das exaculacións e das ereccións. Así que calmo malamente a súa inquedanza poñéndolle a man nas pálpebras, deitados un ao carón do outro, e acompáñoo ata o coche na outra punta da cidade.
Na casa quedaba durmindo, no sofá, Lánguido, aquel rapaz co que me liara na área de descanso da AP-9 a noite das eleccións europeas. Chego, recólloo prá cama, e durmimos só unha hora nunha aperta. Despois espertamos ás présas, lévoo a estación do tren, e vou prá oficina.
Creo que se trataba disto.
silenzo, II
Un ano máis remata. Coa esperanza de vida do home occidental branco só poderei dicir esta frase 49 veces máis. Moitas? Parécenme poucas. O silencio logo chega.
Desculpando a autocita, iso era o que dicía hai un ano, neste día.
E agora, mirando pra atrás, vendo este fecundo ano da hospitalidade, do futuro, dos milleiros e milleiros e milleiros de quilómetros, creo que o propósito está cumprido. Caerá o silenzo, pro collerame esperto.
heráclito
Estou con Iam e coa súa princesa tomando un viño. Acaban de agasallarme Q, un libro que quero ler dende hai tempo. Iam, esoutra das cousas marabillosas deste ano.
A ese viño súmase, por azar, un vello profesor de ética que hai case quince anos que non vexo. Pregúntolle pola vida, polo que fai ás tardes: ten montado un segredo grupúsculo en atenas que fai leituras de heráclito en alta voz, mirándolle nas costuras a súa relación cos movementos de masas, con NM, co zapatismo.
Parece que todas as reflexións apontan ao fluído, cada vez máis rápido.
globalización
Reunímonos con Henri na cidade, logo de ver unha expo moi wai no marco. Están pasando na súa casa o primeiro nadal sen o avó; pero Henri ponse igualmente elegante pra levar o sobriño ao cine. Tomámoslle unha pesicola nun pub e no medio do reconto das novidades poñémonos I Topo, Henri e eu a enumerar os estados USA: non os colocamos en orde, nin xeográfica nin alfabética, pero aí quedaron todos, mesmo delaware ou vermont, guiadiños como fungallas.
Fóra chovía, e ía moitísimo frío, como quizais en rhode island.
Horas despois, e algúns milleiros de quilómetros ao leste, unha grande onda mataba amigos e curmáns de Romesh, un pequeno ceilandés co que Henri pretende irse a vivir pró ano en oxford. Manda mail: apenas teñen comida, e el é dos ricos de colombo.

25.12.04

lusofonía
Naceu nunha aldea próxima a campo grande, no estado do matogrosso do sul, hai vintepico anos. A súa pailaroca familia do interior brasileiro, por non mandalo ao perigoso san paulo, xuntou os aforros da vida e mercoulle billete pra portugal. Meses despois, acaba en atenas. Coincido con el nun coche. Usa unha noxenta colonia que fai remexer as tripas, pero bótolle eu as tripas e ao final acabamos fodendo ou algo parecido mentres fóra cae a xiada como unha coitela: comprobámolo ao saír pra pasar de adiante a atrás, ou ao revés.
Como sempre, insiste en falarme español, anque lle prego por tres veces que o faga en portugués.
Ao rematar, cóntame que está sen papeis, que ás mañás estuda nunha perruquería da cidade e que ás tardes peitea rapazas nun clube de alterne no centro de atenas.
non-nadal
O mellor que ten traballar tanto polo nadal é que non parece nadal.
nadal
Estamos nun café, o máis tranquilo que se pode. Somos tres, Bolli, Peke e eu, que vimos de cear nun restaurante moi wai onde esqueceron cobrarnos o viño. Dámoslle a un güisque. Pasa Fufli pola rúa, fedellando co móbil. Fágoo pasar e xúntanse dous dos meus mundos.
Rin, dinse cousas. É nadal, ou as vésperas.

23.12.04

tres razóns pra vivir, despreocupadamente
Hai un planeta enteiro pra experiencias.
Despois non haberá nada.
Ata o de agora fun feliz.

22.12.04

tres razóns pra morrer, despreocupadamente
Hai que ir facendo sitio.
Despois non haberá nada.
Ata o de agora fun feliz.
primavera

Xa se coñecen os días.

19.12.04

afonía
Miro pra estas últimas 48 horas e só podo sentir un xigantesco agradecemento: todo, todo o que me pasa é marabilla. O medo, a espranza, o repouso, a axitación, as interseccións co planeta e a súa xente: feitas están de filigrana de marabilla.
Estas 48 horas inzadas de acontecementos, coa pel rabuñada de felicidade, pásanme pola cabeza cando conduzo na madrugada dende ankara. Inda leo unhas páxinas de 'Marte vermello', cerro o libro e apago a luz nun interruptor que sempre falla, mentres a comunidade comeza a acender a calefacción e váiseme quentado a cabeza contra o radiador.
Non me queda un só fío de voz pra dicirme en baixo, entre as sabas, o flipantemente feliz que me sinto.
arreguizos
1. Ler no terranova, nos sofás, ata que aparece Dagha buscarme, fermosísima, pero non tan fermosa coma consegue poñerse o sábado á noite.
2. Rexistrar as lacenas da casa de Dagha.
3. Beber airan no novo turco de humidtown: plattdorf debería ver este festival de beleza indoeuropea.
4. Beber bissap na taberna senegalesa de ankara: 5Line cóntame nela parte dos seus últimos meses, fálame de dous anciáns hospitalizados con sida, do mozo (perruqueiro) e do seu tío, que vendeu a parte que tiña unha empresa de peixes e mailo piso do centro de ankara pra marchar a marraquex. Lembro, lembramos, comemos arroz.
5. Ver 'Jean Paul', o extraordinario último espectáculo de Belmondo, e colocarme na traxectoria de dúas rosas de tea que o actor lle guinda ao público, unha antes e outra despois, durante a obra. Pousalas sobre os xeonllos. Sentirme elixido.
6. Guiar dende xixón. Recibir unha mensa de Peke: tiven un accidente, estou ben.
7. Sentir o peito de Plattdorf contra o meu.
8. Escoitar a Felipe Lubián, Domingo Frades, Carlos Varela e Héctor Silverio na sesión da Academia sobre o galego estremeiro; lembrar as viaxes a Vilafranca, as neves de Lubián, sentir unha emoción, un orgullo, mollar as pestanas.
9. Recibir o meu primeiro agasallo de nadal. Escoitalo na tarde do domingo.
modernidade
Había tanto que non mercaba roupa pra min... Pero o acontecemento meréceo, así que me ergo como ben podo e vou ás carreiras mercar un pantalón, unha camisa e uns eslices antes de que pechen as tendas. A talla dos pantalóns é a 46, á que accedo directamente dende a 42 sen pasar pola 44. Négome. Esfrego os ollos. Dime a rapaciña: tallamos moi baixo. Ou moi alto. Combato a anguria dicíndome que flácido si, pero que aínda ando dentro do muro de contención dos setenta.
Saio das tendas sobre a hora e teño que meter unhas tesoiras no coche e arrancar pra ankara coa roupa vella posta. Cámbiome despois á tarde, nos baños do dublín, mentres agardo por pawley. Deixo os plastiquiños prendeetiquetas amoreados nun recantiño, no lavabo.
wolframio
Na paparota postacadémica, comparto tallo con Jaureguizar. Botamos dúas horas a falar de literatura e de provocación como consecuencia do artigo del sobre caneiro que a xente da mesa lle comenta entre sorrisos, morbo, e insusbtancialidade. En xeral, todos os que se pronuncian son anticaneiros, pero ninguén di nada de ser jáurico. Falamos moito e moito mentres rolan as fontes de churrasco. Faime un guieiro de lecturas europeas, falamos da xeración knows, de onde naceu, de que pinta rosaneiros nela, e escarallámonos un pouco disto e mais daquilo. Ao remate lembramos a xavier queipo. E decidimos meternos os tres, cada un polo seu lado, e en xeral decidímolo o país enteiro, a facer esa novela que falta sobre o wolframio.
wittgenstein
A mellor maneira de fuxir é botar a correr, e por iso acabo lambendo madrugadas o venres e mailo sábado. O venres, xogando en casa, pásolle a man polo bandullo a Mexicano (cruzamos sms; creo que podemos volver quedar), volvo a ver despois de tanto tempo a Lánguido, corre intimidade entre eu e Belokan, estou con Fufli e con Dagha e finalmente quedo cun rapaz algo pelouriño, pero simpático, de vernos no seguinte bar.
Pero polo camiño, nas rúas molladas, intercéptame Pinganobeizo: está bastante peneque, e di que me chamou moitas veces ao longo da noite. Aprovéitome del e róubolle un bico do fuciño. Despois déixoo estar, extraviado, dando voltas á procura de algo, mentres marcho con Eliziza prá seguinte parada.
E na seguinte parada está o meu pelouriño: bícame atordoadamente, apértame, facemos todo o que se pode facer nas escaleiras da disco, e incluso bastante máis, e ao final separámonos por dificultades loxísticas. Quedamos pra outra vez, pero terá que ser despois do martes, que ten un exame de filosofía da linguaxe: Wittgenstein, Russell, coñeces?, pregúntame.

16.12.04

soliptecnicismo
Na cafetaría cutre do meu hotel, sigo a xornada de traballo. Foi un curso aburridísimo sobre o funcionamento dun escuro xestor de contidos, e estou baldado, pero quédame facer cousas que quedaron no aire antes de marchar. O suplicio cursillístico inda continuará mañá. Tiña gana de ir ao cadelicio esta noite, pero ando na reserva, e tamén me apetecería coñecer algo xixón, que polo que vin na ida e volta ao curso parece ter bastante xeito.
O camareiro asubía 'numa numa iei' detrás miña. Son a persoa máis nova do local, como vinte anos. Fóra poalla. E aquí estou, entre o chan de seudomármore, os enfeites dourados da barra e un horizonte de maquetas de hórreos, facéndolle fronte á soidade co meu iBook G4 a través dunha conexión wifi á rede inarámica do hotel.

15.12.04

xixón
Anque me custa bastante logo da malleira de viaxe de onte, érgome moi cedo e vou facer unha das cousas que máis me gustan no mundo: aparcar no extrarradio. Despois vou camiñando cara ao hotel, de novo, na hora de apertura das primeiras cafetarías: autoescolas novas; novos adolescentes que agardan polo bus, fumando, ou non, con saias curtas de cadros, topicamente, ou con cristas, pantalóns caídos, futuro e despreocupación; tamén tolos novos fumando en cachimba, socialistas de audi, quiosqueiros, e unha lexión de cans aboando a cidade para un novo e intenso día: toda esa paisaxe descoñecida na que me recoñezo e desrecoñezo nun instante.

13.12.04

estudas ou traballas?
Despois de ler un divertido e provocador artigo de jaureguízar na Terra Deles, onde puña a feder mesmamente a xose carlos caneiro, fantaseei un pouco coa seguinte pregunta pra ligar nos bares: e ti de quen es, de jaureguizar ou de caneiro?
Evidentemente ninguén os coñece nos bares. Por sorte.
deixar constancia
Escoito a Ramiro Fonte falar da súa última novela na radio. Arrodeado, incluso oculto, por comentarios pretensiosos sobre si, sobre ser escritor, retoma un tema que Dagha, nese blo xenial e críptico, expresa tan ben: paréceme [esta novela] estrañamente feita con anacos de fuegho, de plattdorf, de anti, de min, dos meus. xa algunha vez me preguntara se escribirá alguén a crónica de nosoutros.
Ramiro Fonte insiste: alguén tiña que escribir a súa infancia, alguén tiña que deixar constancia.
Constancia. Só se me calman os arrepíos se pillo esta palabra á bizantina.
chinés
Ás veces o blogger interpreta que as miñas preferenzas de linguaxe son o chinés e devólveme todas as mensaxes de crear mensaxe ou editar post anterior en debuxiños.
A miña iñorancia non me permite saber se é chinés completo ou chinés simplificado.
Blogger tamén conspira a prol do meu estrañamento.

12.12.04

estrutura
Cando me ergo e comezo a recoller as cousas do piquenique megalítico de onte, dedico uns minutos a analizar a situación.
Problema 1: non teño a quen lle facer zume de pomelo os domingos á mañá.
Problema 2: o capitalismo estame acabando coas defensas.
Problema 3: teño ganas de marchar, como nunca.
Problema 4: o capitalismo tamén está facendo que o meu inglés non mellore, que non lle dedique tempo a estudar.
Problema 5: Boto contas e sáeme que de aquí ao quince de xaneiro só vou ter 3 días pra min.
A angustia da ponte foi só un síntoma; a crise estrutural estase chocando.
Sinto medo, pero fórzome a imaxinalo como un reto. Pecho a billa; tendo a roupa; saco o lixo; vou prá oficina.
horizonte
Por motivos laborais, estarei en xixón probabelmente de mércores a venres. O sábado, deusmediante, xantarei nesa taberna senegalesa da que fala pawley e irei a un acto politicocultural en ankara. O domingo, se podo, respirarei.
pedras
A risco de perder o pouco crédito que me outorga a Banca Contra, boto o sábado con Pinganobeizo e un amigo vendo pedras antigas. Suave, e incluso algo mecoseiro, fai toda a viaxe de copiloto: falamos, queda durmidiño coa música, reméxeme nas cousas do gardaluvas e deféndese dicindo que é casalandreiro (xa saben, confirmen ou rexeiten).
Unhas veces parece que me ofrece todo, por exemplo, cando me chama co nome do seu mozo oficial (1881 quilómetros ao leste) ou cando me agasalla cunha píntega de trapo que mercou pra min en milano. Outras négao, ou mantense impasíbel. Pero achégase, e cólleme do brazo cando paseamos polas rúas e o porto. Ou acaríñame mentres miramos pró dolmen de axeitos, os petroglifos da laxe das rodas en muros, ou unhas garzas e parrulos na lagoa de louro, baixo un solpor extraordinario. Logo tomamos un descafeinado nun bar de muros (no de sempre), e collemos estrada pra humidtown. Na radio poñen un programa que se chama A Píntega. Pinganobeizo préndeme lixeiro polo pulso mentres conduzo: nun segundo pasan as cousas de imposíbeis a posíbeis e regresan ao baleiro.

8.12.04

29 horas
A dor de estómago acompañouse rapidamente de dificultades pra respirar. O diagnóstico afínase: claramente anguria. Así que me meto en cama e aproveito unha das miñas mellores virtudes: ser quen de durmir, sen pílulas, sexa a hora que sexa. Paso 29 horas sen conectarme a un computador. Incluso boa parte dese tempo sen móbil, ou case. Durmiñando con Uli enriba, ao carón, outra vez enriba.
A sensación de baleiro é grande agora. Ten que ser.
Mañá comeza de novo a vida.
constantes
Durante este período de desconexión dedícome a labores de subsistencia: xantar [pouco], durmir. Tamén leo algo.
Dun plisplás doulle a volta ao interesante 'O exiliado e a primavera', de Manuel Veiga. Mólame, anque non é o meu mundo. O catalogador de novelas de temática homosexual, señor moi espilido en galiza, debería trazar un risquiño notábel, por delicadeza, por sensación.
Tamén vexo, con I-Topo e Sefarad, 'Cancións pra despois dunha guerra'. A última vez que a vin foi en oxford, no ordena de Henri. Como aquela vez, o único que podo sentir é odio. Quedo tempo estarrecido, remoendo cuspes sobre tumbas e cousas semellantes. E encantado aguén por unha película que debería estar nalgunha das listas de pawley, se non o está.
Finalmente comezo, prestado polo compi de Macnolo, Marte vermello, de Kim Stanley Robinson. Quedo preso na súa atmosfera de lene gravidade.
cirrio
Vexo un documental sobre animaliños: hipopótamos, quenllas area, cans de alasca, elefantes mariños, salmóns... Nun momento falan dos cirrios: un señoriño británico leva anos estudando neles; gavea ata unha torre onde aniñan; vese a cidade abaixo; parece oxford.
A semana pasada soñei con oxford. Non daba cuberto os papeis de inscrición, non os entendía, choraba. Sei que axudou na crise de anguria porque agora que o conto aínda se me anoa o esófago.
Véxome incapaz de acceder a oxford, de ter todo listo en tempo e prazo, de saber inglés abondo como pra entenderlles. E ao mesmo tempo, segundo a segundo, médrame a gana por marchar de aquí, por poñer algunha vez en TodoNada: veño de reler "Crónicas marcianas" nun avión que me levaba de Kuala Lumpur a Sydney....

7.12.04

walter
Veu walter dende ankara: fomos xantar e logo collemos o coche pra visitar os koalas. O koala estaba facendo obra: meten un cuarto de baño, o terceiro, no garaxe. A koala marchara a unha xuntanza do grupo de danza e gaitas.
Falamos moito, e ben. De sindicatos/xestorías e da euroconstitución, sobre todo. Ao final acabamos falando de soidade, de como nos imos facendo vellos e quedando fóra do mercado sentimental. Walter di que non lle importa: quere estar só; ten a súa rotina e non desexa que nada e especialmente ninguén a perturbe; non quere 'quedar pra tomar algo'; entre documanía e o sexo prefire documanía.
Despois conducimos de volta pra humidtown e mentras fóra cae unha xiada de raio repasamos a conversa. Deitámonos na mesma cama, lemos unha miga. Sei que me abrazo de noite a el.
Agora chama e dime que marcha pra ankara de volta, antes do previsto. Ten cousas que facer, di. Insisto un pouco, pero sei que é inútil.
angustia
Teño un estraño pruído no bico da lingua. Vólveme doer o estómago como hai meses. Creo que é angustia.
O meu escritor favorito, 2
Sei por este blo que xavier queipo vai camiño de sydney. Dío el. Éntrame un pouco vágado, sabendo que le estas balas.
Dúbida1: xa as lía antes ou gugleou o seu nome e deu co post precedente?
Dúbida2: que pensará xavier queipo da miña imprudente referenza á praia de patos? Que cábalas estará faguendo? Estaraas faguendo?
En todo caso, pecho os ollos. Vexo unhas portas que se abren e pechan rapidamente. Son do airportlink: en 13 minutos estarei no centro de sydney e non, non quero volver.

6.12.04

existencia
Non sei como puiden pasar todos estes anos sen ler as Crónicas marcianas de Ray Bradbury. De feito, só sabía del que escribira Fahrenheit 451; ignoraba que vivise aínda. Ao parecer ten 84 anos e reside coa muller nos Ánxeles de California.
Un cráter da lúa leva o nome dunha novela súa. E agora a miña vida estará marcada por estas crónicas marcianas, polo seu sentido da existencia, da desaparición, do mundo.
Acabo de darlle a volta á última páxina, aínda cos pelos dos brazos arreguizados. Copio unha de tantas:
—... Os marcianos decatáronse de que só pensaran en razóns pra vivir durante un período de guerra e desesperación, cando non había resposta posíbel. Porén, unha vez que a civilización se calmou, chegou a paz e as guerras remataron, a pregunta de 'por que estamos aquí' perdeu sentido. Nese momento a vida era agradábel en si mesma, e punto.
— Os marcianos debían ser bastante inxenuos.
— Só cando pagaba a pena.
soidade
Boto a primeira parte da ponte só. I-Topo e Sefarad de turismo interior, Pinganobeizo en venecia e boloña, Futuroscope esquiando en San Isidro, Neo2 e Belokan na casa dos pais, Mexicano en madrid, Iop en Sesimbra. E así.
Escoito unha e outra vez o cd que merquei no extraordinario concerto de Lila Downs. Sen querer, movo os pés por debaixo da mesa do computador. A soidade atácame á fame e ao humor. Pero non á gana de vivir.

4.12.04

uli
Hoxe Uli fixo 11 anos.
Custaríame moitísimo resumir este tempo todo: once anos de espertarme a fuciñadas, once anos de cantar polo corredor, á carreira, once anos de virse deitar sobre min cando me atopa lixeiramente triste (coma hoxe).
Pregúntome moitas veces qué farei cando morra. Tamén me intriga se lle din unha vida suficientemente boa, metida quizais nun piso demasiado pequeno, con demasiadas horas soa.
Uli, a gata supermana, mírame agora dende o sofá. Está gorda coma un bocoi. Se cadra cavila na estraña tarde que lle din: shotokan encargoume que lle coidara a súa nova michiña, de cinco semanas, durante a ponte; pensei que sería boa idea que non estivese soa; pero no meu piso, e malia unhas horas que lle deixei de aclimatación, a michiña Percha estaba decididamente insolente; tiven que volver con ela pró piso de shotokan.
Uli, en troques, comportouse como unha señora. Unha señora de once anos, fermosa, atoutiñadamente intelixente.

1.12.04

o meu escritor favorito
Xavier Queipo prodúceme unha sensación mesturada de proximidade (unha historia nun bus, vindo da praia de Patos, que el descoñece), fascinación (a pesca en bruxelas), e aventura: o que lle levo lido. Non é radiante como escritor. Nin encantador sequera.
Así que collo os seus 'Ciclos do bambú' con medo e interese ao tempo. E aínda que hai cousas bastante insufríbeis, coma os contos mínimos ou unha paranoia no metro de HonCon, o relato que comeza o libro é suavemente encantador. É triste dicir isto: mólame ler en galego o amor reverencial que lle medra ao auxiliar dun estudante nas agochadas selvas vietnamitas.
A súa lingua é o meu mundo. Por iso é o meu escritor favorito.
atlantismo
Esperto, e vexo un brais de perruche que me regalou Iop na cabeza da cama. Sorrime, cunha soa cella, e eu sorríolle porque tamén estou feliz malia o intenso cansazo: aínda gardo o olor dun rapazote guapísimo co que coincidín nesa noite. Estudou no colexio da embaixada americana en DF ata os dezanove, pero a súa familia é, loxicamente, dun pequeneiro concello ourensao. Friqui dos mac, ten na habitación varios libros de politólogos polacos, un póster de vicente blanco, outro de salva cidrás (enfronte) e nótaselle espabilación.
Tamén ten carencias. E aventuras. E algunha ilusión, que non me comunica. Deitado sobre a cama ao meu carón dime mirando pró teito que os mac non se conxelan, e despois descúlpase polo anglicismo cun tenue acento de embaixada americana en DF.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?