<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

30.1.04

sen min
Reapreixo a miña vida sen min nos últimos pases, cando o mundo debe estar cheo de blos sobre dela. Ata o universo dividí, pois actúa sobre nós o gap das provincias. 12Uvas xa a vira, e díxome que era moi triste. Sen embargo, é o filme máis feliz que vin nunca. Seguro que aos popes da cinematografía lles parece frouxa, pouco densa.
Pareceume arrebatadora. Saín con ollos húmidos e ganas de namorar, de correr, de fliparme. Está feitiña con diálogos absurdos e perfectos como vivir, unha dobraxe informal, unha ruló máxica e unha canción, Senza fine, que se baila no supermercado mentres voan caixas de galletas, xeado e flocos de millo.
Non podo falar así de fálame sempre. Agardaba eu polo novo book de cid cabido como por auga de maio, e ao cabo custoume acabalo. É tan insubstancial que coloca continuamente nese punto de despegue cando renuncias a acabar esa páxina e pasas á seguinte, á procura do óso do caldo. Ou do fideo, vaia. Non sei qué pensará cabrafanada de todo isto, hehe.

29.1.04

invasión
Recibo unha chamada preocupante. Detectouse unha invasión, e hai que actuar con rapidez: cortarémoslles aos atacantes todas as posibilidades de agocharse e botaremos pesticida nos límites do mundo.
Só quen se enfronta a eles sabe da dureza do combate.
O pudor estase retorcendo de dor aos meus pés.
t9
Levo tempo sen falar de 12Uvas. Estes días ensinoume cómo funciona o sistema t9. Seique é mundialmente famoso, e serve pra autocorrixir o que escribes no móbil. Só está dispoñíbel pra grandes linguas: t9 aprendeu un milleiro de palabras e proponche as que cre que ti queres dicir. Pra apealo delas sofres e ao parecer, por non contradicilo, hai quen non manda as súas mensaxes, senón as do t9. Por iso recibimos tantas tan tristes e previsíbeis.
Convido aos háqueres do mundo a que incen os t9 de mensaxes absurdas, improbábeis, cun virus lingüístico. Para ser máis creativo có t9 non cómpre moito.
Penso a fío en 5Line.
Todo a vinte
Quedamos con Fufli pra tomar un viño. Está precioso cunha chaqueta das rebaixas, no seu estilo. Non quere falar, pero ao final consigo que me conte do seu novo chorvi. Dime (por esta orde) o seu nome, de onde é, que ten vinte anos e que ten vinte vacas. Pensaba que era unha explotación mediana, pero non pasa de pequena.
A Fufli sénteselle emocionado. Agora que só vexo del as cousas que máis ilusión me facían, cavilo vintemil veces en por que o deixamos. Tamén dedico parte do tempo a tentar lembrar as chungas.
Soño coa súa nai. Estamos paseando polo feirón de padrón, falando del. Ela parece preocupada, e eu tento animala, e dígolle que todo vai ben e que Fufli é moi feliz. Xa esperto, agardo que non marche nunca da miña vida.
bocalán
Vexo a Muras, cuns ollos preciosos, máis wapo ca nunca. Como a institución pública coa que traballaba decidiu rescindir o contrato dunha cincuentena de laboras, está no paro. Pensa en marchar pra europa, en arredarse do coidado das súas eguas. Eu anímoo pensando na moza de toques, pero non me sae ben e parece que lle digo que quero que marche. Como hai roupa a clareo, non fago o que me pide o corpo pra amañalo.

28.1.04

pireo
Fun ver Viaxe a Citera, de Angelopoulos, arrodeado de friquis no cineclube de humidtown. Como sempre, durmín na butaca un bo pedazo. Cada vez resúltame máis reconfortante sonecar entre pares de ollos espectantes que se masturban con planos de 360 graos.
O cine, un vello cine, é frío como a ansia. Ademais, un que sentou ao meu carón devoraba as unllas con ese trac-trac tan molesto e desacougante. O sono, pois, non foi completo, e puiden ver algúns loooooongos planos gregos de montañas ermas e nevadas, de peiraos, de taxis amarelos, de xente soa.
Lembrei atenas, esa marabilla, mentres o protagonista perseguía polas rúas molladas un vello vendedor de lavanda.
Hai imaxes terríbeis do filme que me acompañarán sempre, e seguramente outras igual de terríbeis perdéronse contra o fondo escuro das miñas pálpebras. Pero o tempo pasa, e esta historia cutre dun home que non cambia o anorac, tamén se esquecerá.
Anoto unha frase: Ás veces descubro con horror e alivio que non creo en nada. Entón volto ao meu corpo. É o único que me lembra que estou viva.
Vivo.

27.1.04

enxeñería
Velaquí o meu primeiro post propiamente político, anque algúns xa o foron ao seu xeito. Pasei a tarde en tensión ao pé da radio: crucei os dedos cando falou maragall, e relouquei de ledicia ao ver como carod pintaba con xiz unha porta máxica sobre o muro do calexón, e saía por ela.
Nomino para o mariacasares de monicreques a zapatero: seguidista, comete erro tras erro, enzóufase en dignidade. Ogallá acabe no fondo da urna, pero tamén sei que non hai máis posibilidade ca el. Bueno, si, pero chámase pasqual. Un dato, calculado a bote pronto: o soe ten sete veces máis votos ca IU e 25 veces máis escanos. Ninguén protesta.
O noso bartleby particular di que el preferiría non facelo. Como di Jacarezinho, e a ti quen cho ía pedir?. Valoro presentarme a senador. Xa vos contarei. No desquicie total propóñovos esta campaña pra que lle dean a Carod o Nobel da Paz.

26.1.04

adolescencia
O sistema de palabras chave de blogspot amosa anuncios de sistemas contra o acné para este blo.
Infírese do que aquí se escribe que son un adolescente? Ou son inda máis reviradas as pescudas psicopublicitarias?
galletas sudanesas
Teño unha lousa enriba dende que acabei ébano: morriño os recendos de dakar. Xa me subscribín ao meil diario da BBC-África e procurarei seguir en fútbol mundial a Copa Nokia de Nacións. Blogueando batín cun estraño sitio e o meu poorenglish non me abonda pra entendelo. Aparentemente é o caderno dun cooperante en Sudán. Nel discútense informes de médicos sen fronteiras ou dunha organización asistencial dinamarquesa, gobernamental, chamada Danida. Esas non eran as galletas de manteiga da caixa azul?.
O sistema de publicidade de blogspot lévame daí a outra páxina: unha fundación prá emancipación e desevolvemento sudanés. Faina un rapazolo de 26 anos, casado, de Ohio, que vive en Sacramento, e que se interesa pola cultura sudanesa dende que era un pícaro. Non é extraordinario o planeta?
non te pares
Supoño que os meus coblogueiros xa se darían de conta: os alcaldes de sada e toques apelídanse Ares. Recupero o adaxio: en redes non te quedes, en caamouco para pouco e en ares...

25.1.04

inmobiliaria
Nada falei aquí do alcalde de toques (deben esperrachar en hespaña) nin do de sada. Diso xa falan Pawley e Vendell, e falan ben. Pero onte, ao pé da 550, contáronme nun rumor canto valera Santamaría: cen millóns e dous baixos. O dos millóns enténdoo e compártoo. O dos baixos empúrrame ao exilio (a gran lista de casos exilii medra coma o suflé).
nécora
Logo dunha esgotadora semana de traballo, que rematou nun cónclave o sábado ao pé da 550, non tiven forzas pra ir ver Lluis Llach a Pontevedra. Así que rulei algo por humidtown: quedei con 12Uvas, e mentres estivemos touponeando as rúas molladas todo foi moi ben. Logo empantanamos en casa duns colegas del vendo os premios TP e tomando cacharros co peor alcol de toda a cidade. Vía medrar as unllas dos pés.
Fomos prá cama, e aínda que saín pró vermú, en realidade seguín facendo o nécora ata case a noite: durmindo, fregando pratos, escoitando os partidos...
Dukakis cociñou pasta con cabaciñas e bocartes (ai, Fufli, se estiveses aquí), pero non pra min. Esa é unha das novidades da finde e outra que foi debater problemas que moito preocupan na familia. Seguirei informando.
Aconsello (unha vez máis) unha leitura de Todo Nada.

23.1.04

continuidade
Releo algúns posts antigos. Pra alguén coma min, que chufa de posmomiñoca, a secuencialidade que se está xerando entre post e post non me gusta nadiña.
Molaba máis que todo fose accidental, fragmentario. As frases alónganse, e médrame o tedio entre as vogais.
Falan na vosa terra deste blo, e citan a frase da perda de liberdade. O día de pechar esta aventura achégase. Quizais sexa só cansazo de venres.
Soñei coa miña mai morta. Disque é agoiro de boa sorte. Cómprenos.
asta a fecha
Vimos de Ferrol cando comezaba a chover, e na marmañada acudimos á estrea de Santa Liberdade, documental sobre o secuestro dun trasatlántico portugués, a comezos dos sesenta. Ao mando dos asaltantes, que só querían chamar a atención do mundo contra Salazar e Franco, ían os galegos Xosé Soutomaior e Pepe Velo e mais o militar angolo-portugués Henrique Galvao. A historia é marabillosa, e moi mal se tería que filmar pra que non tivese xeito. Teno.
Ao remate da proxección, aboiando no mar de aplausos, comentan dous vellos do meu carón:
-Inda quedan moitos barcos por secuestrar
-A min que me secuestren, se me secuestra Galvao...
O público, entre o que se atopaba o máis escolleito da burguesía progre do país, riu a cachón ao falar a defunta muller de Soutomaior: Díxome de marchar a andar con el, e eu díxenlle que non. Marchou, e asta a fecha. Con cinco fillos. Pareceume o máis dramático do filme. O resto foi épica, belida épica.
recoiro
O mundo é distinto pra ti se de pequeno lle tocas as voluminosas tetas á estanqueira. Se ademais esa estanqueira acaba sendo alcaldesa comunista da túa vila, a vida tenche que remedar por forza o vagar dos bois entre a brétema.
A Monago pasoulle algo así. Xa teño falado aquí del e da súa relación co padre Isorna. Agora cóntame da súa aventura como sexual worker en Madrid. A través dun cargo da Xunta, contacta cunha rede de sadomaso lixeiro na capital. Alí vai pra pagar o seguro do coche: seis ferretes diarios, amañados previamente, e en totais condicións de seguridade, por un importe que rolda os 1000 euros. Non parecía farol.
Ten 22 anos e un monte de prexuízos. Conduce un róver dos grandes. En galiza fode de balde, ao parecer. Debe ser cousa da débeda histórica.

22.1.04

laranxas
Quedo con 12Uvas e tomo un caldo. Falamos das oposicións que se cadra comeza a preparar (oficiais de xustiza, grupo B) e ao final analizamos a calidade e espesura do pantano. Chamoume de todo: o que máis, pretencioso. Rimos da situación ridícula que eu creara.
Tamén parolamos deste blo. Entende moitas cousas ao revés, e divírteme, pois o leitor sempre ten a razón.
Esta mañá contou que desmaia cada vez que toma unha laranxa. Foi ao médico e dixéronlle que non era alerxia. É incribelmente intelixente. As augas das everglades comezan a facerse cada vez máis claras.
Vin a Fufli, o meu vello Fufli, cun chavaliño novo. A miña alma retumbou ao caer contra as pedras da rúa. É moi xeitoso, ten vinte anos, e parece espabilado. Ogallá os guíen os anxos, anque me proia.

21.1.04

Aarhus
Despois dunha longa xornada de traballo chama Aarhus. Ou Århus. Hai moito tempo que non o vexo, pero nada cambia: conversas sobre OT, Rosa, Eurovisión, OT again... Ao final acabamos practicando unha versión moi reducida do amor, pobre, insulsa. Non, non son estas cordas pra saír do tremedoiro.
Pero gracias a Aarhus camiño pola mañá cedo, antes do mencer e baixo a xiada, polas rúas de humidtown. Traio enriba a roupa e a pel de onte, e avivécese a mirada detrás das lagañas ao contemplar as rúas escuras, sombrizas, brillantes.
A típica enquisa da típica universidade de nova hampshire di que os españois ven cada vez máis sós a televisión. Podería ditarse unha lei: o número de televexos é direitamente proporcional ao volume de soidade. Vin con Aarhus Los Serrano, e os anuncios, e algo de Crónicas, pero seguía absolutamente só, nunha pracenteira soidade.

20.1.04

dende siberia, con amor
Sachadora mándame un correo a propósito do volta do rei, onde critica a visión megarreaccionaria de Tolkien e dos que fixeron o filme: os malos son pretos, mouros, cachimáns subidos a carrozas ou veñen do leste. Quizais dj SU teña algo que dicir a isto, ou Walter. Eu quixen ver unha relación gai non correspondida en Frodo e Sam (pertinaz na súa heterosexualidade formal) e outra, das-que-rebentan-todas-as-barreiras, entre Legolas e Gimli. Acepto que me chamedes enfermo, pero non son o único. Incluso hai un gai siberiano, de Irkutsk (18 anos), que fala algo de hebreu e que emprega o alcume de Legolas. Falade con el se queredes trocar clases de hebreu por galego, pero aviso: non ensina foto.
perigo
Jacarezinho queda con Kate e falan deste blo. A Kate gústalle. Trémanme as pernas e empézame a correr a suor. Este blo, que naceu pra tres amigos, esténdese e ameaza con curtarme liberdade. Advírtemo Dukakis. Seguirei considerando que a única función do pudor no mundo é rimar con tudor? Afortunadamente teño traballo pra parar un buga, e non podo deixar a cabeza a rodar tanto como eu quixera.
Na familia estamos a vivir un momento complexo. A radio xa está no concesionario, a ver se lle miran as entrañas.
Apuro as últimas páxinas de ébano e gustaríame que non rematase nunca. Despois de describir a tortura ao presidente liberiano Doe pra que largue o número da súa conta bancaria, e de cómo o xeneral Johnson vendeu as videotapes documentais polas tendiñas de Monrovia (pioneiro das snuff movies africanas), Kapusciñski salta tres páxinas e fala do sol a cachón de Timbuctú, e da estación de tren de Dakar (na que estiven), e dos vendedores de laranxas... Ah, leo as súas palabras e vexo as miñas, as que nunca din pronunciado.
Ás veces tamén me ocorre así con Contra, que agora descubrín que é loiro e que ten unha esposa abnegada.

19.1.04

fodas
Hai xente que busca en internet 'fodas' e aterra neste blo. Que trabucado está gúguel, meu deus.
tremedoiro
Apunta Jacarezinho que o conceuto ao que aludín onte chámase en galego tremedoiro. Pois.
Tamén, de paso, comentarei que busquei no Eladio focotexo, e que non atopei nada. Alguén pode cun mínimo de sensatez confirmar ou negar? Quizais alguén poida dicirme se na Barbanza se di porcoteixo ou teixugo (á procura dunha explanation etimolóxica ando).
Hai un novo membro na familia. Chámase Fuco, e os que o coñecen din que é branco, de pelo longo, e que naceu en culleredo. Cando os koalas manden foto, postéoa. Ou sexa, que non é este que está á dereita.
faceino por europa
Resígnome a escoitar a uned, ou os partidos de terceira en Galicia en goles. Di un profesor de institucións europeas da uned, totalmente serio: un dos maiores éxitos do programa erasmus son as relacións íntimas establecidas entre rapaces de distintos países.
Ei, erasmus, estou aquí! Faceino por Europa!

18.1.04

incisións
Vou a Auria de relampo, a ver o sete que lle fixeron ao probe de Baia. Pra quitarlle un fibrosarcoma escarváronlle unha costura de 23 puntos ao longo do lombo. Véselle ben.
Recibo mensa de Toni, e déixame preocupado. O koala anda tamén ensarillado nun cristo gordo, entre política e narcotráfico.
Iopanda regálame un catálogo de arquitectura viguesa. Oh!
Tamén recibo correos de Peke, que discutimos sobre qué paxaro me acae mellor. Fran Alonso dime que si, que meterá comments.
Peke, Caimán e Sarabaras solicitan os meus servizos de bloparteiro. Teño que ordenarme.
Leo un blo marabidikal, como sempre, e contemplo asustado o rebumbio que produce tamén na bloguesfera o debate normativo. Ela busca isoloargumentos. Eu búscoos pra non exiliarme esta tarde mesmo. Como sigo lendo ébano, a nostalxia de áfrica faise imensa.
todo é empezar
Estou triste porque se estragou a radio. Puxen un cd de suc da martinica, e petouse. Creo que se fodeu a lente, pá, e xusto en finde, cando nos torturan con cursos de márquetin aplicado a partir das sete da tarde.
Vou con 12Uvas á inauguración dun novo bar no barrio. Chámase 'Comer e rascar'. É un rustibar, de cubalibre na parva, mesturado con cafetería estilosa e sala de exposición de deseño mariquiteiro. Está aí todo o barrio, e o propio artista e amigos, aos que coñezo, abofé. Síntome moi vivo saudando veciños, e loitando pola fonte de rexóns, que emigra cara á saída.
Recunco ao vermú do domingo. Tapas cumpridas. Trato agradábel.
este non é vik muniz
Como Dukakis fala marabillas dela, e como cría lembrar que Todo Nada tamén, fun ver a expo de Vik Muniz no CGAC. A primeira impresión foi tépeda. Non aprezo máis mérito en pintar unha lloconda con crema de manises e marmelada de amorodo ca facer en cacheiras a tortilla máis grande do mundo. Non entendo que se valore a calidade da execución na arte: está ben pró fútbol, e nin case.
Lembroume Muniz a magritte. Isto non é unha mazá. Jajano, enserio, diría the real zapatero. Que queda trala irreverenza?
Despois vexo un extraordinario docu sobre muniz, moi ben feitiño. Narra el estrañas historias sobre ósos en desertos e nenos pretos de zucre. Cólleselle gusto. E resulta tan divertido cando lle fai chanzas á avoa sobre a idade, que sae un de alí á carreira, feliz, reconfortado na arte e na ponte aérea Chicago-San Paulo.
Son un pouco frívolo, acho. A web de muniz é marabillosa, pero como é flax, quedan sen ligar os nenos de zucre e a medusa de amallós á boloñesa.
naufraxio
12Uvas cada vez comparte máis minutos comigo. É moi divertido, e non tería blos pra contar todo o que me di que resulta verdadeiramente pavero. Apréndeme unha palabra máis, focotexo, que é ao que cheira algo que fede profundamente. Dixo que As Burgas cheiraban a focotexo; prescindiremos dese apuntamento.
Coñecinlle ao pai, coñecinlle aos amigos, faloume do seu vespino, dun rollo que tivo cun hetero no traballo (calai ese marmurio), e esta mañá mencionamos por primeira vez o 'noso'. Dixo dúas palabras, chantaxe e límites, ás que agora regreso e por máis que busco non lles vexo conexión. Fíxose silencio, e pausa pra seguir falando, noutro día.
Sinto a lama do pantano ata as coxas. É posíbel moverse sen avanzar? e sen afundir?

14.1.04

omisión
Están sendo uns días duros, de durmir pouco. Suceden pequenas cousas. Apenas teño tempo de contalas.
Xogo aos bolos con Frames, Chimpi e Mino e pásoo moi ben, como sempre.
Teño unha looooonga conversa con 12Uvas e noto como camiño directamente cara ao centro do pantano, con sensación de desacougo. Ademais, sei que el atopou este blo, e anque me dixo que non me cortase, éntrame o lóxico apuro: o sexo entre nós é estraño; el é tremendamente divertido e confortante, pero cría necesitar alguén que me revirase os gonzos. O misterio da cicatriz parécelle pavero, pero non revela nada. Hai máis misterios que tampouco aclara.
Recibo un correo dunha tal señora Richmond, que di ser tía miña. Pregúntame se algunha vez pensei en comunicarme con 4.538.794 persoas ou empresas de México. A verdai é que non.
Recibo tamén meil de Caimán. Tivo unha complexa e fatigante viaxe, pero chegou san e tarde á casa e saltoulle a alarma. Non é un país pra que che salte a alarma. Conta: almorcei na rúa, nunha esquina, nun deses postos ambulantes. Os economistas chámanlle a iso economía informal. 'Arepa con huevo' e un zume dunha froita que nunca escoitara. O ceo azul, azulísimo, cunha lene brisa que semellaba un mar de bicos.
Regreso apurado de ferrol, aparco en prohibido e métome no cine, para ver unha de Antonioni. A noite. Durmo profundamente, pero espértanme uns ronquidos que non son meus. Entre sono e sono paréceme que a película é verdadeiramente fermosa, cuns diálogos disparatados. Monica Vitti e Jeanne Moureau:
— Cóntoche o que pasou, ou omítoo?
— Mellor omíteo.

Levo de lembranza a estraña postura, lánguida, de mastroiani: de pé, dobra desleixadamente as pernas, e parece que ten a tristura recollida nas sofraxes.
Hoxe houbo un pedaciño de ceo azul, logo de sete días de nube disforme.

12.1.04

Acra
Comezo un novo libro, un novo de kapusciñsky. Chámase Ébano, como as revistas que lían os rapaces da miña familia senegalesa. Describe a súa primeira chegada a África. Aquilo era Acra, a capital ganesa, nos tempos da independencia.
Todas as palabras son as que me gustaría escribir a min sobre Dakar: as mesmas rúas, as mesmas xentes, a mesma ollada. Quizais sexa esta ollada a típica do paisano que cae por primeira vez por alí. Éntrame nostalxia, e miro para as moreas de papeis arrombadas na miña mesa. Cal será o primeiro voo que saia pra dakar? Ou pra acra.
Por certo que en Gana naceu o meu heroe máis heroe.

11.1.04

rainday
Despois da blogorrea de onte, arranco pra Nigrán. Alí paso unha noite marabillosa, na casa de Peke e Bollo, bebendo viño sudafricano, empachuzándome e debullando historias. Falamos moito de blos, de andrómenas que Peke explora aquí e acolá. Tamén me amosa dous libros: un pra completar a lista de asustadores e un catálogo de lugares imaxinarios. Rimos de tantas cousas...
Durmo nun estraño sofá e cando me ergo cedo, o mar bate nos penedos e siluetéanse os piñeiros contra o escuro e a brétema.
Vou pra Vigo: veñen Dukakis, Iopanda e Jacarezinho. Vemos as expos do marco (fabulosa a paleta de Portela, con pedaciños de mármore e DM; bótase de menos a Fufli) e a do Museo do Mar. Perdémonos e acabamos en Canido. Estou canso.
Ao chegar á casa, remato os Contos de Nadal, de Rivas. A pesar de que non son en absoluto rivasiano, nin tampouco amigo dos libros de relatos, quedo vencido polo aglaio. A lingua frolece nel como pólas de cerdeira en liñas de letra grosa.

10.1.04

monago
Máis cousas, arrombadas.
12Uvas apréndeme unha palabra: Se algo é moi horríbel, tanto que pode meter noxo, dise que 'arramalla'. No Eladio dise que arramallar é hacer ruido las ramas de los árboles al agitarse con el viento. 12Uvas aplícallo a persoas e a cancións de eurovisión.
Leo nadador nocturno, de Olshan. Como todas as gainovelas que leo ultimamente ten 3 trabes: 1, os ferretes son sempre espectaculares. 2, os nachos son sempre megamacizos. 3, as novelas son sempre mediocres e insulsas. Será que os macizos e os ferretazos no fondo son insulsos?
Coñezo un chaval de Oleiros, sen bautizar, de 22, a quen o padre Isorna lle propón reiteradamente ser monago da telemisa. El dille que é pecador, e o padre Isorna ou non entende, ou entende.
Merco zapatos, cinto vermello, unha maranta e unha violeta africana.
Quedo con Berlín, e proselitizo pra que faga un blo. El resístese, e di que non ten tempo. Nas escasas dúas horas que estamos xuntos botamos cadáveres e cadáveres sobre a mesa. É divertido lerchear de cando en vez.
o maior cabrón de hespaña
Vou ao concerto de Fermín Muguruza. A sesión de música é fabulosa, anque xa non teño peito para aguantar tantas horas seguidas choutando. Non levaba as botas axeitadas, e tampouco me meto cocaína. A destacar: un euskobustamante que tocaba o acordeón diatónico, e do que non consigo foto.
pero como a parte máis relevante dun concerto é o público, levo unha sensación incómoda prá casa. Xa non son os berros de independencia (?), nin a impresión de que aqueles mozotes hai moito que non comen quente, nin sequera a pancarta (!) de 'na galiza em galego', cando alí o único que non falaba galego era muguruza (pareceume unha descortesía). A razón do meu incomodo é porque non teño un só punto de contacto coa rapazallada que me arrodea, e que me zoupa cos cóbados. Estareime facendo vello? Estareime facendo españolito, Rum?
Cóntame 12Uvas unha historia pavera: a única vez que suspendeu, que foi dereito internacional privado, quixo en vinganza sabotearlle a conta de hotmail ao seu profesor. Probou coa fórmula de 'esquecín o contrasinal', e atopou unha pregunta: Quien es el mayor cabrón de España? 12Uvas non foi capaz de dar coa resposta.
sacaúntos
O equivalente ao sacaúntos en anglosaxolandia é o sandman. Un ser eterno que lle deita area nas pálpebras aos que dormen, pra que durman, e o que fornece soños e pesadelos. Merco dous álbumes de Neil Gaiman, os dous pra agasallar, pero léoos antes. Un é un recompilatorio de historias dos sete eternos, entre os que está Sandman, ilustrado por Miguelanxo Prado. O outro relata a intervención dos anxos na creación do universo.
Gaiman é flipante, e ten blo. Non sobra nos seus álbumes ningunha palabra, ningún trazo. Cando pasea polo bordo do moralismo mantén o equilibrio de maneira tan precisa que me sinto contemporáneo (Vendrell, xa sei). Cando remato as súas historias, anque sexan terribelmente tristes, invádeme unha ilusión, unha joie-de-vivre... Se fose fan dalgo, creo que o tería que ser de Gaiman.
Gustaríame deitar un día e que aparecese Gaiman pra sentar no cabo da miña cama e contarme historiñas ata durmir. E que espaventase o sacaúntos.
Gugleo e atopo este tesouro: lista de asustadores españois. E estoutro artigo, onde se indica que o sacaúntos é unha libeliña cántabra. Pra ti, Jacarezinho.
european stars
Teño tanto que contar destes días... e tan pouco tempo... Instalo estatísticas no blo, por curiosidade. Visítame un paisano de venezuela buscando 'balas'. Outro procura a 'banda sonora de Machos'. Non andan desencamiñados. ;)
Onte estiven escoitando uns recompilatorios de música. Era nun opel agila verde, e as fitas chamábanse European Stars (I-IV). Son as "outras cancións" de xente que foi a eurovisión: éxitos de terceira turcos, lituanos, suecos... Eu tíñame polo nacho máis europeísta da provincia da Coruña, pero como vedes, hai quen me gana. Hai derrotas que son moi gozosas.

8.1.04

teño a esfinxe completamente relaxada
O blogueadoiro que emprego sinálame os blos que nese momento se están a actualizar no mundo. Nunca vin ningún coñecido. Hoxe un chámame a atención: Cock under lock, que vén sendo algo así como pirola baixo chave. Polo que albisco é unha descrición de ferretes, un tras outro. D, o autor, emprega todo tipo de trebellos, dos que xunta foto, e aparentemente cambia bastante de parella. O seu meil é lukeperry@hotmail.com.
Como o meu inglés é precario, métoo na batedora do altavista. E resulta certamente pavero. Pásoo ao galego, nunha reviravolta: Relubrifiquei o meu membro, e comencei a facilitarllo dentro do seu puckered furado. Supprisingly, ela non parecía ter aversión isto en todos. Podería sentir a esfinxe relaxar e deixei o meu esvarado principal dentro. Empurrando máis lonxe, tiña polo menos a metade do meu eixo pra riba alí antes de que facilitase pra riba. Tomando algúns minutos deixeina relaxar ao redor do meu martelo como traballei lentamente cara adiante e cara atrás.
Dixo quintiliano: bloguem memorem esse oportere. Se alguén me di para que vale o trebello da foto, pago ronda de cubalibres. O boli non.
máis barato
Cóntame 12Uvas o que lle pasou onte nas rebaixas. Estaba nun céntrico zara e desmaiouse unha paisana. Na caída golpeou a cabeza con algo, quizais a pata dun colgador de abrigos, e quedou inconsciente. Mesmo sangrou algo polo corte. Chegou a ambulancia, metérona nunha padiola. Cubrírona cunha saba metálica de protección. Ela non soltou, en ningún momento, as bolsas coas compras.
Qué facía un asesor fiscal en paro o primeiro día das rebaixas no zara de nachas, camiñando entre desmaiadas? É unha boa pregunta, que tentarei responder un día destes.
Vou acumulando posts pendentes.
Por certo, a web do 061 ten dous flaxes encadeados que tardan en abrir non menos de 30 segundos, se tes o pluguín. Para unhas présas.
luz
Paso unha noite lindirma con Iopanda, despois de discutir. Regresa Contra, cuns posts longuirmos e preciosos, como sempre, como se nunca marchase. Hai espranza de novos blogalegos no horizonte.
Se non miro pola fiestra todo é marabilla.

7.1.04

Puñómonos serios
Leo ese libro de chonsqui do que falei o outordía. Chámase 'Poder y Terror', e é un conxunto de paratextos: conferencia, entrevistas, preguntas trala conferencia... Asústame un pouco este paisano porque di 'verdades como puños'. E ten unha oratoria repugnante, de quen sabe que está dicindo 'verdades como puños'.
Nun momento dado, un paisano do público ergue a man e pregúntalle se non terá un concepto un tanto binario do ben e o mal, pois sempre vencella os Estados Unidos ao 'mal absoluto'. Chomsky explica que no eixo do mal están todos os que foron explotadores, e que Estados Unidos foino e éo máis intensamente ca ninguén nas últimas décadas. Dá exemplos terríbeis. Pero do maniqueísmo nada di. Neste western de súpeto gañan os indios. En todo caso, non quero que se entenda que falo mal de chonsqui, non sei se sería demasiado blocorrecto.
agasallos
Jacarezinho nada por aí e mándame un blo catalán, que recolle á súa vez un mapa do 221b da rúa Baker, a casa de Sherlock Holmes. Seguro que lle fai chiste a Jean-Sol, que nos ofrecía hai pouco un plano do Falcón Milenario de Hans Solo.
E para Todo Nada, indignada polo unto que achegamos Jean-Sol e mais eu, mándolle unha web que atopei por aí: Copa Nevada, un conxunto de agit-pop da Fonsagrada.
Ah, e para 5Line e para Henri, que marcha mércores para Oxford, vai esta web de fotos talegueiras, que pillo en Wonderboy. Louvado sexa o señor.
A imaxe que acompaña este post é desagravio.
2150 probas
Alguén chamado Marcos Pérez envíame un correo. Ofréceme os exames de 2150 oposicións brasileiras: axente da policia rodoviaria federal (98 e 02), axente de telecomunicacións policial, escrebente técnico xudiciario de Tupã, Votuporanga e Fernandópolis, técnico da Receita Federal, axente nacional de petróleo, avogado pleno de Petrobrás ou cadete de aeronáutica, entroutros moitos.
A oferta é suculenta. Agora mesmo en Río están a 30º, ao sol, e con ameaza de treboada. Pero non lle podo facer semellante treiduría á empresa que está levantando a miña provincia. Ah... Río... pódese imaxinar algo mellor? Si: traballar na cadetería aeronáutica. Iso foi o que fixo Manuel Amador Cortizo, coruñés de Panamá, que nos conta a súa terríbel historia.

6.1.04

hikikomori
Leo un estarrecedor post de Willy Sifones sobre unha enfermidade de adolescentes xaponeses e quedo abaneando. Dáme vergoña compartir píxeles con el. Di willy que o hikikomori, que, literalmente significa "os que quedan dentro, sós" (...) trae consigo que quen o padece non quere saír da habitación pra nada, non quere ter contacto con ninguén, e permanece meses ou anos pechado voluntariamente (...), coa luz apagada, coa tele posta sen son ou xogando compulsivamente a algún videoxogo... Véxome blindando as portas da habitación.
Hoxe especialmente. Acaba de marchar 12Uvas e asolagóuseme o peito. Teño unha anguria encanastrada, como un pangoliño no esternón, e non sei ben por que. Que doado sería caer namorado, ou desexar patearlle a cabeza. Pero os fronteirizos fan que derruben todas as murallas, como Minas Tirith baixo os bicos das catapultas. Virá o exército de ánimas en pena pra rescatarme? Ou hikikomorizarei, con este blo como único fío umbilical? Non podo contar nada máis, porque senón Pawley falaría da miña falta de pudor, ;). Calquera día aprofondarei neste conceuto dos fronteirizos.
Vemos A fraqueza do bolxevique, ceamos nun mexicano e bebo demasiado. Incluso leo Chomsky. Síntome contemporáneo, pero apesarado.

4.1.04

checo
Dou un paseo mañanceiro en bici, ao sol. Nun rueiro do rural compostelán vexo unha pintada en checo.
Mañá acudirei con bici e co diccionario checo-francés, para sacarlle rendemento por unha vez na vida. A foto procede da viaxe que fixo james d. wilson por europa oriental, once anos despois ca min.
escoitai o fragor
A orde da fénix tírame o sono. Paso tantas horas lendo que me doe o pescozo. Pero non é sinxelo deterse en canto atravesas as paredes de Hogwarts. Nunca recomendo libros, mais este si.
Non todo na finde foron marabillas. Ademais de asistir ao enésimo asasinato do fútbol, comprobei que a muller dezá que me levou o sentido no anovello xa era coñecida, e ata o de agora pasara desapercibida para min: güisque? exceso de paixón nas veas? Procurarei unha terceira coincidencia, apoiándome nas amizades comúns. Xa sei de onde é: Silleda. E xa ten alcume: Kate, como Kate Moss.
Por certo, Todo Nada insinúa en público que este é un blo de autor. Estarrezo. Pero Ascárida mátame. "Non entendo nada", di.
xurisprudencia
Recunco con 12uvas e, aínda que segue sen dicirme a qué se debe a cicatriz que lle sinala o pescozo de parte a parte, déixame a cama chea de recendo. Fala extremadamente despacio, alongando as vocais, e para el todo é 'horriiiiiiiiible' ou 'terriiiiiiiiiiible'. É simpático, pavero. Ademais, descubrín a súa conexión co mundo paralelo da rede: traballou picando xurisprudencia pra Westlaw, o portal de leis americano que ten unha sucursal española da man de Aranzadi. De feito, Westlaw recibiu da Xunta 60.000 € por incluír os contidos do DOG en galego, ou sexa, por cortar e pegar uns arquivos, que nin sequera houbo que picar.
O tempo arráncame cara adiante; a cabeciña sinálame prudencia.
bloquedada
Xantamos nun discreto grego Dukakis, Pupi, Todo Nada e eu. Era antes da bloquedada, na Coru, que resultou moi pavera. O doutor Zippie regalounos diapos de Cecil e Mildred, e falamos das conspiracións de blogalia e de que quizais poidamos pillar os suecos, senón os coreanos. Somos 29 blos en galego, e xuramos ante o licorcafé que fariamos proselitismo.
A ver en que damos. Botamos de menos os que faltaban. Eu repito.

2.1.04

xudaísmo
Cando aínda teño recente a visión de 'O resto', bato cunha web estraña: a dos xudeus gais brasileiros. As preguntas asáltanme: pode un rabino chimpar cun mulato durante a Páscua? E durante o Entroido? E se o mulato come carneiro sen consagrar? A páxina está aínda abondo baleira, e demasiado preocupada polo tema palestino, pero non dubido de que no futuro vai ser unha referencia para todos nós ;)
Máis preguntas chegan a min, desta vez por estar apuntado a unha lista de naturismo galego: yo uso plantillas ortopédicas por una deformación bastante normal en el pie, entonces se me dificulta ir descalzo, aunque esto me produzca un enorme placer. Alguien tiene ese problema, como lo resuelven?. Son moi feliz, e a miña vida moi sinxela. Véxome na obriga de recomendar a espectacular web de Peukina.
Todo a vinte
Escoito entrevistas vellas na radio. Unhas artistas falan do moito que lles preocupa a proliferación dos 'todo a 100'. Nos Estados Unidos hai todo a 100 centavos, no Xapón todo a 100 iens... Non entenden as artistas cómo se poden vender cousas tan baratas. "Non nos estraña que a xente tamén se acomode ás respostas baratas". Nós, como eramos nazonalpopulares, chamabámoslles todoavintes, e quedabamos fóra do estándar occidental.
Aquí e agora os todoavintes esmorecen como fórmula económica, pero non parece que deixemos de conformarnos con respostas baratas.
Mañá irei á Coru, á bloquedada. Xa contarei.

1.1.04

Cicatriz
O día primeiro sinala o camiño de todo xaneiro, así que deduzo que non me vai quedar máis remedio ca afundir na felicidade ata os xeonllos. Gracias a Todo Nada e a Jean-Sol Partre coñezo unha rapaza dezá que me leva o sentido. Escórreseme entre os dedos da noite, pero espero que acuda aquí en vindeiros días. Ao final, despois de güisques e pesicolas, aterro con Sarabaras no HS, e saio de alí cun picheleiro de altura.
Veciño da rúa das Hortas, cóntame unha longa e divertida historia sobre o ritual de tomar as doce uvas (peladas e sen pébedas!!). Quedoulle. 12uvas, que é asesor fiscal en paro, fálame de todas as tendas que había nas Hortas hai dez ou quince anos: o ultramarinos de suso, a perruquería, a tenda de suvenires, a de picaportes e manetas... Nada diso queda xa. Gastamos os alentos ata que brilla o día e problemas técnicos fan que nos despidamos diante da tenda de Domingos, onde comezan as obras.
Ten unha cicatriz que lle percorre toda a gorxa, de dereita a esquerda. Pregúntolle e non responde, pero o desacougo non escurece este comezo de xaneiro. Gugleo e non o vexo.
Triplicado
Pasamos a última tarde reflexionando sobre a fabulosa Volta do Rei e vendo o zapin do ano. Toda a realidade condensada: criaturas estrañas, boas que gomitan iguanas e Irureta mascando o mesmo chicle durante seis horas. Esténdese a perplexidade sobre os restos de orcos, hobbits e lembas que guindamos na conversa.
Sarabaras chega e ceamos. Está todo estupendo gracias a Dukakis e festexamos o ano do arroz. Recibo todas as mensaxes por triplicado: como o ministro lles reclamou ás empresas telefónicas que se esforzasen para cubrir a demanda destas horas, a estas fóiselles a man. Despois coméntanme que timofónica non deixou chamar ata as dúas. Había estar a rede colapsada pola triplicación.
Chonsqui
Esta non é a quinta muller de Pajares. Walter regálame a min, e eu regálolle a el ao mesmo tempo, o mesmo libro. Deixemos xa de zugarnos as pirolas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?