<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.1.04

pireo
Fun ver Viaxe a Citera, de Angelopoulos, arrodeado de friquis no cineclube de humidtown. Como sempre, durmín na butaca un bo pedazo. Cada vez resúltame máis reconfortante sonecar entre pares de ollos espectantes que se masturban con planos de 360 graos.
O cine, un vello cine, é frío como a ansia. Ademais, un que sentou ao meu carón devoraba as unllas con ese trac-trac tan molesto e desacougante. O sono, pois, non foi completo, e puiden ver algúns loooooongos planos gregos de montañas ermas e nevadas, de peiraos, de taxis amarelos, de xente soa.
Lembrei atenas, esa marabilla, mentres o protagonista perseguía polas rúas molladas un vello vendedor de lavanda.
Hai imaxes terríbeis do filme que me acompañarán sempre, e seguramente outras igual de terríbeis perdéronse contra o fondo escuro das miñas pálpebras. Pero o tempo pasa, e esta historia cutre dun home que non cambia o anorac, tamén se esquecerá.
Anoto unha frase: Ás veces descubro con horror e alivio que non creo en nada. Entón volto ao meu corpo. É o único que me lembra que estou viva.
Vivo.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?