<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

27.3.07

gabitas
Hai tempo que as veño escoitando. Chegaban ás noites chiando como se as matasen, chiando como nunca escoitei berrar outras aves antes. Era imposíbel velas: nun instante cruzaban o ceo como unha frecha de ruído; eu miraba rápido pra riba da cabeza pero todo estaba escuro. Os días foron medrando, medrando moito, e aquilo que foi noite chegou a ser noitiña, e logo serán. E agora xa as podo ver berrar co seu peito branco e o peteiro vermello: son as gabitas.
Unha parella delas decidiu facer niño diante da fiestra da miña oficina. Todos os días desta hora veñen chegando, e a base de remexer co peteiro nos coios fixeron unha coviña no chan. Métense dentro, moven o peito, fan sitio, desprazan coas patas algún coíño molesto: furan, aniñan. Supoño que nalgún momento destes arduos labores do solpor pensarán: que fai ese saco de cemento aí? Quen foi amoreando laxes naquel recanto? quen trazou con cal este camiño sobre os coios? Pero despois é claro que esquecen, que se dedican ao niño, ou a berrarse cousas bonitas como trae a comida ou espabila ou que bonito é isto todo dende o aire.
Elas érguense cedo, e cando chegan os obreiros xa non están. Os obreiros marchan cedo, e cando chegan elas xa non están. Pero dun día pra outro, cos oviños frescos, vaise producir unha colisión urbanística. E témome que vou estar aquí pra vela, dende a fiestra da oficina.

26.3.07

to share
Neno-outeiro é dunha viliña ao noroeste de vila-marple. Levamos un tempo trocando mensaxes electrónicas, e cando lle propoño de foder di que non, que ten mozo de seis semanas, e que quere serlle fiel. Daquela dígolle que nós tamén somos dous, e ante semellante botín decide meter o mozo na neveira, o noso enderezo no seu gps e facer as trinta millas de estrada ás once da noite.
Resulta ser un rapaz loiro, fracuchiño, autenticamente escocés, simpático e pedagogo de nenos con problemas. Falamos un pouco antes de poñernos a zugala todos tres. O sexo é máis pracenteiro coa axuda de Barataria, e sen dúbida tamén máis orixinal, acrobático e divertido. Pero ese momento íntimo da mentira, esa ficción de que por unha milésima, cun descoñecido, existe amor, esa absurda falsidade da tenrura, esa non estaba. Hóubose de perder entre as sabas, por onde tamén se perdeu a substancia.
D.O.
Xa sei como chamarlle a este país: os dous corredores do tesco dedicados a patacas fritidas, os tres dedicados a chocolates e galletas de chocolate, os catro dedicados a bebidas gasosas de distintas cores, o que está ateigado de pasteis, e os dous dedicados a lambetadas e lambonadas varias (enfeites para pasteis, gominolas, iogures larpeiros e patacas fritidas conxeladas) son inequívocos.
Vivo en Chucheland.
mulleres
Dixéramo aquela moza sueca nunha varanda da illa de gorée: os países máis machistas de europa son o reino unido, españa e italia, e non llo crin.
Pero que os sete candidatos a concelleiro polo SNP en vila-marple sexan todos homes non deixa de abocarme á evidencia, que confirma por que de 22 concelleiros só 4 son mulleres. Escríbolles un correo, confiado en que a súa resposta será tan rápida e directa como a de hai uns meses. Pero non.
Mentres, na ghalleira...
estrés
Xa sei que teño o blog a monte. Tamén teño a vida. Non dan as horas.
españa
Non é que españa me preocupe demasiado, pero cada vez me lembra máis a un exército de lemins correndo a non dar pé cara ao cantil. Cómo senón explicar o sms que recibo, uf, da miña tía?
Frente al boicot del PP, maximo apoyo a la television Cuatro, a La Ser y a El Pais. Mañana El Pais tiene que batir record de ventas. Pasalo.
xardín
Tan contento estaba eu con ese post que ía facer sobre o choque cultural e sobre por que nesta illa putrefacta non hai sachos nin sachas pra cultivar o noso xardín, e que o único que podemos mercar é unha incómoda e pouco práctica sacheta holandesa, cando petan na porta na tarde do domingo.
Ao que abro, unha moza duns 35 anos, cos dentes á trainspotting, empeza a berrarme e a aldraxarme, sen sequera dicir hello, por ocupármoslle supostamente o xardín á avoa. A vella, miss Mara, aínda nos regalara a semana pasada unha torradora vella e inútil, e todos os observadores internacionais coincidían en que a nosa relación era boa.
Despois duns cantos intentos de calma, despois da mediación do veciño que amaña computadores e da súa muller a gorda da calceta, e despois de que alguén consultase os planos do barrio, chegamos á conclusión de que o xardín que nós furamos levemente (todo o fondo que se pode con esa sacheta holandesa) pra meter uns bulbos de xacinto e uns alloporros, non é noso, pero tampouco de miss Mara. Pola contra, temos que compartir un dos espazos frontais da casa, que miss Mara monopoliza cunha caseta, unha trintena de testos vellos con plantas secas, e un par de fitas de xardín a pedregallo. Adeus leitugas, adeus tomates, adeus ceboliñas pequenas.


A situación é politicamente complexa. Que facer? Invadir o xardín do dono descoñecido? Ou comezar a xestionar unha parte do xardín de miss Mara, substituíndo os coiñais por terra vexetal e desprazando os xoguetes dos bisnetos, a caixa de gasosas e o rexemento de ananos desluídos cara un lateral? Ou máis importante aínda, qué facer co composteiro que por seis libras lle acabo de mercar ao concello e que me van repartir á casa en breve?

12.3.07

amigos
Pois si, ese é o meu bar favorito. Esa é a miña xente.

10.3.07

medo
Hai dúas posibilidades:
• ou os líderes do pp son realmente ultradereitistas e conseguiron mobilizar máis dun millón de 350.000 persoas ao redor do odio, a violencia, e a revancha.
• os os líderes do pp non son realmente ultradereitistas e están usando unha mensaxe de odio, violencia e revancha para conseguir unha vitoria electoral. As mensaxes de odio son como a gasolina: visguentas e inflamábeis, esténdense rapidamente e non se apagan con auga. O goberno de gonzález botou desa gasolina hai anos, e agora ardemos nas consecuencias.

Que un millón de persoas se manifesten en contra da concesión de prisión atenuada a unha persoa que cumpre condea por un delito de ameazas (ou sexa, por chamar ao xuíz gómez bermúdez "estrela meteórica labrada sobre o sufrimento vasco", !!) é a cousa máis preocupante que escoitei de españa dende que teño uso de razón. Como, como me alegro de non vivir naquel estado.

9.3.07

azul
Non sei cal foi o primeiro libro que lin, ao igual que lle pasa cos filmes a martinpawley.
Pero a miña primeira lembranza literaria téñoa clara e vívida: era o ano oitenta, e na clase de doña ana alguén, supoño que a mestra, lía as primeiras páxinas da Galiña azul, xusto nese momento en que din que hai un neno que se chama cesare e que é loiro e de ollos azuis...
Non sei se o libro era meu ou de doña ana, pero o caso é que esa galiña azul, a da primeira edición, está agora vivindo na fundación cesare, ao igual cá formiga esquiadora ou ca don leoncio, o inventor do papapío.
O seu autor, un home pequeno ao que non coñecín directamente, pero de quen me divertía infinito que fose o primeiro en protocolo da ghalleira (xa saben, cando tiñan que entrar nun ascensor il e fraga, antes pasaba il), marcoume prá vida. Marcoume como sempre sucede todo, por culpa dunha cadea de azares (a clase, doña ana, o neno loiro...), dos que non é o menos importante que A galiña azul sexa unha obra fantástica, xenial e, no seu contexto, hiperrenovadora.
Supoño que aquel día, por casualidade, na clase de doña ana fíxenme modernito, 'do galego' e lector, sen sabelo. Afortunadamente o neno chamábase cesare, tiña os ollos azuis e era loiro.

8.3.07

esgrima
O señor maior que leva o peto negro achégaseme e dime que non, que o antebrazo ten que estar mirando para riba, que o meu polgar ten que sinalar o obxectivo e que non debo mover o tornocelo de apoio cando fago o lanzamento. Reviro o brazo, pénsoo, coloco a man, tento outra vez toda a cadea de movementos, e veña.
Dentro da carauta, suando coma un porquiño por culpa do peto protector, e completamente de branco, estou eu. Levo xa media hora movéndome cara adiante e cara atrás sobre unha liña branca trazada no chan, tentando manter relaxadamente un florete de 90 centímetros en posición de garda.
Teño 31 anos e estou comezando a practicar un deporte novo: o esgrima.
compañeiros
Si. Sinto unha fonda e orgullosa alegría.

4.3.07

babel
Non sei por que a martinpawley lle non gustou babel. Chámalle filme perigoso, e ignoro se é porque deduce del que os árabes son sempre terroristas, que non se pode deixar os críos cunha chacha hispana, que as xordomudas xaponesas son unhas saídas ou que os estadounidenses son todos uns cretinos.
A min custoume encaixar as pezas: non as da trama, que xa as encaixaron forzadamente outros, senón as dos motivos: si, ese é o meu mundo, recoñézolle as cicatrices, a incomunicación, a soidade de estar en compañía, pero parece que me falta esa corda que me saque da desolación ou que, porén, acabe de esganarme definitivamente con ela.
paranoia, 2
O noso caseiro, un fillo de emigrantes polaco-xudeus en francia e ex-soldado do exército británico, é un señoriño moi pavero. A piques de marchar de vacacións ao brasil co firme propósito de ver fútbol, o señor francis vén pola casa pra mirar o estado do teito tras a pingueira. Ademais dunha conversa relaxada e amábel, tráeme dous agasallos: un é unha postal de benvida ao novo fogar, neste país onde todo se expresa por unha postal, e outro é un destrutor de documentos. "Nunca se sabe cando os veciños poden andar a fedellar no teu lixo", dime co seu estraño e misterioso inglés.
convivencia
Unha semana despois, Barataria segue aquí.
Esta mañá, mentres eu ía devolver un coche de alugueiro co que fomos dar unha volta ao oeste de inveraray, el montaba na casa unhas cadeiras que mercamos no ikea (mesa e catro cadeiras por sesenta libras).
Despois fixen o xantar (salada de arroz) e hoxe, como era domingo e chovía, botamos a tarde na casa ata cear cedo uns riles con rustrido de soia. Despois sentamos a comentar os cachondos dun programa de sobrevivintes e logo a traballar, cada un no seu, sentados na nova mesa. Fóra é noite pecha sobre vila-marple, e os veciños, pouco e pouco, van apagando as luces das súas lámpadas de salón, das súas mesas de noite, dos seus televisores.
Eu blogueo. El le no sofá. Axiña será hora de ir prá cama.
moa 2
Tal e como prognosticaron os dentistas, a moa do outro lado estame a dar guerra.
Esta semana levo dor, febre e, finalmente, hoxe, irritación e fortísima dor na gorxa. A infección expándese. Non sei se irei ao médico mañá, pois o veredito xa o sei: máis tarde ou máis cedo fender a enxiva e extirpar a moa do xuízo da dentamia inferior dereita, que tamén nace atravesada.
Como funcionarán aquí os dentistas?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?