<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

26.3.07

xardín
Tan contento estaba eu con ese post que ía facer sobre o choque cultural e sobre por que nesta illa putrefacta non hai sachos nin sachas pra cultivar o noso xardín, e que o único que podemos mercar é unha incómoda e pouco práctica sacheta holandesa, cando petan na porta na tarde do domingo.
Ao que abro, unha moza duns 35 anos, cos dentes á trainspotting, empeza a berrarme e a aldraxarme, sen sequera dicir hello, por ocupármoslle supostamente o xardín á avoa. A vella, miss Mara, aínda nos regalara a semana pasada unha torradora vella e inútil, e todos os observadores internacionais coincidían en que a nosa relación era boa.
Despois duns cantos intentos de calma, despois da mediación do veciño que amaña computadores e da súa muller a gorda da calceta, e despois de que alguén consultase os planos do barrio, chegamos á conclusión de que o xardín que nós furamos levemente (todo o fondo que se pode con esa sacheta holandesa) pra meter uns bulbos de xacinto e uns alloporros, non é noso, pero tampouco de miss Mara. Pola contra, temos que compartir un dos espazos frontais da casa, que miss Mara monopoliza cunha caseta, unha trintena de testos vellos con plantas secas, e un par de fitas de xardín a pedregallo. Adeus leitugas, adeus tomates, adeus ceboliñas pequenas.


A situación é politicamente complexa. Que facer? Invadir o xardín do dono descoñecido? Ou comezar a xestionar unha parte do xardín de miss Mara, substituíndo os coiñais por terra vexetal e desprazando os xoguetes dos bisnetos, a caixa de gasosas e o rexemento de ananos desluídos cara un lateral? Ou máis importante aínda, qué facer co composteiro que por seis libras lle acabo de mercar ao concello e que me van repartir á casa en breve?

This page is powered by Blogger. Isn't yours?