<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

23.11.05

cineuropa III
En todas estas xornadas só parei (algo) pra ir ao cinema e rozar cinco marabillas.
Son curiosa ten dúas películas, a azul e a amarela, que son distintas e ao parecer iguais, e que botan unha despois da outra. Quedo coa amarela, un documental sobre a suecia de finais dos sesenta. Sexo, enquisas sociolóxicas, días de 22 horas e socialdemocracia en vea. O mellor, unha escena ao comezo: o director do documental, namorado da actriz, acode con todo o equipo de filmación a entrevistar a olof palme. Palme, daquela ministro de transportes, reflexiona sobre a igualdade e os retos da sociedade escandinava mentres o director e a cámara miran doce e atentamente prás pernas da rapaza.
Co Sabor da sandía a metade do teatro aplaudiu e a outra metade liscou. A min, que aborrezo tremendamente os musicais e as pelis porno, quedei extasiado e excitado con esta fábula cantada de actor, seme e veciña namorada. No fondo, unha versión taivanesa e con sandías dunha famosa novela galega.
Martin pawley e o mundo din que match pointé a mellor película de woodyallen. A min sempre me molaron os filmes de allen que non lle gustan ao resto, e este non me escintilou. Daría toda a miña fortuna por ser apenas unha herba sobre a que foden scarlett johannson e jonathan rhys-meyers, pero tanta medición, tanta perfección e tanto empertegamento impídenme gozar coa graza e os erros habituais. Nin sequera o final máis sorprendente da historia nin a convición de que esta é desas obras mestras.
Ao saír de ver Historias de cociña Fufli e eu dámonos unha aperta de contentamento. No medio do inverno nórdico, enfróntanse os tópicos do sueco e do noruegués: o noruegués, tan túzaro que se diría que padece unha enfermidade psicosocial desas das que fala jorquera. O sueco, tan preciso e conciso como extravagante e moderno. E todo aquilo que parece un disparate acaba converténdose nun filme fascinante, tenro e esperanzador, incluso con gay-eye, na tundra dos anos cincuenta.
E a mellor de todas, sen dúbida, Ti, eu e todos os que coñecemos. Horiña e media de sentimentos concentrados, remexidos nunha batedora que pode ser perfectamente un clásico moderno, con historias que se cruzan e se non tocan, con silenzos, planos, frases prá historia e emocións opostas. Pero inda o mellor é que irreal intauto non foi á sesión e non ma vai extirpar da memoria co exército do absurdo.
Ah, ademais vin outro inútil filme de tríades honconesas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?