<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

6.11.05

cineuropa
Coa chegada da outonía regresa a febre fílmica de cineuropa. Agora son moito máis vello cá primeira vez, hai doce anos. Xa non coñezo os mozotes cos que compito en desigual liorta por unha praza no patio de butacas. Ademais, espállome co resto dos vellos polos asentos soltos que quedan nas estremas da sala: a soidade é así.
Nesta carreira vexo a moi formidábel viva zapatero, que cun título desgrazado (case dous anos e seguimos á agarda dunha lei da televisión) analiza comicamente a situación de paraditadura que vive italia. Paixón, decoro e pudor, nun filme que reunía todos os condicionantes pra que saíse mal e saíu ben. Outra xoia é A coitela (Arcadia), de Costa Gavras, historia dun paisano que emprega o crime como método de selección laboral, construída cunha exquisita precisión no guión, e que fai remoer as vísceras durante un bo pedazo postfílmico.
Non saio tan ben de CSA, a historia-ficción do que pasaría se o Sur chegase a vencer na guerra civil estadounidense e o escravismo continuase ata os nosos días. A partida é brillante, pero non chega a transformarse en película: toqueo a miúdo. Mellor é Va, vis et deviens, que se podería traducir ceibemente como Vai, vive e faite un home: un produto fabuloso, contado ao longo duns intensos 140 minutos, e que se destraga por tres ou catro couces metidos no bandullo do efectismo.
Atrás quedan tamén as Flores rotas que tanto compraceron a martin pawley e que vexo en Ciudad-Ajo. Unha vez máis discrepo con el: ten momentos paveros, pero acaba caendo nunha insulsez que só deixa como resultado positivo que Barataria acabe pousando a súa fermosa cabeciña sobre o meu ombro e perguntándome, amolecido e ilusionado, qué pasou.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?