<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

6.1.07

wildlife, 3
Erguémonos tarde, e con moita calma Barataria e eu poñémonos a andar ata vila-marple, por un carreiro entre os prados. Queremos alugar un coche destes que andan ao revés. Despois dun par de intentos caros, poñemos proa de pikanto cara ao norte, visitamos algunhas aldeas e vilas que parecen canadá e baixo unha impenitente choiva chegamos á paisaxe extraordinaria da Terra Alta. Non se pode dicir nada: só ver. Só sentir o recendo da auga dos lagos, aquí, acolá, a friaxe por baixo do polar vermello, as luces de nadal que avanzan mentres o día se extingue, rapidamente, nas rúas xiadas de fort william.
Ao día seguinte mudamos oeste por leste, e as montañas polos dondos outeiros de prados e ovellas. Algún castelo (pechado por vacacións dos propietarios), algunhas ruínas e pouco máis interesante có vendaval e a paisaxe. E aberdeen. Coa noite saímos de alí ata stonehaven, pra despedir o ano cunha procesión de bólas de lume, manipuladas no aire por ferrotes escoceses en kilt (eles) e en pantalón de chándal (elas), e pra gustar da sarabia, do frío e das costeletas da comarca.
Co aninovo viramos índa máis cara ao norte, cara a outros lugares e vilas tamén solitarias, onde só permanecían abertos os teiquegüei de comida hindú, ou árabe, ou nin iso. E despois noite, os cantís, e o bruar dun mar lonxano, o do norte, e máis arriba as órcadas e as shetland, e noruega. Así que cando devolvemos o pikanto quédanos fame de ver, e paseamos uns 18 quilómetros a andar polas montañas de aquí preto, polos seus campos de antigas batallas, polos soutos dos faisáns. Pasamos un río, miramos prás ovellas que nos miran como carneiros, saudamos ciclistas recortados contra a neve das montañas, detémonos ante o furor dos 4x4. É inverno.
Porque nesta terra de escocia tamén é todo paisaxe (agás traxe, paxe e garaxe).

This page is powered by Blogger. Isn't yours?