<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

28.4.05

primavera
Entrou así, de repente.
Ao café xa se podía andar en camiseta e polo xantar comezou a revolución: abrimos a fiestra na oficina, pensamos no polbo e nas chuletas que entraban por ela, cruzámonos correos con plans de piquenique ao sol e fun ler brevemente prá raxeira histórica, mentres xantaba un breve bocadillo deproteinizado e cavilaba nun comunicado anti-alcaldes.
Á noite, completamente exhausto, logo de traballo, bicicleta e concerto, esbirro e esbirro e esbirro.
Velaí a primavera, o tempo onde todo é posíbel.

26.4.05

código
Mándamo (m)alicia nunha mensa e fágolle caso, anque o día foi esgotador e temo caer afuciñado nun libro sobre lourenzo varela que leo namentres agardo. Hai que ir ver Código 46 e vou.
Por unha brevísima hora e media diríxome ao futuro no mesmo tren de 2046, buscando ilusións finas e mouras como ás de morcego. Unha lingua enfiada de frebas cosmopolitas, unha cidade que é a non-cidade e todas as cidades ao tempo, Xangai, unha moza de inestábel beleza, o deserto, Delhi e os controis da autoestrada avivecen un amor que vence sobre todo, ata sobre os virus da desolación.
E anque o final é cruel mil veces, saio reconfortado do cinema: ese é o futuro que me entusiasma.
arañeiras
Teño a casa a arañeiras. Non houbo vagar.
En total, 2.250 quilómetros en coche; 27 en bicicleta.

25.4.05

dieta
Cando vou a ánkara o xoves visito a Iop, que está aló dando un curso de doutoramento, ao sempre estimulante martin pawley, que me leva a un sitio moi orixinal e particular, e a 5Line, que acaba de deixar definitivamente o seu mozo e que me provoca acusándome de bandulleiro.
Mírome e é verdade: os 67 óptimos están xa convertidos en 72. Así que inicio un plan intensivo de deporte e alimentación adoptando o sistema disociativo: podo papar o que queira, sempre que non xunte na mesma inxesta hidratos con proteínas.
Comezo por primeira vez na miña vida unha dieta, e mantéñoa na viaxe ao parque-temático-cervantes. Alí vou o sábado con Barataria ao monte gurugú pra pasear a cadela do meu ex-combozo. Levamos a mochila chea de bocadillos vexetais (fóra proteínas) que me preparou moi amorosamente. Vai sol. Estamos sós. Así que baixo un piñeiral acabo por romper, ao mesmo tempo, a norma do sexo seguro e a dieta disociada.
Alatígome.
apoteose
Estar no parque-temático-cervantes un 23 de abril, coas rúas cheas de quixotes de cartón pedra, sanchopanzas contratados a 50 euros a xornada, xefes de estado, magos da palabra e latinkings é espectacular.
Que Barataria me aperte contra del e me diga as palabras máxicas é apoteósico.
tío vania
Vou ao teatro a unha das últimas funcións do Tío Vania. Independentemente das veces que vin esta peza, o texto de cheghov é certamente extraordinario e déixame a ferver os miolos en retesías sobre o futuro. Por riba, a directora consegue domear unhas varas de carballo, convertelas en vimbios e tecer algo bastante parecido a un cesto belido.
Di o tío Vania, contento: un día estupendo pra aforcarse. Concordo plenamente.
mazá
Leo: A directora do programa de escritura da Universidade de Delaware, Marcia Peoples Halio, escribiu un artigo incendiario (anque non ben argumentado) onde sostiña que os estudantes que empregaban procesadores de texto na contorna icónica dos Apple de Macintosh escribían unha prosa cualitativamente e estatisticamente peor ca aqueles que o facían nas máquinas con interface de texto de IBM DOS.
Grazas.

21.4.05

ben
Por fin. Quedan dous meses pra que este desleixe remate.
Agora só queda poñernos ao carro.

19.4.05

maxia
Pra seguir coas noticias extraordinarias:
• a igrexa católica decide afastarse inda máis de min
• chaman a Iop pra actuar no Womad... como dillei!
necesidade
Tócame un moi acelerado luns con traballo, accidente doméstico, supercompra semanal, micropaseo con Pinganobeizo e xuntanza de activisimo social. Chego á casa sobre as 22:30 sen unha farangulla de descanso: catorce horas non-stop.
Cando empeza a entrar a calma pola fiestra da noite, recibo unha chamada dos koalas: van ter o primeiro koaliña, aló por decembro. O primeiro que penso é que o vagar trae estas felicidades. Despois miro prá miña habitación baleira, penso en Barataria e sufro un ataque de temporalidade.
Hoxe, ao ducharme, fantasío con barbacoas familiares, agasallos, problemas na escola... Dáme outro ataque deses. Creo que non vai ser o último.

16.4.05

distancia
Barataria chámame mentres xanto unhas gorentosas chulas de carne en casa de Ian. Quere vir pasar a finde comigo. Eu dígolle que case mellor non, que teño que traballar no laboral e no paralaboral, e que xa a seguinte baixo eu ao parque-temático-cervantes, que xa nos vemos e que xa fodemos e esas cousas.
Pero quedo aquí remoendo algo que se vai parecendo bastante ao amor, mandándolle sms polo gardavías da A6, agardando. O punto de ignición desta relación é a distancia, o que nos mata e nos mantén vivos.
noites
Aproveitei as últimas noites pra dedicarme ao friquismo cultural, mentres agardo pola estrea das pelis e dos libros dos amigos e das amigas.
Crin que Reinas formaría parte do conxunto intersección entre ánkara e eu, pero non: rin máis ca el, e tampouco foi moito. Está ben pra ir vela coas mais e sentirse só lixeiramente incómodo, anque sexa namais unha enguedellada sucesión de tópicos desa visión happigai de chueca. Cavilaba no peliño branco de unax ugalde cando (arf) me deixei levar covardemente a unha casa desamoblada de piso de baldosa, onde se cerra o quentador ás noites.
Á Dama de honra fun con (m)alicia, que me advertiu que non deberiamos: iamos ter medo ao saír e cruzar a madrugada de humidtown escura. O último filme de claude chabrol lémbrame a todos eses filmes de claude chabrol que xa esquecín. É o lene desacougo dun francés lindísimo que namora da muller equivocada. O final e as paisaxes polarizadas de verneville, son con moito, o mellor dunha peli que indica a medida exacta da prudencia que hai que terlle ás rúas.
Historia natural (eloxio do entusiasmo) é a última obra de Matarile. Levaba tempo con gana de ir vela, pero distintos compromisos me afastaran do sitio axeitado, do momento propicio. O público, ao final, púñase de pé e braveaba. Pero eu non entendo qué entusiasmo pode espertar a correcta combinación de doce personaxes nun escenario, cadaquén ao seu xeito, tres mulleres espidas e unha atragoábel bomba humana que escarrancha epilepticamente polo escenario. Quizais o resto do público formase parte tamén do espectáculo. Alíñome con Xeladeiro: vai sendo hora de que un dos tres mellores grupos de teatro do país faga algo con sentido.

13.4.05

barrabás
Dime Itopo: hai unha camiseta tirada no patio que se cadra inda é túa. Vou mirar e vexo no chao un nique e mais un pantalón perfectamente dobrados. Da camiseta, que recoñezo como miña, había meses e meses que non sabía, tantos que nin me decatara da súa desaparición: certamente durante o último verán. O pantalón non era meu. Ao primeiro pensamos que quizais caería dos tendais que temos no patio: pero baixo a roupa, dobrada e recén lavada, había unha nota anónima, co seguinte texto:
Lo cogi porque quería reflejar lo mismo que vosotros
lo devuelvo por dar lo mismo que quiero recibir
perdon

O pantalón, finalmente, era dos veciños, que tamén había moitos meses que non sabían del.
Hai algo que se entenda? Prégase confirmación ou rexeite.
covardía
Hai dous tipos de persoas: as que apagan o quentador antes de durmir e as que o deixan aceso. A seguridade sempre deixa os pés fríos.

Tamén hai os que non teñen sistema de calefacción da auga.

10.4.05

esteva
Barataria bótame un ferrete de montaña sobre unha fría pedra de lousa, arrodeados de romeu e estevas. Ao rematar apaño unhas galliñas de esteva, aínda sen florar, e lévoas pró coche pra que exuden a seiva sobre o salferidoiro.
É a olor da primavera mentres regreso prá Galleira, o recendo dunha fin de semana extraordinaria. Barataria levoume o sentido.
homofobia
Saímos de cear e collemos un taxi ata o intercambiador de buses da avenida de américa. Alí montamos nun longo ventre verde en dirección ao parque-temático-cervantes seguindo a rota de putas e fogueiras. Un grupo de mozotes de dezanove fala de consolas, pratos, computadores e garitos. Van baixar en torrejón. Logo de darnos un bico Barataria e mais eu, o que estaba xusto detrás de nós érguese enfadado e cambia de asento. Despois acompáñano os outros. Falan de nós. Mírannos, falan, non nos din nada. Ao baixaren do bus, golpean fortemente o vidro á altura da miña cara.
Houbo algo que os molestou.
violonchelo
Vou con Barataria visitar algunha das aldeas negras do norte de Guadalajara. Aquí só teñen pan fresco aos sábados. Acolá vive unicamente o todoterreo do segurata contratado polo concello pra evitar os expolios das semanas baleiras.
Contra o despoboamento destas casas de lousa traballan algúns homes. Jesús, que é amigo de Barataria, convídanos á súa pequena casa encalada, sérvenos uns chourizos e unha tortilla pra cear e fálanos do curso que impartiu sobre iniciativas turísticas de desenvolvemento rural. Amigo del, o mesoneiro de Valverde aproveita as horas que lle quedan libres entre cliente e cliente pra ensaiar co violonchelo.
Non me queda claro se atacan ou defenden.
carmencalvo
O probe consolo de contactar a produción cultural española é a comprobación de que o noso nivel está ao par có deles. Por exemplo, cando decido explorar a fantástica ampliación que lle fixo Nouvel ao reinasofía. Ademais do edificio, só moi parcialmente aproveitado, o meu obxectivo é a mostra do fotógrafo Alfred Stieglitz. Pero máis ca unha mostra é un almacén de obras del e dunha chispa de pintores que expuxeron na súa galería novaiorquina. Confusa, sen criterio aparente, sen explicación e sen guía, a exposición camufla e despreza as imaxes baixo un pano de refraccións imposíbel. Resulta ben máis proveitoso mercar o catálogo. De paso vexo a de Oteiza, comisariada con xeito, pero que non me atrae aló gran cousa e unha de arte contemporánea mexicana, bastante interesante malia o seu carácter antolóxico.
Á tarde imos ao teatro ver Roberto Zucco, que monta o Centro Dramático Nacional (de hespaña): actores malos e peor dirixidos, estrelas da tv que non son capaces de abandonar os xestos e as frases das súas teleseries, escenografía sobrante, redundante e gratuíta, un famoso actor hipergalego ou imaxes de fistfucking pra escandalizar vellas son parte da trama conspiratoria contra un texto fabuloso que só ergue a obra cando lle deixan coller aire. Afortunadamente, o centro dramático nacional, anque o pagamos todos, non xira por provincias.

7.4.05

ningures
Por non esganar alguén, blogueo dende un teclado español no antigo barrio xudeu de parque-temático-cervantes. A esquerda, unha erasmus sueca; á dereita un home na corentena e con aspecto de mijatovic que esfrega a colloada a cada pouco. Atrás un xaponés case tan fermoso coma o coreano de ferro 3. Somos case corenta persoas a xogar, chatear e bloguear: sobre nós, a mtv en español, co vídeo de iván ferreiro.
apañadores
A primavera e a moi relativa folganza teñen certas vantaxes: por exemplo, facer uns vinte quilómetros urbanos de bicicleta, un pracer en nada comparábel a facelos por entre os agros. Da casa á faculdade, outra vez á casa, libros, bares, bibliotecas, máis bares, estación de tren, casa do Argallante-máximo e outra vez facultade, pra ver un fabuloso filme que proxectan os rapazolos do cineclube nuns sofás de tortura que creou siza, ese grande arquitecto que camiña impunemente polas rúas de matosinhos.
O filme que botan é A apañadora e os apañadores, que en español traducen moi dificultosamente por espigadora e espigadores. A peli, un monumento ao lixo, á economía mergullada, á tradición e á vellez, ten cousas inesquecíbeis: os primeiros planos da man da directora, fascinada coa proximidade da morte, estarrecen tanto como marabillan as tomas do avogado camiñando entre os repolos e citando códigos penais prerrevolucionarios.

6.4.05

entrevista
Dedico o día a repousar as cavilacións frenéticas dos últimos días: recados aquí e acolá, apañar libros pró paralaboral, e asistir a unha entrevista colectiva que me fan uns estudantes de cencias da comunicación. Preguntan cousas amábeis e menos amábeis, pero sempre fai graza ver como o miran a un os descoñecidos. Un rapazote loiro, wapísimo, tirando a país, interésase pola influenza de nietzsche nestas balas, algo que nego rapidamente (máis ca nada porque non sei nada de nietzsche). Ao final outro mozo pregúntame se vou falar da entrevista aquí, e dígolle que non sei. Anque o sabía perfectamente. Mañá irei a parque-temático-cervantes pra ver a Barataria e pra tomar decisións. Teño gana de encher as veas a quilómetros.
golf
O último filme de Quim Qui-duc, Ferro 3, é impresionante. Ademais do mozote, que é con total seguridade o home máis fermoso ao sur do paralelo 38, a historia que traza é moderna, desacougante e chea de amor.
Vou con Fufli e alí súmanse Plattdorf e (m)alicia. Á volta cústame chegar á casa: o fresco e a memoria chea de casas baleiras e bólas de golf péxanme as poutas. Mándolle mensa a Plattdorf e a (m)alicia, que me acoden pra combater a melanconía. Ao mesmo tempo, descargo unha cántiga que me manda senalcume. E a pesadez marcha, como as aspirinas.
spring
A teoría di que teño unha semana de vacacións.
Trátase dunha pausa no laboral pra dedicarme ao paralaboral, de xeito que o cómputo de horas diante da pantalla veñen sendo as mesmas.
Pero este respiriño de primavera que se me coou polas fiestras da casa, que me veu visitar mentres traballaba ao sol na terraza do meu café favorito, dáme o acougo que me cumpría. Quedo a durmir a sesta longa. Leo algo dun libro un pouco matraqueleiro pero interesante. Teño clase de inglés, e dámola tamén na terraza, mentres chega o fresco do solpor: falamos baixiño e sáenme as palabras fiadas. Despois vou paseando por humidtown, escarrancho na quintana e recólleme Ian, co que paseo uns metros. E despois relaxadamente boto a correr polos lastros de san pedro. Só.
Así era a vida.

5.4.05

espera
Agardar cinco anos pra liarme con ánkara tivo as súas consecuencias. A primeira foi que non compartiamos a mesma recámara de paixón, e a segunda que a desilusión sempre é máis poderosa cá sorpresa. Pouco importa que me fale de gramáticas ugaríticas, dos equipos da primeira división de fútbol turco ou das dúas capitais de Bután, a de inverno e a de verán, anque noutras condicións me levarían o sentido. Nin sequera que como bo chairego tamén vaia a concursos televisivos. Orfo de emigrantes en londres, titulado en clásicas e dereito, é vaca mansa de máis. Risas e cariño, pero ausencia de sexo e complicidade.
Barataria, desta aínda podes estar tranquilo.
pé fóra
O calamitoso día de onte, que rematou cun golpazo ao ordena que o obriga a pasar polo taller (xusto cando máis me cumpría), botoulle unha corda máis ao pescozo da miña tensión.
Menos mal que o solazo da primavera calma as cousas.

3.4.05

tectónica
Ás veces, sen saber como, prodúcense grandes movementos na tectónica sentimental e o centro do mundo desprázase dunha cidade a outra. , Logo do último gran terremoto a capital do planeta está sendo evidentemente beirut. Esa, a cidade dos nenos totós árabes, é o tema de conversa pra Ánkara, un rapaz pequeneiro e fermosísimo, gran coñecedor de oriente próximo, e ao que só onte o podo chanchar no pescozo logo de cinco anos de asedio, cativerio, ollares e aloumiños ás agachadas.
Era na cidade, moi á noite, e el estaba enfarlopado. Antes de bicarnos explícame como é un auténtico quebab (o seu auténtico quebab), que damasco mola, ou que o airan que che venden nos supermercados de istámbul é salgadísmo, así que eu caio rendido ao seu metrovinte. Ten o pasado na embaixada española en real-ánkara e o presente en humidtown, pelexando por unha praza nas instancias comerciais de localidade.
Este é un momento inoportuno pra erguerlle un monumento ao desexo do último quinquenio. Ás claras. De momento adiámolo: era moito o traballo e eu tiña que regresar cedo. Baixo do tren pensando en Barataria.
blogaiquedada
Despois de que non puidesen achegarse kaplan, arroaz e emecé, facemos unha blogaiquedada de dimensións reducidas. Falamos da gorentosa comida que preparou a señora Dot pra nós, dos mollos indianos, das videotapes e da política portuguesa. Vemos aos saltos un radical filme de Bruce Labruce, con güisques e llintonis de vella. Boss, Plattdorf e Dot son xeniais e fermosos. Pero a gran sorpresa é Tintim: incluso moito máis wapo e rideiro do que imaxinabamos, déixanos fondamente epatados aos norteños. Moitos quilómetros, parrulos!
Afortunadamente Plattdorf impídeme brindar. E é que foi un encontro demasiado emocionante pra rematalo con parvadas.
vivenda
Non, non é un pazo. Nin unha mansión. Nin un loft. Pero é o flat mellor coidado, mellor decorado, mellor distribuído, mellor pintado e máis fabuloso que vin nunca. Nun edificio perto de balaídos, cun taboleiro de bacgamon aos pés e un póster do u.k. na parede, descansa a señora Dot.
A áncora ao pescozo máis grande xamais vista.

2.4.05

paxariño
Non estaba previsto en absoluto, pero despois de horas de curre e vixilia acabo en casa dun coñecido de Henri. El non sabe nada de min, pero eu si del, o que me permite decodificar velozmente todo o que me conta como unha boa recua de enfeites e falsidades. Vemos porno hetero, falamos algo e ao final díspeseme todo agás un tanga vermello ilustrado co canario máis sonado de toda a historia. Todo é bastante estraño, incluídos as severas dificultades de expresión de Paxariño e os libros en inglés na mesa de noite, pero o sono acumulado encárgase de traerme calma ás pálpebras. Amence un novo día de primavera. Hoxe, blogaiquedada na cidade, con Tintim, Boss, Plattdorf e a sempre marabillosa Señora.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?