<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

10.4.05

carmencalvo
O probe consolo de contactar a produción cultural española é a comprobación de que o noso nivel está ao par có deles. Por exemplo, cando decido explorar a fantástica ampliación que lle fixo Nouvel ao reinasofía. Ademais do edificio, só moi parcialmente aproveitado, o meu obxectivo é a mostra do fotógrafo Alfred Stieglitz. Pero máis ca unha mostra é un almacén de obras del e dunha chispa de pintores que expuxeron na súa galería novaiorquina. Confusa, sen criterio aparente, sen explicación e sen guía, a exposición camufla e despreza as imaxes baixo un pano de refraccións imposíbel. Resulta ben máis proveitoso mercar o catálogo. De paso vexo a de Oteiza, comisariada con xeito, pero que non me atrae aló gran cousa e unha de arte contemporánea mexicana, bastante interesante malia o seu carácter antolóxico.
Á tarde imos ao teatro ver Roberto Zucco, que monta o Centro Dramático Nacional (de hespaña): actores malos e peor dirixidos, estrelas da tv que non son capaces de abandonar os xestos e as frases das súas teleseries, escenografía sobrante, redundante e gratuíta, un famoso actor hipergalego ou imaxes de fistfucking pra escandalizar vellas son parte da trama conspiratoria contra un texto fabuloso que só ergue a obra cando lle deixan coller aire. Afortunadamente, o centro dramático nacional, anque o pagamos todos, non xira por provincias.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?