<$BlogRSDUrl$>
Este blog mudou de servidor, agora está en astuasbalas.com

27.9.05

alcalde
Entre as moitas cousas boas que ten o meu traballo inclúese a visita de onte a un veterano alcalde popular do interior. Durante os vinte minutos que botei no seu despacho, inzado de escudos e diplomas de toda caste e condición, e presidido por un pálido monarca de cando a coroación, non deixei de recibir estímulos da real vida real.
'Antonio, deixaches na miña mesa un sobre da seguridade social. Debe ser a alta da túa filla' foi a frase inaugural. Logo, por teléfono, díxolle a un veciño: 'o teu está arranxado, pero non che vou pagar eu, senón un contratista que temos aquí no concello'. Tamén respondeu o ofrecemento dunha empresa de cursos con que 'todo o que sexa formación adiante, que aquí pra burro o alcalde. E se é gratuíta mellor'.
Todas estas frases son inocentes e culpábeis ao tempo. Mentres chama por teléfono repaso os obxectos de enriba da mesa do despacho: o teléfono, o soporte para as plumas, as tres bandeiras... Pecho os ollos e escoito ese bruarciño do universo ao funcionar.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?